Etiqueta: Crónica

  • O mapa das certezas relativas: un percorrido por ‘Illa Ignorada’ no CGAC

    O mapa das certezas relativas: un percorrido por ‘Illa Ignorada’ no CGAC

    Crónica en tres estancias sobre a proposta do CGAC e a comparación entre o discurso teórico e a experiencia real

    Sala 3 da exposición Illa Ignorada | Alberto Suárez

    O venres 16 de outubro, ás 13:00 horas, visitei o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para explorar Illa Ignorada, unha exposición colectiva que toma o seu título do poemario de Gloria Fuertes Isla ignorada. O proxecto desenvólvese en tres salas consecutivas que propoñen un percorrido predeterminado, deseñado para ofrecer unha experiencia singular. A mostra abrangue temáticas que van dende a perspectiva interior ata a simplicidade e a fraxilidade do individuo, ao tempo que aborda diversas formas de expresar o compromiso cun territorio concreto. Neste contexto, a disposición da exposición establece un vínculo directo entre o marco que ofrece o propio CGAC e as impresións persoais que xorden da experiencia.

    Sala 1: A vulnerabilidade

    Para este primeiro tramo, plantéxase que “se despreguen os anhelos privados, o corpo vulnerable ou os procesos de individuación” e engade que “a abordaxe da experiencia íntima habilita un escenario de reciprocidade ao asumirse como reflexo das nosas propias inquietudes”. Tras determe fronte ás pezas, coincido co diagnóstico en canto ao compoñente humano: é a estancia onde se palpa unha maior proximidade emocional, unha nudez da alma que se fixa na fraxilidade física e psicolóxica. A reciprocidade cúmplese na medida en que as obras non impoñen unha barreira técnica, senón que invitan a verse reflictido nas mesmas. Non obstante, onde discrepo con ese plantexamento e na suposta calidez do seu reflexo: sentín na sala unha incomodidade solitaria. O espazo amplo e frío do centro acentuou o desamparo dos obxectos vulnerables, transformando o que na orixe se define como un proceso de empatía nun recordatorio algo punzante do propio aillamento individual.

    Satélites (2003), de Iñigo Royo | Alberto Suárez

    Sala 2: Luz e oscuridade 

    Para a segunda sala, propónse un xiro reflexivo ao concebila como “un espazo liminal como advertencia sobre a construción da imaxe e a súa capacidade para modelar a percepción, interrogando os mecanismos de representación da realidade”. Esta parte da mostra destaca por un tratamento moito máis sintético da realidade. Isto obsérvase na obra que aborda o conflito bélico entre Estados Unidos e Irak, onde a crueza documental substitúe a calquera metáfora introspectiva. Percibín de forma nítida a idea de que a luz ás veces acarrea unha profunda oscuridade, e que a propia sombra é capaz de arroxar claridades incómodas. En lugar dun xogo abstracto sobre a arte, a sala transmite un golpe de realidade directa, xa que nos lembra que os medios de comunicación, como na arte, son os mesmos que deciden que sufrimentos se visibilizan e cales quedan relegados á marxe.

    Sala 3: Terra 

    A terceira e última parada conclúe o traxecto: “aquí cítanse proxectos que se nutren do seu entorno próximo para evidenciar as súas filias e as súas fobias, identificando un imaxinario compartido respecto á conformación do territorio”. Neste punto a exposición aterra de cheo na identidade galega e as pezas son notablemente máis creativas. Sen lugar a dúbidas, existe a necesidade de abordar este tema, visible no peso que adquire a posta en valor da muller e o seu papel vertebrador na comunidade, así como na peza dedicada ao desastre do Prestige. Porén, a miña lectura difire no ton co que se asimila ese pasado: a experiencia ante as obras esperta unha lectura máis potente, onde a creatividade das autoras non só retrata a catástrofe ou o arraigo, senón que actúa como reparación e dignidade comunitaria. 

    Atravesar as tres salas de Illa Ignorada deixa a sensación de ter percorrido un labirinto onde a saída estaba á vista en todo momento, que á súa vez actúa como un faro afastado: unha referencia útil para orientarse, mais incapaz de predecir a ruta exacta con cada mirada ás obras dispoñibles.

    Quimera (2001), de Regina Silveira | Alberto Suárez 

    Alberto Suárez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

  • O Santiago R.C. asina unha tarde memorable en Monteporreiro a ritmo de ensaios e “Achiquichiquitonga!”

    O Santiago R.C. asina unha tarde memorable en Monteporreiro a ritmo de ensaios e “Achiquichiquitonga!”

    As compostelás impóñense cun 0-95 ante Pontevedra nunha xornada onde o verdadeiro rugby triunfou dentro e fóra do campo

    O equipo Santiago Rugbi Club, gañador da II Xornada da Liga Galega | Denise Alañón

    A segunda xornada da Liga Galega Sénior Feminina levounos esta fin de semana ata Pontevedra. O Santiago Rugby Club púxose en marcha desde Compostela para recibir de cheo o sol do Campo Municipal de Monteporreiro. Organización en coches particulares, conversas, música e unha mestura de nervios e ganas que acompañan sempre. Unha vez no campo, as locais de Pontevedra R.C. exercían de magníficas anfitrioas colocando as instalacións e ofrecendo un vestiario.  

    ALINEACIÓN SRC

    Unha vez preparadas, as santiaguesas encheron o céspede para quentar baixo un sol de outubro que quentaba máis do agardado. Estiramentos en grupo, carreiras de activación, primeiros placaxes e pases co ovalado serviron para que as xogadoras se concentraran e se meteran de cheo no partido. 

    Ás 15:45, o árbitro Andújar mirou o reloxo e fixo soar o pito. Chamou a atención a coraxe do Pontevedra Rugby Club que chegou ao campo sen conseguir completar o seu aliñamento de 15, xogando de inicio con 13 xogadoras. A pesar da inferioridade, as locais non dubidaron e executaron o saque de patada, dende o centro, cara ás 15 xogadoras de Santiago. Elas agardaban firmes e coordinadas para recibir o balón. 

    ALINEACIÓN PRC

    O arranque compostelán foi fugaz. Apenas corría o minuto 3 cando a bola voou con precisión de man en man ata chegar ao extremo esquerdo do campo. Alí apareceu Lía Carracedo (dorsal 11) rompendo a liña defensiva cun cambio de ritmo potente que lle fixo posar o primeiro ensaio do partido (0-5).  

    Durante toda a primeira parte amosouse un esquema moi ben compensado entre aliña dianteira e a tres cuartos santiaguesas. Porén, o Pontevedra amosou moita forza e fondo físico nas agrupacións, o que lles permitiu gañar as melés con superioridade.  

    “Crouch, Bind, Set”, foi sen dúbida unha das frases máis repetidas en toda a tarde. As agrupacións foron as grandes protagonistas desta segunda xornada da liga e, a cada caída, agarre e empuxe das melés, a grada santiaguesa involucrouse ao completo. Non se deixaron de escoitar as míticas cancións do rugby, nin se deixou de animar nin un só segundo ante cada choque da dianteira.

    S.R.C e P.R.C nunha agrupación de melé | Denise Alañón 

    O ritmo ofensivo de Santiago mantívose durante os primeiros 40 minutos. Iso non fixo decaer ás xogadoras locais, que loitaron e defenderon cada metro ata o final. A conta de ensaios non parou de suma para a capital compostelá: repetiu Lía Carracedo (min.6), á que se uniron Nadia Carballo min. 10), Laura Escuder (min.12), Daissy Camara (min 21, 33 e 37), Laura López Garea (min.24), Paz Marín (min 34) e Celia Santiago xusto na última xogada (min 40). Para anotar máis, Cloe Amor amosou ter unha gran patada e sumou ata 7 transformación directas a paus.  

    Co arranque do segundo tempo, o corpo técnico de Santiago deu aire fresco ao equipo: no minuto 40 entraron cinco xogadoras novas dende a bancada (Sara López, Paula Vilaboy, Patricia Núñez, Lucía Mesías e Lucía Vilaboy), completando o total de cambios no minuto 45 coa entrada de Dilma Ruiz e Carlota Muñiz.  

    Cloe Amor non tardou en abrir a conta da segunda parte no minuto 42, cun ensaio rápido e a súa posterior transformación (0-71). Aínda que houbo superioridade por parte do marcador do S.R.C, este atravesou momentos de tensión: no minuto 50, o arbitro amosoulle a tarxeta amarela a Dilma Ruiz (dorsal 16) por falta reiterada do equipo e, apenas dous minutos despois, expulsou temporalmente por xogo sucio á unha das capitanas, Luciana Rojas ( dorsal 8).

    Ambos equipos tiñan o mesmo número de xogadoras, 13 contra 13, dentro do campo. Non obstante, o marcador non cambiou a peor, ao contrario, Santiago conseguiu manter a calma e seguiu coa sua liña ofensiva como fixera dende o inicio. Patricia Núñez ensaiou no minuto 55, Daissy sumou dous ensaios máis (minutos 62 e 70) e Lía Carracedo puxo o ensaio final no minuto 80, cunha carreira de 22 a 22, pechando o marcador definitivo (0-95). 

    O pito de final de partido puxo á bancada en pé. A calurosa ovación que se escoitou en Monteporreiro foi un gran recoñecemento para ambos equipos durante os 80 minutos. Cumprindo coa tradición, organizouse un pasillo de honra para saudar ás guerreiras pontevedresas a e para darlle a vitoria merecida ás santiaguesas. 

    Co sol na caluga e un esgotamento infinito ambos equipos tiveron a vontade de agruparse e falar cos adestradores. Pablo Pérez falou coas locais e deulles as grazas polo tremendo esforzo que fixeron durante todo o partido. Mentres tanto, Francisco López (Kiko) dáballes a enhoraboa ás súas xogadoras do SRC, quen remataron entoando o seu famoso cántico “Achiquichiquitonga!”.  

    A xornada de rugby, como non podía ser doutra maneira, pechouse no Terceiro Tempo. Deixando atrás os placaxes e a tensión competitiva, tanto o Santiago Rugby como o Pontevedra reuníronse compartindo comida, bebida e conversas entre eles, lembrando verdadeira deportividade fóra do campo.  

    Denise Alañón

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela

  • Íñigo Quintero conquista a sala Capitol máis aló do seu ‘Si no estás’

    Íñigo Quintero conquista a sala Capitol máis aló do seu ‘Si no estás’

    O coruñés e a súa banda estreáronse en Compostela coa presentación do álbum El sitio de siempre 

    Íñigo Quintero e a súa banda durante o concerto | Saínza Seoane

    O novo curso en Santiago xa está máis que estreado. Festas, ceas, exposicións e concertos encheron as salas da cidade durante este primeiro mes, e o xoves 16 de outubro foi a quenda de Íñigo Quintero. Todo picheleiro que se prece viviu algún concerto na sala Capitol, pero son moitos os que, malia non ter nado na cidade, tamén viron aos seus artistas favoritos na sala.

    Algúns deles veñen de preto, como os ribeirenses Jorge e Sabela ou como Ángel e Javi, da Coruña. Pola contra, outros coma Macarena, de Jeréz de la Frontera, percorreron un camiño máis longo ata a Capitol. Cada un cunha historia diferente, pero todos na mesma sala para escoitar ao mesmo artista, Íñigo Quintero.

    Non houberon largas colas que precederan ao concerto nin un ambiente cargado pola cantidade de xente que enchía a sala. Ao contrario que noutros eventos, aínda habería aforo para máis asistentes e os que estaban contaban con espazo de sobra para bailar e desfrutar do concerto. O coruñés Íñigo Quintero comezou a cita afastado dos rituais que parecen seguir outros artistas. En lugar de comezar coa súa banda tocando melodías fortes e despois entrar el, foi totalmente o contrario. As luces da Capitol atenuáronse e sons de paxaros e de ondas rompendo na beira do mar comezaron a soar polos altofalantes; uns segundos máis tarde a sala quedou en silencio e Íñigo comezou a cantar a capella. A medida que foi avanzando a canción, máis músicos uníronse ao cantante, ao contrario que os oíntes, pois foron poucos os que corearon a canción xunto a Quintero.

    Nalgúns momentos do espectáculo o público foi quen de decatarse dos nervios do artista, pero tamén do apoio que a banda supoñía para el. As miradas cómplices entre o vocalista e os seus compañeiros enchían os silencios incómodos que, pouco a pouco, eran menos frecuentes. Todo cambiou cando comezou a soar Despedida e os asistentes parecían somerxerse cada vez máis na actuación.

    Baixos, guitarras, batería e teclado construían os ritmos lentos sobre os que Íñigo cantaba, afastados dos sons prefabricados comúns entre outros músicos da mesma xeración. As pausas intencionadas e os cambios de instrumentos construían un ambiente íntimo que daba cabida a confesións do artista. O coruñés recoñeceu que sempre presenta ao seu equipo resaltando que veñen dende Galicia, mais esta vez era diferente, pois tocaba na casa. Ademais, o coruñés resaltou a importancia da súa terra no seu traballo: “Neste disco, Galicia ten unha presenza moi especial. Eu escríbolle moito á miña terra e sen ela non se poderían entender as miñas cancións”.

    Tras tres anos tocando en diferentes salas do mundo, tocáballe estrearse en Santiago presentando o seu último álbum El sitio de siempre. O artista narraba durante o espectáculo como foi o proceso de creación das pezas. Algunhas cancións naceron en estudos, rodeado doutras persoas da industria, de compañeiros coma Hey Kid que lle acompañan nalgunhas composicións ou de produtores que lle axudaron a pulir os últimos detalles doutras cancións. Pero, segundo confesou Íñigo Quintero, non todas foron creadas baixo o mesmo ritual. A canción que lle da nome ao disco naceu dunha maneira moi distinta: Íñigo no seu cuarto acompañado soamente pola súa guitarra, e da mesma maneira representouna na Capitol.

    As súas cancións falan de amigos e de familia, das cousas que nos fan sentir, e isto non se reflicte soamente nas letras das súas cancións, senón tamén na forma na que os oíntes deciden vivir o concerto. A sala Capitol encheuse durante algo máis dunha hora de pequenos grupos de amigos desfrutando da música, de nais acompañando as súas fillas nesta velada de xoves e, sobre todo, de parellas novas coreando as cancións de Quintero ao unísono entre apertas. O cantante decidiu reforzar este ambiente pedíndolle aos asistentes “cantarlle ao amor nesta noite tan bonita” ao ritmo da súa canción Amor.

    Co final do concerto cada vez máis preto, chegaban as cancións favoritas do público e isto era palpable. Aos asistentes non lles facía falta recoñecelo, pois nas cancións nas que non se lles escapaba ningunha sílaba mostraban unha interese especial. Durante 3 minutos e medio, a Torre do Reloxo da Catedral deixou de ser La torre más alta de la ciudad cando os primeiros acordes da canción do coruñés invadiron a sala. O público acolleu coa mesma emoción a súa canción máis coñecida, Si no estás, que se colou entre as listaxes musicais antes de que o mundo soubera quen era Íñigo Quintero. En entrevistas anteriores, o músico confesou que non quere ser denominado como un artista ‘one hit wonder’ (aqueles que basean a súa carreira profesional nunha soa canción), polo que, para el, esta xira é máis que a presentación do seu primeiro álbum, é a oportunidade de seguir construíndo a súa traxectoria artística máis aló dos versos de Si no estás.

    Íñigo Quintero e a súa banda despedíndose do público compostelá. | Saínza Seoane

    O cantante coruñés e a súa banda despedíronse de Santiago e, en canto a canción Bajo control deixou de soar e os músicos abandonaron o escenario, as luces acendéronse e os asistentes comezaron o seu camiño de volta a casa. En cuestión de minutos a sala baleirouse e a Capitol quedou lista para acoller ao próximo artista na seguinte velada.

    Saínza Seoane

    Estudante do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.

  • En Moaña, #CoaSaúdeNonSeXoga

    En Moaña, #CoaSaúdeNonSeXoga

    A veciñanza leva mobilizándose desde 2021 para reclamar a volta do servizo de Urxencias

    Moaña

    Pancarta situada ao comezo da vila de Moaña avisando da falta de urxencias médicas. |Clara Castilla

    A veciñanza de Moaña xa vai camiño das 260 semanas de mobilizacións continuas para esixir á Xunta de Galicia o restablecemento presencial das urxencias médicas e do PAC (Punto de Atención Continuada) no municipio, suprimidas en marzo de 2020. Co gallo da crise sanitaria da Covid-19, o Sergas decidía centralizar as urxencias de todo O Morrazo no PAC de Cangas, suprimindo o servizo médico nocturno e de fins de semana. Esta atención viña prestándose na Casa do Mar de Moaña desde principios dos 90, momento no que a Xunta estruturou a rede de Puntos de Atención Continuada en Galicia para dar cobertura sanitaria fóra do horario habitual das consultas programadas.

    A pandemia quedou atrás e aprendemos a convivir e a protexernos contra o virus grazas ás vacinas. A que ía ser unha restrición temporal converteuse en habitual e a veciñanza decidiu saír á rúa para esixir unha asistencia sanitaria 24/7. As mobilizacións comezaron en 2021 e continúan a día de hoxe. Ningunha mobilización social leva tanto tempo activa en Galicia.

    Detrás das reivindicacións está a Mesa Local da Sanidade de Moaña, un órgano intersectorial e unitario constituído en outubro de 2021 para canalizar de forma conxunta a indignación e a presión política e social despois de que a Xunta decidise non devolver o servizo de urxencias tras a fin das restricións máis duras da pandemia. O domingo 10 de outubro de 2021 esta Mesa convocaba unha primeira concentración. Nesa mesma semana comezaba os preparativos para canalizar a gran mobilización que tería lugar dous meses despois, o 12 de decembro de 2021. Uns 5.000 veciños e veciñas se manifestaron ese día polas rúas do concello nunha marcha masiva e histórica para o municipio.

    Até o 7 de xuño deste ano, as protestas que semanalmente congregan a unha media de 300 persoas, fixéronse ás portas da vella Casa do Mar. A partir desa data, realízanse diante do novo centro de saúde. A construción desta infraestrutura pública, que supuxo un investimento de case 9,6 millóns de euros por parte do Sergas, permitiu triplicar o espazo do antigo ambulatorio e ampliar servizos como Fisioterapia, Odontoloxía, Psicoloxía Clínica ou unha sala para ecografías. Sen embargo, estas melloras non contemplaron o restablecemento do servizo de urxencias médicas, tal como fora comprometido pola Xunta.

    En novembro de 2020, Goberno autonómico e Concello de Moaña asinan o convenio para edificar o novo centro de saúde no lugar de Sisalde. Este escrito vinculaba legalmente por primeira vez a reapertura do PAC coa construción do novo centro de saúde. Ante as reiteradas preguntas no Parlamento e as manifestacións veciñais, a escusa recorrente do Sergas pasou a ser que non se podía reabrir o PAC na antiga  Casa do Mar polas limitacións do edificio, e que a veciñanza debía agardar ás novas instalacións onde se integraría o devandito servizo. Isto non foi así e, por iso, o Concello está preparando unha demanda na xurisdición contencioso-administrativa contra a Xunta por incumprimento do convenio.

    O novo centro xa foi inaugurado o 15 de xuño de 2026, pero o restablecemento das urxencias non foi o comprometido. Certo que a vila volve ter o PAC activo, pero só de luns a venres e até as 22 horas. A partir desa hora, as fins de semana e os días festivos, as moañesas e os moañeses deben seguir desprazándose até Cangas para ser atendidos por unha urxencia médica. Tamén haberá unha ambulancia de servizo avanzado de enfermaría, pero sen médico/a.

    Unha veciña durante unha concentración diante do novo centro de saúde de Moaña. |Clara Castilla

    A cidadanía séntese enganada. O voceiro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña, Gabriel Ferral, apunta que “non estamos a pedir nada a maiores. Non pedimos luxos nin privilexios. Pedimos o que está asinado. O que se financiou cos nosos impostos”. Nas súas mensaxes semanais deixa claro que a veciñanza de Moaña non vai desistir: “Imos continuar ata conseguir o noso obxectivo porque coa nosa saúde non se xoga”.

    Na mesma liña fala a alcaldesa. Leticia Santos afirma que a demanda dun servizo de urxencias médicas permanente segue a ser unha “prioridade”. A primeira edil explica que o equipo de medico/a e enfermeiro/a que traballaba no PAC de Moaña está prestando o seu servizo en Cangas. Na actualidade, polo tanto, Cangas dispón de tres equipos e Moaña, de ningún. Leticia Santos considera que as Urxencias no centro de saúde cangués “xa están colapsadas” e non reúnen as condicións para dar resposta á demanda dos dous concellos. Apoia esta afirmación cun dato: A sala de espera da instalación sanitaria de Cangas ten espazo para só nove persoas. Segundo os datos oficiais máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (INE) e do Instituto Galego de Estatística (IGE), a poboación conxunta de Moaña e Cangas supera os 46.000 habitantes (Moaña, 19.320 e Cangas, 26.711). O número duplícase e incluso se triplica durante o verán.

    A forte mobilización e unidade das protestas só pode compararse coa intensa presión veciñal que acabou logrando a supresión definitiva da peaxe de Rande en maio de 2006, unha vitoria histórica para os viaxeiros do Morrazo. Daquela foron necesarios 8 anos de incesantes protestas que demostraron a capacidade de mobilización e a teimosía da veciñanza. Nesta ocasión, semellan estar dispostos a continuar na loita ad infinitum porque, como rezan os seus lemas, #CoaNosaSaudeNonSexoga.

    Clara Castilla

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • Valdoviño convida a non esquecer as vítimas do nazismo coa mostra Galegos en Mauthausen 

    Valdoviño convida a non esquecer as vítimas do nazismo coa mostra Galegos en Mauthausen 

    · A exposición reúne 40 fotografías e documentos dos veciños da bisbarra que estiveron no campo 

    · Foi inaugurada na Casa da Cultura da man do historiador Enrique Barrera 

    Catro das imaxes que compoñen a mostra, nas que aparecen veciños da comarca | Mateo González

    “Cando os nazis viñeron polos comunistas, calei, porque eu non era comunista”. No día de onte, 16 de outubro, este poema de Martin Niemöller abriu a exposición Galegos en Mauthausen na Casa da Cultura de Valdoviño. O seu obxectivo é lembrar a memoria dos máis de cen galegos mortos no campo de concentración, xunto con todas as vítimas da barbarie nazi. Máis dunha vintena de asistentes mergullouse nunha viaxe ao pasado que permitiu desentrañar, especialmente, as historias dos veciños de Ferrolterra, Eume e Ortegal que estiveron alí. 

    O ceo gris ameazaba choiva sobre os tellados valdoviñeses, pero finalmente un fino orballo permitiu que máis de vinte veciños e veciñas da vila e arredores se congregasen na Casa da Cultura. O acto, convocado polo Concello en colaboración coa Asociación cultural Memoria Histórica Democrática, deu comezo pasadas as 19:00 cun breve documental que comparte título coa exposición. Os seus autores, Xosé Abad e Sandra García, realizárono no ano 2012, e constitúe unha das primeiras homenaxes aos galegos vítimas do nazismo. Nel cóntase a historia de figuras como a de Antonio Cendán, ferrolán que se librou no último momento de ser executado ao ser agochado polos seus compañeiros; ou Jaime Castiñeiras, que nunha ocasión foi descuberto por un oficial mentres comía raíces e recibiu unha patada que o deixou sen dentes. 

    O documental proxectado, realizado en 2012, constitúe unha das primeiras homenaxes aos galegos vítimas do campo de concentración

    O documental adentrouse nas duras condicións dos presos, no frío, na fame. As imaxes de arquivo mesturáronse coas cartas reais que os galegos enviaban ás súas familias, e con fotografías súas, o que espertou un grande interese no público. “Escoitando as historias de persoas da comarca, que poderían ter sido veciños teus, fai que te deas conta da dureza do que viviron”, comentou Teresa, unha das asistentes ao acto. As caras dos espectadores foi, en todo momento, de total atención. Logo de quince minutos de proxección, a luz volveu á sala e Rosa García, concelleira de Cultura de Valdoviño, convidou aos presentes a pasar á sala de exposicións temporais.  

    A humidade próxima do mar batía na cara ao saír do auditorio, e os asistentes deron os escasos pasos que conducían ata a sala de exposicións no medio da escuridade azulada do ceo. Xa no interior, tomou a palabra o historiador Enrique Barrera. Coñecido ferrolán de adopción, é un dos maiores expertos en historia local; a súa obra é un retrato da bisbarra en distintas épocas, desde a II República ata a Transición. Nela aproxímase a episodios como a represión franquista no barrio de Canido e a fuxida do Bou Ramón a Francia. Foi precisamente a escapada dos 27 anarquistas e socialistas a que lle permitiu dar comezo á historia, xa que a meirande parte deles acabou noutro campo de concentración, o de Argelès. Como outros 500 mil españois, pediron asilo político ás autoridades francesas. Barrera explicou pormenorizadamente a historia dos veciños da zona que se viron nesta situación, e mesmo amosou documentos da época, como unha carta de Cruz Vermella na que se comunicaba á esposa do ortegueirés Alfonso López que este fora deportado a Mauthausen. 

    Enrique Barrera, nun momento da súa explicación | Mateo González

    A disposición dos asistentes, en semicírculo derredor de Barrera, semellaba evocar as xuntanzas á luz do candil, nas que se transmitía o saber popular e as historias da comunidade. Deste xeito, o historiador fixo un percorrido circular polas imaxes, e contou como moitos pereceron de xeito inhumano; algúns, como o veciño de Serantes Pastor García e o aresano Carlos Romero, foron vítimas das probas nazis co gas ciclón no castelo de Hartheim. Outros sufriron o denominado “salto do paracaidista”, unha práctica coa que os nazis empurraban ao baleiro aos presos desde a “escaleira da morte”, na canteira do campo. “É complicado imaxinar tal crueldade. Quen esquece este tipo de cousas está condenado a repetilas”, comentou Pedro, outro dos presentes, ao rematar a visita. 

    Os visitantes escoitando as palabras de Enrique Barrera | Mateo González

    Na última fase da explicación, o historiador nacido en Zaragoza relatou outras historias do campo, como a de Francesc Boix, “o fotógrafo de Mauthausen”, cuxa historia se popularizou a raíz do filme protagonizado por Mario Casas. Se ben non se sabe se tivo relación con alguén da comarca, as súas imaxes foron esenciais nos xuízos á cúpula nazi en Nüremberg.  

    Cando rematou a súa exposición, Barrera foi recoñecido polo público cun fervente aplauso. A palabra quedou en mans dos presentes, que foron convidados a comentar a súa opinión sobre a exposición. Manuel Pita, presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, fixo entón unha reflexión sobre o que a sociedade está a normalizar cada vez con máis frecuencia – a famosa ventá de Overton –, e comentou como a deshumanización do opoñente se infiltra cada vez máis no discurso político, ao estilo da propaganda nazi dirixida por Goebbels. Finalmente, a concelleira Rosa García deu inicio a un pequeno convite composto por empanada, bola e bebidas; mentres as persoas alí presentes partillaban historias de familiares que viviron a represión franquista. 

    A exposición Galegos en Mauthausen poderá visitarse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, ata o 29 de outubro. Está enmarcada nun proxecto do Concello para recuperar e dar voz ás historias das vítimas da ditadura franquista. 

    Dous visitantes da mostra | Mateo González

    Mateo González Álvarez

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

  • A cultura abre camiños e a música enche espazos con Uxía na Coruña

    A cultura abre camiños e a música enche espazos con Uxía na Coruña

    A cantante galega abriu o recén estreado Espazo Cultural Manuel María da Coruña cun concerto en homenaxe ao poeta e á xornalista Begoña Caamaño 

    Uxía, Sérgio e Santi no Espazo Cultural Manuel María da Coruña |Damián Suárez Capelán

    Os comezos adoitan ser bonitos, sobre todo se estes se acompañan de música. Na cidade da Coruña, a cultura lévase por bandeira e os lugares de encontro medran sen previo aviso. O Espazo Cultural Manuel María comezou a súa andaina o 6 de outubro na cidade coa idea de convertirse nun lugar onde a participación cidadá permita promover e promocionar a cultura galega. O pasado venres 16, o proxecto celebrou o seu primeiro concerto, De Manuel María a Begoña Caamaño, cargado de emoción e agarimo.

    O recendo a novo misturábase co nerviosismo dos asistentes, o que deixaba claro que aquel espazo sería lugar de moitas historias. A cantante galega Uxía foi quen de poñer a primeira achega nunha iniciativa desta importancia. O local non é demasiado grande, mais suficiente para crear unha atmosfera cercana e íntima. A artista ía de rosa, un rosa que iluminaba o lugar, ás escuras e aínda por decorar, e contrastaba, case de maneira poética, co negro da tela que recobría o escenario. Ao seu carón, o guitarrista Sérgio Tannus e o acordeonista Santi Cribeiro, encargados de empapar a sala co seu fermoso tocar.

    Ás 20:00, Uxía desplegou por primeira vez a súa voz e escolleu a peza Saleta para dar comezo a unha viaxe emocionante. O espazo estaba ateigado de xente e, ao rematar de cantar, ninguén puido reprimir as ganas de aplaudir tras sentirse acariñados pola voz de Uxía e o intimismo do lugar por primeira vez.

    A escolla do repertorio pasou por grandes artistas como O mestriño e deu pé a que Uxía amosase o seu apoio a causas como a situación da inmigración en España, a problemática de Cuba ou a falta do uso do galego pola mocidade (esta última acompañada por poemas de Manuel María). A artista, pouco despois, quixo falar de Begoña, unha das protagonistas da noite, pois ela mesma acaba de editar un disco, Indómitas (2026), no que homenaxea a súa figura. A Begoñísima era un dos seus alcumes, mais tamén a peza que Uxía cantou aquela tarde na Coruña con tanto amor. 

    Tamén a artista Mercedes Peón foi homenaxeada, ao igual que o escritor Uxío Novoneyra cunha das súas obras. Porén, no medio de tanta lembranza, a melodía deu unha reviravolta e, nun intre, comezou unha foliada. Coa pandeireta na man, Uxía e Sérgio puxeron a todos a bailar, sen importar a experiencia nin a calidade, só coa idea de pasar un bo rato. O público, entregado durante todo o concerto, fixo de coro nas cancións, sobre todo cando a cantante sacou O Carro de Fuxan os Ventos como agasallo.

    Os tres artistas no remate do concreto preto do público. |Damián Suárez Capelán

    A noite entraba na sala e o concerto estaba a piques de rematar, foi nese momento cando Uxía decidiu achegarse máis á xente, para que a música entrase neles con maior facilidade. Acompañada dos músicos, os tres marcharon do escenario e percorreron o espazo cantando mentres as caras dos asistentes alumábanse ao escoitar tan de preto aquela fermosa voz e aquelas fermosas melodías. 

    Agora, o espazo non semellaba tan baleiro nin escuro. Uxía, Sérgio e Santi foron os encargados de darlle vida a un lugar que, de seguro, creará grandes historias, encontros e momentos na cidade. Ben o dixo Uxía: “Ogallá este espazo dure mil primaveiras máis e coide a cultura da Coruña. A cultura haina que levar por bandeira, iso sempre é así”. 

    O público marchando do Espazo Cutural Manuel María tras o remate do concerto.| Damián Suárez Capelán

    Os aplausos finais acompañáronse de alabanzas e dun público que se puxo de pé para amosar o seu agradecemento por todo o vivido aquela tarde. Uns querían achegarse a Uxía, comprar o seu traballo e agradecer a viaxe musical e cultural que regalara. Outros saíron exhaustos, pois naquel lugar deixaran todo deles para encher o espazo cultural de vida. As luces das farolas alumeaban a rúa e, un pouco máis tarde, o espazo volvería terse apagado, fundíndose coa fermosa noite de venres, mais coa idea de acender as súas luces moitas veces máis na cidade da Coruña. Ao final, a cultura constrúese así, entre aqueles que queren que a luz nunca se apague. 

    Damián Suárez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • Miño paraliza o tráfico polos que quedan en terra 

    Miño paraliza o tráfico polos que quedan en terra 

    A rúa Galea volve a cortarse na cuarta mañá de protestas para esixir un aumento de prazas na liña de autobús que viaxa aos institutos de Betanzos 

    Durante a concentración a cadea humana impediu que o autobús saíse cara Betanzos. | Alicia Cernada

    A mañá arrefría na rúa Galea en Miño. Son as 7:50 horas e a luz aínda é dubidosa. A parada do autobús interurbano que empregan os rapaces para desprazarse aos institutos de Betanzos xa non é un lugar de espera silencioso, senón o escenario vivo dun cansazo que leva acumulándose durante tres anos. É venres e estase a realizar a cuarta mobilización convocada na localidade onde a veciñanza, alumnado e familias volven a encher o asfalto decididos a impedir que o autobús parta con normalidade. 

    A orixe deste conflito social e administrativo remóntase ao ano 2020, momento no que a entrada dos novos contratos de concesión coa empresa Monbus eliminou o modelo anterior e unificouse nunha única liña pública as dúas rutas que operaban ata entón: unha destinada exclusivamente ao transporte escolar e outra aberta ao público xeral. Na actualidade, un total de 79 alumnos e alumnas de bacharelato de Miño necesitan desprazarse diariamente aos centros educativos de Betanzos, como o IES Francisco Aguiar ou o IES As Mariñas. Para atender a esta demanda, a concesionaria envía habitualmente un autobús de 49 prazas que resulta manifestamente insuficiente. Aínda que nesta e na anterior xornada de protesta a compañía enviou un vehículo reforzado de 60 prazas, a capacidade segue sen cubrir as necesidades reais. O resultado diario é que entre 15 e 20 escolares quedan tirados na beirarrúa sen poder subir e decenas de mozos teñen que facer todo o percorrido de pé ao longo das curvas da estrada. 

    Ante esta situación, o Concello de Miño, encabezado polo alcalde Manuel Vázquez Faraldo, dirixiu diversos escritos de protesta á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia para exixir solucións. Con todo, a administración autonómica limitouse a responder que a posibilidade de transportar pasaxeiros de pé nos autobuses interurbanos entra dentro da legalidade vixente. Unha resposta burocrática que choca coa indignación das familias e do propio goberno local, onde a primeira tenente de alcalde, Catalina Morado, sinala durante a protesta que a veciñanza “xa chegou a un límite e ocorreu o que tiña que ocorrer” tras tres cursos académicos sufrindo a mesma precariedade. O alcalde tamén criticou que o novo deseño concesional priorízase o transporte directo entre A Coruña e Ferrol, minguando os servizos dos concellos da comarca. Por este motivo, o rexedor local mantivo reunións con alcaldes e representantes municipais de Betanzos, Pontedeume, Oza-Cesuras, Paderne, Abegondo e Coirós para actuar de xeito conxunto e solicitar unha entrevista formal coa Directora Xeral de Mobilidade, mentres no Parlamento galego o BNG rexistrou iniciativas para esixir a restitución do servizo. 

    O relato cronolóxico da xornada de protesta comeza a escribirse ás 7:50 horas, cando a xente comeza a congregarse nas inmediacións da parada. Moitos dos asistentes chegan con aparencia de acabar de espertar, outros xa están vestidos e preparados para marchar despois aos seus postos de traballo, e a gran maioría acude armada con potas, tixolas, chifres e instrumentos tradicionais como trompetas e pandeiretas. O obxectivo: facer o máximo ruído posible para romper o silencio institucional. Entre quen sopra con forza o pito atópase Marta Blanco, veciña de Miño que explica con impotencia a situación do seu fillo, usuario do servizo este curso, quen xa quedou tirado na parada por falta de sitio e a única alternativa para que non perdese as súas clases foi pagar un taxi do seu propio peto. 

    Sobre as 8:00 horas, a multitude que se atopaba dispersa nas inmediacións da parada desprázase cara o primeiro paso de peóns da rúa Galea, ocupando a calzada e impedindo a circulación de calquera vehículo. Ás 8:04 horas fai a súa entrada o autobús, esta vez de 60 prazas e non 40 como ocorre os días que non hai manifestación. Os estudantes comezan a acceder ao vehículo, enchéndoo por completo xa nesta primeira parada. Mentres tanto, os pais e veciños que permanecen no asfalto intensifican o estrondo dos seus aparellos. Outros manifestantes limítanse a manter o bloqueo de xeito silencioso e firme para impedir o avance do transporte. É o caso de Víctor Hugo Sousa e da súa nai, entre o son das pandeiretas e os berros da protesta, explican que na actualidade ninguén da súa familia vai estudar a Betanzos, pero que el mesmo padecera o problema durante a súa etapa no IES Francisco Aguiar, onde moitas veces tivo que viaxar de pé. Víctor Hugo e a súa nai levan vindo aos catro venres de manifestación porque o vindeiro curso a súa irmá pequena comezará o bacharelato nun dos institutos brigantinos e non queren ver como “ten que quedar en terra porque non hai bus”. 

    O alumnado enche o bus xa na primeira parada. | Alicia Cernada

    Mentres transcorre a mobilización e se escoitan consignas na rúa como: «Saímos á rúa, ou todos ou ningún», o bloqueo mantense firme. Non foi ata ás 8:45 horas cando o alcalde se dirixe aos presentes para facer un chamamento público á veciñanza co fin de manter e sumar apoios nas vindeiras convocatorias. Foi nese intre cando se da por finalizado o boicot pacífico, permitindo que o autobús inicie finalmente a súa marcha cara a localidade veciña, completamente cheo e sen marxe para recoller nin un só pasaxeiro máis no resto das paradas do traxecto. 

    Alicia Cernada

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • “Matárono porque era bo”

    “Matárono porque era bo”

    Preséntase en Padrón o filme San Simón na II Edición da Mostra de Cinema Galego FOCO

    Mila Bouzón presentando o coloquio posterior á proxección | Carla del Río Otero

    Sempre me fixo sentir inquieta subir as escaleiras do Centro Social de Padrón. Teñen forma de caracol e un oco entre cada chanzo. Corría a voz no recreo da escola que podías chegar a caer se non subías amodo, agarrada á varanda. Dez anos despois, volvo a sentir ese medo e subo coa maior lentitude que existe no meu corpo. O teatro, se se lle pode chamar así, segue igual que sempre. Cortinas vermellas, longas, de veludo, cobren as grandes xanelas. As butacas, da mesma cor e textura, sitúanse en dirección a un pequeno escenario, onde hoxe se atopa unha pequena pantalla. Lese “San Simón. Duración: 107 minutos”.

    Recíbennos Fernando Rodríguez, membro do colectivo FOCO, unha organización que ten como obxectivo o rescate da memoria colectiva; e a concelleira de Cultura de Padrón, Yolanda Castro. Facía tempo que non se vía tanta xente reunida no Centro Social da vila. Tras unha pequena presentación do festival, comezan a falar do que nos reúne a todos nesta noite de xoves.

    Arranca a proxección. A luz do atardecer reflicte nas cortinas vermellas. As luces apáganse e, lonxe de quedar ás escuras, a sala énchese dunha tenue luz carmesí. Resulta inevitable pensar na ironía que agocha: os “rojos”, como o franquismo denominaba os seus adversarios, foron os mesmos que acabaron entre os muros de San Simón, vítimas da represión dun réxime que os condenaba pola súa ideoloxía. Aquel vermello que agora envolve a sala evoca, sen pretendelo, a memoria dos que sufriron o horror na illa.

    Esta non é a primeira vez que San Simón volve á memoria colectiva como escenario da represión franquista. Porén, nun momento no que o paso do tempo ameaza con afastar as novas xeracións dunha parte fundamental da nosa historia, obras como esta adquiren unha relevancia especial. O cinema convértese así nunha ferramenta imprescindible para recuperar as voces silenciadas, manter vivo o recordo das vítimas e evitar que o esquecemento borre as pegadas dun pasado que non debe repetirse.  “O que vades a ver, mais que para disfrutar, é para reflexionar”, dinos Fernando Rodríguez.

    De súpeto, estamos en outubro de 1936. A represión franquista esténdese por todo o territorio español e comeza a creación dos campos de concentración. Empregan edificios e recintos de todo tipo: escolas, fábricas, conventos, mosteiros, prazas de touros. A Illa de San Simón destaca polo seu illamento. O que fora un antigo lazareto queda reducido a un lugar de encerro e sufrimento, onde o horror da represión eclipsa todo vestixio da súa historia anterior. A aparente calma e beleza da illa contrasta co horror vivido nela. Lamas, a voz en off que se escoita durante todo o filme, recorda o sucedido 7 anos despois.

    O campo estivo vixente de 1936 a 1943. Das 6.000 persoas pasaron por el, morreron o 10% delas. As causas eran a fame, os piollos, as enfermidades que se propagaban entre os encarcerados e, sobre todo, os fusilamentos. Mila Bouzón, investigadora en memoria histórica e veciña de Valga, achéganos nun coloquio posterior á proxección máis datos sobre San Simón.

     Non pasa desapercibida a presenza na sala de dous dos participantes no filme, que dedicaron unha xornada enteira á gravación de tres escenas nas que interveñen como figurantes. Son o neto e o bisneto de Celestino Carbia Campaña, alcalde republicano de Valga cando estalou a Guerra Civil e vítima da represión franquista. A súa participación responde á vontade do director de dar cabida na película aos familiares das persoas asasinadas en San Simón, ofrecéndolles un espazo desde o que recuperar as historias e devolverlles a voz a aqueles que a perderon.

    Durante o seu paso pola illa, Carbia escribiu unha carta na que suplicaba clemencia para evitar ser fusilado. Segundo relata Fernando Rodríguez, na misiva pedía que acudisen a Valga e preguntasen por el. «Recordo que, na carta, Carbia pedía que fosen a Valga e preguntasen por el», lembra. Bouzón, que medrou escoitando da súa avoa as lembranzas sobre o alcalde republicano, resume o seu tráxico destino nunha frase tan breve como contundente: «Matárono porque era bo».

    É precisamente a través da súa familia, que conservou os recordos e mantivo viva a súa historia, como a memoria de Celestino Carbia chegou ata os nosos días. Ese sufrimento conta hoxe tamén cun recoñecemento oficial: o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática entregou aos seus familiares un documento que acredita a súa condición de vítima da represión franquista. Porén, este recoñecemento non pecha a reivindicación das familias das persoas represaliadas en San Simón, que reclaman que a memoria da illa reciba unha atención pública equiparable á doutros espazos vinculados á represión franquista, como o Pazo de Meirás.

    A medida que avanza o coloquio, a illa queda nun segundo plano e as lembranzas persoais ocupan o centro da conversa. As historias sucédense entre o público, que tamén toma a palabra para compartir as pegadas que a represión deixou nas súas propias familias. Diante de min está o fillo de Satiro, tamén veciño de Valga, que lembra como o seu pai se agochaba nun burato na horta da casa para evitar ser descuberto. «El facía vida normal e a Garda Civil víano polo día, pero pola noite era diferente. Viñan e rexistraban toda a casa». A situación, conta, non cambiou ata que comezou a traballar na Nestlé: «Foi cando empezou a traballar na Nestlé que o deixaron en paz. Interesáballes máis o seu traballo que a súa ideoloxía».

    Cara ao final do encontro, unha voz érguese desde o fondo do teatro. A intervención vai máis alá da valoración da película e apunta directamente á necesidade de transmitir o coñecemento do pasado. «A película está moi ben, pero tíñase que proxectar nas escolas e universidades. Aquí estamos os vellos, pero falta a xente nova, que non sabe o que se viviu neses anos». As súas palabras reciben o aplauso do público.

    A sesión chega ao seu remate, pero queda no aire unha reflexión que atravesa todo o encontro: lembrar o pasado é tamén unha maneira de evitar que as historias das vítimas volvan caer no esquecemento.

    Carla del Río Otero

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • O Castro volve ser testigo dun segundo asedio inglés

    O Castro volve ser testigo dun segundo asedio inglés

    Tropas británicas enfróntandose cos dirixentes militares vigueses | Nuria Ubeira 

    Baixo o nome de Vigo 1719. Unha loita esquecida chega a recreación do asedio inglés ao mesmo lugar onde aconteceu fai máis de trescentos anos: O Castro de Vigo. Un recuncho da cidade olívica que garda historia en cada unha das súas esquinas e que pasou de ser un poboado castrexo á fortaleza da vila, converténdose, na actualidade, nun espazo polo que pasear e desconectar. 

    A Escola Municipal de Teatro de Vigo (EMTVigo) era a encargada de levar a cabo esta representación teatral ao aire libre. A diferenza dunha obra de teatro común, nesta non se precisaba de elementos de decoración xa que o propio lugar escollido para representala xa era o ‘decorado’ perfecto. 

    O público xa ocupaba os asentos media hora antes do comezo da obra pero o lugar acompañaba para a perfecta distribución do público, así que os que ían chegando máis tarde fóronse dispoñéndose arredor do escenario principal improvisado, empregando as murallas como asentos. Puideron desfrutar, así, dunha vista panorámica da obra. Xente de todas as idades, dende nenos ata avós, agardaba con impaciencia. 

    Pouco tempo antes de que dera comezo a representación, chegou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado da tenenta de alcalde e outros cargos do Concello. Uns minutos despois, estes entraban polo que parecía ser o ‘camerino improvisado’. Era unha sala dentro das murallas da fortaleza na que se atopaban os actores e actrices. No discurso que deu o alcalde posteriormente, confirmou que foi saudar aos integrantes da Escola Municipal de Teatro. Nel tamén eloxiou a representación que os profesionais tiñan preparada para nós, asegurando que era unha “obra ben trazada e ben situada”. 

    Despois deste breve discurso, a obra por fin deu comezo cunha música de intriga que foi a encargada de poñer ao público en situación e introducilo no ambiente de tensión propio dunha invasión. Este inicio invitaba a pensar que a música ía ter unha maior presencia da que finalmente tivo, algo que se botou bastante en falta. 

    O pirata e explorador británico, William Campier, era o encargado de narrar a obra, proporcionando contexto histórico e o que ía sucedendo nos distintos momentos da representación. Felipe V e Isabel de Farnesio aparecen en escena para representar e contar as causas do asedio inglés a Vigo, que comezaron anos antes co plan para anexionar territorios do imperio xermánico como Cerdeña e Sicilia. 

    Dáse un salto no tempo ata chegar a outubro de 1719, mes no que os ingleses chegaron a Vigo. Unha parella de mariñeiros que faenaban en Bouzas, territorio que nese momento non pertencía a Vigo, observan dende lonxe como varios barcos con bandeiras inglesas comezan a desembarcar na praia de Samil. Acto seguido, son estes quen dan a voz de alarma na fortaleza e aseguran como Alcabre e Bouzas estaban ardendo debido aos ataques do exército inglés. 

    É esa mesma noite cando os ingleses chegan á vila viguesa e ao Castro. Sons de bombas e ladridos dos cans que tamén desfrutaban da obra de teatro alertaban de que o exército comezara cos ataques á fortaleza. Estes sucedéronse durante varios días e chegaron a lanzar máis de 600 bombas ata que, por fin, os vigueses conseguiron expulsalos da cidade. 

    Finalmente, a obra remata e todos os actores e actrices saen a despedirse do público. Probablemente, esta é a miña parte favorita de ir ver unha obra de teatro: cando os artistas poden desprenderse do seu personaxe, respiran aliviados e sorrín, á vez que deixan entrever que están satisfeitos co seu traballo. 

    Saúdo final dos actores e actrices da Escola Municipal de Teatro | Nuria Ubeira  

    Un aplauso bastante longo substitúe os intérpretes para converterse, así, no protagonista. A súa duración reflicte canto lle gustou a representación teatral aos diferentes asistentes. Algúns deles optaban por poñerse de pé para expresar a súa emoción. A continuación, a xente comeza a marchar; algúns volven rápidamente falar da súa vida, pero outros aproveitan para comentar a súa opinión sobre a obra. 

    Durante a obra, o público pode coñecer non só a perspectiva dos vigueses, senón tamén a visión dos ingleses sobre o asedio. Ademais, o escenario era cambiante e moi versátil, xa que non empregaban só a ‘pista principal’ senón que os actores e actrices se movían tamén polas murallas que rodeaban o Patio de Armas da fortaleza, o que proporciona un dinamismo á historia que se está a contar. 

    Actividades e eventos culturais coma este permiten que a historia dunha cidade continúe a ser contada, ao evitar o esquecemento por parte do conxunto da sociedade, algo que é perigoso e sempre ten consecuencias. 

    Nuria Ubeira

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • Guitarra, voz e proximidade: Fernando Tato presenta o seu novo EP no Modus Vivendi

    Guitarra, voz e proximidade: Fernando Tato presenta o seu novo EP no Modus Vivendi

    O cantautor coruñés interpretaba “El propio funcionamiento de las cosas” este xoves 15 de outubro a pé de escenario no pub compostelán

    Fernando, á dereita, e Marcos, o seu guitarrista, á esquerda, tocando no Modus Vivendi | Catuxa Rodríguez

    Son as 21.00 dun xoves en Santiago de Compostela e a capital galega déixanos desfrutar dunha desas noites, escasas pero agradables, nas que a temperatura convida a saír ás rúas. Á súa vez, Fernando Tato está a piques de comezar a presentación do seu novo EP, “El propio funcionamiento de las cosas”, no local Modus Vivendi, na Praza de Feixoó.

    O cantautor de Narón volve aos escenarios de proximidade con nada máis que a súa voz, dúas guitarras e unha colección musical desinhibida que pide ser tocada en directo. Trae unha proposta sinxela en acústico que reúne a aqueles que se atreven a entrar pola pequena porta do pub compostelán. Bo ambiente, proximidade e sentimentalismo: crónica dun tímpano máis que satisfeito.

    A xornada comeza antes de tempo cando, quince minutos antes da hora de inicio, escóitanse os primeiros acordes. Unha melodía básica que fai que os máis impacientes xa se senten a escoitar mentres outros seguen coa conversa que sempre se adoita dar con unha copa de viño na man. Ultímanse detalles e as escasas 20 persoas que nos acercamos a escoitar hoxe a Fernando agardamos sentadas pola apertura do show, coma quen agarda por un agasallo de Nadal.

    O concerto arrinca con puntualidade acompañado dunhas palabras do cantautor agradecendo a todos aqueles que decidiron estar hoxe aquí. “Eu mañá traballo ás 10.00 en A Coruña, pero aquí estou!”, escóitase polo baixo. Sen máis dilación e tras un “Vámonos, atento Marcos” de Fernando, comeza esta actuación en acústico en formato de dúo, entre Fernando Tato á guitarra española e o seu guitarrista, Marcos, á eléctrica.

    O repertorio de hoxe constrúese arredor da combinación das novidades do EP co material dos seus álbums máis antigos, todos eles seguindo a liña temática do amor frustrado, da soidade, de persoas que veñen e van, de cousas que rompen… “Ahora seguimos con más canciones felices y esperanzadoras”, chanceaba o propio Fernando co público sobre a fixación dos seus temas. Aínda así, as letras contan con temáticas recoñecibles e sen adornos que permiten identificarse entre as súas liñas.

    O escenario do Modus Vivendi cos instrumentos dos intérpretes | Catuxa Rodríguez

    Unha vez rematan as tres primeiras cancións, o público fúndese nun longo aplauso e en comentarios de ovación que se estenden ata cada recuncho do local, “Bravo! Guapo!”, escoitábase. Só fai falta a súa voz, dúas guitarras e unha noite de cancións de amorpara encher o Modus Vivendi de emoción e sentimentalismo.

    Respírase un aire de proximidade que naturaliza calquera tipo de intervención entre o público e o autor, pois as interaccións entre ambos son constantes. “Yo vine por la música pero me voy siendo fan de un nuevo artista para mí”, declaraba unha muller do público.

    O setlist vaise esgotando e a emoción do público vólvese inversamente proporcional, pois os aplausos e os movementos de cabeza ao ritmo dos acordes van en aumento. Case chegando ao final chega o clímax cando, neste petit comité, Fernando avanza unha canción exlcusiva. “Acabamos de llegar de madrid de hablar con el productor” confesaba, polo que a expectación é máxima.

    O ambiente do local ofrece un espazo de conversa e proximidade, pois o tamaño do lugar súmase a unhas luces cálidas e concretas que animan a calquera a adherirse como espectador. Por isto é que, a medida que o concerto vai medrando, tamén o fai o aforo do Modus Vivendi, que no final do evento xa case non permite que ninguén máis entre por risco de rebordar a escasa capacidade.

    Despois do concerto puidemos falar con Fernando e explicounos que a elección deste lugar foi precisamente por iso, pois ademais de frecuentalo na súa xuventude, “es más mítico que la propia catedral”, dicía, “propicia un ambiente distinto, disfruto mucho estar a medio metro de la gente”.

    Antes de rematar o artista aproveita para explicar o funcionamento da billeteira inversa, que é pola que se rixe o concerto. “Pasar la gorra de toda la vida”, dicía. A billeteira inversa consiste en que es ti quen decide canto vale o concerto, depositando ao final do mesmo os cartos que ti consideres. Neste caso, a aportación mínima suxerida son cinco euros.

    “Decirte adiós” é a canción escollida para despedir esta xornada musical, que entre risas e bromas acompaña aos agradecementos do artista cara todo o seu equipo e ao público presente. Un evento inesquecible que aproxima aos pequenos artistas un paso máis da resonancia na industria musical e que permite desfrutar da boa música nos recunchos máis pequenos de Santiago de Compostela.

    Catuxa Rodríguez

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela