Entre os séculos XIX e XX os veciños de A Guarda partían a Latinoamérica en busca de estabilidade económica e deixando toda unha vida atrás
Algunhas das fotografías que garda Celia como recordo de toda unha vida na Guarda | Imaxe cedida por Celia Lomba
A Guarda é unha vila mariñeira duns 10.000 habitantes situada no sureste de Galicia e limítrofe con Portugal. A pesar da súa pequena extensión de apenas uns 20 quilómetros cadrados é un lugar con moítisimas historias que contar. Unha delas é a de Celia Lomba de la Peña, que viviu unha vida marcada pola emigración da súa familia.
A finais do século XIX e principios do XX, o municipio experimentou un período de inestabilidade e incertezas. Isto desencadeou en que moitos dos seus veciños atravesaran o ‘charco’ en busca de emprego e éxito económico. Así, poñían rumbo ao que eles denominaban “As Américas”. Porto Rico, República Dominicana, Brasil ou Cuba eran algúns dos destinos escollidos.
Por outra banda, estamos sobre todo acostumados a oír a historia dende a perspectiva da xente que abandona o seu fogar para buscar a vida. Pero como o viven os que quedan e ven marchar? Deste xeito, a nosa entrevistada Celia non foi quen mudou, senón quen viviu como dous dos seus irmáns facían as maletas sen un billete de volta. Unha familia cunha árbore xenealóxica marcada pola palabra emigración, posto que a partir de 1830 algúns dos seus antecesores por parte de nai xa partiran a Guatemala e Cuba.
Os teus irmáns emigraron en 1950 e 1957, mais non foron os primeiros. O teu pai xa o fixera a Porto Rico moito antes de formar a túa familia. Que o levou a tomar esta decisión con apenas 14 anos?
Os meus avós tiñan un barco e podía traballar de mariñeiro, pero el non quiso. Entón claro, naquela época era iso ou emigrar. Precisabas o que se denominaba unha “carta de chamada” e tiñan que enviarcha os señores de Melón. O meu pai díxolles que quería ir e escribíronlle. Imaxina a un rapaz de 14 anos polo mundo naquela época e moito máis incomunicado que agora. Que valente, marcharse el só nun barco e chegar sen coñecer a nadie. El ía sempre con ese sorriso, con esa cara tan alegre que se ve nas fotos.
Como foi a súa estancia en Porto Rico?
Traballou de comerciante en varios almacéns e levaba cousas, por exemplo, á República Dominicana. E supoño que viviría con máis xente que traballara alí.
Antonio Lomba Pacheco con 19 anos apoiado no mostrador nun almacén de zapatos no que traballa en Porto Rico (1910) | Imaxe cedida por Celia Lomba
Como foi a volta a Galicia?
Unha vez intentou vir de visita e non o deixaron entrar en España por non ter feito o servizo militar, non sei se chegou a vir máis veces. Despois, xa veu para quedar en 1930, con 40 anos. Coñeceu á miña nai na festa de San Caetano e aos dous meses casou con ela.
Á esquerda María de la Peña e a dereita Antonio Lomba, pais de Celia (1956)| Imaxe cedida por Celia Lomba
E despois tiveron 5 fillos, que sodes vós. En orde cronolóxica, Horacio, Gloria, ti, Toñito e Manolito. Cando medráchedes, os teus irmáns maiores decidiron partir “ás Américas”. Horacio á República Dominicana e Gloria á Arxentina sete anos máis tarde. Recordas o que os motivou a emigrar?
Horacio, como estaban alí os meus tíos e a miña avoa por parte de nai, quiso irse. Estivo traballando con eles nun comercio de tecidos que tiñan e tardou bastante en vir. Anos despois casou alí. Gloria foi a un baile do casino e a través dun home de Ourense que emigrara e estaba de visita na Guarda coñeceu a Victorino, co que acabaría casando. Entón, marchou á Arxentina xusto despois porque el traballaba alí.
Tendo en conta que o teu pai xa sabía o que era emigrar e tanto el como a túa nai tiñan familiares no estranxeiro, como tomaron que dous dos seus fillos marcharan decontino?
Os meus pobres pais digo eu, vaia! Todos chorando alí cando fomos ao barco. Collíase en Vigo e viamos como marchaban nel, unha tristeza. E despois, de noite dende casa aínda vimos que pasaba por alá o barco.
Fotografia da familia ao completo en A Guarda xusto antes de que o primeiro fillo, Horacio, emigrara en 1950. De esquerda á dereita Gloria, a nai, o pai, Manolito, Toñito, Horacio e Celia | Imaxe cedida por Celia Lomba
A comunicación sería moi diferente á do día de hoxe. Como vos comunicábades?
Por carta, eu ao meu pai lémbroo sempre coa máquina de escribir, moitísimo, escribindo a todos. Levábanas ao servizo de correos de aquí da vila e o que tardara, 7 días, ou o que fora.
A pesares de que debía ser unha situación moi complicada, non todo era malo. Os reencontros serían moi emocionantes, non si?
Iamos a Vigo a esperalos e aí si que iamos contentos. Aínda que no caso de Horacio sabiamos que viña para logo volver marchar, pero aínda así sempre moi felices.
A familia ao completo en agosto do 1969 | Imaxe cedida por Celia Lomba
Entón, a emigración foi permanente ou máis tarde volveron a residir en A Guarda?
No caso de Horacio, el quedou na República Dominicana, porque casou alí e formaron a súa familia. Gloria tivo ás súas tres fillas en Arxentina pero como ela e o seu marido eran de aquí, viñeron e montaron outro negocio.
Nun período histórico marcado pola emigración como foi o século XIX e século XX, había máis xente que partía “Ás Américas”, non? Coñeces a alguén máis do teu entorno que tamén o fixera?
Por exemplo, o pai das miñas amigas Chita e Ángeles tamén viñera de Porto Rico. No entanto, o de María del Carmen de Brasil e o de María Fernanda de Santo Domingo. Pero aquí a xente moito viaxar, porque aquí que facían?
Claro, a vila naquela época estaba moi focalizada ao traballo na mar.
Si, claro, ou eras mariñeiro ou senón traballabas nun comercio.
A emigración, ademais, tamén deixou un legado visual na vila, non? A xente facía diñeiro fóra e ao volver construía as denominadas casas indianas.
Si, todas as casas indianas. Todas nas que vexas azulexos son casas indianas. Hai aquí por Camposancos, o Coruto e todos os sitios. Nós tamén tiñamos unha casa moi bonita con azulexos e unha terraza preciosa, pero tirárona.
Os irmáns Lomba de la Peña situados de maior a menor na terraza da súa vivenda familiar no ano 1969 | Imaxe cedida por Celia Lomba
Ao rematar a entrevista xurdiume a curiosidade de se unha persoa que viu marchar á xente da súa contorna, pensaría nalgún momento en facer o mesmo. No entanto, Celia en confianza desveloume que xamais pensara algo coma iso. A pesar do seu contexto, demostra que cada persoa ten o seu propio camiño na vida, independentemente das eleccións que tomen os demais.
A día de hoxe, xa non é tan común emigrar a América. Agora, os mozos decántanse por buscar traballo noutros destinos. En cambio, é innegable que a vila quedou marcada por un suceso histórico coma este. Quedaron rastros de riqueza coas impresionantes casas indianas que algúns construían como recompensa tras tódolos anos de traballo no estranxeiro. Non obstante, moitas familias pasaron por situacións complicadas con moita morriña do seu fogar, pero tamén das persoas que as esperaban nel.
O comerciante e poeta, implicado durante décadas na vida asociativa da parroquia arteixá, reivindica a súa memoria e advirte de que o crecemento da poboación non sempre se traduce en máis vida en común
Pablo Mariño pousando fronte ao escaparate da libraría que rexenta en Pastoriza | Pablo Añón
Unha mercería, unha peixaría e unha floraría. Cando desapareceron nos últimos anos de Pastoriza, en Arteixo, non só se perderon tres comercios, senón tamén tres lugares nos que cruzarse, preguntar por alguén ou quedar falando cinco minutos. Pablo Mariño (52 anos) leva case medio século vendo cambiar esta parroquia, que medrou á sombra da Coruña, a menos de sete quilómetros de distancia. Coñece as festas que xa non se celebran, as asociacións que apareceron e desapareceron e os esforzos necesarios para que outras iniciativas boten raíces. Implicouse no movemento veciñal, no fútbol e na organización de actividades culturais dende a súa adolescencia; escribe poesía e, dende o ano 2023, comparte con Paula o día a día da libraría Hipatía. Dende ese mostrador observa unha contradición: hai máis habitantes ca nunca, pero cada vez menos lugares onde facer vida en común. E, malia todo, négase a dar por perdido o pobo que coñece.
Como lle describiría Pastoriza a alguén que nunca estivo aquí?
Hoxe en día é un pobo máis do cinto da Coruña, un pobo dormitorio. Eu teño 52 anos e levo aquí desde os cinco. Cando cheguei, Pastoriza era un pobo pequeno, preto da Coruña, pero sempre foi un lugar con moita historia. Temos un castro, unha igrexa que conserva unha parte románica, a romaría de San Miguel… Cando cheguei eramos arredor de 1.900 veciños; agora pasamos dos 6.000. En corenta anos triplicouse a poboación. É moi difícil que a xente que estaba aquí transmitise todo o que había, pero segue estando. Pastoriza sempre foi un pouco a parroquia rebelde de Arteixo. Iamos por libre. Nos oitenta chegamos a facer algunhas das mellores festas da contorna, como a Romaría Galega, na que participaron dende Amancio Prada ou Ana Kiro ata Fuxan os Ventos.
Eu compáranos co Guadiana, porque imos a impulsos. Facemos cousas importantes, pero falta constancia para mantelas no tempo. A asociación de veciños foi moi importante nos anos noventa e desapareceu. [A Asociación Veciñal, xa desaparecida] O Grilo organizou debates cos políticos de Arteixo, concursos e moitas actividades. Houbo épocas nas que Pastoriza estaba no mapa e despois viñeron anos máis parados. Somos un pouco como o Guadiana: aparecemos e desaparecemos. Pero sempre estamos aí. Cando a xente se xunta, fanse cousas boas e grandes.
“Medrou o número de veciños, pero tamén a sensación de que se perde a identidade do lugar…”.
Falta un labor pedagóxico. A sociedade é máis individualista, máis rápida, máis egoísta incluso, froito do devir da economía actual. E ese labor social cústanos facela. A xente que chega trae as súas cousas, a súa cultura, e iso tamén nos pode facer evolucionar e mellorar, pero sen perder o que eramos. Non sei ata que punto hai conciencia do que foi Pastoriza. Temos unha historia enorme —Porlier organizou o seu pronunciamento dende o Pazo de Villariza [en 1815, contra o réxime absolutista de Fernando VII e en apoio da Constitución de 1812] e Emilia Pardo Bazán escribiu La leyenda de la Pastoriza, por exemplo— e moitas veces non conseguimos facela chegar á veciñanza.
Como se lle pode transmitir esa memoria á xente máis nova? Eu empezaría polos centros educativos. Temos tres en Pastoriza e aí hai un piar fundamental. Hai que implicar os docentes, o instituto, o club de fútbol, as asociacións. Organizar charlas, actividades, intercambios de coñecemento. Hai un documental, Pastoriza na lembranza, que podería verse no instituto. Moitos rapaces descubrirían que aparecen os seus avós ou familiares. E tamén hai que escoitalos. Por que non lles preguntamos que lles gustaría atopar nas festas? Igual che piden unha batalla de rap, un torneo de FIFA ou un artista que nós nin coñecemos. Se á xente nova lle dás algo que lle interesa, implícase. O importante é que se sinta parte da vila.
Que se intentou conservar con ese documental? Recuperar a memoria antes de que desapareza. Fixemos un concurso para recoller fotografías antigas e había veciños con auténticos arquivos de documentación audiovisual. O documental quería poñer en valor o que foi Pastoriza nos últimos corenta ou cincuenta anos: o deporte, a cultura, as festas, o movemento veciñal. É un fío condutor entre o que se facía e o que se pode seguir facendo. Cada vez é máis difícil manter esa memoria, porque a xente vai morrendo e, se non queda recollido, pérdese. Un audiovisual pode chegar a persoas ás que doutro xeito non chegarías.
En 2023, vostede e a súa compañeira, Paula Corral, decidiron coller o relevo da antiga libraría Pili, hoxe Hipatía. Que os levou a facelo? Para nós era un símbolo. Pili levaba aquí 28 anos e xa había libraría desde principios dos oitenta. Decidimos mantela por tres cousas: conservar o tecido comercial, ter unha opción de traballo ao lado da casa e darlle un pouco máis de vida a isto. Cada negocio que pecha en Pastoriza é como unha punzada; non de morte, pero si de enfermidade. Sabemos que é un pouco a loita de David contra Goliat, porque temos moitos servizos, como o Marineda City a cinco minutos en coche. Pero o pequeno comercio mantén unha estrutura de veciñanza, de confianza e de servizos. Consideramos que é importante non perdelo.
Que perdeu Pastoriza nos últimos anos? Perdemos a mercería, a peixaría, a floraría… Ata bares! Chegamos a contar dezasete bares en Pastoriza e agora creo que quedan sete ou oito activos. E iso que temos máis xente ca nunca. Unha mercería pode parecer algo pequeno, pero para moita xente maior que non pode desprazarse era un servizo importante. Podes ter de todo a cinco minutos en coche, si, pero iso non é o mesmo que telo no teu pobo. Cando desaparecen estes negocios, desaparece tamén parte da relación diaria entre os veciños.
Que descubriron sobre a vida veciñal detrás do mostrador? Ves que hai pequenas necesidades nas que podes axudar. Facemos fotocopias, escaneamos documentos, plastificamos, encadernamos, temos paquetería… E, sobre todo, axudamos á xente maior coas xestións telemáticas: pedir unha cita, mandar un documento á Administración. A xente agradéceo moito. Pero ás veces tes a sensación de ser unha oenegué. Podes pasar dez ou quince minutos axudando a alguén e, mentres tanto, non estás atendendo outra actividade da libraría. Entras nese conflito entre axudar a un veciño e sacar adiante un negocio, porque nós vivimos disto. Estamos valorando cobrar por algúns servizos, como se fai noutros sitios.
Tres anos despois, que balance fan da libraría? Sobre todo, de supervivencia. Esta última campaña escolar foi a peor en vendas. Notamos moita compravenda de libros de segunda man, por plataformas como Wallapop. Ás veces vén xente recoller aquí paquetes con libros que comprou por esas plataformas. É unha sensación estraña, porque nós vivimos de vender libros. Tamén notamos que a xente vai máis apertada cos cartos. A vivenda, a alimentación e os gastos do día a día condicionan moito as compras. Calculamos unha baixada da facturación de arredor do 30 % con respecto a outros anos. Para unha persoa podería ser un negocio rendible; para dúas estamos nunha situación de subsistencia. Temos que buscar a maneira de facelo viable para non pechar.
Ademais do pulo ao comercio, que precisaría Pastoriza por parte da Administración máis próxima como é o Concello?Descentralizar as actividades. Se o Concello programa trinta actividades culturais e vinte e oito se fan no centro cívico de Arteixo, por que non traer dúas ou tres a Pastoriza ou a Meicende? Un monólogo pequeno, unha actuación musical, un contacontos… Temos dous centros cívicos e biblioteca, pero hai espazos infrautilizados. Non todo ten que pasar no centro de Arteixo. Se fas actividades nas parroquias, xeras vida e seguramente tamén máis demanda. Ás veces son cousas tan sinxelas como organizar un contacontos para bebés aquí, onde temos unha escola infantil. Escoitar, escoitan; outra cousa é que despois se faga caso.
Vostede foi o impulsor do festival Pasto Rock durante as festas patronais de agosto, que xa cumpriu a súa terceira edición… Como xurdiu? No 2023 non houbo festas e había que pensar como reactivar aquilo. Xa nos pasara outras veces: no 2007 inventamos o da boina e, cando San Miguel estaba parado, recuperamos a idea dos callos. En 2024 pensamos en facer algo diferente á verbena de sempre. A min gústame o rock e hai grupos locais que necesitan visibilidade. O Pasto Rock empezou por aí, pero tamén lle demos cabida ao folk e ao humor. Este terceiro ano foi o da consolidación. Veu xente de fóra, houbo grupos que xa nos preguntaban como podían tocar e acabamos con todo o que tiñamos. O importante é que conecta a xente nova e maior. A base xa está creada e pódese manter no tempo, con máis ou menos medios.
Tamén estivo moi vencellado ao fútbol. Que papel ten o club na parroquia? É un elemento fundamental de dinamización. O club ten arredor de 300 fichas entre rapaces e rapazas, tamén equipos femininos de múltiples categorías, e nos campamentos de verán movemos case cen nenos e nenas. Eu fun adestrador ata 2023 e agora colaboro organizando eses campamentos. O novo campo de fútbol forma parte dun centro deportivo que ten salas e que podería servir tamén para actividades culturais ou concertos. O fútbol pode ser o punto de partida para facer moitas outras cousas.
Ademais de toda esta implicación veciñal, é poeta. Publicou O arrecendo das noites de vísperas e Nocturnia 46.No proemio do último, Henrique Rabuñal escribe: “Mergullados na memoria, dinos Pablo, somos quen de sobrevivir amando e sendo amados” e fala da “escrita coma terapia contra a derrota e a desesperanza”. Que lugar ocupa a poesía na súa vida? É unha maneira de expresar as súas inquedanzas, de refuxiarse?
Eu sempre digo que era un rapaz moi tímido. Cando tiña catorce anos, no instituto, custábame moito a comunicación verbal. Comecei a escribir as cousas que me pasaban pola cabeza, as miñas inquedanzas, aquilo que quería expresar e non sabía dicir. Despois veu a poesía. Henrique Rabuñal foi profesor meu de Literatura Galega e influíu moito en min. Gustábame o que nos ensinaba e, co tempo, fun coñecendo a outros escritores. Pero, cando me vexo entre eles, por dentro segue saíndo aquel rapaz tímido: “Que fago eu aquí? Son un impostor neste mundo da poesía e da literatura”. Rabuñal é metódico, traballador; eu son máis Guadiana, vou a impulsos. Ás veces teño esa sensación de impostor, pero gústame dicir que son poeta.
Pode sentirse poeta de verdade. Agora vai formar parte do proxecto no que o músico Sindo Otero musicaliza poemas de oito escritores de Arteixo. Que significa para vostede este recoñecemento e compartir espazo con poetas como Dora Vázquez ou Miguel Sande? Un orgullo. A min cústame verme ao lado de xente como esta. Para min son referentes. É coma se xogases ao fútbol en Terceira Rexional e de súpeto te chamasen para xogar no Deportivo, en Riazor, diante de trinta mil persoas. Ti vas, claro, pero pensas: “Que fago eu aquí?”. Ás veces infravalórome. Pero cando me dixeron que querían incluír un poema meu, encantadísimo. A versión musical do meu vaina facer o propio Sindo e iso faime moita ilusión, pero non che podo contar máis.
Volvendo á parroquia… De todo o que viviu, hai algún momento que non esqueza? En 1997 entramos na directiva do club de fútbol endebedado, cun campo embargado e unha débeda que equivalía practicamente a todo o orzamento. Pensamos en dimitir, pero decidimos tirar para diante e conseguimos pagala. Despois logramos ascender de categoría. Celebrámolo polo pobo, con música, con xente subida aos coches… E ás doce da noite fixemos baixar o cura e o sancristán para tocar as campás da igrexa. É un detalle que algún día escribirei nun libro. “Eu estaba a noite que soaron as campás”, aínda me lembra xente. Foi o 13 de xullo de 1997.
Despois de tantos anos implicado e malia o panorama, aínda o vexo confiando no futuro de Pastoriza… A xente está cansa, esgotada, e ás veces sinto que teño que botar un pouco o freo de man. Pero sigo crendo que Pastoriza ten moita potencialidade: cultural, deportiva, patrimonial, relixiosa… Gustaríame seguir nese camiño e ver como todo iso se pon en valor. Hai que traballalo, porque non vai vir só. Que siga correndo a auga do Guadiana, aínda que ás veces se agoche baixo terra. Que se sigan facendo pequenas cousas, na festa, no deporte, na cultura, no que sexa. O importante é que Pastoriza siga viva. Porque, no momento en que morra, vai ser moi difícil levantala.
Pablo Añón Cousillas
Estudante do cuarto do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela
O non denominado club de mulleres de Paradiña crea un ambiente seguro para que todas se poidan xuntar. A súa artífice, Josefina Rivero, trata que esta iniciativa sexa un bo lugar para dinamizar a rutina das súas coetáneas
Paradiña
Josefina nun banco en Paradiña | Carolina Pérez
Sentadas na mesa da cociña, estamos a piques de comenzar a conversa. Josefina Rivero González é unha muller procedente do rural ourensán. Con 77 anos de idade, propuxo unha iniciativa para xuntar as mulleres da súa aldea: Paradiña. Localizada no concello de Sarreaus, comarca da Limia, este núcleo de poboación a penas ten 20 habitantes durante todo o ano. Así pois, a necesidade de Josefina de querer xuntar as súas coétaneas, mulleres cas que se criou e criou; foi o que a impulsou para crear unha especie de club no local social na aldea, o chamado Chiringuito. Josefina foi profesora na súa etapa laboral, e pode que esa necesidade de educar, de crear comunidade (como facía nas súas aulas) foi o que a incetivou para tomar esta decisión: que as mulleres saíran da casa en compartiran momentos nun lugar pequeno, pero cheo de identidade.
En que consiste a iniciativa? Como xorde?
A iniciativa xorde pola carencia de actividades que había na aldea, concretamente dende fai dous anos. Eu ía o ano pasado a ximnasia a Lodoselo, outra aldea preto de aquí. Este ano informáronme, cando cheguei para apuntarme outra vez, que había unha rapaza que estaba facendo grupo polos pobos. Púxenme en contacto con ela, e comentoume que facía algo máis que ximnasia. Os seus exercicios consistían en falar, en facer memoria, en definitiva, aprender as unhas das outras. Chamei as veciñas e elas estaban dispostas. Así comezou esta especie de club de de mulleres do rural. Iso sí, tamén queriamos facer deporte. Entón, contactamos con outro rapaz de Madrid que ven a facer clases outro día da semana, uns exercicios parecidos a yoga.
Cal foi o pretexto?
Máis que nada, reunirnos tódalas semanas. Poder vernos máis aló das actividades da casa.
Como vos organizades?
Temos o club dous días á semana. Os martes temos as charlas ca chica e os xoves ximansia. Todo dentro do Chiringuito. Temos unhas mesas e cadeiras para facer reunións, charlar, xogar ás cartas; os exercicios que propón a monitora. Este mesmo espazo utilizámolo para facer ximnasia tamén. É un espacio multiusos.
É un espacio multiusos
Cantas sodes? Cal é a media de idade?
A media de idade está entre os 70 anos. Hainas máis novas e maiores. Agora durante outono e primavera somos 7 ou 8 mulleres. Xa nos meses de inverno, o número disminúe pero o importante é que esto non se perda.
No relativo a propio club, está concebido só para mulleres ou tamén poderían xuntarse homes?
Non creo que sexa unha cousa só de mulleres, aínda que non teño claro que os homes quixeran apuntarse. É unha cousa complicada. Normalmente as mulleres sempre quedamos relegadas á casa, por eso esta inicitiva.
É o rural feminista?
Eu creo que o feminismo nace no rural. En moitos casos, foi a muller a que sacou adiante a súa familia. Normalmente, o home marchaba buscar traballo noutro lugar, entón era a muller que tiña que cubrir tódolos roles. Dende o meu punto de vista, o feminismo é a reinvidicación da presenza da muller. No rural esto, aínda que non o sabían, fixérono moito antes que nas cidades.
Eu creo que o feminismo nace no rural.
Tes algunha mensaxe que lle quixeras dar as novas xeracións?
Sí, que non sexan tan individualistas, que xeren comunidade. Axurdanos os uns aos outros é algo fundamental. Creo que deberían escoitar aos maiores. Somos persoas que temos vivido moito, con circunstancias políticas moi variadas. Facer xuntanzas coma estas é moi positivo para todos.
Poderíase resumir esta entrevista con un: a xente necesita a xente. Josefina é un exemplo de amor polo sitio que a viu crecer. Durante a charla os seus ollos iluminábanse ao falar de Paradiña. Notábase que esta iniciativa o facía pola aldea, pero sobre todo polas súas coetáneas. Este proxecto é un exemplo de tódalas boas accións que se poden realizar para vivir mellor en comunidade. Paradiña é un núcleo de poboación moi pequeno. Así, coa axuda de todos, pódese conseguir un maior benestar para tódolos veciños.
Josefina na entrada da súa casa en Paradiña | Carolina Pérez
Carolina Pérez
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela
A desenvolvedora de videoxogos compostelá Ao Norte é unha das múltiples que existen na comunidade e, coma outras tantas, busca a forma de sobrevivir nesta complicada industria
Rubén Calles, produtor, administrador e director de arte de Ao Norte | Carolina Senra
Entre referencias de infancia, loita libre e algunhas dificultades, Ao Norte busca crear experiencias orixinais e coloridas dende Galicia. Este estudo afincado en Santiago de Compostela ten xa publicado Tiny Garden e conta con varios videoxogos en proceso como Die or Die. Pero, como non podería ser diferente nunha industria tan complexa e tan descoñecida, gozar do proceso creativo mestúrase cos retos para manterse a flote.
Rubén Calles, produtor, administrador e director de arte de Ao Norte, ten unha ampla experiencia dentro do sector. Foi tamén presidente da asociación Videoxogo.gal, unha das grandes dinamizadoras do sector no país. A través do seu traballo e do de moitos outros, a industria do videoxogo galego trata de respirar con moito esforzo.
En poucas e nas túas propias palabras, que é Ao Norte?
Ao Norte é un estudo de videoxogos moi pequeniño que temos aquí en Santiago de Compostela no que facemos experiencias interactivas curtiñas, coloridas e que intenten, dalgún xeito, falar tanto de nós como da cultura que tivemos de cativos.
Agora mesmo, cantos membros sodes? Cal é o papel de cada un?
Oficialmente estamos a tempo completo eu, que son o administrador, produtor e director de arte e Sergio Abreu que é o director de programación, o que se encarga de toda a parte técnica. Carlos García, que agora xa non está a tempo completo pero segue apoiándonos nos desenvolvementos, é o game designer. Celer Gutiérrez é o músico e deseñador de son. E logo temos unha serie de colaboradores externos: Ángel, o desvolvedor de Kero Corp; Manuel, o desenvolvedor de The Pet Squad e agora temos un par de rapaces de prácticas, que son Brais e Xoel e veñen do ciclo.
Rubén Calles durante a entrevista | Carolina Senra
Se imos á orixe, cal é o punto de arranque de Ao Norte?
Dous distintos: O nome é tan sinxelo como que pasei dez anos traballando en Madrid no sector e cando xa tiven oportunidade dixen: Para onde imos? Ao norte. O outro, que foi un pouco o que deu pé a conformar o equipo como tal, foi a loita libre, curiosamente. Foi o proxecto que fixo arrancar o estudo cando estaba vivindo con Diego Freire, que agora xa non traballa con nós e de feito deixou a industria. Empezamos a argallar un proxecto de un videoxogo de loita libre.
“Empezamos a argallar un proxecto de un videoxogo de loita libre”
A vosa base, digamos, atópase aquí, en Galicia. Como cres que está a industria do videoxogo galego agora mesmo?
Absolutamente inexistente. Non existe industria. De feito é un pouco esa loita que temos dentro do sector e tamén dentro das institucións. Por exemplo cando estiven eu na asociación de videoxogo.gal, que agora está Beni Lado de presidente, intentamos traballar moito con AGADIC, que é a Axencia Galega das Industrias Culturais, para darlle ao sector en Galicia a entidade de corte industrial que pensamos que se merece. Pero hai moito que facer aínda.
A vosa orixe galega inflúe no traballo que facedes, na vosa identidade como desarrolladora ou algo similar?
Eu penso que si. Igual que cando miras ao redor o resto de estudos que pode haber en Galicia. Realmente é difícil pero si que ves algo na forma de facer cousas, tanto a referencia a elementos culturais propios, evidentemente o afán por traducir os nosos videoxogos ao galego… Que estean traducidos é algo que se agradece moito pero que non temos tampouco unha base de mercado que xustifique o desembolso de facer unha tradución especificamente ao galego. O que nos impide facer os proxectos que falan máis das referencias galegas e do que somos como creadores e consumidores galegos non é máis nin menos que a dificultade de acadar un mercado con eses proxectos. Temos tres proxectos diferentes que falan dalgún xeito de Galicia. Pero que non consideramos que estea nin o mercado nin as fontes de financiamento listas para que ese proxecto teña sentido a nivel comercial.
“O que nos impide facer os proxectos que falan máis das referencias galegas é a dificultade de acadar un mercado con eses proxectos”.
Que consideras que necesita a industria do videoxogo aquí en Galicia?
Aquí en Galicia sería moi reducionista dicir que o que necesita é investimento público e privado, evidentemente con iso é todo máis doado. Pero iso vén da man de entender o sector en tanto que a industria. Estamos un par de pasos por atrás doutras comunidades que si que teñen apoios máis institucionais. Pero logo penso que tamén fan falta axentes que dinamicen o sector. Non estou de acordo con isto que vou dicir pero penso que falta algo coma unha grande editorial, un publisher grande, unha desenvolvedora grande. Se non tes o motor económico non consegues que a xente perciba que isto é unha industria. É algo que produce, que deixa beneficio na comunidade, que xera unha identidade propia. Por exemplo, penso moito na asociación Videoxogo.gal. Pouco a pouco foi aglutinando a xente do sector. Penso que igual fai falta outra entidade irmá, como un clúster do videoxogo galego. Precisamos facer dalgún xeito un lobby para que tamén as institucións digan nos tomen en serio.
Que fai falta para que apareza unha clúster ou unha asociación como a que comentas?
Ten que haber algún tipo de interese económico. Non se poden facer as cousas de balde. Fai falta alguén que vexa realmente un obxectivo a longo prazo. Isto non é unha cousa que se constrúe dun día para outro. Non o teño claro, sobre todo porque é difícil no sentido de que se te pos a contar os videoxogos producidos en Galicia (só videoxogos, non outros contidos interactivos), igual o que produciron a nivel económico non é tan grande como para chegar a convencer a estas entidades.
En que vos poñedes a traballar primeiro, no visual ou na xogabilidade?
Vou pecar de galego: Depende do proxecto que teñas entre mans. Con Die or Die creo que partín un pouco da parte visual directamente porque para min era como, o mercado está fatal, vou facer o xogo que queira. Unha das cousas que máis me gusta facer é debuxar nas reunións. Podo facer un montón de estilos pero en concreto ese que é así como cutre, debuxado por un neno, gústame moito, divírteme moito. Nese proxecto en concreto dixen: “por que non imos facer un xogo que se vexa así, mesturando un pouco con ese rollo Pizza Tower?”. Cores máis ou menos planas, sucio, que claramente parece un xogo feito a medias incluso, inspirado por Cartoon Network, Nickelodeon pero tamén un pouco por Yoshi’s Island polo entramado que tiña de lapis de cor infantil. Nese proxecto creo que comezamos pola dirección de arte. Que logo proxecto non o pide? Xa se verá como se adapta, non pasa nada. No Tiny Garden foi ao revés, tiñamos un concepto de xogo e pensamos en que lle podía pegar.
Carolina Senra González
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela
O sacerdote cóntanos o labor que desenvolve dentro do cárcere
D. Javier Izko predicando en una misa en el centro penitenciario | Cedida
Don Javier Izko Martínez suma trinta e oito anos como sacerdote e vinte e un en Santiago, onde combinou o traballo en colexios maiores e o apoio a inmigrantes con dezaoito anos de dedicación á pastoral penitenciaria. Biólogo especializado en ornitoloxía e doutor en Liturxia, analiza nesta conversa as complexidades do día a día no centro penitenciario, o peso da culpa nos delitos graves e o estigma que persegue os presos mesmo cando saen de permiso.
Lembra vostede o seu primeiro labor de pastoral?
Si, levoume o que era o capelán do cárcere. Eu acompañábao ás súas parroquias a confesar, e un día díxome: «Por que non vés ao cárcere tamén?». E impresionoume, porque fomos ao módulo de mulleres, onde había unha etarra famosa. E a min, que son do País Vasco, navarro, pois me atraía coñecer algunha etarra alí. E impresionoume moito porque a etarra me deu as costas, non quería saber nada. O que é non querer saber nada de estar comigo. E logo, ao cabo de moitos anos, antes de que volvese marchar ao País Vasco nesta inclusión de presos na zona, díxome que me tiña supercontrolado. Moi ben, impresionoume esa primeira vez.
Que busca exactamente un interno cando pide falar con vostede?
Ás veces dígo: hai xente que non sabe quen é Xesús, ou non son católicos, ou son musulmás, ou son ateos, ou non teñen ningunha formación relixiosa ou espiritual. Pero cando entran en crise; e hai quen entra en crise porque está pechado, no sacerdote vén a Deus, máis cá Xesús. Que moitos si que ven a Xesús, pero os outros ven a Deus, e iso é o que eu vexo. Cando vou lémbrome de que son Deus; é un pouco salvaxe, pero é así.
Hai unha maioría católica no cárcere?
Eu diría un 50 %.
Como é unha misa dentro do cárcere?
Complexa. Ben, cos anos houbo distintas fórmulas, pero a que máis prevalece agora é na que se xuntan diversos módulos que son compatibles entre si, pero á súa vez vense aí, coinciden e non se viron nunha semana. Un deles é o de mulleres. Entón é un pouco conflitivo porque queren verse, namorados ou atraídos. Hai que estar aí sempre moi atento, porque se non, acaba aquilo un pouco como a verbena da Paloma.
Como logra vostede tratar unha persoa por ser unha persoa tal como é, non como un recluso, que seguramente sexa como se lles trate no seu día a día, mesmo unha vez fóra do cárcere?
Só un número. Eu recibín o consello de mercedarios: na pandemia, lembro que nos escribía o bispo de Pamplona, que era o xefe da pastoral penitenciaria de España, e entre outros consellos que daba, un dos que dicía é chamalos polo nome, porque son só un número. E logo non teñen capacidade de decisión para nada; acaban no infantilismo porque todo se lles dá feito: ten que estar a esta hora, ten que comer a tal hora… Entón é tremendo como se infantilizan, e logo, cando saen de permiso, non saben que facer nin que decidir. Por iso tamén a pastoral penitenciaria moitas veces está fóra, sobre todo para axudalos, porque é que é tremendo saír e sentirse cun letreiro na fronte de “estou no cárcere”. Senten que os miran e pensan que din: “Este está no cárcere”, e non decide. Entón, ante a falta de capacidade de decisión, o infantilismo e o sentirse un número; pola nosa parte está o chamalos polo seu nome, querelos polo que son, non terlles en conta para nada o que fixeron, senón sempre darlles esperanza, etcétera.
Como lles axuda a pastoral a combater esa soidade?
Xa alí no cárcere, eu como sacerdote (porque hai outros que se dedican a cousas de papeleos, de permisos ou de instruílos), procuro que se sintan fillos de Deus. Ultimamente estou insistindo en que poden estar encarcerados fisicamente, pero a liberdade de espírito non lla quita ninguén. E que se sintan libres espiritualmente de seren bos, por exemplo. Eu dígolles: “Non agardedes a ser bos cando saiades; sede bos xa aquí, que non é doado, porque hai moito rolo, moita complicación”. Entón dígolles que a súa liberdade de espírito non lla quitan, e anímoos a sentirse xa alí queridos, cun nome, amados por Deus e xa cunha misión alí: que non é pasar aí unha paréntese de 3, 7 ou 17 anos algúns, senón que alí teñen unha misión na súa vida.
Seguindo un pouco cos temas complicados, unha persoa que fixo un dano irreversible, como se lle axuda a reconciliarse consigo mesma, no caso de que queira?
Civilmente, eu vin que se enfrontaron coa xustiza civil, porque ven outros que están fóra á luz pública, algún político, algún empresario… unha chea de xente que podería estar no cárcere e que dá escaqueado por bos avogados, por rolos… Civilmente, é que detestan a xustiza civil. Entón, eu como sacerdote si que vexo que diante de Deus si que están dispostos a cumprir, a pagar, a pasar esa culpa aí no cárcere en moitos casos. A moitos sérvelles pensar na súa conciencia, na culpa que tiveron, saber pedir perdón a Deus. Eu confeso bastante no cárcere, bastante, e queren pedir perdón a Deus; civilmente oio todo tipo de insultos contra a xustiza civil, porque ás veces fanlles a faena, ou non os deixan, ou non lles dan permiso, etcétera.
Como lle explicarías a alguén que non ten fe o que é confesar un asasino, por exemplo?
Eu vexo que cando hai cousas que fixeron graves —non só asasinos, senón moitas cousas, como o tema da droga; xente que fixo que estea moita xente no cárcere porque intentou pasar quilos pequenos con rapazas, por exemplo, de Latinoamérica, e eu tiven algún xefe destes—, se pide perdón, é tremendo. Porque eu tamén entendo que humanamente haxa xente que non os queira perdoar e queiran que paguen, e é lóxico. Pero é que Deus perdoa todo, é unha pasada; Deus perdoa todo. E claro, un bo arrepentimento leva tamén a unha boa penitencia, e arrepíntense. Eu levei cartas ao Papa, a Roma, de xente que nas cartas dicía: “Estou pagando o que debo”. E algunha mesmo dicía o que fixera, algún asasinato, e como recoñecían que teñen que pasar por aí, ou sexa, por pasar esa culpa cunha pena; acéptana absolutamente.
E xa por último, como mencionaba ao principio, hai un estigma cos presos dentro da sociedade. Que lle diría vostede á xente para que comprendese que a esas persoas, se de verdade se arrepinten, se lles pode perdoar e que non vivan sempre con ese estigma?
Que vaian alí e os vexan. Porque eu, sempre que vou, podería ser un deles; eu, sacerdote, podería ser un deles. Porque todo o mundo pode cometer un erro, ou moitos deles non tiveron unha formación, ou naceron xa nunha sociedade destruída, rota, e ninguén os animou nin os axudou a ser boa xente, senón que os criaron na m*rda, no roubo, na extorsión, na droga, sen familia, sen traballo, sen cultura, sen diñeiro. Entón, a ese que lle vas pedir? Ese acaba aí porque si. Dis: “Eu podería ter sido peor ca calquera deles”.
Nicolás Silva García
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela
Graduada en Belas Artes e creadora interdisciplinar, Laura Romero sitúa a súa praxe no cruzamento entre a investigación plástica e o ritmo sonoro. A súa traxectoria aborda a ilustración dende a ollada feminista integrando a memoria gráfica e a identidade cultural a través dos seus trazos.
Estudaches Belas Artes coa especialidade de pintura na Universidade de Salamanca e despois comezaches no debuxo urbano en directo. Como foi esa transición da pintura académica á ilustración? Axudoume a buscar un camiño moi diferente. Eu saín da Facultade de Belas Artes cunha formación moi académica, ou polo menos naquel ano, si que era moi clásica nesa facultade. Dábamos alí con todos os coñecementos de debuxo, anatomía, etc. A ilustración, digamos, que me atopou polo camiño sen querer, sen eu pretendelo. Nunca fixera, nada máis cunha optativa de ilustración, nunca pensei en formarme como ilustradora. Entón, o debuxo urbano foi o que me axudou a buscar a miña forma de expresarme, dalgunha maneira, sen estar pensando en facelo todo como me ensinaron na carreira, na que fora todo tan pechado. E, digamos tamén, buscar máis a expresión e intentar pensar o que me interesaba dunha imaxe, facelo en 10 minutos, poñerme retos… Todo isto foi o que me axudou a buscar unha linguaxe propia.
Decidiches establecer o teu propio estudio de ilustradora freelance polifacética dende Ordes. Cales foron os maiores desafíos ao comezo para abrirte paso e conseguir os teus primeiros encargos? Bueno, sobre todo nun principio houbo un pouco de medo. Dá un pouco de medo ás veces facerse autónoma e máis cando son profesións que historicamente dentro da sociedade non se lle dá o valor que merece. Penso que hai moito mito da persoa que ten unha profesión artística, entón sempre tes ese medo encima, aínda que estudiaras algo similar. Entón, claro, facerte autónoma só por debuxar dá un pouco de medo ao principio. Pero bueno, realmente non foi tan así. Ó principio, para poder facturar, comecei nunha cooperativa de traballo, despois da cooperativa xa me lancei eu soa. Sobre todo é perder o medo pois todo isto depende de ti. Xusto no momento que me fixen autónoma, ao pouco tempo entrei na Asociación de Ilustradores, a ARPI. E alí si que fun descubrindo que a ilustración non só é debuxar, senón que hai moitas outras cousas que tes que facer, que tes que coñecer e que podes abarcar.
En 2016 entraches como baixista no grupo de rock Zënzar, onde decatácheste da escasa presenza de mulleres sobre os escenarios e decidiches crear o teu proxectoMúsicas Galegas Ilustradas. Como influíu esa vivencia sobre o escenario na túa forma de debuxar e que querías conseguir ao poñer a ilustración ao servizo da igualdade? Xusto no momento no que eu entro en Zënzar, que foi en 2016, voume dando conta, pero moi pouco a pouco, non foi unha cousa de ao terceiro concerto deime de conta, non. Pero si que é verdade que notaba que eu era, moitas veces, a única muller entre 4 ou 5 bandas. Entón, empezas a pensar se realmente, é no ambiente dos festivais de rock esta falta de mulleres ou se pasaba tamén noutros ambientes, noutros“festis”. Entón, entre iso e que eu estaba en pleno momento do urban sketching e de buscar a miña linguaxe, moito máis libre, fixo que usara todo isto. Eu quería mostrar unha cousa, que era, pois, toda esta problemática de onde están as mulleres nos escenarios e, á vez, buscaba a miña maneira de expresarme co debuxo. Digamos que con, Músicas Galegas Ilustradas, unifiquei todo e saíu este proxecto que despois foi evolucionando. Saíu un libro sobre as pioneiras, aunque aínda quedaron algunhas no tinteiro. Podería dicir que foi todo construíndose un pouco á par. Canto máis tocaba máis me decataba de que realmente hai moi poucas mulleres, segundo que estilos e segundo que instrumentos, pero tamén dieme de conta de que, a medida que o proxecto evolucionaba, había carencias pero tamén mellorías.
Acabas de mencionar as pioneiras. No catálogo Ferreñas e Rock and Roll, premiado no Concurso Luísa Villalta, investigaches sobre elas e as ilustraches. Como foi recuperar a historia de figuras como a gaiteira Áurea Rodríguez ou a percusionista Josefa de Bastavales? Sobre todo, como foi ese reto de poñerlle cor a esas mulleres das que case non hai imaxes? Pois o reto máis importante, bueno tampouco un reto, foi o máis divertido en realidade, foi a imaxe de María Doval. Estamos falando de finais do século XIX, se non lembro mal, e das que non se conservan prácticamente datos, nin moito menos imaxes. Sábese que era de Pontevedra, que foi unha zanfonista, que era cega e que viaxaba por toda Europa coa súa neta. Saber sobre isto foi impresionante. Ela chegaba ata Rusia e no Nadal estaba en Pontevedra e despois volvía viaxar por toda Europa coa súa neta e coa súa zanfoneta. Entón, pois claro, imaxinarme como era esa muller foi bastante libre. Do resto, hai algunhas que se conserva algunha imaxe non moi nítida, como por exemplo Áurea Rodríguez, como dicías. A partir dalgunha imaxe ou historia podes construír ou imaxinar como eran. A ilustración ten unha cousa moi chula porque non é tan académica e tes certa liberdade creativa.
“Dá un pouco de medo ás veces facerse autónoma e máis cando son profesións que historicamente dentro da sociedade non se lle dá o valor que merece”.
Ilustración de Laura Romero dunha personaxe do poemario”Hermilindo esbirra poemas” | Laura Romero
Impartes clases e obradoiros de ilustración en Ordes. Que é o que máis desfrutas de ensinar e compartir o teu traballo coa xente? Isto vai soar súper cliché pero aprendes un montón dando clase. Non son clases académicas, son sobre todo clases de pintura que fago nunha tenda de artes de aquí de Ordes. Pois iso, aprendes un montón, porque eu acompaño en cada proxecto á xente que ven, de exercicio en exercicio. O que fago é axudarlles a que teñamos o mellor resultado dentro do que esta xente quere aprender. Entón, o que máis me gusta é iso, que aprendes un montón no caso de dar clases porque axudoume a recuperar a pintura. Eu cando saín da facultade de Belas Artes, saín decepcionada e foi gracias as clases que volvín a terlle gusto. Recuperei a pintura cando comecei a participar nalgúns concursos de pintura ao aire libre, porque, ao ser unha inscrición previa, non vale a preguiza. Coñeces xente e empezas a entender que a pintura non so é tres profesores dinosauros.
Exemplo de urban sketching | Laura Romero
É así que, a miña relación coa pintura cambiou porque non dependo dalgún que me cualifique ninguén e a miña relación é de gozo e está vencellada á miña faceta principal que é a de ilustradora. Agora mesmo eu considérome, sobre todo, ilustradora. A miña parte de música, ademais sendo baixista, axúdame moito no visual e na pintura. Entender os ritmos, os silencios, os espazos en branco, son moi necesarios, non fai falta encher todo, simplemente é saber solucionar cousas que van aparecendo e que non están del todo controladas.
Denise Alañón
Estudande do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela
Marcos Míguez e Charo Barbeito comparten o traballo e a vida nun oficio marcado polo risco: a recollida do percebe
Marcos Míguez e Charo Barbeito, sentados no sofá da súa casa, xunto ao ventanal.| Bianca Basdediós
Cantas veces pensaches no elevado prezo do percebe? Charo e Marcos coñecen de primeira man o esforzo que hai detrás deste marisco.
Recíbennos na súa casa, no sofá, diante dun gran ventanal que dá directamente á praia de Foxos, en Sanxenxo. Viven rodeados de mar todo o día, e é o mar o que marca o seu traballo. Son parella dentro e fóra do traballo e exercen como percebeiros a pé no Grove. Durante o verán, compaxinan o marisqueo co seu propio negocio de hostalaría, tamén ao carón do mar.
O plan de explotación establece os días nos que poden baixar ás pedras e a cota máxima de quilos por xornada. Traballan coa marea baixa e afrontan os riscos de recoller o percebe entre as ondas.
“Se dubidas, sempre non”.
Como é o voso día a día apañando percebes?
Marcos Míguez: Ao percebe non imos todos os días. Imos oito días ao mes, de oito a nove días.
Charo Barbeito: Somos once percebeiros a pé, pero agora mesmo estamos traballando seis. Cinco homes e unha muller. Eu son a única muller.
Cal é a campaña máis dura?
C. A máis importante e a máis dura é a de decembro, a campaña de Nadal. É a máis dura de todas porque aí vas atopar moi mal tempo, moito mar.
A quen lle vendedes o percebe? Á lonxa directamente?
M. Do control vai á lonxa. Ti, na lonxa, pésalo e, de aí, ao pesalo, lévalo ao teu comprador e dislle: «Para tal comprador», e aí xa sae. Non hai venda directa. Pasa pola lonxa; aí pagas os teus impostos, pagas todo o que xera o control, pero véndesllo a quen ti queiras, pasando por aí.
Por canto adoita andar o quilo de percebe?
M. Da época e do tamaño. Polo Nadal, ás veces, se hai moito mar, a min téñenmo pagado a cento vinte euros e era pequeno, era nada. Pero, claro, que pasa? Eran días de temporada en que non había percebe en ningún lado e pódencho pagar a ese prezo. Normalmente, polo Nadal, adoita subir de cen: de cen a cento corenta, cento cincuenta euros temos aquí no Grove, ou un pouco máis, depende.
E o resto do ano?
C. O resto do ano despois anda en sesenta, cincuenta, setenta, oitenta. Depende moito do tamaño. Depende da sorte que teñamos cada un.
A que zonas ides exactamente?
M. O noso plan de explotación vai desde Punta Faxilda, no Concello de Sanxenxo ata a parte do Carreiro, no Grove.
C. Traballamos coa marea baixa, dúas horas antes e dúas horas despois, e non podes estar no mar nin antes nin despois. Nin tampouco podemos estar no mar máis tarde das seis da tarde, nunca.
Ides sempre xuntos os dous a traballar?
C. Nós si. Eu sempre vou ao abeiro del.
M. Ás veces hai que tomar decisións, non? Ás veces tes que cruzar sitios de cinco metros, dez metros, onde hai unhas correntes enormes. Entón esperas a que calme un pouco e dis: «Vou, non vou? Cruzo, non cruzo? Que fago?». Se dubidas, sempre non.
Recordades algunha anécdota con especial tensión?
C. Eu, ao principio de todo, pensaba que o mundo do percebe era moi fácil e, se non me collese el, levaríame a corrente totalmente. E aí dixen: «Isto non é ningunha broma. A isto hai que terlle moito respecto, moito, moito respecto». Confieime moito.
M. No inverno, antes de empezar a traballar tes que parar e nunca ir adiante. É dicir, parar e dicir: «Chego aquí. Ben, pois agora póñome a mirar». Pero tes que pensalo durante dez minutos ou máis. Ver ata onde chega o mar, o que fai o mar. Nunca vaias a esta rocha porque ves que non chegou. Espera un anaco e deixa ver que é o que pasa.
Por que vos decidistes por este traballo?
C. Eu máis ben empecei porque a cotización que tiña era moi baixa. Non tiña maneira de acollerme a unha boa cotización, porque o que está claro é que no mar tes unha moi boa cotización. Entón acollinme a iso, porque era compatible co meu outro negocio para poder traballar nas dúas cousas.
Marcos e Charo, equipados con neopreno, entre as pedras nas que traballan. | Bianca Basdediós
Podedes vivir só do percebe?
C. É un traballo que tamén che dá moitos días libres ao ano, que podes dedicarlle a outro, poder compatibilizar. Tamén é certo que disto só non es capaz de vivir. Só con iso, co percebe, non es capaz.
Notades diferenza entre un percebe da ría e un de fóra?
M. Eu persoalmente… Na parte de arriba [Rías Altas] hai percebe moi bo, pero eu considero que o noso percebe de aquí é un percebe de calidade: un percebe pequeno, curto e saboroso, porque está metido na ría.
Cambiou moito o percebe comparado ao de hai anos?
C. Eu, sobre todo, o que noto é que, cando os meus sogros eran percebeiros, víanse percebes e percebes, cantidades e cantidades. Ti agora vas ás pedras e esas cantidades non están, non existen.
Tomáronse medidas porque empezou a escasear?
M. Claro. Ao final viuse que empezou a escasear, escasear, escasear: “Aquí regúlase todo isto un pouco ou quedamos sen un produto que é de moi boa calidade e do que podemos sacar un traballo, vivir diso”.
Bianca Basdediós
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela
O rapero compostelano e impulsor de ‘Boiler Club’, 4Kanoon, fala sobre o auxe da música urbana en Galicia e España: “O público valora o sentimento de atoparse a gusto coa xente coa que comparte unha música en específico”
Fotografía da segunda edición de Boiler Clvb | Iago Muñiz
Mario Benito, máis coñecido en redes e escenarios como 4Kanoon, é unha das voces emerxentes do panorama musical galego de música urbana. A música galega cada vez está máis presente en escenarios nacionais e tamén en xéneros musicais que ata o de agora non se atopaban tan extendidos na sociedade. Hoxe adentrámonos na vida dun compostelano que busca facerse un oco na escena que lideran coñecidos nomes coma 9Louro, Kid Mount ou Lg1do.
Unha carreira marcada polo xénero escollido
Por que escolliches a música urbana?
Eu comecei neste xénero no ano 2023, porque algunhas amizades xa facían cancións urbanas para entón e o urbano sempre me chamou a atención. Por así dicilo: “barrín para miña casa”. O que máis me gusta desta música é a amplia gama de sons que pode haber. Hoxe en día hai unha gran fusión de xéneros, o xénero urbano xa non só implica rapear, podes mezclalo con bases de pop-rock e resultar tamén en sons innovadores, como fai Machine Gun Kelly por exemplo.
Tes referencias artísticas que che impulsaron a afondar neste mundo?
Por enriba de todo enfoqueime na escena de Arxentina e Estados Unidos na era do SoundCloud Rapper coma Juice WRLD, XXXTentation, Duki ou Khea.
Concierto de 4Kanoon na sala MyClub, Santiago de Compostela | Iago Muñiz
Segues formándote de cara aos escenarios? Qué espera a xente á hora de ir a verte cantar?
Agora mesmo estou a estudar produción musical, non pretendo vivir diso pero si aprender e profesionalizar máis o meu son de cara á miña carreira como artista. Nos meus concertos destaco a capacidade vocal que traballo e a xente á que lle gusta a boa música en directo adoita valoralo.
O xénero urbano: en boca de todos
Por que a xente cada vez simpatiza máis con este xénero no noso país cando, ata agora, non estaba tan extendido?
Xúntase a fusión dos xéneros que che comentaba antes co factor social. Si que é verdade que cando hai públicos máis pequenos os fanáticos adoitan atoparse moito máis preto dos artistas, e isto fai que o público valore tamén o sentimento de estar cómodo coa xente coa que comparte un gusto musical específico.
Que pensas que teñen os artistas galegos coma ti que agora fan máis ruido no nacional? Algún talento destacado?
Pois a verdade e que aquí hai un apoio ao xénero bastante amplo. É verdade que en Madrid ou Barcelona teñen moito apoio pero aquí a xente “vólcase” moito nos seus artistas e iso axuda moito a impulsarnos entre todos. Son moitísimos agora mesmo, pero destaco a Roni GZ, Chiri e Mikeyyy.
O mundo das festas de música urbana
Ti organizas a túa propia festa con este xénero por bandeira. Que as caracteriza e que se pode escoitar nestes eventos?
Valórase a personalidade da festa. Nós con Boiler Club basámonos no noso criterio persoal e dámoslles liberdade total aos artistas e DJs que pasan pola festa, permitíndolles cantar ou pinchar o que eles queiran. É verdade que se ves a alguén facer o que lle gusta, contaxia esa enerxía, que no noso caso sempre o fai, entón a xente que ven o disfruta máis. Por destacar nomes na nosa, podes escoitar dende MDA, Biberon, Sticky M.A. e Yung Beef ata arxentinos coma os que nomeei antes: YSY A, Duki, algúns americanos… un pouco de todo.
Fotografía da segunda edición de Boiler Clvb | Iago Muñiz
Cres que hai “santuarios” da música urbana en Galicia ou locais que a xente identifica por este tipo de festas? Permaneceron co paso dos anos?
Si. Fai anos tiñamos Malatesta en Santiago, unha sala que xa pechou as súas portas, Molotov en Vigo… Pero é certo que a día de hoxe con este auxe está a difuminarse un pouco a centralización nestes espazos da música urbana. Agora está surxindo REM en Santiago e Doppler ou Mondo en Vigo.
A realidade do xénero, en loita co estigma
Cres que as institucións galegas axudan o suficiente a eventos deste tipo de música?
En absoluto. Sempre poñen moitísimas pegas en calquera clase de evento deste tipo e, por desgracia, moitos rematan cunha cancelación a último momento pese a levar todas as cousas en táboa e ben feitas.
Con que estigmas cres que segue a loitar este tipo de música por moi coñecida que sexa a día de hoxe?
Séguese a loitar contra o estigma dun xénero que xorde co rap na rúa. Isto implica sobre todo o tema das sustancias, situacións controversiais dos artistas que non especifico pero a xente que as saiba identifica do que falo… Créase esa imaxe sobre certos perfís e xeralízase cando non debería ser así. Por sorte, a vida vai evolucionando e xa non se relaciona tanto coa vida nas rúas e demáis asuntos, grazas en parte ás redes sociais que achegaron todo este mundo ao público.
Grazas a testemuñas coma a de Mario podemos ser máis conscientes de dous puntos importantes con respecto ao panorama musical actual: o primeiro é que acadar un alto posto na escea require de moita loita persoal e, por último, que os gustos que unen á sociedade na contorna musical mudan cada día máis.
Martín Domínguez
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela
O Gran Café Bar Pinzón abriu as portas no ano 1924 e, dende hai case dúas décadas, son David e Mariano quen están a cargo do negocio hostaleiro con máis historia da vila
Interior do Gran Café Bar Pinzón | Clara Villarnovo
A case comezos do segundo cuarto do S. XX, Emilio Pérez e Antonia Freire abriron o que sería coñecido como o Bar Moderno, remodelando un antigo almacén de sal situado na Rúa Ezequiel López da Vila de Cedeira. Comezou chamando a atención de forasteiros que pasaban pola vila, non só pola presenza de radio no local, senón tamén pola comida que nese bar se poñía. Pronto comezaron a xuntarse persoas adiñeiradas no establecemento, o que creou unha visión elitista do mesmo. Aínda así, pouco a pouco, este lugar acabou mudando ata converterse na cume social de todo a vila. Trala xubilación do matrimonio, foi a súa filla Masé quen se implicou en manter o espazo no que os seus proxenitores traballaran sempre. Con todo, en 2007 foi cando o negocio deixou de ser de carácter familiar. María José pasoulle o cargo a dous novos perfís.
O Pinzón é un dos lugares máis emblemáticos de toda a zona vella de Cedeira. Un lugar de encontro para todos e todas e que, sen dúbida, é unha das pezas clave na sociabilidade cedeiresa. Este bar atrapado no tempo, con luz tenue e sillóns verde bosque, con música reggae de fondo e chan marmóreo de ton monocromático, convértese no espazo protagonista desta entrevista con David López.
De onde saíu a idea de rexentar un bar? Tiñas experiencia anterior ou foi unha decisión novel?
En realidade, eu nunca me dediquei á hostalería. Eu, cando emigrei de Arxentina no ano 2002, empecei como pintor, xa que era o oficio que aprendera co meu pai. Despois fun traballar coa miña irmá na pizzería e, como resultou que o restaurante estaba tan preto do bar, cando terminaba de traballar, normalmente pasaba por alí a tomar algo. Foi aí cando establecín unha relación co dono e coa familia que levaba antes o Pinzón. El, un día de euforia, supoño, prometeume que se algún día deixaba o bar me preguntaría se quería rexentalo eu. Naquel momento vía un pouco imposible porque estaba recentemente emigrado e non tiña posibilidades económicas como para xuntar o diñeiro que me pedían. Aínda así, co apoio dunha amiga, motiveime e decidín comezar co bar. Nese instante o primeiro que fixen foi chamar ao meu amigo Mariano, emigrado tamén en España cunha pasantía de cociñeiro no País Vasco. Pregunteille se se sumaba á aventura e dende o primeiro momento díxome que si. Así foi o comezo, inesperado.
Donos actuais do Pinzón, Mariano (esquerda) e David (dereita) | Cedida (La Voz de Galicia)
Como foi o proceso de reabrir un negocio hostaleiro con tanta relevancia histórica?
Tivemos sorte de conxeniar co propietario orixinal porque, cando comezamos a facer o traspaso, facilitounos todo o proceso. Tamén nos axudou á hora de poñer unha renda actual e non unha tan antiga como tiñan eles. A partir de aí foi cando puidemos realizar algunhas reformas, que foron mínimas pero moi necesarias, como un baño para mulleres, que non existía.
Houbo algún tipo de dificultade ao comezo?
O Pinzón abrímolo en xuño de 2007 e a verdade é que dende o principio nos foi moi ben. Para a xente, esta era unha apertura moi aceptada porque, ao ser un bar tan concorrido dende sempre e con tanta historia, todos estaban moi agradecidos tamén por manter a esencia do lugar e non cambialo. Eu, en realidade, nunca vin a dificultade. Ao contrario, parecía que isto me estaba esperando. Foi unha oportunidade que me brindaron e tirei para adiante.
Como te sentes tras tantos anos tendo este negocio ás túas costas e, á súa vez, pola responsabilidade intrínseca que este trae consigo?
Para min é un privilexio poder xa levar 20 anos aquí os dous xuntos, con Mariano, seguindo sendo socios como o primeiro día. Estamos moi contentos porque nos sentimos unidos do que é unha parte moi importante da propia vila, falando tanto social como culturalmente. O noso propósito apenas agarramos o bar foi manter a esencia do lugar, simplemente decorándoo e aguantando todo o que se podía reter, respectando á veciñanza e deixando atrás a fama de lugar para madrileños.
Terraza do establecemento na que se observa a entrada e o toldo co grafismo | Clara Villarnovo
Nalgún momento púxose sobre a mesa a idea de xuntar neste espazo a cultura propia de Cedeira coa cultura arxentina?
Intentamos agregar ao servizo a nosa forma de ser, algo moi característico da Arxentina. Soemos ter un carácter e unha forma distendida á hora de falar coa xente. Isto dende o principio estivo presente, a boa atención nos saía case natural. Intentar, aínda que a xente se estrañe, de ter pequenos detalles dos cales poidan dicir: “Oh, miren a este chico tan amable”. Sobre todo temos este trato coa xente maior porque é a xente que veu ao Pinzón toda a vida. Para min, a diferencia que ten o Pinzón doutros sitios é o vínculo coa xente.
“Para min, a diferenza que ten o Pinzón doutros sitios é o vínculo coa xente”.
O Pinzón, ademais, é recoñecido polos múltiples eventos culturais que alberga. Como e cando nace a presenza recorrente de concertos ou presentacións de libros?
Sempre, xunto con Mariano, intentamos implementar os actos culturais e sociais ou xente que veña presentar libros. Hai uns rapaces ingleses que viven na vila hai máis de 10 ou 15 anos, que teñen unha asociación de micros abertos coa que colaboramos. A xente pode vir e facer o que queira: cantar, ler, actuar… Ademais, temos unha pequena biblioteca onde podes encontrar cousiñas de aquí de Cedeira, de Galicia en xeral e algunha de Arxentina tamén, para intercalar os diferentes lugares.
Galería de diferentes elementos culturais situada dentro do establecemento | Clara Villarnovo
Nestes últimos anos a vila está a vivir un aumento notable de turistas no verán. Os datos máis recentes revelan a presenza de 70.000 visitantes aproximadamente entre xuño e setembro. Notaches diferenza no propio servizo? Como levas todo isto?
Dende que abrimos comezamos a aprender como se manexaba o verán aquí. O tema dos turistas, para min, é algo de sempre, non de agora. Obviamente hai un pequeño incremento da xente que busca lugares como este para vivir ou ter unha casa. Para nós que veña xente ao bar é bárbaro. A nosa forma de traballar fai que sexan poucas as veces que podemos ter encontróns coa xente. Tamén porque a experiencia inflúe na forma de levar as cousas. Nós sempre intentamos facelo dende o lado da simpatía. Con algúns tamén nos enfadamos e mandámolos á m*rda, pero normalmente a xente que vén é bastante respectuosa e non podemos meter a todos no mesmo saco por unha ou dúas persoas.
Para rematar, que é o que máis che gusta e te motiva de vir traballar aquí case todos os días?
Mira, hai varias cousas que me motivan. Principalmente é poder darlle un sustento á miña familia. Despois, seguir sendo partícipe da vila, porque o Pinzón é moi do pobo. Xa estou a pensar que non sei que facer cando non o teña. Levo 20 anos da miña vida nel. Aquí coñecín moita xente, moitas persoas ás que lles teño moito cariño. Hai veciños aos que lles teño máis afecto quizais que a familiares que non vexo fai tempo, porque se establecen vínculos. A miña motivación é esa, seguir formando parte da cultura e de que a xente veña, ría, o pase ben e conte cousas.
“A miña motivación é esa, seguir formando parte da cultura e de que a xente veña, se ría, o pase ben e conte cousas”.
Clara Villarnovo Lourido
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela
José Antonio Constenla, edil da oposición no Concello de Santiago, fala de política local e sobre como abordaría Santiago as diferentes problemáticas que o atinxen actualmente
Imaxe de José Antonio Constenla en Santiago de Compostela|Sandra Alonso
José Antonio Constenla estudou Dereito en Santiago de Compostela, tras facer un máster en Administración de Empresas na Universidade de Navarra e un posgrado de Comunicación Institucional na Complutense. Comezou a súa carreira política como concelleiro na Lanzada, pobo do seu pai. Tras eses 4 anos no Concello de Sanxenxo, foi presidente do Consello da Xuventude de Galicia, o que lle abriu as portas do goberno de Aznar.
Aos seus 30 anos decide afastarse da política por desacordos ideolóxicos co Partido Popular e polo desexo de centrarse na familia, algo que acotío vese entorpecido pola vida política. 15 anos despois, decide volver a involucrarse en política, desta vez, para ir nas listas á alcaldía do seu Santiago natal. Actualmente é edil da oposición no Concello de Santiago de Compostela e hoxe reunímonos con el para falar de política local.
En política local, os concelleiros e alcaldes estades acostumados a coñecer aos vosos votantes, e mesmo encontralos a miúdo, cres que esta proximidade é unha vantaxe ou unha desvantaxe?
Sei que hai xente á que non lle gusta, pero a min gústame ese trato próxima á xente. Eu vexo veciños todas as semanas que me contan os seus problemas e eu, aínda que non podo facer nada, indícolles o camiño. O problema é que ás veces non distinguen se gobernas ou se non gobernas, dende a oposición podo facer presión nos plenos, na prensa… pero claro, cando non gobernas non se pode facer máis.
Sobre a saturación turística en Santiago, como podería lidiar o concello con esta situación no próximo ano xacobeo?
Eu pregunto, hai saturación en Santiago? 90 hoteles de entre un e tres estrellas pechan de media tres meses. De feito, hoxe en día hai máis pernoctacións na Coruña que en Santiago e o terceiro elemento que para min é clave é que a media anual de ocupación hoteleira apenas supera o 50%, se estivésemos falando de saturación deberían manexar porcentaxes de entre o 80 ao 90%. Entón, Santiago non ten un problema de saturación turística, ten un problema de que: algunhas horas, uns días, nalgúns meses e nalgúns sitios da cidade hai problemas. Temos que ser capaces de xestionar os fluxos de entrada de persoas na catedral, por exemplo coas cuotas, que xa as hai, ou cunha aplicación na que reserves entrada de xeito gratuíto. Isto podería facilitar a xestión das colas. Pero non podemos caer na criminalización dos peregrinos, como parece que se quere facer dende sectores da esquerda. Hai que recordar que Santiago ten un ADN, que é unha cidade que está feita para acoller. A catedral construíu a cidade e non se pode entender Santiago sen a catedral nin sen a peregrinación.
“Hai que recordar que Santiago ten un ADN, que é unha cidade que está feita para acoller”.
Outro tema que está á orde do día é o da vivenda, que medidas podería tomar o concello para xestionar unha zona declarada como tensionada?
Nós non defendemos o mercado de zona tensionada porque se teñen manifestados erros noutros lugares. No caso de París, fai que se xere un mercado negro de aluguer. No caso de Berlín é incluso peor, xa que os propietarios retiran as vivendas do mercado de aluguer, porque claro, o inquilino sabe que non lle poden subir o aluguer e que teñen protección sobre o dono. En Estados unidos, no sistema de condominio que se leva alí, tamén están deixando de alugar edificios enteiros, provocando que se descoiden e se perdan. En Santiago levamos pouco tempo con esta zona tensionada, pero estamos vendo que xa hai xente que está sacando a casa do mercado de aluguer. Con todo, neste caso hai que ser xustos e esperar uns meses para ver como vai, pero penso que esa medida per se non vai mellorar o problema de vivenda.
Optarías por construir vivenda ou por comprar as que xa están baleiras para poñelas en aluguer?
O caso é que, máis ou menos, das vivendas baleiras, a metade non están en condicións, polo que Santiago podería poñer en marcha un programa ambicioso para incentivar a rehabilitación destas vivendas para sacalas a mercado. Despois, hai outro grupo de vivendas que non saen ao mercado por medo dos propietarios ás condicións da lei ante impagos de inquilinos. Neste caso xa tería que cambiar a lexislación a nivel nacional que non lle correspondería ao concello, pero sí podería actuar como intermediario entre propietario e inquilino garantizando o pago da mensualidade ou bonificando o IBI durante un tempo, todo isto dentro sempre da legalidade, claro. Outra clave é o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permite facilitar que se desenvolva o solo da cidade.
Alejandro Vázquez
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela