A compañía catalá PSiRC estrea en Galicia a súa obra Cosas pequeñas na trixésima quinta edición do Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo

O outono acolle o significado de cultura cando se fala do que acontece na vila de Carballo grazas ao Festival Internacional Outono de Teatro, coñecido por moitos como FIOT. O festival citou o venres 16 de outubro ás 21:00, no Pazo da Cultura, aos poucos afortunados que conseguiron unha entrada para ver Cosas pequeñas, unha representación teatral da compañía catalá PSiRC que levou aos escenarios a dramaturxia de Adriá Montaña.
Media hora antes de que dera comezo a obra, a cafetaría do Pazo da Cultura acollía a xente de todas as idades que, entre conversas e uns cafés, agardaban a hora de baixar ao auditorio. Co paso do tempo, as persoas deixaban as cadeiras de madeira do bar para chegar a ter un bo sitio durante a obra. Porén, ao baixar cara ao auditorio, os asistentes atoparon un pequeno folio de papel informativo coa frase “Cosas pequeñas, 21:00 horas, móvese ao Salón de Actos, 2º andar”.
Algúns optaron polo pequeno ascensor. Outros, polas escaleiras. Unha vez dentro, pasadas as 4 filas ascendentes de cadeiras, destacaba unha pequena posta en escena: un home lámpada, unha cadeira, unha mesa, botellas de auga de diferentes tamaños, trípodes, cámaras, un proxector e unha gran pantalla. Neste escenario comezou un debate. Era realmente o home unha persoa de verdade, ou tan só era un manequín que formaba parte do “attrezzo”? Do mesmo xeito, resultou bastante rechamante a mensaxe que aparecía proxectada na pantalla mentres a xente aínda comentaba a situación: “Ahorre hasta un 70% de consumo eléctrico de la lámpara. Es el momento de concienciarse con el medioambiente”.
Ás 21:07 atenuáronse as luces. Escoitábase unha música mentres o proxector amosaba naquela pantalla branca textos similares ao primeiro que se conseguiu ver. Nalgún momento o home lámpada cobrou vida. Comezou a moverse ao ritmo da melodía reproducida dunha forma que se podería considerar por moitos bastante estraña. Rematou o seu baile cunha pequena acrobacia e, posteriormente, deu un discurso introducindo unha cámara na tulipa da súa lámpada.
Rematada a “performance”, o protagonista desfíxose tanto da tulipa como da auréola de luz que rodeaba a súa cabeza. Achegouse á cadeira de madeira pregable e, cunha das cámaras, comezou a explicar o valor dunha cunca: a cunca da súa avoa. Falou de como aquela muller bebía o seu café con “homiños”. Eran tan pequenos que moitas veces quedaban atrapados nos dentes. De súpeto, mostrou como naquela pequena e branca cunca estaba un deses homes que comía a súa avoa.
Comezou así unha viaxe con aquel minúsculo home. A bordo dun Tesla voador, o relato evolucionou cara unha reflexión sobre como se está a transformar o mundo debido á aparición das máquinas. Valéndose do espazo do Salón de Actos, somerxeu ao público no seu mundo.
Podíase seguir o camiño grazas ao destacado manexo de cámara do actor, que retransmitía todo o que captaba a lente. Nun momento dado, o protagonista escondeuse na banda dereita das gradas. Grazas ao proxector, o público podía ver o que acontecía ás súas costas.

Cunha visión de vida bastante peculiar, rematou aquela viaxe cunha conclusión que serviu como peche da escena: “O ser humano creou o obxecto para manexar o mundo ao seu antollo e, ao final, rematou converténdose en obxecto”.
A conversa seguiu con obxectos, concretamente, co máis reproducido do mundo: o neno Xesús. Así empezou unha actuación bastante cómica sobre o nacemento do neno. Valéndose de pequenas figuras dos reis magos, María, Xosé, Deus e o neno Xesús, comezou a interpretar a cada un dos personaxes coma un neno xogando coas súas figuras, coa diferenza de que o actor empregaba un modulador de voz.
Rematada a escena, na que a conclusión foi tan sinxela coma que todo era parte dunha estratexia de márquetin, a conversa derivou cara a figura de Alberto Giacometti e o seu dilema ético. El expuxo que nun incendio, entre un Rembrandt e un gato, el salvaría ao gato. Aquí o actor formula o mesmo dilema pero en vez de cun animal, coa cunca da súa avoa. Ao elixir a obra por enriba da peza de cerámica, un raio cae en repetidas ocasións enriba do protagonista.
Cando o home revive, decátase de que non quere estar neste mundo coma os demais. El non quere ser un simple obxecto sen valor. El quere ser unha persoa lámpada, que dá luz e calor nun mundo escuro. Ou ser unha persoa cadeira, para dar tranquilidade e acomodo a quen o necesita.
Enfoca o actor a unha diminuta versión de si mesmo e, entón, tal e como facía a súa avoa, comeuno. Comezou así unha proxección que rematou cun vídeo dunha señora maior botándolle homes ao café naquela pequena e branca cunca de cerámica. Porén, deixou un sen comer.
Así rematou un espectáculo que deixou mínimo 2 minutos enteiros de aplausos, xa que o actor tivo que saír varias veces ao escenario para agradecerlle ao público aquela gran mostra de aprobación.
Fóra do salón de actos atopábase unha mesa cunha pequena caixa de vidro, papeis numerados, e uns lapis do FIOT. Neste festival, ademais das numerosas actividades e representacións teatrais que acontecen, existen diversos premios para as obras. Entre eles esta o premio á obra favorita do público. Poderíase dicir que, se botabas unha ollada, para a maioría dos asistentes, a obra resultou ser extraordinaria.
Andrea Vila
Estudante de cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta