O programa dirixido pola xornalista Lara Salgado traslada os micrófonos da SER á Biblioteca Ánxel Casal para achegar ao público a figura das mulleres na literatura galega

O silencio que adoitan outorgar un martes calquera de outubro as paredes da Biblioteca Ánxel Casal, en Santiago de Compostela, vese hoxe interrompido por un ecosistema inusual: aparecen nela as conversas de presentación e saúdo entre as participantes do programa que imos presenciar. Hoxe, martes 20 de outubro, a gran biblioteca compostelá converte unha das súas salas nun estudo de radio improvisado que acolle as ondas da Cadena SER para conmemorar o Día das Escritoras nun programa especial de La Ventana de Galicia, co fin de abordar o presente e o futuro da literatura galega e o papel das mulleres nun ámbito no que non deixan de medrar.
Esta convocatoria, de entrada de balde, atraeu ata a biblioteca a un público que foi chegando paulatinamente e que, xa a falta de cinco minutos de que comezase a emisión, encheu a sala dispoñible, que contaba cunhas 50 cadeiras. Esta audiencia, conformada principalmente por alumnos de Xornalismo, viña con moitas ganas de escoitar de primeira man as historias das mulleres no ámbito da literatura galega.
As diferentes conversas provintes do público remataron en canto ás 19:00 soou a tan recoñecible sinfonía da Cadena SER que deu comezo á emisión. “Non hai nada como a puntualidade da radio”, murmuraban polo baixo entre risas algunhas alumnas de Xornalismo presentes no público, xa afeitas a esta puntualidade radiofónica tan característica.
Despois dun pequeno boletín informativo e pasados seis minutos das sete, Melania Cruz, actriz encargada de poñerlle voz a diferentes textos das autoras galegas ao longo do programa, interpretou un fragmento da obra Prefiro condenarme, de Maragarita Ledo, que, tras un gran aplauso posterior, deu por comezado oficialmente o programa.
Ás rendas deste especial está a xornalista Lara Salgado, á cal vemos encabezando a mesa de participantes. Porén, non está soa, xa que conta coa presenza ao seu costado de José López Campos, conselleiro de Cultura e Lingua que, ao pouco de comezar a súa intervención, puxo o foco da conversa na necesidade de “visibilizar o papel das escritoras no ámbito xeral” e lembrando con moito cariño o acto do Día das Escritoras celebrado no pasado ano 2025 na Cidade da Cultura.
Na súa intervención destacou tamén como Galicia está hoxe en día producindo cada vez máis obras cara ao exterior e como se están “recolectando premios a nivel cultural e con moito prestixio grazas á literatura en galego”. Pola súa parte, Lara Salgado sacou uns datos non tan esperanzadores sobre a lectura na nosa lingua e, despois dunha curta reflexión, o conselleiro asegurou que “aínda queda moito camiño por percorrer” e que na actualidade “seguen habendo informes que nos obrigan a reflexionar e a pensar”.
Acabada esta primeira intervención e mentras Melania Cruz interpretaba outro fragmento, o conselleiro baixou da mesa de participantes para deixar oco ás seguintes convidadas do programa. Á dereita de Lara Salgado colocouse María Nieto, escritora e xornalista, e á esquerda situáronse Mon Vilar, encargada da libraría Lila de Lilith (Santiago de Compostela) e Teresa Zataraín, responsable da Editorial Creotz.
Unha vez xa colocadas as participantes na mesa, a conversa fluíu dunha maneira moi diferente, as ideas calaban fortemente no público e a quenda de palabra, encabezada por Lara, foi establecida de xeito igual para todas as participantes de xeito que se conformou un clima agradable de escoita que rapidamente deixou varias ideas interesantes no programa.
“A literatura escrita por mulleres leva enriba un selo ‘para mulleres’, cousa que non pasa pola literatura escrita por homes”.
“Hai que ter en conta que hoxe ser muller escritora é posible, pero xa deixamos atrás moito material que abriu camiños cara á literatura feminina de hoxe”.
“Creo que hai unha comunidade, sobre todo de lectoras, que convertiu ler non só nun pasatempo, senón nunha tendencia. As novas xeracións son lectoras e se somos quen de envolver a literatura co lazo que lles gusta, pode chegar a ter moitos mellores resultados dos que xa temos”.
Estas son algunhas reflexións que puidemos escoitar por parte das participantes, reflexións que fuxían dos tópicos que moitas veces se escoitan neste tipo de eventos e que conseguiron converter o discurso radiofónico nunha mensaxe directa cara aos ouvintes, xa que o público que se atopaba alí asentía ás palabras das participantes.
Mentres escoitabamos outra pequena intervención de Melania, as cadeiras da mesa de micros volveron a cambiar de participantes, pois nese momento era a quenda das últimas convidadas ao programa: a directora da Biblioteca Ánxel Casal e a recoñecida chef Lucía Freitas, a cal presentou a súa iniciativa para recuperar receitas tradicionais das nosas nais. O proxecto, levado ao cabo pola chef, pretende ilustrar as receitas de toda vida e poñer en valor esa ‘cociña de memoria’.
Quedaban só dous minutos para as 20:00 e o programa remataba como comezaba: Melania interpretaba outro fragmento, esta vez poñendo en valor unha peza de Rosalía de Castro. Xa para as oito en punto, os aplausos do público fundíanse coa sintonía de peche que poñía fin a esta xornada radiofónica.
Non obstante, cando a luz vermella do directo apagouse e xa coa emisión dos micrófonos pechada, o verdadeiro eco desta xornada non podía darse por rematado aínda. Mentres o público recollía as súas cousas e o equipo da SER os cables, focos e cadeiras, os participantes aproveitaban para manter entre eles unha amigable conversación para rematar a sesión.
Tras saír da biblioteca, podemos dicir que este Día das Escritoras na Ánxel Casal serviu para lembrar que aínda queda moito camiño por percorrer, pero que existe un bo futuro para a literatura galega nas mulleres.
Ana González Chogó
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta