A desenvolvedora de videoxogos compostelá Ao Norte é unha das múltiples que existen na comunidade e, coma outras tantas, busca a forma de sobrevivir nesta complicada industria

Entre referencias de infancia, loita libre e algunhas dificultades, Ao Norte busca crear experiencias orixinais e coloridas dende Galicia. Este estudo afincado en Santiago de Compostela ten xa publicado Tiny Garden e conta con varios videoxogos en proceso como Die or Die. Pero, como non podería ser diferente nunha industria tan complexa e tan descoñecida, gozar do proceso creativo mestúrase cos retos para manterse a flote.
Rubén Calles, produtor, administrador e director de arte de Ao Norte, ten unha ampla experiencia dentro do sector. Foi tamén presidente da asociación Videoxogo.gal, unha das grandes dinamizadoras do sector no país. A través do seu traballo e do de moitos outros, a industria do videoxogo galego trata de respirar con moito esforzo.
En poucas e nas túas propias palabras, que é Ao Norte?
Ao Norte é un estudo de videoxogos moi pequeniño que temos aquí en Santiago de Compostela no que facemos experiencias interactivas curtiñas, coloridas e que intenten, dalgún xeito, falar tanto de nós como da cultura que tivemos de cativos.
Agora mesmo, cantos membros sodes? Cal é o papel de cada un?
Oficialmente estamos a tempo completo eu, que son o administrador, produtor e director de arte e Sergio Abreu que é o director de programación, o que se encarga de toda a parte técnica. Carlos García, que agora xa non está a tempo completo pero segue apoiándonos nos desenvolvementos, é o game designer. Celer Gutiérrez é o músico e deseñador de son. E logo temos unha serie de colaboradores externos: Ángel, o desvolvedor de Kero Corp; Manuel, o desenvolvedor de The Pet Squad e agora temos un par de rapaces de prácticas, que son Brais e Xoel e veñen do ciclo.

Se imos á orixe, cal é o punto de arranque de Ao Norte?
Dous distintos: O nome é tan sinxelo como que pasei dez anos traballando en Madrid no sector e cando xa tiven oportunidade dixen: Para onde imos? Ao norte. O outro, que foi un pouco o que deu pé a conformar o equipo como tal, foi a loita libre, curiosamente. Foi o proxecto que fixo arrancar o estudo cando estaba vivindo con Diego Freire, que agora xa non traballa con nós e de feito deixou a industria. Empezamos a argallar un proxecto de un videoxogo de loita libre.
“Empezamos a argallar un proxecto de un videoxogo de loita libre”
A vosa base, digamos, atópase aquí, en Galicia. Como cres que está a industria do videoxogo galego agora mesmo?
Absolutamente inexistente. Non existe industria. De feito é un pouco esa loita que temos dentro do sector e tamén dentro das institucións. Por exemplo cando estiven eu na asociación de videoxogo.gal, que agora está Beni Lado de presidente, intentamos traballar moito con AGADIC, que é a Axencia Galega das Industrias Culturais, para darlle ao sector en Galicia a entidade de corte industrial que pensamos que se merece. Pero hai moito que facer aínda.
A vosa orixe galega inflúe no traballo que facedes, na vosa identidade como desarrolladora ou algo similar?
Eu penso que si. Igual que cando miras ao redor o resto de estudos que pode haber en Galicia. Realmente é difícil pero si que ves algo na forma de facer cousas, tanto a referencia a elementos culturais propios, evidentemente o afán por traducir os nosos videoxogos ao galego… Que estean traducidos é algo que se agradece moito pero que non temos tampouco unha base de mercado que xustifique o desembolso de facer unha tradución especificamente ao galego. O que nos impide facer os proxectos que falan máis das referencias galegas e do que somos como creadores e consumidores galegos non é máis nin menos que a dificultade de acadar un mercado con eses proxectos. Temos tres proxectos diferentes que falan dalgún xeito de Galicia. Pero que non consideramos que estea nin o mercado nin as fontes de financiamento listas para que ese proxecto teña sentido a nivel comercial.
“O que nos impide facer os proxectos que falan máis das referencias galegas é a dificultade de acadar un mercado con eses proxectos”.
Que consideras que necesita a industria do videoxogo aquí en Galicia?
Aquí en Galicia sería moi reducionista dicir que o que necesita é investimento público e privado, evidentemente con iso é todo máis doado. Pero iso vén da man de entender o sector en tanto que a industria. Estamos un par de pasos por atrás doutras comunidades que si que teñen apoios máis institucionais. Pero logo penso que tamén fan falta axentes que dinamicen o sector. Non estou de acordo con isto que vou dicir pero penso que falta algo coma unha grande editorial, un publisher grande, unha desenvolvedora grande. Se non tes o motor económico non consegues que a xente perciba que isto é unha industria. É algo que produce, que deixa beneficio na comunidade, que xera unha identidade propia. Por exemplo, penso moito na asociación Videoxogo.gal. Pouco a pouco foi aglutinando a xente do sector. Penso que igual fai falta outra entidade irmá, como un clúster do videoxogo galego. Precisamos facer dalgún xeito un lobby para que tamén as institucións digan nos tomen en serio.
Que fai falta para que apareza unha clúster ou unha asociación como a que comentas?
Ten que haber algún tipo de interese económico. Non se poden facer as cousas de balde. Fai falta alguén que vexa realmente un obxectivo a longo prazo. Isto non é unha cousa que se constrúe dun día para outro. Non o teño claro, sobre todo porque é difícil no sentido de que se te pos a contar os videoxogos producidos en Galicia (só videoxogos, non outros contidos interactivos), igual o que produciron a nivel económico non é tan grande como para chegar a convencer a estas entidades.
En que vos poñedes a traballar primeiro, no visual ou na xogabilidade?
Vou pecar de galego: Depende do proxecto que teñas entre mans. Con Die or Die creo que partín un pouco da parte visual directamente porque para min era como, o mercado está fatal, vou facer o xogo que queira. Unha das cousas que máis me gusta facer é debuxar nas reunións. Podo facer un montón de estilos pero en concreto ese que é así como cutre, debuxado por un neno, gústame moito, divírteme moito. Nese proxecto en concreto dixen: “por que non imos facer un xogo que se vexa así, mesturando un pouco con ese rollo Pizza Tower?”. Cores máis ou menos planas, sucio, que claramente parece un xogo feito a medias incluso, inspirado por Cartoon Network, Nickelodeon pero tamén un pouco por Yoshi’s Island polo entramado que tiña de lapis de cor infantil. Nese proxecto creo que comezamos pola dirección de arte. Que logo proxecto non o pide? Xa se verá como se adapta, non pasa nada. No Tiny Garden foi ao revés, tiñamos un concepto de xogo e pensamos en que lle podía pegar.
Carolina Senra González
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela































