A súa irmá, Alicia Collazo, relata os problemas que afronta Isabel tras abandonar o seu piso na rúa Elduayen 53, en Vigo
Vigo

Alicia Collazo leva dous anos implicada na procura dunha solución habitacional para a súa irmá Isabel, quen tivo que abandonar en 2024 o seu piso na rúa Elduayen 53 onde vivía dende hai máis de 2 décadas. Isabel era a única inquilina que quedaba no edificio cando comezaron as obras de reforma para transformalo en apartamentos turísticos. Durante os traballos, a súa vivenda sufriu goteiras e outros danos que agravaron a situación ata facela insostible. Dende entón, Isabel pasou por varios hostais e actualmente vive nunha habitación compartida, mentres a familia continúa coas xestións á espera dunha resolución xudicial. Alicia conta como viviron este proceso e reclama unha alternativa habitacional que se adapte aos ingresos de Isabel.
Como describirías a Isabel máis aló do ocorrido coa súa vivenda?
Isabel atravesou unha situación persoal difícil ao longo da súa vida, pero levaba unha vida normal. Vivía alí, facía as súas cousas e pagaba o alugueiro relixiosamente co RISGA. Nunca deixou de pagar un mes. Levaba 26 anos vivindo en Elduayen e ten alí toda a súa vida.
Cando comezaron os problemas no edificio?
Ela xa tiña goteiras antes de que comezasen as obras. Avisaba aos propietarios de que lle caía auga na cociña e de que se lle estaban estragando as cousas, pero non lle facían caso nin lle arranxaban nada. Cando comezaron as obras, ela decatouse de que ocurría algo grave porque lle caía auga dende arriba, pola cociña e no cuarto.
Que estaba a pasar na vivenda mentres Isabel seguía vivindo alí?
Tiraron a fachada do edificio con ela dentro e puxeron unhas estadas. Tamén lle quitaron os cristais das fiestras sen permiso dela. Para separar o salón da rúa, puxéronlle uns colchóns e tamén uns plásticos finitos que non pretexían nada e que se movían co vento. Ao final, tiveron que ir por alí os bombeiros e a policía e dixéronnos que o piso non estaba para habitar e que Isabel tiña que abandonalo polo risco de que lle pasase algo. Hai que matizar que non foi un xuíz quen a botou, senón os bombeiros e a policía.

O voso avogado fala de posible acoso inmobiliario, que situacións vos levan a empregar ese termo?
Estábanlle facendo a vida imposible para que marchase do edificio. Ela non o podía deixar porque non tiña onde meter as súas cousas. Onde metes a túa vida de 26 anos? Ninguén se ofreceu a pagar un trasteiro para gardar as súas pertenzas nin unha mudanza para levar os seus mobles a outro sitio. Non lle ofreceron absolutamente nada. Ela estaba entre a espada e a parede. Non podía marchar de alí, non tiña onde gardar a roupa nin os mobles e, ademais, acabaron estragándolle moitas cousas coa auga e coa humidade.
Intentaron buscar outra vivenda para Isabel?
Había unha muller, unha tal Sofía que lle dicía á miña irmá que tiña que acompañala ver un apartamento porque tiña que deixar o seu piso, que o ían arranxar. Eu penso que a estaban enganando. Un día eu díxenlle: “Non te preocupes, vou eu. Á miña irmá enganádela, pero a min non”. Fun con Sofía e ensinoume varios apartamentos. Pero non sei se ela estaba metida no asunto dos novos propietarios nin se lle estaban pagando para facer ese papel. Iso non o podo asegurar porque non o sei.
Por que non lle serviron a Isabel esas alternativas?
Ensináronnos apartamentos turísticos que custaban entre 350 e 700 euros. Isabel cobra 531,60 euros de RISGA, así que non podía pagar esas cantidades. O alugueiro do piso de Elduayen era de 320 euros. Ela necesita unha vivenda que poida asumir economicamente, non unha que estea fóra das súas posibilidades.
Onde vive agora e que pasou coas súas pertenzas?
A primeira noite tivo que durmir nun hostal pagado polo Concello de Vigo a través dunha axuda de emerxencia porque non podía quedar no piso. Despois estivo noutros hostais e agora está nunha habitación compartida na praia de Samil pola que paga 225 euros ao mes e non pode utilizar a cociña. As súas pertenzas quedaron na súa casa de Elduayen. Intentamos ir recuperalas, pero puxeron uns barrotes na entrada. Isabel segue empadronada alí e ata ten as chaves. Ten unha lavadora, unha neveira, dous televisores, pero a auga e a humidade estragáronlle o pouco que tiña. É unha persoa nunha situación moi especial. Polo menos, deberían facer unha valoración dos danos e pagarlle algo do que perdeu.
Como está afrontando a familia esta situación?
Nós axudámola no que podemos. Imos vela todas as semanas, levámoslle cartos para a comida e o almorzo e comprámoslle cousas que necesita como xampú ou zapatos. O meu irmán e eu fixemos un poder para tramitar todas as xestións por Isabel porque ela xa non quere saber nada, está farta. A situación é complicada. Xa levamos dous anos e estamos queimados. Nós tamén o estamos levando mal, aínda que a axudamos en todo o que podemos. Todo isto é terrible e estanos causando uns problemas incribles na familia.
En que punto está o procedemento xudicial?
O primeiro procedemento arquivouse e o avogado recorreu. Agora estamos á espera do xuízo que será o 18 de novembro. Eu creo que a van botar, alí xa non volve, pero tamén terían que dar algunha alternativa porque non é plan de coller a unha persoa e tirala á rúa. E se non ten irmáns que fai? Estaba tirada na rúa? Se perdemos o xuízo, pois non pasa nada. Uns gañan e outros perden. Haberá que buscar algo para ela e despois decidir entre todos que facemos.
Que apoio recibistes e que é o que máis botades en falta neste proceso?
O Concello de Vigo foi quen a axudou inicialmente pagándolle o hostal e concedeulle unha axuda de emerxencia. Tamén estamos recibindo axuda de Provivienda para ver se atopamos un piso, pero seguimos á espera dunha solución que se adapte ás súas circunstancias. O que botamos en falta é máis preocupación por unha persoa vulnerable, que non ten ingresos e que necesita unha vivenda. Ela non pode dicir: “Gústame este apartamento, pois vou alugalo”.
Con que che gustaría que a xente quedase do caso de Isabel?
Gustaríame que a xente se dese conta de que isto é un problema delicado, que ela é unha persoa vulnerable e que o que lle fixeron é unha inxustiza. Non se pode facer isto con ninguén, pero menos con Isabel. E se a outra persoa lle pasa o mesmo, que loite pola súa casa, que se asesore e que non marche mentres non lle busquen unha solución.


Noelia Montaño
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo da Universidade de Compostela



















