Etiqueta: Entrevista

  • Entrevista ao verinense Paco Dasairas: “Ás veces é bonito pechar os ollos e soñar”

    Entrevista ao verinense Paco Dasairas: “Ás veces é bonito pechar os ollos e soñar”

    Dende as vidreiras da imprenta Dasairas, na praza García Barbón, leva observando o día a día da vila de Verín dende hai case cincuenta anos.

    Verín

    Paco Dasairas ás portas da súa imprenta. | Cristina Martínez

    Un día de inverno de 2022 entrei por primeira vez na imprenta Dasairas, que sempre me parecera un local curioso, cercano e clásico. Só quería un diccionario de italiano, pero acabei atopando un libro que me fora imposible atopar en calquera outra libraría e un señor que mo recomendaba moi encarecidamente. Entusiasmada, merquei o libro e ao saír contáballe por chamada a unha amiga que o señor que mo vendera, Dasairas, parecía que tiña moito que contar. Ela confirmábamo: xa o coñecía ben e de vez en cando deixábase caer por alí coa excusa de mercar un libro só para ver se el lle contaba algunha das súas historias. Dende entón leva na miña axenda a tarefa pendende de facerlle unha entrevista.

    Nós coñecímonos hai apenas 5 anos, pero canto leva detrás destre mostrador?

    Meus pais, Luis e Milagros, abriron a imprenta no ano 1951. Daquela, cando era mozo, tiña idea de seguir estudando, pero cando faleceu meu pai seguín co negocio, dalí polo 1971. Agora teño 69 anos, e durante este tempo fomos mudando dende o traballo tipográfico ao dixital. O certo é que me causa nostalxia… A día de hoxe todo é diferente do que tiñamos antes. Eu aprendín das imprentas vellas, que foron as que me puxeron os dentes longos. Aquelo eran artes gráficas de verdade, compoñendo letras unha a unha, á medida. O funcionamento era manual e complexo, pero foi a base do adianto de hoxe.

    Como foi esa viaxe do analóxico ao dixital dentro da súa imprenta?


    Nas vilas os cambios chegaban máis lentos. Pasamos de facer carteis en tipografía, con diferentes cores que había que ir lavando, cambiando as pezas unha a unha… Era un procedemento cunha máquina inmesa para todo, pero moi minucioso. Cando empezaron os programas informáticos compramos un ordenador e un laboratorio. A día de hoxe xa vén todo feito. Esa transformación foi moi interesante para nós, queiras ou non simplifica moito o traballo.

    A imprenta máis antiga que garda Dasairas na súa trastenda aínda funciona. | Cristina Martínez

    Chega a primeira “interrupción da entrevista”, coa que xa contaba cando Dasairas me convidou a facer o encontro na propia imprenta, aberta como de costume. Non me molesta, penso que pode ser algo enriquecedor. Un señor con boina e caxato achégase ao mostrador e insiste en que ha de traerlle a Paco uns botes de conserva de tomate para devolverlle un favor, cun sorriso na cara. Ocúrreseme unha pregunta improvisada

    Porque este é un negocio “de toda a vida”, verdade? Polo que vexo aquí, os clientes son habituais e chámalles polo nome. Hoxe en día iso é algo difícil de atopar. Perxudicou moito ao pequeno negocio de Verín a chegada dos centros comerciais ou das compras online?


    Ao de Verín e ao de todas as vilas. A nós aféctanos porque desgraciadamente venden tablets con miles de libros dentro. Porque cada vez é máis a xente que le o xornal en dixital. Vámonos manteñendo coa xente á que lle gusta ler en papel e coa inquietude de escritores, xornalistas e curiosos. Pero no eido das vilas todo vai a menos. Os centros comerciais foron unha desgraza para nós. Verín tiña unha riqueza grandísima de comercio. Sendo eu rapaz, a rúa maior estaba toda chea de negocios. Cando a carretera aínda era de terra xa estaban o Hotel Aurora, as fondas, o asilo… era outra historia.

    Un anaco de todos os libros que se poden atopar no local, sempre rodeados de almanaques, pósters e outros recordos.  | Cristina Martínez 


    Ademais, o seu local está nun punto estratéxico, a praza García Barbón, o centro neurálxico da vila e se cadra da comarca.

    O comercio facíase aquí na praza, en cada porta había un negocio. Estaban todas as profesións primarias, os fontaneiros, os ferreiros, tendas de alimentación boas… Mesmo había praza de abastos e campo da feira. Pero isto non era só en Verín, tamén nas diferentes aldeas da comarca. Viña xente de todos os lugares a vender, non coma o que hai hoxe. Pero Verín sufriu unha influencia de regreso, moitas veces por parte de xente que non querían que progresara.

    O certo é que o Verín que agora atopamos é ben diferente do que vostede me conta. Cada vez son máis as tendas que pechan, a xente que marcha… A que se debeu, entón, esta influencia de regreso?


    Verín quedou castigada pola política da provincia de Ourense. O que se fixo en Arnoia, en Cortegada, en Viana… Mesmo Chaves (Portugal) superou a Verín porque os políticos foron á industria e ao campo, axudando a que todo crecera. Verín caeu en certa decadencia debido a que cada un tira por un lado. E non é cousa do tren… Tivo baixóns como outras vilas de Ourense, como o Barco coa crise da lousa ou Ribadavia, moi bonita pero sen vida. Eu penso que os concellos deberían ter un gabinete de mentes ilustres, de xente nova que poida aportar as súas ideas, xermolar aquilo que poida ser interesante. Que nos gobernen doutra maneira e que se preocupen de que as cousas anden mellor e non só de cobrar. Temos unha cantidade de xente fóra boísima porque aquí non hai nada para poder desenvolver o talento. Crear un ADN propio de Monterrei e non só vir aquí polo Entroido, que houbese algo que realmente nos identificase e que dinamizase as cousas. Aínda non é tarde.

    Ás veces é difícil pensar en como se chega a certos puntos, supoño. Verín tamén tivo moita riqueza grazas a ser vila termal. Que pasou con isto?


    Na época das augas a riqueza que tiña Verín era enorme. No verán estaba a tope, os agüistas eran señoritos que viñan e daban moita vida. Fontenova, Sousas, Cabreiroá, Caldeliñas… Foi un mundo que se perdeu, pero foi moi bonito. Agora ninguén tira por iso. Si que é certo que Cabreiroá ten unha planta embotelladora que dá máis de 300 postos de traballo, pero falta a outra parte: non se lle saca ningún uso ao edificio do hotel, que tivo que ser a a leche nos seus tempos, con vaixela de luxo, sabas de liño… Un mundo, como cando ves unha película de época. Ás veces é bonito pechar os ollos e soñar.

    Entra unha muller e pousa sobre o mostrador La Voz de Galicia. Ao preguntar canto custa, bromea con que, coas malas noticias que trae, podía ser gratis. É unha das moitas persoas que esa mañá pasaron a recoller o xornal, todas de idade avanzada.

    Moita xente descoñece o gran pasado do xornalismo local que tivo a comarca e a gran conciencia política que fervía nos xornais de máis renome. Logo, todo isto perdeurse coa chegada da guerra civil española.

    A comarca de Monterrei foi a que máis riqueza cultural aportou á provincia de Ourense. A primeira imprenta de Galicia estivo no Castelo de Monterrei. No libro que escribiu meu irmán, As Crónicas Rexiomontanas, hai unha reseña moi grando do que foi a prensa. Debeu de haber como oito ou nove xornais en activo naquela época. Eran xornais moi interesantes e con xente que escribía con moita formación. Aquí ao lado, onde está a tenda de xoguetes Kuki, estaba a imprenta de don Lino García Vázquez, fundador do xornal El Támega e fusilado en 1937. Botáronse encima del porque o que saía no seu xornal non querían que se soubese.

    Aquí se gardan os tipos móbiles das imprentas, moitos deles pertencían a don Lino. | Cristina Martínez

    Verín foi unha zona moi represaliada. Juan Manuel Prada xa falaba no seu libro, Ourense 1936-1939, da cantidade de cadáveres non identificados que se atopaban na carretera de Oímbra. Igual para moitos iso queda lonxe, pero dentro da historia hoxe débense coñecer as cousas. E cousas deste estilo quedaban plasmadas neses xornais. Desaparecían uns e aparecían outros, pero co alzamento nacional fastidiouse todo.

    Cando meu irmán sacou Verín baixo o franquismo e unha señorita na misa se lle quedara mirando estraño, acórdome que miña nai colleu e díxolle “se vostede cre que o que pón no libro non é verdade, vaian ao xulgado”. Non procede sementar o odio, senón que o que pasou sexa unha cousa de vida, normal, e que se poida contar.

    E tamén se nota un certo cambio no sentido comunitario das vilas. Cada vez é máis difícil xuntar á xente, sexa para o que sexa. Sinte que Verín mudou moito neste aspecto?


    Sinto que na xente da miña xeración había máis solidariedade. Agora estades todos fóra, estudando ou traballando. E os sistemas que se crearon a nivel laboral non axudan a nada. Por exemplo, xa se empezan a ver nas viñas modernas as máquinas vendimando e todo isto repercute no que repercute. Hoxe casi non atopas a ninguén nin para unha matanza, cando antes ías dun sitio para outro axudando e todos comían xuntos sen deber nada a ninguén. Pero a xente vai desaparecendo, vaise vendendo todo aos grandes capitais… Que falte xente, en todos os sentidos, non axuda a facer pobo.

    Falamos moito do pasado, pero como cre que vén o futuro?


    O futuro de Verín véxoo lento. Non hai preocupación pola xente que ten capacidade para mandar en atallar con algo que é factible, nin por conseguir un lugar para aqueles que queiran quedar. Aínda que sexa “a carioca que leva o rabo na boca”, témonos que adaptar aos novos tempos, pero tentando manter o bo que tiñamos antes. Hai que empuxar para parar un pouco esta carreira á présa.

    Cristina Martínez Lorenzo

    Estudante de cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

  • Alba González, mestra na concertada: “O alumnado debe coñecer a nosa cultura e a nosa fala, que é o máis importante que temos”

    Alba González, mestra na concertada: “O alumnado debe coñecer a nosa cultura e a nosa fala, que é o máis importante que temos”

    A mestra Alba González, na porta da escola San Rosendo | Mateo González

    O colexio San Rosendo queda na intersección das rúas Barrié de la Maza e Pintor Máximo Ramos. Subo pola primeira, unha costa pronunciada que me obriga a parar a tomar alento. Na miña pausa, observo unha pintura que me chama a atención: unha Mary Poppins con forma de Menina que está a sobrevoar as grúas do estaleiro ferrolán.  

    Prosigo a miña marcha e chego ata a escola. Na súa porta agárdame unha mestra que leva apenas dous meses dando clases a nenos de primaria. Chámase Alba. Non trae paraugas pero, ao igual que a personaxe interpretada por Julie Andrews, acompaña aos seus alumnos do barrio de Canido no seu espertar na vida. 

    Vostede tivo a oportunidade de realizar prácticas nun colexio público, e agora continuou a súa carreira profesional nun centro concertado. Existen diferenzas importantes entre ambos modelos con respecto aos labores que debe realizar como mestra?


    De primeiras, non podo comparar as funcións que facía no colexio público e no concertado, xa que no primeiro estaba de prácticas e agora contratada. Igualmente, si observo diferenzas nos labores que realiza o profesorado e nas súas responsabilidades; no ámbito público hai máis persoal en termos xerais e na concertada hai menos profesionais e recursos.  

    No meu centro, ao tratarse dun colexio pequeno, as tarefas repártense entre o persoal dispoñible. Na pública as funcións adoitan estar máis delimitadas entre o persoal docente, de apoio e coidador.  

    Ademais de ser titora de 5º curso de primaria, vostede tamén é profesora de Pedagoxía Terapéutica en varios cursos. Como valora os recursos dos que dispón o profesorado para levar a cabo este labor tan importante? 


    Tanto as miñas compañeiras e compañeiros coma min traballamos no día a día con bastantes nenos con necesidades, tanto dificultades de aprendizaxe, discapacidades varias, trastornos, etc. En xeral, os recursos na educación galega son moi escasos. 

    A miña impresión persoal é que faltan moitos profesionais, tanto profesorado, como persoal de apoio, como persoal coidador. Isto é algo a nivel xeral. Todas as necesidades do alumnado estanse traballando cun número de profesionais que non é o adecuado para promover o desenvolvemento óptimo que debería ter o alumnado. 

    Por outra parte, sabemos que no Reino Unido e no Canadá é normal que haxa dous docentes en cada aula. Aquí adoita haber un só mestre, e se hai moito alumnado con dificultades, pode incorporarse alguén de apoio. A figura do coidador é moi necesaria, especialmente se existen moitos nenos con necesidades máis graves, que non teñen control de esfínteres ou que non son quen de comer por si sós. 

    É necesario aumentar o persoal e reducir as ratios para atender máis adecuadamente ao estudantado. Por outra banda, aprecio que en moitas ocasións os alumnos con necesidades máis graves están mellor atendidos que os nenos e nenas con dificultades máis leves, que quedan medianamente esquecidos. Isto supón unha carga enorme para o profesorado, que non é quen de abarcar todas as dificultades que se detectan. 

    Considera que a responsabilidade e a realidade do seu traballo está suficientemente recoñecida tanto socialmente como polas administracións? 


    Por unha parte, socialmente, si que é certo que existe a idea de importancia do profesorado e da escola. Porén, existe tamén a visión de que o profesorado non traballa ou que traballa poucas horas, que ten moitas vacacións, moito tempo libre, etc. 

    A nivel administrativo, creo que a consideración é moito peor, especialmente a que temos os mestres da concertada. A nivel público as condicións son máis aceptables, pero as que existen na concertada non son as adecuadas, por iso se están sucedendo varias xornadas de folga para melloralas. A carga de traballo é excesiva, fai falta máis persoal; nalgúns casos as necesidades do alumnado non están suficientemente cubertas, ou si que o están pero cunha carga persoal moi elevada. 

    Non é o mesmo estar soa para adaptar os contidos ás diferentes necesidades que hai nunha aula, que facelo en coordinación con outro profesional. Ademais, as horas lectivas son máis que na pública e contamos con menos persoal e recursos.  

    Por outra banda, a Xunta considera que as condicións do profesorado da concertada non son prioritarias. Entendo que non somos iguais que o profesorado público, xa que non aprobamos unha oposición, pero tamén é certo que atendemos a un elevado número do alumnado galego practicamente sen medios para facelo correctamente.  

    No meu caso, comecei o 1 de setembro neste centro, pero a Xunta me fixo o contrato desde o 9 de setembro e non cobrei ese mes de setembro. Non foi ata finais de outubro cando cobrei os dous meses, xa que as nóminas pechan a comezos de mes. Eu considérome unha privilexiada, xa que puiden pasar estes dous meses sen dificultades maiores, pero as persoas que deben pagar o seu aluguer ou teñen unha débeda pendente poden verse nunha situación complicada.

    “Non somos iguais que o profesorado público, pero  tamén atendemos a un elevado número de alumnado galego practicamente sen medios”

    Este xoves pasado estaba convocada unha mobilización dos mestres da concertada de Galiza, na que se pedía unha mellora das condicións xerais deste grupo. Finalmente, aprazouse en sinal de loito polo accidente en Urda. Que melloras laborais concretas esixen á Xunta?


    A mobilización que se suspendeu consistía nunha caravana de coches convocada por varias entidades sindicais. Aínda así, a folga do día 10 de novembro segue convocada porque non se acadaron as melloras esperadas trala manifestación do pasado 6 de outubro.

    O que pedimos dende o ensino concertado son melloras no persoal, no salario e incluír os complementos de titoría que si existen no público. Ademais, reivindícase a redución da xornada lectiva e os complementos salariais. O persoal titor ten que xestionar un grupo, as súas familias e dedicar tempo ás titorías, no canto de preparar clases.

    Alba, debaixo do toldo na entrada do colexio no que traballa | Mateo González

    O movemento por unhas condicións laborais dignas na concertada está acadando cada vez máis impulso en Galiza. Cre que conseguirá algunha resposta por parte da Xunta?


    Eu son optimista, penso que as mobilizacións que están habendo, que cada vez teñen máis apoio, que a xente está motivada, organizándose, si que van servir para acadar certas mellorías, do salario, de equiparación de horas lectivas, das condicións xerais de traballo. Ao final, o profesorado da concertada atende a unha elevada porcentaxe de alumnado en Galicia. Xa aceptamos traballar con menos recursos, pero o profesorado ten que ter unhas condicións de vida dignas.

    Ferrol é unha cidade que está a atravesar numerosas transformacións poboacionais e culturais nos últimos anos. Algúns falan de crise demográfica, pero os últimos datos falan dun crecemento nos últimos tres anos. Vostede, como habitante da cidade, considera que se está invertendo a tendencia negativa?


    Opino que si se está investindo esta tendencia negativa. Aprecio unha cidade moito máis dinámica no último lustro. Veu moita xente, hai máis encontros culturais. Ferrol está comezando a ter un lugar importante entre as cidades galegas, xa que está medrando demograficamente e hai máis industria.

    Comentei con outras persoas, que opinan de xeito semellante a min, que a xente sae máis que hai unha década, cando as rúas de Ferrol estaban baleiras e parecía unha cidade pantasma. Vexo ganas de superar esta crise que sufriu a cidade e tamén unha maior valoración da contorna por parte da poboación. Opino que si se está invertendo esta tendencia negativa. Aprecio unha cidade moito máis dinámica no último lustro. Veu moita xente, hai máis encontros culturais. Ferrol está comezando a ter un lugar importante entre as cidades galegas, xa que está medrando demograficamente e hai máis industria.

    Que papel considera que debe ter a escola á hora de crear comunidade nun barrio como Canido?


    Gústame especialmente esta pregunta. Desde o meu colexio dáse moita importancia ao traballo coa contorna e a coñecer o barrio: os locais, os comercios; non só do barrio de Canido, senón do centro e de Ferrol Vello, que son os lugares próximos ao colexio.

    Por exemplo, este mes pasado foron as Meninas de Canido e fixemos un roteiro polas diferentes obras do barrio. Un alumno do colexio pintou o día da festa e explicounos curiosidades sobre a iniciativa. Ademais, o seu creador, Eduardo Hermida, colabora habitualmente co centro e todo o alumnado participou na elaboración dunha Menina con el.

    Amais, coas aulas de educación especial realizamos saídas acotío a comercios locais para fomentar a autonomía dos rapaces e que aprendan a organizar unha lista da compra, escoller produtos de proximidade e xestionar o seu diñeiro. Son actividades que me parecen moi importantes porque crean conexión coa comunidade.

    Comentábame que vostede dá clase a seis nenos e nenas procedentes doutros países e comunidades. Como se impulsa desde a escola a súa integración na veciñanza ferrolá?


    En xeral, a súa inclusión no centro é moi natural. Porén, somos conscientes de que poden ser nenos emocionalmente máis sensibles, porque son rapaces que deixan vidas atrás noutros países, botan de menos a familiares e amigos; todo isto témolo en conta.

    Son moi importantes para nós, non só cos nenos migrantes, as dinámicas de cohesión de grupo e de dinamización. A nosa intención é crear comunidade dentro da escola, xa que todos somos partícipes e igual de importantes.

    Na súa experiencia cotiá, atopa dificultades para dinamizar e normalizar o uso do galego entre o alumnado?


    Si, percibo moitas dificultades tanto para dinamizar como para normalizar o uso do galego. Mesmo falando na materia de Galego os nenos seguen a empregar o castelán, e o galego que utilizan é dun nivel bastante baixo. O feito de que toda a contorna do alumnado sexa castelanfalante inflúe en gran medida.

    Aprecio tamén certas reticencias a aprender a fala. Frases como “non entendo” e “non quero estudalo” son frecuentes. Seméllame sorprendente que a estas alturas continúen a existir este tipo de ideas. A diglosia é unha situación moi presente, polo menos na miña contorna, e desde o centro é un punto moi importante a traballar.

    Como se pode reverter esta situación?


    Creo que son especialmente importantes as actividades que lle dan importancia ao idioma. Non só utilizalo e simplemente normalizalo, senón realizar actividades entretidas que poñan en valor a nosa cultura e as nosas tradicións galegas e ferrolás.

    É moi relevante utilizar o idioma en actividades complementarias, festividades, no trato coa familia, así como nas actividades coas que coñecemos a nosa historia. Nun lugar como Ferrol, no que é complicado atopar mozos que falen o idioma de noso, resulta máis esencial.  Ademais, considero que o alumnado debe coñecer a sociolingüística, é dicir, o que sucedeu e o que está a suceder actualmente co galego. Deste xeito, coñecen a relevancia de preservar e recuperar a nosa cultura e a nosa fala, que é o máis importante que temos.

    Alba, xunto á decoración de Samaín que prepararon no centro. | Mateo González

    Mateo González Álvarez

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

  • Carla Mosteiro, bailarina: “Encantaríame abrir o meu propio imperio de escolas de danza en pequenas vilas”

    Carla Mosteiro, bailarina: “Encantaríame abrir o meu propio imperio de escolas de danza en pequenas vilas”

    A vilalbesa regresa a Galicia despois de completar os seus estudos profesionais en Madrid e reivindica a importancia da formación en disciplinas artísticas

    Carla Mosteiro bailando na súa Vilalba natal | Carlota Millor

    Atópome con Carla Mosteiro durante a mañá dun venres de outubro en Vilalba. Fronte a nós, dúas cuncas de leite con cacao e unha libreta gastada na que descansan, escritas con bolígrafo azul, as preguntas que teño pensado facerlle durante os próximos minutos. Ambas sabemos que o máis probable é que non as necesite. Xa cando acordamos vernos nesta cafetería fixémolo con intención de que a entrevista se acabase transformando nalgo semellante a unha charla entre amigas.

    Ata hai apenas uns meses resultaríame complicado pillar a Carla tomando un colacao en Vilalba. Ao rematar o bacharelato e despois de toda unha vida soñando con dedicarse profesionalmente ao mundo da danza, foi seleccionada para entrar no Conservatorio Superior de Danza María de Ávila en Madrid. O seu talento foi escollido como un dos trinta mellores de toda España e, aquel setembro de 2022, marchou á capital cunha maleta chea de ilusións e dúbidas por resolver.

    Catro anos despois, licenciada en Pedagoxía da Danza, volve a vivir na súa Vilalba natal para traballar en Lugo como profesora de baile mentres estuda un máster universitario a distancia. Este ano pasarao na casa, pero, co baile, nunca se sabe. Volver a Madrid pode acabar sendo unha opción.

    Bailas dende que tes uso de razón. Hai algo que recordes do teu primeiro contacto coa danza?
    Empecei a bailar en escolas aos tres aniños, pero xa hai vídeos meus cun ano subíndome á mesa do salón a bailar coa música de cando acababan as películas. É un dos meus primeiros recordos bailando.

    En que momento pensas: “Quero dedicarme a isto”?
    Sempre que me preguntaban que quería ser de maior dicía bailarina e algo máis. Bailarina e astronauta. Bailarina e policía. Bailarina e actriz. Pero bailarina sempre. Aínda que si que é certo que cando empecei no conservatorio aos 11 anos xa empecei a formarme máis profesionalmente.

    Criándote nunha vila do centro de Lugo, onde aparentemente “hai menos oportunidades” en comparación ás grandes cidades, como se perciben esas saídas?
    Eu sempre fun consciente de que en Lugo era practicamente imposible acabar vivindo de bailarina. Xa a nivel España é complicado, e dende pequena xa tiña en mente sitios como París ou Rusia. Si que é certo que conforme fun medrando e coñecendo as miñas capacidades funme centrando máis no tema da docencia dentro da danza, que é algo que aquí está máis asentado.

    “Dende pequena xa tiña en mente sitios como París ou Rusia”

    E verías posibilidades de desenvolvela aquí nun futuro?
    Si. De feito, na proba de acceso para entrar ao conservatorio de Madrid comentei que no futuro me encantaría abrir o meu propio imperio de escolas de danza na miña terra. Sei que é complicado, pero é unha idea que me gustaría desenvolver para que a danza poida chegar a todo o mundo sen necesidade de ter que desprazarte, como me pasou a min. Eu fun unha privilexiada, porque meus pais sempre me apoiaron en todo, pero entendo que moita xente non ten esa oportunidade.

    “Eu fun unha privilexiada, porque meus pais sempre me apoiaron en todo”

    Comentas que o teu núcleo familiar te apoiou en todo momento. Era así co resto da túa contorna? Como reaccionaba a xente cando dicías “quero ser bailarina”?
    A frase que sempre me dicían era: “Ah, que ben, e que máis?”. E ti quédaste pensando: “Como que que máis?”. [ri] A xente fala dende a ignorancia. E meus pais tamén sufriron eses comentarios. Dicíanlles que a ver cando me sacaban os paxaros da cabeza, que seguro que tanta dedicación ao baile me ía repercutir nos estudos. Eles nunca se derrubaron e sei que agora están moi orgullosos de min.

    Tiveches que sacrificar moitas cousas para poder dedicarte profesionalmente á danza?
    Cos estudos nunca houbo problema, porque, aínda que tiña que dedicar a fin de semana a poñerme ao día, sempre conseguín compaxinalo ben. A nivel social si que vía que as miñas amigas facían planes e eu nunca podía porque tiña ensaios ou clases. Había días que te sentías distanciada do mundo, pero non me arrepinto. No momento de chegar a clase e poñerme a bailar xa se me pasaban todos os males.

    E cando chegou o momento de marchar?
    Foi complicado. Ía ilusionada, pero coincidiume cun momento familiar complexo. Estaba máis preocupada polo que deixaba aquí que polos cambios que viñan. E tamén vas nerviosa, claro, porque con 18 anos veste soa nunha cidade enorme na que tes que desenvolverte por ti mesma.

    “Estaba máis preocupada polo que deixaba aquí que polos cambios que viñan”

    Nótase moito o cambio da vila á gran cidade?
    É curioso. Alí podes ir en roupa interior e todo o mundo pasa de ti. Es un máis, ninguén che presta atención e a xente é moito máis aberta. Iso si, prefiro o ritmo da vila. En Madrid a vida é demasiado frenética e acabas contaxiándote das présas.

    Dentro do conservatorio convivías con persoas de moitos lugares distintos de España. Notaches ese choque cultural?
    Si, pero como algo positivo. Compartía clase con xente de Granada, Burgos, Canarias… Éramos moi distintas, pero encaixábamos. É como un quebracabezas: as pezas son diferentes, pero ao final todo encaixa.

    Percibiches diferenzas a nivel de formación por vir de lugares diferentes?
    Había de todo. Si que é verdade que a xente de Madrid viña con máis estudos porque alí hai escolas especializadas e é máis frecuente que a xente se forme en artes. Pero, por exemplo, unha amiga miña de Canarias non tiña conservatorio profesional na súa comunidade. Se quería bailar podía ir a escolas privadas, pero non recibir unha formación como a que xa tiñamos outras persoas. Eu víaa e pensaba: “Que sorte tiven”, porque, aínda que en Galicia só haxa un, polo menos hai algo, sabes?

    A titulación que ti cursaches, Pedagoxía da Danza, ten a mesma acreditación que un título universitario. Cres que a xente é consciente diso ou pensas que a formación en baile séguese considerando algo secundario?
    Que va. Temos exames, prácticas, traballo de fin de grao… É unha formación tan completa como calquera outra. Eu estudei Historia da Arte, Anatomía, Acondicionamento Físico, Iluminación… Son cousas que a xente non ve de primeiras pero que están aí.

    De onde cres que vén ese prexuízo coas formacións de carácter cultural?
    Da desinformación. Estamos moi acostumados ás carreiras míticas e cando alguén che di que quere ser bailarín ou pintor quédaste sorprendido. Se dende o colexio nos ensinaran a cantidade de posibilidades que hai realmente fóra das carreiras máis establecidas e aprendésemos a abrir a mente, todo sería máis fácil.

    O imperio de escolas de danza que soñas con construír contribuirá a traer esa información ás pequenas vilas?
    Eu espero que si. Encantaríame poder trasladar ese coñecemento que eu adquirín dalgunha forma e ir facendo cursos de iniciación por distintos concellos para meterlles a semente da danza e que, despois, eles decidan. Creo que podería ser moi útil.

    “Encantaríame poder trasladar ese coñecemento que eu adquirín dalgunha forma”

    Con este proxecto en mente, se tiveses a oportunidade de sentarte aquí con todas esas persoas que querían sacarche os paxaros da cabeza, que lles dirías?
    Sinceramente? Toma! [xesticula co brazo e ri antes de poñerse seria de novo]. Ensinaríalles todo o que conseguín e toda a formación que teño e diríalles que estaban equivocados. Haberá quen o acepte e quen seguirá pensando que non estou tomando o camiño correcto. Non lles daría máis importancia. A maioría da xente que xulga así acaba tendo unha profesión e unha vida frustradas.

    E á Carla á que lle dicían que tiña que poñer os pés no chan?
    Eu son unha persoa que, por moitas negativas que vexa arredor, sempre loita polo que quere ata o final, por moitos golpes que poida recibir. Diríalle que siga así, que vai ben, e que non lle inflúa o que pensen os demais. E que estou orgullosa dela. Iso tamén.

    Carlota Millor

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • “Onde metes a túa vida de 26 anos?”: dous anos na procura dunha vivenda para Isabel 

    “Onde metes a túa vida de 26 anos?”: dous anos na procura dunha vivenda para Isabel 

    A súa irmá, Alicia Collazo, relata os problemas que afronta Isabel tras abandonar o seu piso na rúa Elduayen 53, en Vigo 

    Vigo

      Alicia na súa casa en Vigo | Noelia Montaño Guzmán 

    Alicia Collazo leva dous anos implicada na procura dunha solución habitacional para a súa irmá Isabel, quen tivo que abandonar en 2024 o seu piso na rúa Elduayen 53 onde vivía dende hai máis de 2 décadas. Isabel era a única inquilina que quedaba no edificio cando comezaron as obras de reforma para transformalo en apartamentos turísticos. Durante os traballos, a súa vivenda sufriu goteiras e outros danos que agravaron a situación ata facela insostible. Dende entón, Isabel pasou por varios hostais e actualmente vive nunha habitación compartida, mentres a familia continúa coas xestións á espera dunha resolución xudicial. Alicia conta como viviron este proceso e reclama unha alternativa habitacional que se adapte aos ingresos de Isabel.  

    Como describirías a Isabel máis aló do ocorrido coa súa vivenda? 

    Isabel atravesou unha situación persoal difícil ao longo da súa vida, pero levaba unha vida normal. Vivía alí, facía as súas cousas e pagaba o alugueiro relixiosamente co RISGA. Nunca deixou de pagar un mes. Levaba 26 anos vivindo en Elduayen e ten alí toda a súa vida.  

    Cando comezaron os problemas no edificio? 

    Ela xa tiña goteiras antes de que comezasen as obras. Avisaba aos propietarios de que lle caía auga na cociña e de que se lle estaban estragando as cousas, pero non lle facían caso nin lle arranxaban nada. Cando comezaron as obras, ela decatouse de que ocurría algo grave porque lle caía auga dende arriba, pola cociña e no cuarto. 

    Que estaba a pasar na vivenda mentres Isabel seguía vivindo alí? 

    Tiraron a fachada do edificio con ela dentro e puxeron unhas estadas. Tamén lle quitaron os cristais das fiestras sen permiso dela. Para separar o salón da rúa, puxéronlle uns colchóns e tamén uns plásticos finitos que non pretexían nada e que se movían co vento. Ao final, tiveron que ir por alí os bombeiros e a policía e dixéronnos que o piso non estaba para habitar e que Isabel tiña que abandonalo polo risco de que lle pasase algo. Hai que matizar que non foi un xuíz quen a botou, senón os bombeiros e a policía. 

    A nova fachada do edificio | Noelia Montaño Guzmán

    O voso avogado fala de posible acoso inmobiliario, que situacións vos levan a empregar ese termo? 

    Estábanlle facendo a vida imposible para que marchase do edificio. Ela non o podía deixar porque non tiña onde meter as súas cousas. Onde metes a túa vida de 26 anos? Ninguén se ofreceu a pagar un trasteiro para gardar as súas pertenzas nin unha mudanza para levar os seus mobles a outro sitio. Non lle ofreceron absolutamente nada. Ela estaba entre a espada e a parede. Non podía marchar de alí, non tiña onde gardar a roupa nin os mobles e, ademais, acabaron estragándolle moitas cousas coa auga e coa humidade.  

    Intentaron buscar outra vivenda para Isabel? 

    Había unha muller, unha tal Sofía que lle dicía á miña irmá que tiña que acompañala ver un apartamento porque tiña que deixar o seu piso, que o ían arranxar. Eu penso que a estaban enganando. Un día eu díxenlle: “Non te preocupes, vou eu. Á miña irmá enganádela, pero a min non”. Fun con Sofía e ensinoume varios apartamentos. Pero non sei se ela estaba metida no asunto dos novos propietarios nin se lle estaban pagando para facer ese papel. Iso non o podo asegurar porque non o sei.  

    Por que non lle serviron a Isabel esas alternativas? 

    Ensináronnos apartamentos turísticos que custaban entre 350 e 700 euros. Isabel cobra 531,60 euros de RISGA, así que non podía pagar esas cantidades. O alugueiro do piso de Elduayen era de 320 euros. Ela necesita unha vivenda que poida asumir economicamente, non unha que estea fóra das súas posibilidades.  

    Onde vive agora e que pasou coas súas pertenzas? 

    A primeira noite tivo que durmir nun hostal pagado polo Concello de Vigo a través dunha axuda de emerxencia porque non podía quedar no piso. Despois estivo noutros hostais e agora está nunha habitación compartida na praia de Samil pola que paga 225 euros ao mes e non pode utilizar a cociña. As súas pertenzas quedaron na súa casa de Elduayen. Intentamos ir recuperalas, pero puxeron uns barrotes na entrada. Isabel segue empadronada alí e ata ten as chaves. Ten unha lavadora, unha neveira, dous televisores, pero a auga e a humidade estragáronlle o pouco que tiña. É unha persoa nunha situación moi especial. Polo menos, deberían facer unha valoración dos danos e pagarlle algo do que perdeu.

    Como está afrontando a familia esta situación? 

    Nós axudámola no que podemos. Imos vela todas as semanas, levámoslle cartos para a comida e o almorzo e comprámoslle cousas que necesita como xampú ou zapatos. O meu irmán e eu fixemos un poder para tramitar todas as xestións por Isabel porque ela xa non quere saber nada, está farta. A situación é complicada. Xa levamos dous anos e estamos queimados. Nós tamén o estamos levando mal, aínda que a axudamos en todo o que podemos. Todo isto é terrible e estanos causando uns problemas incribles na familia.  

    En que punto está o procedemento xudicial? 

    O primeiro procedemento arquivouse e o avogado recorreu. Agora estamos á espera do xuízo que será o 18 de novembro. Eu creo que a van botar, alí xa non volve, pero tamén terían que dar algunha alternativa porque non é plan de coller a unha persoa e tirala á rúa. E se non ten irmáns que fai? Estaba tirada na rúa? Se perdemos o xuízo, pois non pasa nada. Uns gañan e outros perden. Haberá que buscar algo para ela e despois decidir entre todos que facemos.  

    Que apoio recibistes e que é o que máis botades en falta neste proceso? 

    O Concello de Vigo foi quen a axudou inicialmente pagándolle o hostal e concedeulle unha axuda de emerxencia. Tamén estamos recibindo axuda de Provivienda para ver se atopamos un piso, pero seguimos á espera dunha solución que se adapte ás súas circunstancias. O que botamos en falta é máis preocupación por unha persoa vulnerable, que non ten ingresos e que necesita unha vivenda. Ela non pode dicir: “Gústame este apartamento, pois vou alugalo”.

    Con que che gustaría que a xente quedase do caso de Isabel? 

    Gustaríame que a xente se dese conta de que isto é un problema delicado, que ela é unha persoa vulnerable e que o que lle fixeron é unha inxustiza. Non se pode facer isto con ninguén, pero menos con Isabel. E se a outra persoa lle pasa o mesmo, que loite pola súa casa, que se asesore e que non marche mentres non lle busquen unha solución.  

    Isabel e Alicia na portada do Faro de Vigo | Noelia Montaño Guzmán 
    Liña do tempo do caso de Isabel | Noelia Montaño Guzmán

    Noelia Montaño

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo da Universidade de Compostela

  • Guillermo Pedrosa: “Estou casado coa pintura”

    Guillermo Pedrosa: “Estou casado coa pintura”

    Guillermo posa no seu estudo coa súa obra Añil en Materia Latente | Sara Abalo

    Guillermo Pedrosa é un recoñecido artista plástico vilagarcián que leva máis de cinco décadas explorando os límites da arte. Cunha traxectoria marcada pola experimentación, converteuse nun pioneiro na arte visual conceptual, cunha linguaxe que transita entre a escultura e a pintura. A súa obra caracterízase pola procura de novas formas de expresión, nas que os materiais, os volumes e as ideas adquiren un protagonismo especial. Na actualidade, compaxina a súa actividade artística coa docencia nun estudio en O Carril e O Grove. Moi pronto presentará A Ductilidade do Pensamento, unha exposición que afonda na relación entre o presente e o baleiro.

    Comenzaches a pintar moi novo. Daquela, xa imaxinabas que a arte acabaría converténdose na túa profesión?

    Comecei a pintar aos once anos, pero todo cambiou cando os meus pais me regalaron un cabalete. Ao principio pintaba de todo: saía ao monte ou ao mar, facía mariñas e paisaxes. Naquela primeira etapa eran exercicios de aprendizaxe. Non sei se xa imaxinaba que chegaría a vivir disto, pero si que me apaixonaba. Tiña un compañeiro co que ía pintar do natural as fins de semana. Saiamos pola mañá, levábamos un bocadillo e pasabamos todo o día pintando. Nunha desas ocasións, comezamos a falar do que fariamos cando fósemos maiores, cando estivésemos casados. Entón dixen: “Eu estou casado, estou casado coa pintura”. Díxeno medio en broma, pero case foi un vaticinio, non? ao final a arte si que marcou a miña vida.

    Lembras cal foi a túa primeira exposición?
    Foi na miña vila, Vilagarcía, onde reunín plumillas, óleos, paisaxes e mariñas. Naquel momento apenas había espazos dedicados ás exposicións. O Casino, unha sociedade na que se organizaban mostras periódicas, foi o lugar onde realicei a miña primeira exposición individual. Antes participara en certames infantís de pintura, pero aquela foi a primeira oficial.

    A túa formación artística é autodidacta. Consideras que non ter recibido formación profesional dificultou o teu crecemento artístico?
    Ao contrario, creo que agradezo ter sido autodidacta. Non teño unha licenciatura, pero adquirín os coñecementos pola miña conta. En Galicia non había opcións para estudar arte. Fun á Mestre Mateo, onde aprendín modelado, debuxo e escultura. Tamén asistía como oínte ás clases de Historia da Arte na facultade. Fun construíndo a miña propia formación. Quizais me dificultou aprender determinadas técnicas, iso si, pero case que o agradezo. Se aprendes nun sitio, ás veces dancho todo feito, e a liberdade permitiume experimentar cos materiais. Eu sempre fun inquedo e investiguei cos materiais. Atopábaos en ferraxarías e carpintarías, non en tendas de material artístico.

    A túa obra é un híbrido entre pintura e escultura. Que espertou a túa curiosidade por ir máis aló da arte canónica?
    A inquedanza. Cando ía en coche dar cursos paraba na praia da Lanzada e daba paseos escoitando música. Entón ía mirando para a area e, sobre todo no inverno, cando había temporais, atopaba restos de pequenas embarcacións, como gamelas, que chegaban á praia á deriva. Entón recollíaas e ía meténdoas no maleteiro. Deste xeito, moi pouco a pouco, comezaron a aparecer cousas no lenzo. Nun lenzo normal, bidimensional, ía pegando madeiras ou unía unhas pezas con outras mediante cordas ou arames. Foi así como entrou o volume na miña obra. Primeiro, de maneira sutil, con pezas pequenas, finas e planas; despois, progresivamente, fun introducindo cada vez máis volume.

    Hai algún elemento da túa vila que te inspirase ata o punto de incorporalo nas obras?
    Inspírame todo, pero especialmente o mar, tanto pola area como polos materiais que ofrece. Cando deixei de incorporar as pezas tal e como chegaban á beira, comecei a crear as miñas propias formas. Antes, as formas viñan determinadas polas pezas que atopaba, o que traballaba era o fondo da obra. Aínda así, o mar segue moi presente na miña obra, comecei a incorporar area do mar sobre a masa. As cores tamén probablemente proceden do mar. Nalgunhas obras aparecen tons agrisados e azuis. Lembro unha peza de madeira moi deteriorada, marcada polo verde, que traballei con esa mesma cor. Sempre tiven moito contacto co mar. Actualmente teño o estudo a dez metros del: saio do estudo e practicamente estou na praia.

    Ao longo da túa traxectoria, experimentaches problemas de saúde relacionados cos materiais que empregabas. De que maneira tiveches que adaptar o teu proceso creativo a estas circunstancias? 
    Iso foi culpa da investigación con materiais non convencionais. Eu utilizaba alcatrán, queroseno e mesmo ácido sulfúrico. Todos eses materiais eran tóxicos por inhalación e, cando decidín deixalos, o dano xa estaba no meu organismo. Entón decidín utilizar outras técnicas máis inocuas e máis á auga, como o acrílico e comecei a traballar con máscara. Xa non utilizo aqueles materiais, pero sigo exposto a outros. Afectou á miña saúde? Si. Vou deixar de traballar por iso? Non. Ao final, todos imos morrer. Así que, mentres viva, farei o que teño que facer e deixarei constancia do meu traballo.

    As túas viaxes a Madrid permitíronche coñecer de preto a obra de grandes mestres. Cres que vivir nunha localidade pequena, como Vilagarcía, condicionou dalgún xeito o teu desenvolvemento como artista? 
    Gustaríame ter vivido en Madrid ou Nova York, en lugares onde se move moita arte. Pero, debido á miña formación autodidacta, ía moitísimo a Madrid, seis ou oito veces ao ano, só para ver exposicións. Agora ben, vivir aquí, afastado dos grandes centros, nesta etapa da miña vida, o prefiro. Teño tranquilidade. O repouso mental é moi importante, igual que o físico. Se vas de estudo en estudo e de inauguración en inauguración, cando traballas? Estou moi cómodo así. Esa voráxine xa non é para min, a calidade de vida que teño aquí non a conseguiría neses grandes centros.

    Próximamente inauguras A ductilidade do pensamento en Lugo. Que podemos esperar desta nova proposta?
    Quero crear unha exposición que me interese e que resulte atractiva. Para min é importante a relación entre o que está presente e o que falta. Vou procurar que sexa unha exposición diáfana e tranquila, a pesar de que as obras son moi diferentes, porque hai pezas volumétricas e un par de instalacións.

    Ademais, no Concello hai interese en que a mostra se prolongue no tempo, durante tres meses e queren organizar visitas guiadas e achegar a exposición aos centros educativos. Paréceme moi interesante facer chegar o artista e a súa obra á mocidade.

    Obras pictóricas de Guillermo Pedrosa

    Sara A. Pérez

    Estudante do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

  • Chus Carracedo, presidenta de Patiñas da Estrada: “Non había adopcións e chegaban cada vez máis gatos”

    Chus Carracedo, presidenta de Patiñas da Estrada: “Non había adopcións e chegaban cada vez máis gatos”

    Chus Carracedo, presidenta da asociación, con Laly, unha das gatas en adopción, en brazos | Catuxa
    Rodríguez

    “Patiñas da Estrada” é unha asociación protectora de animais sen ánimo de lucro que xorde hai case un ano e medio. Dende entón, a súa misión foi variando entre salvar gatos e cans en situación de rúa, darlles os coidados que necesiten o tempo que necesiten e velar pola adopción responsable destes. Non obstante, agora os que precisan de axuda son eles, pois hai escasas dúas semanas que tiveron que pechar as portas das adopcións por falta de recursos.

    Imaxino que para unha protectora de animais pecharlle as portas a aqueles que se atopan en situación de abandono foi unha decisión difícil de tomar. Que foi o que vos levou ata este punto?

    Principalmente, que non temos un local. Nós somos unha asociación moi pequena, levamos un ano e catro meses sen axudas nin subvencións, sobrevivindo a base desocios, doazóns e moi poucos cartos. De feito, o noso local é unha pequena casiña prestada por un particular con só catro espazos nos que xa temos a 16 gatos, e un canil no que temos un can. É inviable abrirlles as portas a máis agora mesmo se lles queremos dar un coidado digno, non temos sitio para máis.

    Ante isto, o concello de A Estrada propuxo habilitar algunha das antigas escolas rurais que se atopen en desuso. Como melloraría a vosa situación dispoñer destas novas instalacións?

    Sería un novo comezo. Xa só con un mínimo que sería poder ter un baño, unha sala de corentenas e polo menos oito cubículos, avanzaríamos moitísimo. O malo é que esa casa que nos ofrecen… [suspira] Está bastante abandonada. Non hai seguridade de que nola den porque, ao ser pública, calquera veciño a pode reclamar, e nese caso entraríamos en desputa. No caso de que nola den, terían que poñernos luz, auga, ventanas… É algo que nos corre bastante présa, porque se nós non nos facemos cargo das colonias do concello estas multiplícanse e, ao final, é unha pixota que se morde a cola.

    O voso equipo confórmano persoas voluntarias que aproveitan o seu tempo libre para colaborar coa causa, sen ningunha remuneración. Ata que punto chega a solidariedade cando se poñen as cousas difíciles?

    Por esa parte estamos tendo moita sorte. Si que é certo que sempre estamos baixo mínimos, ao final somos unha asociación moi pequena con moi poucos cartos e sen ningún tipo de axuda, pero cando as cousas se poñen realmente difíciles, a xente vólcase con doazóns. Á xente pódelle parecer unha tontería pero só doar catro ou cinco euros para nós é toda unha axuda. Se todo o mundo doase un euro, sería unha marabilla.

    Ademais, á busca dun espazo adecuado súmase a necesidade de máis voluntarios que poidan colaborar. Que debe ter alguén para colaborar con Patiñas?

    Un amor infinito polos animais e ganas de axudar. O resto xa o poñemos nós.

    Este é un problema que chegou ao límite agora pero que xa se ven avisando por parte da asociación ao Concello dende verán. Cres que se podería ter evitado esta situación se se tivese actuado antes ou era algo inevitable?

    Si, era algo que ía pasar porque pasa cada certos meses. Precisamente ao ser verán a xente marcha de vacacións e non adoptan, polo que o ritmo ralentizouse. Non había adopcións e chegaban cada vez máis gatos. Agora parecía que todo comezaba a moverse, pero tamén entrou o factor de que a xente pensa que unha adopción é gratuítacando non, polo que tampouco queren adoptar. Eu penso que cando todo corre do noso peto, cobrar un mínimo é indispensable.

    Vós explicastes que despois de verán a situación da protectora empeorou, por unha parte porque incrementaron as camadas de gatos, e por outra porque as citas de castración concedidas por CAAN (Centro de Acollida de Animais Abandonados) diminuíron. Porén, a Deputación de Pontevedra nega isto e di que as citas non diminuíron. É un xeito de mirar cara outro lado por parte da institución ou un malentendido?

    Si, eu creo que é mirar cara outro lado. Eles publicaron un artigo onde dicían que ían conceder 200 castracións. A nós só nos castraron 48. Si que é verdade que CAAN nos dixo que fomos o concello que máis castracións tivo, pero aínda así paréceme unha mala xestión pola súa parte. Tiñamos moitos gatos en lista de espera e pecháronnos as portas, cando nos correspondían 152 castracións máis. Entendo que, quizais, non terían infraestrutura, pero entón que non enganen.

    Finalmente, que cambios credes que fan falta para que a protectora non se volva encontrar na mesma situación dentro duns meses, por exemplo?

    Máis concienciación, castración e o método CER [Captura, esterilización e retorno]. O máis importante para nós é que a xente se conciencie de non deixar saír aos seus gatos á rúa sen supervisión, corren risco de atropelos e de dar lugar a camadas descontroladas. E se queren deixalos saír, que non deberían, que os esterilicen e lle poñan chip. Fai falta moitísima, moitísima concienciación sobre este tema, porque a xente ten moi normalizado deixar os gatos soltos, e despois veñen os problemas. De feito, queremos empezar a ir dar charlas polos colexios para concienciar sobre o tema.

    Catuxa Rodríguez

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago Compostela

  • Xurxo Souto, artista coruñés: “O máis importante é que todo o mundo poida ser protagonista da súa propia cidade”

    Xurxo Souto, artista coruñés: “O máis importante é que todo o mundo poida ser protagonista da súa propia cidade”

    O cantante galego fala con emoción tras o cambio da rúa Alcalde Sanjurjo Carricarte da Coruña polo nome dos Diplomáticos de Monte Alto

    Xurxo Souto na modificada rúa Os Diplomáticos de Monte Alto na Coruña. | Damián Suárez Capelán

    Ás veces os cambios non teñen porque ser malos, sobre todo se significan algo positivo. No caso dos veciños da rúa Alcalde Sanjurjo Carricarte, no barrio coruñés de Monte Alto, o que muda é o seu enderezo. Hai unhas semanas, o pleno municipal aprobou a iniciativa de cambiar o nome da rúa, por mor da alcaldía franquista que homenaxea, polo dunha banda que marcou un antes e un despois no barrio: Os Diplomáticos de Monte Alto.

    Co artista Xurxo Souto como vocalista, o grupo bravú consegue facerse un oco no lugar que o viu nacer dun xeito moi especial. Algúns veciños xa o berran: “Imos ser Os Diplomáticos de Monte Alto!”, aínda que para outros o cambio pode ser complicado. Segundo Xurxo, o importante é que a cidade sexa de todos e quizais este pode ser un dos primeiros pasos cara ese camiño.

    Cal foi a vosa reacción tras recibir a noticia da homenaxe co cambio do nome da rúa?
    Nós realmente nin o pedimos nin o esperabamos, polo que foi unha alegría enorme. De feito, foi unha rapaza de Monte Alto chamada Beatriz a que fixo esta proposta e logo xa si que foi xestionado pola agrupación Alexandre Bóveda e levado ao consello polo BNG con apoio do PSOE e coa oposición do PP. Á xente o que lle parece mal é que se lle quite o nome a toda a rúa e a min iso é o que me parece máis bonito, xa que por fin desaparecería o nome dun alcalde franquista, que é unha anomalía nun espazo que é de todas e todos. Para nós é unha alegría marabillosa e aqueles rapaciños que empazabamos naqueles tempos nunca chegarían a pensar que unha rúa do seu barrio levaría o seu nome.

    Que supón para a banda que a iniciativa do cambio parta do barrio e chegue a oficializarse?
    A cuestión está aprobada, aínda que non está cambiado oficialmente, mais parece ser que será nas próximas semanas. Eu mesmo teño unha amiga que vive na rúa e ela xa emprega o novo enderezo e xa lle chegan as cartas sen ningún problema. O máis importante é que todo o mundo poida ser protagonista da súa propia cidade e, no caso da Coruña, é unha honra que se resalce dende Monte Alto. Agora o que falta é ver como o celebramos, porque haberá que festexar que a cidade sexa máis rica, máis diversa e menos tópica.

    “Haberá que festexar que a cidade sexa máis rica, máis diversa e menos tópica”.

    Como de complicado é xestionar unha homenaxe tan diferente como é a de cambiar o nome dunha rúa?
    Cando se fai unha proposta, hai unha comisión de honras no concello na que expertos estudan o caso e despois tense que votar no pleno. O proceso é sinxelo. Ao final un espazo público é un lugar que ten moito valor e que hai que coidar e mimar. É interesante que se poñan nomes que acheguen valores positivos cos que todo o mundo se poida sentir identificado.

    Imaxe da rúa dos Diplomáticos de Monte Alto (antes rúa Alcalde Sanjurjo Carricarte). |Damián Suárez Capelán

    Que vos fai sentir formar parte desta especie de proceso na xestión da memoria democrática?
    Os Diplomáticos representabamos unha parte da sociedade que non aparecía reflectida nos medios e tocabamos unha música dos barrios que estaba desparecida do discurso oficial da cidade. Moitas veces hai comentarios nos que a xente di que se deben conservar nomes da época franquista e é algo que non concibo porque segue sendo honrado nas rúas un réxime que fixo tanto dano a moitas persoas. Neste sentido, sentímonos moi contentos de que a través de nós aparezan reflectidos estes valores nas rúas. É algo precioso.

    “Os Diplomáticos representabamos unha parte da sociedade que non aparecía reflectida nos medios”.

    Cres que a cidade acabará por acostumbrarse ao cambio? 
    Eu penso que a todo nos acostumbramos. O cambio de quitarlle o “l” ao Deportivo da Coruña tamén foi complicado e dicíase que nos roubaran unha letra. É dicir, esos cambios que parecen terribles, ao final afacémonos a eles, sobre todo cando están cargados de connotacións positivas como é no caso do cambio do nome da rúa. Sempre haberá un recalcitrante que dirá que sempre foi doutra forma. De feito, na propia rúa hai un colexio que antes se chamaba Sanjurjo Carricarte e o claustro do profesorado pediu o seu cambio. Agora ben, cómpre destacar que coa mudanza non se quere dicir que o alcalde non fixera cousas positivas, mais no seu momento foi ilexímito porque partía dun réxime ilexítimo.

    Botando unha ollada ao pasado, o camiño da banda ata conseguir esta homenaxe foi moi longo e cheo de grandes recoñecementos. No inicio, cales foron as razóns polas que xurdiron Os Diplomáticos?
    A verdade é que éramos todos rapaces do barrio obreiro de Monte Alto, aínda que viñamos de diferentes aldeas. Nós o que queríamos era facer rock en galego porque naquel momento dicíase que o galego non valía para iso. Ante a situación, decidimos poñer en valor as músicas que escoitabamos nas nosas casas. O guitarrista, Guni, viña de Betanzos e á súa familia gustáballe a música enxebre. O acordeonista, Rómulo, era seguidor dos Chichos e a súa familia escoitaba moitas rancheiras mexicanas. A min encantáme a música folk e, por outro lado, os meus avós fundaron Los Satélites. Deste xeito, mesturamos esas músicas e, aínda que nos dicían que ía ser imposible porque non se falaba galego na Coruña, foi bastante ben e foi moi sinxelo de levar a cabo posto que había algo aí que ninguén formulaba pola visión elitista que existía.

    Damián Suárez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • Jacobo Pérez, alcalde de Caldas de Reis: “É moi reconfortante ver como todo o traballo levado a cabo serviu para algo”

    Jacobo Pérez, alcalde de Caldas de Reis: “É moi reconfortante ver como todo o traballo levado a cabo serviu para algo”

    Jacobo Pérez explica o acordo acadado entre administracións e veciñanza para desviar a Variante Oeste e evitar o impacto nos núcleos habitados

    O alcalde nunha das zonas ás que máis afectaba a Variante Oeste | Ana González

    Despois de tres meses de incertezas e intensas mobilizacións nos tramos afectados polo proxecto, o concello de Caldas de Reis confirma a paralización do trazado orixinal da autovía de acceso ao porto de Vilagarcía de Arousa dende a AP-9.

    O proxecto inicial, que contemplaba a expropiación e derrubamento de case medio centenar de vivendas familiares do municipio, quedou definitivamente descartado este pasado setembro despois de longas negociacións por parte do concello, as plataformas de veciños afectados e as delegacións do goberno. O novo proxecto que se levará a cabo discorrerá por unha nova ruta alternativa que evita os núcleos habitados.

    Para coñecer como se levou a cabo toda esta situación falamos con Jacobo Pérez Gulín, alcalde de Caldas de Reis, para saber como se xestionou esta crise e como ven dende a veciñanza esta victoria.

    O alcalde, Jacobo Pérez, nunha das zonas máis afectadas pola Variante Oeste. | Ana González

    Dende o momento no que se coñeceu as zonas polas que pasaba este proxecto da Variante Oeste apareceu unha gran oposición veciñal. Cal foi a actuación por parte do concello ante esta situación?
    Nós dende un primeiro momento posicionámonos de forma contundente de parte dos veciños. Ao coñecer a intencionalidade de realizar este proxecto, comezamos a mobilizarnos en diferentes reunións coas distintas administracións correspondentes e tamén co delegado do goberno, Pedro Blanco, reunión á cal fun con distintos representantes das plataformas de veciños. Estas eran reunións nas que pedíamos de forma reiterada que se buscasen solucións que afectasen de forma mínima aos veciños dos concellos e que fosen conscientes de toda a problemática que estaba supoñendo en todas as parroquias afectadas.

    “Nós dende un primeiro momento posicionámonos de forma contundente de parte dos veciños”

    Falando de plataformas veciñais, cales eran as parroquias máis afectadas por esta variante e de que forma podería afectar a Caldas que se levase a cabo ese proxecto?
    As parroquias máis afectadas por esta variante eran Godos, Saiar, Bemil, Arcos da Condesa e Santa María. De oito parroquias rurais que ten o concello, cinco estaban afectadas, porque dentro do estudo deste proxecto había seis alternativas e en función da que se escollese podía afectar a unha parroquia ou a outra. Principalmente a que máis afectada estaba era Godos porque todas esas alternativas nacían alí entón en función de cal se escollese afectaba a unha parte ou a outra, polo que nese caso sería de falar de destrozo en calquera lugar. Se falamos xa de como afectaría a Caldas centro, que non pasen os vehículos pesados por aí sería beneficioso, xa que non se formarían retencións en horas puntas, pero consideramos que non era unha solución compensatoria se temos en conta todo o dano que ocasionaría.

    Veciños das parroquias de Caldas de Reis protestando pola realización da variante | Martina Miser (La Voz de Galicia)

    E cal foi a resposta por parte das delagacións ante estas peticións?
    Eu persoalmente considero que entenderon a nosa postura, foi unha resposta receptiva polo menos por parte das delegacións correspondentes, que intentaron buscar solucións e transladarlle ás partes superiores todo o que podería repercutir que se levase a cabo este proxecto.

    E, xa que di que por parte das delegación entenderon a vosa postura, cal cres que é o motivo polo que querían levalo a cabo dende un primeiro momento?
    Nós entendemos que eles quixeran facer un acceso ao porto de Vilagarcía porque é, cando menos, estratéxico para o Estado e que pensasen tamén que a realización deste proxecto sería moi importante á hora de reducir tráfico por todos os camións que terían que pasar polo centro da vila. O problema é que esa suposta situación que eles plantexaban non ía mellorar a situación, ou non a mellora tanto, como para perxudicar de forma tan grande ao futuro de parroquias como Godos, a máis afectada polo proxecto, ou ás parroquias do concello de Portas que tamén se vían moi afectadas. Tamén entendemos que esta proposta é, medioambientalmente falando, a proposta máis ecolóxica de todas, ao contruirse na zona do río con menos risco de inundación, pero tamén temos que ter en conta que Caldas está bañada por dous ríos e o risco de inundación podía seguir aí. Nós de todas formas non temos a capacidade técnica para ir en contra dun estudo ambiental, pero si que a temos para tratar o estudo social, demográfico e económico que acarrea a realización deste proxecto e todo o impacto negativo que toda esta variante fai.

    Estudo do novo proxecto | Imaxe cedida polo Concello

    Por parte do Partido Popular de Caldas de Reis (a oposición) levaron a cabo unha iniciativa tamén para recoller sinaturas e paralizar este proxecto. Que vos pareceu dende o concello esta iniciativa? No caso de que a situación houbese ido a máis, seríades capaces de formar alianza con tal de parar a realización desta variante?
    Por suposto, nós dende un primeiro momento consideramos que isto non era un tema para polarizar nin diferenciar entre bos e malos, estabamos todos ao tanto da situación e como se di normalmente: todos postos á unha. Ao final o importante é que non se realizase todo ese dano sobre o noso concello e, no caso de que fose necesario colaborar, cremos que por ambas partes sería de boa acollida.

    “Ao final o importante é que non se realizase todo ese dano sobre o noso concello”

    Xa para rematar, podería contarnos como recibiron no concello a nova proposta de proxecto? Como se vería afectado o concello desta forma?
    Pola nosa parte estamos moi contentos por esta nova proposta, xa que afectaría de forma mínima ao municipio e ás súas parroquias e, polo tanto, non afectaría tampouco aos veciños e ás súas vivendas, que dende un primeiro momento era o que máis nos preocupaba. Este novo proxecto plantexa unha forma de conectar ambas partes, a AP-9 e o porto de Vilagarcía, sen afectar a ningunha zona residencial. Sería un par de quilómetros máis pero non se levaría a cabo ese destrozo do que falabamos antes. É moi satisfactorio ver como todo o traballo levado a cabo dende o concello e dende a veciñanza non foi en van e como se puido buscar unha solución coa que todos puidésemos estar conformes.

    Ana González Chogó

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • Rubén González: “As librarías de barrio son a resistencia”

    Rubén González: “As librarías de barrio son a resistencia”

    Hai apenas tres semanas que Rubén González levantou por primeira vez a persiana de O Desvío, a libraría independente que abriu no barrio vigués do Calvario

    Escaparate de O Desvío | Lara Gómez

    O proxecto naceu a mediados de agosto como unha conta de Instagram, sen local nin libros, e financiouse en parte grazas a unha campaña de micromecenado en Verkami. Hoxe xa é un pequeno refuxio para lectores que buscan algo distinto do que ditan as listas de vendas.

    Facer barrio dende o mostrador

    Que consideras que fai diferente o teu modelo de negocio das grandes librarías?

    Ante esta pregunta, Rubén González explica que a idea de O Desvío é “volver un pouco á esencia” do que eran as librarías nun comezo. Para el, a clave está en “a proximidade, ao final, coa persoa que está detrás do mostrador”.

    O seu obxectivo, afirma, é “facer barrio” e conseguir que cada persoa que entre pola porta “conte e signifique algo, que non sexa soamente un número”. Por iso tampouco é casual a localización do local, que non está no centro de Vigo, senón no barrio do Calvario. O que busca O Desvío é ofrecer un lugar onde poder charlar con quen está detrás do mostrador, deixarse recomendar e xerar unha retroalimentación mutua, construíndo relación coa clientela.

    “Que cada persoa que entre pola porta conte e signifique algo”

    Se ten que quedar cun valor imprescindible para este proxecto, non dubida: “a selección”. Quizais por iso, cando lle preguntamos como empezou a súa idea de crear este negocio, matiza a palabra antes de responder. Conta que é lector dende hai moitos anos e que sempre lle pareceu que en Vigo facía falta un espazo coma este. Co tempo e por cousas da vida, xurdiulle a oportunidade de levalo a cabo.

    En entrevistas previas á apertura, González xa explicara que se lanzou a materializar a idea tras quedar sen traballo, coa intención de montar unha libraría pequena “con criterio propio e sen intentar telo todo”.

    Que se pode atopar nesta libraría

    Á pregunta “que libro non venderías nunca, aínda que cho pedisen todos os días?”, a resposta chega entre risas: “Hai tantos”. E pon nomes: “Algún de Pérez-Reverte ou algo así. Carmen Mola, estas cousas”. Iso non quere dicir que O Desvío lles peche a porta aos superventas, que tamén teñen oco, pero non levan o protagonismo: comparten andel con ensaio social, historia, cómic ou exemplares descatalogados. Rubén deixa claro que no Desvío se fai unha criba en función dos valores e da liña ideolóxica que sustentan o proxecto.

    Cando lle preguntamos se ten algún libro que marcase algunha etapa da súa vida, a resposta é La educación de un ladrón, de Edward Bunker. “Gustoume moitísimo, a verdade, cando o lin”, recorda. Son as memorias dun autor que pasou boa parte da súa mocidade entre reformatorios e prisións antes de converterse nun escritor de culto, unha historia sobre como a literatura pode desviar o rumbo dunha vida.

    Libros no interior do Desvío. Lara Gómez
    Libros no interior do Desvío. Lara Gómez 

    Sobre se existe un libro da súa libraría capaz de gustarlle a todo o mundo, móstrase prudente: “Que guste a todo o mundo é complicado”. Considera que a literatura “é bastante particular”, aínda que “o que está ben feito, aínda que a ti non che guste, sabes recoñecelo”. Por iso aposta polos clásicos e cita Noites brancas, de Dostoievski.

    “O que está ben feito, aínda que a ti non che guste, sabes recoñecelo”

    Ensaios para repensar e unha axenda por estrear

    “Fálanos un pouco sobre o novo club de lectura”, pedímoslle. González aclara que “é máis do espazo que meu”, xa que non o coordina el, senón unha rapaza de O Fío, que exerce de dinamizadora. Iso si, o club aproveita que O Desvío está moi centrado no ensaio, “que é o que a min me chama máis como lector”. Explica que hai un boom de clubs de lectura, pero case todos son de narrativa. Por iso queren apostar por este xénero, con textos que non sexan demasiado densos e que dean para debater.

    Á cuestión de que proxectos quere implementar proximamente, asegura que a súa intención é dinamizar o espazo “o máximo posible”, máis alá de que cada proposta lle interese máis ou menos a el persoalmente. Xa están apalabrados un curso de dirección cinematográfica e outro de fotografía e escrita, “algo creativo diferente”, ademais de lettering e “algunha cousiña máis” que irán concretando. Tamén ten pendente a biblioteca do local: “Cando a vida me dea un respiro, intentarei darlle o peso que merece”.

    Dúas palabras

    Para rematar, ao pedirlle que complete a frase “as librarías de barrio son…”, Rubén González responde sen pensalo: “A resistencia”. Unha definición que resume ben o que pretende O Desvío no Calvario: un lugar onde mercar libros con calma, deixarse recomendar e saír, como suxire o seu nome, do camiño de sempre.

    Lara Gómez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • María Xesús Blanco, escritora: “No libro quería que a riqueza cultural da migración se vise como algo positivo”

    María Xesús Blanco, escritora: “No libro quería que a riqueza cultural da migración se vise como algo positivo”

    A autora presentou hai unhas semanas a súa segunda novela, Folerpas no mar

    A narradora afincada en Ribeira cun exemplar da obra publicada pola Editorial Galaxia | Andrea Abad

    A luz da mañá entra pola xanela e vai pousando sobre a sala de María Xesús Blanco (Cabanelas, 1968). A súa biblioteca enche o espazo de libros, como é propio de alguén que foi lectora antes que escritora. Sobre a mesa está a primeira novela que leva a súa sinatura, O caderno de Rosalía. A carón dela, a súa nova obra, Folerpas no mar, que conta a historia de Zahi, un neno de oito anos que empeza a descubrir o mundo durante unha intensa nevarada. Rodeada de historias, a melidense comeza a reconstruír a súa como autora.

    Na túa presentación na páxina da Editorial Galaxia dis que sempre tiveches paixón pola literatura e moitas ganas de ler. Houbo tamén sempre esas ganas de escribir?

    Primeiro foi a ansia de ler, dende nena me gustou moitísimo. Despois, aínda que sempre escribín algo, facíao para min; non pensaba en publicar. Facía reflexións, pequenas historias, algún poema… Pero na miña xuventude, a partir de que empecei a traballar, comecei a ter esa inquedanza por escribir e, quizais, por publicar.

    En que momento houbo esa transición a escribir pezas máis narrativas?

    Non son consciente, foi máis ben espontáneo porque nunca tiven moito tempo para escribir. Empecei escribindo poesía. De feito, mandei algún poema a certames literarios, pero o camiño levoume máis pola narrativa. Non sei se pode estar relacionado co meu traballo como mestra, pois, aínda que escribo cousas para persoas máis adultas, tamén tiven interese por escribir e chegar a publicar cousas para xente noviña.

    Es das que se deixa levar pola inspiración ou escribes en momentos concretos?

    Penso que se les é máis fácil que teñas inspiración. Pero, ás veces, as ideas tamén se che ocorren no momento menos pensado. Tenme pasado de ir conducindo ou estar traballando e que, de súpeto, se me ocorra algo. Non sempre vén cando te pos a escribir, polo menos no meu caso.

    Son un pouco anárquica ou caótica, no senso de que, ao non ter moito tempo, aproveito os momentos que teño. Se teño unha historia na cabeza, levántome de noite a escribir porque sei que polo día non vou poder.

    Como chega a oportunidade de publicar por primeira vez?

    Ás veces chega de diferentes xeitos. Eu enviei O caderno de Rosalía a un certame literario e, aínda que non gañou, quedou finalista. Logo, pregunteille ao editor de Galaxia naquel momento, Francisco Castro, se había algunha posibilidade de publicalo e dixo que era unha boa idea. Entón, envieillo a un editor, pero non é fácil.

    O proceso de creación é longo porque igual a idea é fermosa, pero ten incorreccións lingüísticas ou palabras non axeitadas para quen a vai ler. En lingua galega, unha boa oportunidade son os premios literarios, pero tampouco é fácil gañar e primeiro hai que presentarse. Hai que crear e participar, cousa que non estou facendo neste intre, pero non descarto facelo no futuro.

    O novo libro, Folerpas no mar, trata moitas temáticas. Entre elas, o acoso, a emigración ou a falta das figuras paternas. Como se plasman cousas tan complicadas no papel?

    Van xurdindo. Eu tiña claro dende o principio que quería tocar eses temas. Cando comecei a escribir, o libro era moito máis curto e pensei que xa o tiña rematado, pero logo decidín que había que seguir creando.

    O xermolo da obra foi a neve e partín das lembranzas da miña infancia. De nena, parecíame un elemento máxico porque, de súpeto, a paisaxe cambiaba completamente e non ía á escola, quedaba un día ou dous na casa, xogaba con ela… Quería que esa maxia estivese todo o tempo na historia e conectara todo dende o inicio ata o final. E, a partir de aí, contar máis cousas coa personaxe de Zahi, un neno que empeza a descubrir cousas novas, boas e non tan boas. El está sendo máis consciente da realidade que o rodea, desfrutando das amizades, da súa nai e do seu pai, co que lle gustaría pasar máis tempo, pero, ao estar embarcado, non pode ser. Tamén ten unha relación marabillosa cos avós e coa cadela Furna.

    É como un retrato de Galicia: o pai embarcado, o tema da emigración…

    Aquí, en Ribeira, hai moitos nenos que teñen o pai embarcado. Quería plasmar un pouquiño iso, pero a historia tamén intenta estar mergullada na realidade actual. Por exemplo, o Sálvora, no que está o pai de Zahi, é un buque moderno e ecolóxico.

    Ademais, hai un avó que leva moitísimo tempo vivindo en Galicia, pero non é de aquí, senón dun país máis ao sur. Tamén creo que isto é unha realidade hoxe en día, o tema da emigración e inmigración non é nada novo aquí en Galicia. No libro quería que a riqueza cultural da migración se vise como algo positivo.

    Díxose na presentación que este non é un libro para nenos, senón para todas as idades, “dos 8 aos 98”

    Eu creo que non só este libro, senón a literatura infantil en xeral. Claro que é para nenos, pero tamén a pode ler xente máis maior. Neste caso, ademais, teñen un protagonismo importante os avós Samir e Sara e penso que é moi fermoso tamén para os avós ler este tipo de historias.

    Como van xurdindo esas personaxes e por que eses nomes?

    Eu busco moito os significados dos nomes das persoas, así que procurei que fosen sempre positivos. Hai algún árabe como Samir, que é pola procedencia do avó. Tampouco quero descubrir moito porque creo que, ás veces, estragamos o pracer da lectura cando contamos cousas sobre o que escribimos. Penso que hai cousas ás que ten que chegar o lector, gústame que cadaquén interprete e procure na historia o que lle pareza.

    Iso tamén é o bonito da lectura, non?

    Sen dúbida, igual o que ti procuras, a xente non o ve. Cada un temos a nosa personalidade e os nosos intereses como lectores, así que mellor deixalo á interpretación.

    Andrea Abad

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela