O sacerdote cóntanos o labor que desenvolve dentro do cárcere

Don Javier Izko Martínez suma trinta e oito anos como sacerdote e vinte e un en Santiago, onde combinou o traballo en colexios maiores e o apoio a inmigrantes con dezaoito anos de dedicación á pastoral penitenciaria. Biólogo especializado en ornitoloxía e doutor en Liturxia, analiza nesta conversa as complexidades do día a día no centro penitenciario, o peso da culpa nos delitos graves e o estigma que persegue os presos mesmo cando saen de permiso.
Lembra vostede o seu primeiro labor de pastoral?
Si, levoume o que era o capelán do cárcere. Eu acompañábao ás súas parroquias a confesar, e un día díxome: «Por que non vés ao cárcere tamén?». E impresionoume, porque fomos ao módulo de mulleres, onde había unha etarra famosa. E a min, que son do País Vasco, navarro, pois me atraía coñecer algunha etarra alí. E impresionoume moito porque a etarra me deu as costas, non quería saber nada. O que é non querer saber nada de estar comigo. E logo, ao cabo de moitos anos, antes de que volvese marchar ao País Vasco nesta inclusión de presos na zona, díxome que me tiña supercontrolado. Moi ben, impresionoume esa primeira vez.
Que busca exactamente un interno cando pide falar con vostede?
Ás veces dígo: hai xente que non sabe quen é Xesús, ou non son católicos, ou son musulmás, ou son ateos, ou non teñen ningunha formación relixiosa ou espiritual. Pero cando entran en crise; e hai quen entra en crise porque está pechado, no sacerdote vén a Deus, máis cá Xesús. Que moitos si que ven a Xesús, pero os outros ven a Deus, e iso é o que eu vexo. Cando vou lémbrome de que son Deus; é un pouco salvaxe, pero é así.
Hai unha maioría católica no cárcere?
Eu diría un 50 %.
Como é unha misa dentro do cárcere?
Complexa. Ben, cos anos houbo distintas fórmulas, pero a que máis prevalece agora é na que se xuntan diversos módulos que son compatibles entre si, pero á súa vez vense aí, coinciden e non se viron nunha semana. Un deles é o de mulleres. Entón é un pouco conflitivo porque queren verse, namorados ou atraídos. Hai que estar aí sempre moi atento, porque se non, acaba aquilo un pouco como a verbena da Paloma.
Como logra vostede tratar unha persoa por ser unha persoa tal como é, non como un recluso, que seguramente sexa como se lles trate no seu día a día, mesmo unha vez fóra do cárcere?
Só un número. Eu recibín o consello de mercedarios: na pandemia, lembro que nos escribía o bispo de Pamplona, que era o xefe da pastoral penitenciaria de España, e entre outros consellos que daba, un dos que dicía é chamalos polo nome, porque son só un número. E logo non teñen capacidade de decisión para nada; acaban no infantilismo porque todo se lles dá feito: ten que estar a esta hora, ten que comer a tal hora… Entón é tremendo como se infantilizan, e logo, cando saen de permiso, non saben que facer nin que decidir. Por iso tamén a pastoral penitenciaria moitas veces está fóra, sobre todo para axudalos, porque é que é tremendo saír e sentirse cun letreiro na fronte de “estou no cárcere”. Senten que os miran e pensan que din: “Este está no cárcere”, e non decide. Entón, ante a falta de capacidade de decisión, o infantilismo e o sentirse un número; pola nosa parte está o chamalos polo seu nome, querelos polo que son, non terlles en conta para nada o que fixeron, senón sempre darlles esperanza, etcétera.
Como lles axuda a pastoral a combater esa soidade?
Xa alí no cárcere, eu como sacerdote (porque hai outros que se dedican a cousas de papeleos, de permisos ou de instruílos), procuro que se sintan fillos de Deus. Ultimamente estou insistindo en que poden estar encarcerados fisicamente, pero a liberdade de espírito non lla quita ninguén. E que se sintan libres espiritualmente de seren bos, por exemplo. Eu dígolles: “Non agardedes a ser bos cando saiades; sede bos xa aquí, que non é doado, porque hai moito rolo, moita complicación”. Entón dígolles que a súa liberdade de espírito non lla quitan, e anímoos a sentirse xa alí queridos, cun nome, amados por Deus e xa cunha misión alí: que non é pasar aí unha paréntese de 3, 7 ou 17 anos algúns, senón que alí teñen unha misión na súa vida.
Seguindo un pouco cos temas complicados, unha persoa que fixo un dano irreversible, como se lle axuda a reconciliarse consigo mesma, no caso de que queira?
Civilmente, eu vin que se enfrontaron coa xustiza civil, porque ven outros que están fóra á luz pública, algún político, algún empresario… unha chea de xente que podería estar no cárcere e que dá escaqueado por bos avogados, por rolos… Civilmente, é que detestan a xustiza civil. Entón, eu como sacerdote si que vexo que diante de Deus si que están dispostos a cumprir, a pagar, a pasar esa culpa aí no cárcere en moitos casos. A moitos sérvelles pensar na súa conciencia, na culpa que tiveron, saber pedir perdón a Deus. Eu confeso bastante no cárcere, bastante, e queren pedir perdón a Deus; civilmente oio todo tipo de insultos contra a xustiza civil, porque ás veces fanlles a faena, ou non os deixan, ou non lles dan permiso, etcétera.
Como lle explicarías a alguén que non ten fe o que é confesar un asasino, por exemplo?
Eu vexo que cando hai cousas que fixeron graves —non só asasinos, senón moitas cousas, como o tema da droga; xente que fixo que estea moita xente no cárcere porque intentou pasar quilos pequenos con rapazas, por exemplo, de Latinoamérica, e eu tiven algún xefe destes—, se pide perdón, é tremendo. Porque eu tamén entendo que humanamente haxa xente que non os queira perdoar e queiran que paguen, e é lóxico. Pero é que Deus perdoa todo, é unha pasada; Deus perdoa todo. E claro, un bo arrepentimento leva tamén a unha boa penitencia, e arrepíntense. Eu levei cartas ao Papa, a Roma, de xente que nas cartas dicía: “Estou pagando o que debo”. E algunha mesmo dicía o que fixera, algún asasinato, e como recoñecían que teñen que pasar por aí, ou sexa, por pasar esa culpa cunha pena; acéptana absolutamente.
E xa por último, como mencionaba ao principio, hai un estigma cos presos dentro da sociedade. Que lle diría vostede á xente para que comprendese que a esas persoas, se de verdade se arrepinten, se lles pode perdoar e que non vivan sempre con ese estigma?
Que vaian alí e os vexan. Porque eu, sempre que vou, podería ser un deles; eu, sacerdote, podería ser un deles. Porque todo o mundo pode cometer un erro, ou moitos deles non tiveron unha formación, ou naceron xa nunha sociedade destruída, rota, e ninguén os animou nin os axudou a ser boa xente, senón que os criaron na m*rda, no roubo, na extorsión, na droga, sen familia, sen traballo, sen cultura, sen diñeiro. Entón, a ese que lle vas pedir? Ese acaba aí porque si. Dis: “Eu podería ter sido peor ca calquera deles”.
Nicolás Silva García
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta