Valdoviño convida a non esquecer as vítimas do nazismo coa mostra Galegos en Mauthausen 

· A exposición reúne 40 fotografías e documentos dos veciños da bisbarra que estiveron no campo 

· Foi inaugurada na Casa da Cultura da man do historiador Enrique Barrera 

Catro das imaxes que compoñen a mostra, nas que aparecen veciños da comarca | Mateo González

“Cando os nazis viñeron polos comunistas, calei, porque eu non era comunista”. No día de onte, 16 de outubro, este poema de Martin Niemöller abriu a exposición Galegos en Mauthausen na Casa da Cultura de Valdoviño. O seu obxectivo é lembrar a memoria dos máis de cen galegos mortos no campo de concentración, xunto con todas as vítimas da barbarie nazi. Máis dunha vintena de asistentes mergullouse nunha viaxe ao pasado que permitiu desentrañar, especialmente, as historias dos veciños de Ferrolterra, Eume e Ortegal que estiveron alí. 

O ceo gris ameazaba choiva sobre os tellados valdoviñeses, pero finalmente un fino orballo permitiu que máis de vinte veciños e veciñas da vila e arredores se congregasen na Casa da Cultura. O acto, convocado polo Concello en colaboración coa Asociación cultural Memoria Histórica Democrática, deu comezo pasadas as 19:00 cun breve documental que comparte título coa exposición. Os seus autores, Xosé Abad e Sandra García, realizárono no ano 2012, e constitúe unha das primeiras homenaxes aos galegos vítimas do nazismo. Nel cóntase a historia de figuras como a de Antonio Cendán, ferrolán que se librou no último momento de ser executado ao ser agochado polos seus compañeiros; ou Jaime Castiñeiras, que nunha ocasión foi descuberto por un oficial mentres comía raíces e recibiu unha patada que o deixou sen dentes. 

O documental proxectado, realizado en 2012, constitúe unha das primeiras homenaxes aos galegos vítimas do campo de concentración

O documental adentrouse nas duras condicións dos presos, no frío, na fame. As imaxes de arquivo mesturáronse coas cartas reais que os galegos enviaban ás súas familias, e con fotografías súas, o que espertou un grande interese no público. “Escoitando as historias de persoas da comarca, que poderían ter sido veciños teus, fai que te deas conta da dureza do que viviron”, comentou Teresa, unha das asistentes ao acto. As caras dos espectadores foi, en todo momento, de total atención. Logo de quince minutos de proxección, a luz volveu á sala e Rosa García, concelleira de Cultura de Valdoviño, convidou aos presentes a pasar á sala de exposicións temporais.  

A humidade próxima do mar batía na cara ao saír do auditorio, e os asistentes deron os escasos pasos que conducían ata a sala de exposicións no medio da escuridade azulada do ceo. Xa no interior, tomou a palabra o historiador Enrique Barrera. Coñecido ferrolán de adopción, é un dos maiores expertos en historia local; a súa obra é un retrato da bisbarra en distintas épocas, desde a II República ata a Transición. Nela aproxímase a episodios como a represión franquista no barrio de Canido e a fuxida do Bou Ramón a Francia. Foi precisamente a escapada dos 27 anarquistas e socialistas a que lle permitiu dar comezo á historia, xa que a meirande parte deles acabou noutro campo de concentración, o de Argelès. Como outros 500 mil españois, pediron asilo político ás autoridades francesas. Barrera explicou pormenorizadamente a historia dos veciños da zona que se viron nesta situación, e mesmo amosou documentos da época, como unha carta de Cruz Vermella na que se comunicaba á esposa do ortegueirés Alfonso López que este fora deportado a Mauthausen. 

Enrique Barrera, nun momento da súa explicación | Mateo González

A disposición dos asistentes, en semicírculo derredor de Barrera, semellaba evocar as xuntanzas á luz do candil, nas que se transmitía o saber popular e as historias da comunidade. Deste xeito, o historiador fixo un percorrido circular polas imaxes, e contou como moitos pereceron de xeito inhumano; algúns, como o veciño de Serantes Pastor García e o aresano Carlos Romero, foron vítimas das probas nazis co gas ciclón no castelo de Hartheim. Outros sufriron o denominado “salto do paracaidista”, unha práctica coa que os nazis empurraban ao baleiro aos presos desde a “escaleira da morte”, na canteira do campo. “É complicado imaxinar tal crueldade. Quen esquece este tipo de cousas está condenado a repetilas”, comentou Pedro, outro dos presentes, ao rematar a visita. 

Os visitantes escoitando as palabras de Enrique Barrera | Mateo González

Na última fase da explicación, o historiador nacido en Zaragoza relatou outras historias do campo, como a de Francesc Boix, “o fotógrafo de Mauthausen”, cuxa historia se popularizou a raíz do filme protagonizado por Mario Casas. Se ben non se sabe se tivo relación con alguén da comarca, as súas imaxes foron esenciais nos xuízos á cúpula nazi en Nüremberg.  

Cando rematou a súa exposición, Barrera foi recoñecido polo público cun fervente aplauso. A palabra quedou en mans dos presentes, que foron convidados a comentar a súa opinión sobre a exposición. Manuel Pita, presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, fixo entón unha reflexión sobre o que a sociedade está a normalizar cada vez con máis frecuencia – a famosa ventá de Overton –, e comentou como a deshumanización do opoñente se infiltra cada vez máis no discurso político, ao estilo da propaganda nazi dirixida por Goebbels. Finalmente, a concelleira Rosa García deu inicio a un pequeno convite composto por empanada, bola e bebidas; mentres as persoas alí presentes partillaban historias de familiares que viviron a represión franquista. 

A exposición Galegos en Mauthausen poderá visitarse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, ata o 29 de outubro. Está enmarcada nun proxecto do Concello para recuperar e dar voz ás historias das vítimas da ditadura franquista. 

Dous visitantes da mostra | Mateo González

Mateo González Álvarez

Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *