Preséntase en Padrón o filme San Simón na II Edición da Mostra de Cinema Galego FOCO

Sempre me fixo sentir inquieta subir as escaleiras do Centro Social de Padrón. Teñen forma de caracol e un oco entre cada chanzo. Corría a voz no recreo da escola que podías chegar a caer se non subías amodo, agarrada á varanda. Dez anos despois, volvo a sentir ese medo e subo coa maior lentitude que existe no meu corpo. O teatro, se se lle pode chamar así, segue igual que sempre. Cortinas vermellas, longas, de veludo, cobren as grandes xanelas. As butacas, da mesma cor e textura, sitúanse en dirección a un pequeno escenario, onde hoxe se atopa unha pequena pantalla. Lese “San Simón. Duración: 107 minutos”.
Recíbennos Fernando Rodríguez, membro do colectivo FOCO, unha organización que ten como obxectivo o rescate da memoria colectiva; e a concelleira de Cultura de Padrón, Yolanda Castro. Facía tempo que non se vía tanta xente reunida no Centro Social da vila. Tras unha pequena presentación do festival, comezan a falar do que nos reúne a todos nesta noite de xoves.
Arranca a proxección. A luz do atardecer reflicte nas cortinas vermellas. As luces apáganse e, lonxe de quedar ás escuras, a sala énchese dunha tenue luz carmesí. Resulta inevitable pensar na ironía que agocha: os “rojos”, como o franquismo denominaba os seus adversarios, foron os mesmos que acabaron entre os muros de San Simón, vítimas da represión dun réxime que os condenaba pola súa ideoloxía. Aquel vermello que agora envolve a sala evoca, sen pretendelo, a memoria dos que sufriron o horror na illa.
Esta non é a primeira vez que San Simón volve á memoria colectiva como escenario da represión franquista. Porén, nun momento no que o paso do tempo ameaza con afastar as novas xeracións dunha parte fundamental da nosa historia, obras como esta adquiren unha relevancia especial. O cinema convértese así nunha ferramenta imprescindible para recuperar as voces silenciadas, manter vivo o recordo das vítimas e evitar que o esquecemento borre as pegadas dun pasado que non debe repetirse. “O que vades a ver, mais que para disfrutar, é para reflexionar”, dinos Fernando Rodríguez.
De súpeto, estamos en outubro de 1936. A represión franquista esténdese por todo o territorio español e comeza a creación dos campos de concentración. Empregan edificios e recintos de todo tipo: escolas, fábricas, conventos, mosteiros, prazas de touros. A Illa de San Simón destaca polo seu illamento. O que fora un antigo lazareto queda reducido a un lugar de encerro e sufrimento, onde o horror da represión eclipsa todo vestixio da súa historia anterior. A aparente calma e beleza da illa contrasta co horror vivido nela. Lamas, a voz en off que se escoita durante todo o filme, recorda o sucedido 7 anos despois.
O campo estivo vixente de 1936 a 1943. Das 6.000 persoas pasaron por el, morreron o 10% delas. As causas eran a fame, os piollos, as enfermidades que se propagaban entre os encarcerados e, sobre todo, os fusilamentos. Mila Bouzón, investigadora en memoria histórica e veciña de Valga, achéganos nun coloquio posterior á proxección máis datos sobre San Simón.
Non pasa desapercibida a presenza na sala de dous dos participantes no filme, que dedicaron unha xornada enteira á gravación de tres escenas nas que interveñen como figurantes. Son o neto e o bisneto de Celestino Carbia Campaña, alcalde republicano de Valga cando estalou a Guerra Civil e vítima da represión franquista. A súa participación responde á vontade do director de dar cabida na película aos familiares das persoas asasinadas en San Simón, ofrecéndolles un espazo desde o que recuperar as historias e devolverlles a voz a aqueles que a perderon.
Durante o seu paso pola illa, Carbia escribiu unha carta na que suplicaba clemencia para evitar ser fusilado. Segundo relata Fernando Rodríguez, na misiva pedía que acudisen a Valga e preguntasen por el. «Recordo que, na carta, Carbia pedía que fosen a Valga e preguntasen por el», lembra. Bouzón, que medrou escoitando da súa avoa as lembranzas sobre o alcalde republicano, resume o seu tráxico destino nunha frase tan breve como contundente: «Matárono porque era bo».
É precisamente a través da súa familia, que conservou os recordos e mantivo viva a súa historia, como a memoria de Celestino Carbia chegou ata os nosos días. Ese sufrimento conta hoxe tamén cun recoñecemento oficial: o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática entregou aos seus familiares un documento que acredita a súa condición de vítima da represión franquista. Porén, este recoñecemento non pecha a reivindicación das familias das persoas represaliadas en San Simón, que reclaman que a memoria da illa reciba unha atención pública equiparable á doutros espazos vinculados á represión franquista, como o Pazo de Meirás.
A medida que avanza o coloquio, a illa queda nun segundo plano e as lembranzas persoais ocupan o centro da conversa. As historias sucédense entre o público, que tamén toma a palabra para compartir as pegadas que a represión deixou nas súas propias familias. Diante de min está o fillo de Satiro, tamén veciño de Valga, que lembra como o seu pai se agochaba nun burato na horta da casa para evitar ser descuberto. «El facía vida normal e a Garda Civil víano polo día, pero pola noite era diferente. Viñan e rexistraban toda a casa». A situación, conta, non cambiou ata que comezou a traballar na Nestlé: «Foi cando empezou a traballar na Nestlé que o deixaron en paz. Interesáballes máis o seu traballo que a súa ideoloxía».
Cara ao final do encontro, unha voz érguese desde o fondo do teatro. A intervención vai máis alá da valoración da película e apunta directamente á necesidade de transmitir o coñecemento do pasado. «A película está moi ben, pero tíñase que proxectar nas escolas e universidades. Aquí estamos os vellos, pero falta a xente nova, que non sabe o que se viviu neses anos». As súas palabras reciben o aplauso do público.
A sesión chega ao seu remate, pero queda no aire unha reflexión que atravesa todo o encontro: lembrar o pasado é tamén unha maneira de evitar que as historias das vítimas volvan caer no esquecemento.
Carla del Río Otero
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Deixa unha resposta