Hai apenas tres semanas que Rubén González levantou por primeira vez a persiana de O Desvío, a libraría independente que abriu no barrio vigués do Calvario

O proxecto naceu a mediados de agosto como unha conta de Instagram, sen local nin libros, e financiouse en parte grazas a unha campaña de micromecenado en Verkami. Hoxe xa é un pequeno refuxio para lectores que buscan algo distinto do que ditan as listas de vendas.
Facer barrio dende o mostrador
Que consideras que fai diferente o teu modelo de negocio das grandes librarías?
Ante esta pregunta, Rubén González explica que a idea de O Desvío é “volver un pouco á esencia” do que eran as librarías nun comezo. Para el, a clave está en “a proximidade, ao final, coa persoa que está detrás do mostrador”.
O seu obxectivo, afirma, é “facer barrio” e conseguir que cada persoa que entre pola porta “conte e signifique algo, que non sexa soamente un número”. Por iso tampouco é casual a localización do local, que non está no centro de Vigo, senón no barrio do Calvario. O que busca O Desvío é ofrecer un lugar onde poder charlar con quen está detrás do mostrador, deixarse recomendar e xerar unha retroalimentación mutua, construíndo relación coa clientela.
“Que cada persoa que entre pola porta conte e signifique algo”
Se ten que quedar cun valor imprescindible para este proxecto, non dubida: “a selección”. Quizais por iso, cando lle preguntamos como empezou a súa idea de crear este negocio, matiza a palabra antes de responder. Conta que é lector dende hai moitos anos e que sempre lle pareceu que en Vigo facía falta un espazo coma este. Co tempo e por cousas da vida, xurdiulle a oportunidade de levalo a cabo.
En entrevistas previas á apertura, González xa explicara que se lanzou a materializar a idea tras quedar sen traballo, coa intención de montar unha libraría pequena “con criterio propio e sen intentar telo todo”.
Que se pode atopar nesta libraría
Á pregunta “que libro non venderías nunca, aínda que cho pedisen todos os días?”, a resposta chega entre risas: “Hai tantos”. E pon nomes: “Algún de Pérez-Reverte ou algo así. Carmen Mola, estas cousas”. Iso non quere dicir que O Desvío lles peche a porta aos superventas, que tamén teñen oco, pero non levan o protagonismo: comparten andel con ensaio social, historia, cómic ou exemplares descatalogados. Rubén deixa claro que no Desvío se fai unha criba en función dos valores e da liña ideolóxica que sustentan o proxecto.
Cando lle preguntamos se ten algún libro que marcase algunha etapa da súa vida, a resposta é La educación de un ladrón, de Edward Bunker. “Gustoume moitísimo, a verdade, cando o lin”, recorda. Son as memorias dun autor que pasou boa parte da súa mocidade entre reformatorios e prisións antes de converterse nun escritor de culto, unha historia sobre como a literatura pode desviar o rumbo dunha vida.

Sobre se existe un libro da súa libraría capaz de gustarlle a todo o mundo, móstrase prudente: “Que guste a todo o mundo é complicado”. Considera que a literatura “é bastante particular”, aínda que “o que está ben feito, aínda que a ti non che guste, sabes recoñecelo”. Por iso aposta polos clásicos e cita Noites brancas, de Dostoievski.
“O que está ben feito, aínda que a ti non che guste, sabes recoñecelo”
Ensaios para repensar e unha axenda por estrear
“Fálanos un pouco sobre o novo club de lectura”, pedímoslle. González aclara que “é máis do espazo que meu”, xa que non o coordina el, senón unha rapaza de O Fío, que exerce de dinamizadora. Iso si, o club aproveita que O Desvío está moi centrado no ensaio, “que é o que a min me chama máis como lector”. Explica que hai un boom de clubs de lectura, pero case todos son de narrativa. Por iso queren apostar por este xénero, con textos que non sexan demasiado densos e que dean para debater.
Á cuestión de que proxectos quere implementar proximamente, asegura que a súa intención é dinamizar o espazo “o máximo posible”, máis alá de que cada proposta lle interese máis ou menos a el persoalmente. Xa están apalabrados un curso de dirección cinematográfica e outro de fotografía e escrita, “algo creativo diferente”, ademais de lettering e “algunha cousiña máis” que irán concretando. Tamén ten pendente a biblioteca do local: “Cando a vida me dea un respiro, intentarei darlle o peso que merece”.
Dúas palabras
Para rematar, ao pedirlle que complete a frase “as librarías de barrio son…”, Rubén González responde sen pensalo: “A resistencia”. Unha definición que resume ben o que pretende O Desvío no Calvario: un lugar onde mercar libros con calma, deixarse recomendar e saír, como suxire o seu nome, do camiño de sempre.
Lara Gómez
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Deixa unha resposta