Piscinazo en Riazor: o Deportivo deixa escapar dous puntos ante o Levante 

O Deportivo empatou fronte o Levante (1-1) na última xornada en Riazor. Un encontro no que, a pesar de ter a vitoria nas súas mans, unha vez mais os erros defensivos do conxunto coruñés acabaron frustrando os intereses deportivistas. 

Partido RC. Deportivo de A Coruña contra o Levante Unión Deportiva o pasado 17 de outubro no estadio de Riazor | Yaiza Garea

O encontro comezou con ambos equipos conscientes de que a situación na táboa de clasificación era delicada e que non permitía regalar puntos. Tanto o Deportivo como o Levante procuraron reducir ao máximo os erros e evitaron cometer riscos que puidesen pasar factura. Algo que se viu reflexado ao longo do desenvolvemento da primeira parte do partido. O xogo de ambos equipos estivo marcado pola falta de precisión. Os balóns non sempre atopaban ós pés axeitados e os remates á porta non conseguían encaixar entre os tres paus. O Deportivo levaba a iniciativa e dominaba o encontro, mentres que o Levante agardaba a súa oportunidade para coller un rebote e poñer aos deportivistas nun apuro. 

O conxunto herculino buscou avanzar pola súa banda mais forte, a esquerda, na que se atopaba Yeremay, unha das figuras claves do Dépor para xerar medo no equipo rival. O extremo esquerdo tentou subir un punto ao marcador empregando os seus mellores trucos, sen embargo, a falta de precisión dos seus compañeiros impediu que isto sucedera na primeira parte do partido.  

Once inicial do R.C. Deportivo de A Coruña | Nicolás Silva

O Levante, tamén tivo os seus intentos de anotar. O conxunto valenciano aproveitou as perdas de balón para xerar medo na portaría de Leo Román. Sen embargo o gardameta deportivista mantívose firme evitando que os visitantes se adiantaran no marcador.  

Once inicial do Levante UD | Nicolás Silva

No minuto 45+1 ambos equipos abandonaron o campo para gozar do descanso e pensar en futuras xogadas para anotar gol. 

Tras o descanso, os equipos volveron ao terreo de xogo para disputar os últimos minutos de partido e conseguir poñerse por diante no marcador. O Deportivo necesitaba atopar ocos na defensa levantina para completar as súas xogadas, e foi de novo Yeremay o que conseguiu romper esa barreira. O canario recibiu o balón e avanzou decidido cara o campo contrario, superando a todos os xogadores rivais que se ían interpoñendo na súa traxectoria. Sen embargo, a defensa levantina conseguiu frear o seu disparo á porta facendo que o balón quedara só nunha zoa perigosa para o Levante, pero, prometedora para o Deportivo. Foi entón cando apareceu a figura de Nsongo Bil, quen aproveitou a oportunidade para rematar en dirección á portaría de Mathew Ryan, permitindo que no minuto 63, o Dépor anotara o primeiro gol do partido. O tanto, puxo eufórica á afección coruñesa que entre gritos e aplausos coreaban o nome de Nsongo Bil. 

Co 1- 0 no marcador, o encontro parecía presentarse cun resultado favorable para o equipo local. O Levante, pola súa banda, non ía permitir que os coruñeses cantaran vitoria tan alegremente, e comezaron a asumir maior protagonismo no partido. 

O equipo herculino continuaba á busca do segundo gol. Tiveron varias ocasións, pero faltáballes completar a última xogada. Esa falta de precisión impediu que o Deportivo tivera a vitoria asegurada e mantivo ao Levante con oportunidades de puntuar. 

A medida que se ían restando os minutos, o equipo visitante foi aumentando a súa presenza ofensiva e obrigando ao Dépor a cerrarse atrás. Os coruñeses perderon o control que levaban mantendo ao longo do encontro e, a pesar dos intentos, non conseguiron afastarse do perigo. O empate chegou no minuto 82, cando Dani Requena rematou cara á portaría do Deportivo e Leo Román non foi capaz pararalo. O erro da defensa deportivista permitiu que o Levante igualara o encontro e deixou ao Dépor sen a vantaxe que conseguira minutos atrás.  

O gol do equipo visitante cambiou por completo o desenlace dun partido que parecía encamiñado cara a vitoria dos coruñeses. Co empate no marcador e apenas 20 minutos para o final do partido, ambos equipos buscaron aproveitar o tempo para intentar gañar, pero foi o Deportivo o que tivo a oportunidade máis clara para deixar os tres puntos na casa. No tempo engadido, o danés Asp Jensen recibiu o balón nunha posición favorable para marcar, mais o seu remate estrelouse contra travesaño da portaría contraria, perdendo a última oportunidade para o Dépor.  

O asubío final confirmou o empate e deixou sensacións distintas para ambos equipos. O Levante conseguiu rescatar un punto que daba por perdido, mentres que o Deportivo deixou pasar unha gran oportunidade para sumar unha vitoria ante a súa afección.  

Yaiza Garea

Estudante de cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *