Autor: Mateo González

  • Alba González, mestra na concertada: “O alumnado debe coñecer a nosa cultura e a nosa fala, que é o máis importante que temos”

    Alba González, mestra na concertada: “O alumnado debe coñecer a nosa cultura e a nosa fala, que é o máis importante que temos”

    A mestra Alba González, na porta da escola San Rosendo | Mateo González

    O colexio San Rosendo queda na intersección das rúas Barrié de la Maza e Pintor Máximo Ramos. Subo pola primeira, unha costa pronunciada que me obriga a parar a tomar alento. Na miña pausa, observo unha pintura que me chama a atención: unha Mary Poppins con forma de Menina que está a sobrevoar as grúas do estaleiro ferrolán.  

    Prosigo a miña marcha e chego ata a escola. Na súa porta agárdame unha mestra que leva apenas dous meses dando clases a nenos de primaria. Chámase Alba. Non trae paraugas pero, ao igual que a personaxe interpretada por Julie Andrews, acompaña aos seus alumnos do barrio de Canido no seu espertar na vida. 

    Vostede tivo a oportunidade de realizar prácticas nun colexio público, e agora continuou a súa carreira profesional nun centro concertado. Existen diferenzas importantes entre ambos modelos con respecto aos labores que debe realizar como mestra?


    De primeiras, non podo comparar as funcións que facía no colexio público e no concertado, xa que no primeiro estaba de prácticas e agora contratada. Igualmente, si observo diferenzas nos labores que realiza o profesorado e nas súas responsabilidades; no ámbito público hai máis persoal en termos xerais e na concertada hai menos profesionais e recursos.  

    No meu centro, ao tratarse dun colexio pequeno, as tarefas repártense entre o persoal dispoñible. Na pública as funcións adoitan estar máis delimitadas entre o persoal docente, de apoio e coidador.  

    Ademais de ser titora de 5º curso de primaria, vostede tamén é profesora de Pedagoxía Terapéutica en varios cursos. Como valora os recursos dos que dispón o profesorado para levar a cabo este labor tan importante? 


    Tanto as miñas compañeiras e compañeiros coma min traballamos no día a día con bastantes nenos con necesidades, tanto dificultades de aprendizaxe, discapacidades varias, trastornos, etc. En xeral, os recursos na educación galega son moi escasos. 

    A miña impresión persoal é que faltan moitos profesionais, tanto profesorado, como persoal de apoio, como persoal coidador. Isto é algo a nivel xeral. Todas as necesidades do alumnado estanse traballando cun número de profesionais que non é o adecuado para promover o desenvolvemento óptimo que debería ter o alumnado. 

    Por outra parte, sabemos que no Reino Unido e no Canadá é normal que haxa dous docentes en cada aula. Aquí adoita haber un só mestre, e se hai moito alumnado con dificultades, pode incorporarse alguén de apoio. A figura do coidador é moi necesaria, especialmente se existen moitos nenos con necesidades máis graves, que non teñen control de esfínteres ou que non son quen de comer por si sós. 

    É necesario aumentar o persoal e reducir as ratios para atender máis adecuadamente ao estudantado. Por outra banda, aprecio que en moitas ocasións os alumnos con necesidades máis graves están mellor atendidos que os nenos e nenas con dificultades máis leves, que quedan medianamente esquecidos. Isto supón unha carga enorme para o profesorado, que non é quen de abarcar todas as dificultades que se detectan. 

    Considera que a responsabilidade e a realidade do seu traballo está suficientemente recoñecida tanto socialmente como polas administracións? 


    Por unha parte, socialmente, si que é certo que existe a idea de importancia do profesorado e da escola. Porén, existe tamén a visión de que o profesorado non traballa ou que traballa poucas horas, que ten moitas vacacións, moito tempo libre, etc. 

    A nivel administrativo, creo que a consideración é moito peor, especialmente a que temos os mestres da concertada. A nivel público as condicións son máis aceptables, pero as que existen na concertada non son as adecuadas, por iso se están sucedendo varias xornadas de folga para melloralas. A carga de traballo é excesiva, fai falta máis persoal; nalgúns casos as necesidades do alumnado non están suficientemente cubertas, ou si que o están pero cunha carga persoal moi elevada. 

    Non é o mesmo estar soa para adaptar os contidos ás diferentes necesidades que hai nunha aula, que facelo en coordinación con outro profesional. Ademais, as horas lectivas son máis que na pública e contamos con menos persoal e recursos.  

    Por outra banda, a Xunta considera que as condicións do profesorado da concertada non son prioritarias. Entendo que non somos iguais que o profesorado público, xa que non aprobamos unha oposición, pero tamén é certo que atendemos a un elevado número do alumnado galego practicamente sen medios para facelo correctamente.  

    No meu caso, comecei o 1 de setembro neste centro, pero a Xunta me fixo o contrato desde o 9 de setembro e non cobrei ese mes de setembro. Non foi ata finais de outubro cando cobrei os dous meses, xa que as nóminas pechan a comezos de mes. Eu considérome unha privilexiada, xa que puiden pasar estes dous meses sen dificultades maiores, pero as persoas que deben pagar o seu aluguer ou teñen unha débeda pendente poden verse nunha situación complicada.

    “Non somos iguais que o profesorado público, pero  tamén atendemos a un elevado número de alumnado galego practicamente sen medios”

    Este xoves pasado estaba convocada unha mobilización dos mestres da concertada de Galiza, na que se pedía unha mellora das condicións xerais deste grupo. Finalmente, aprazouse en sinal de loito polo accidente en Urda. Que melloras laborais concretas esixen á Xunta?


    A mobilización que se suspendeu consistía nunha caravana de coches convocada por varias entidades sindicais. Aínda así, a folga do día 10 de novembro segue convocada porque non se acadaron as melloras esperadas trala manifestación do pasado 6 de outubro.

    O que pedimos dende o ensino concertado son melloras no persoal, no salario e incluír os complementos de titoría que si existen no público. Ademais, reivindícase a redución da xornada lectiva e os complementos salariais. O persoal titor ten que xestionar un grupo, as súas familias e dedicar tempo ás titorías, no canto de preparar clases.

    Alba, debaixo do toldo na entrada do colexio no que traballa | Mateo González

    O movemento por unhas condicións laborais dignas na concertada está acadando cada vez máis impulso en Galiza. Cre que conseguirá algunha resposta por parte da Xunta?


    Eu son optimista, penso que as mobilizacións que están habendo, que cada vez teñen máis apoio, que a xente está motivada, organizándose, si que van servir para acadar certas mellorías, do salario, de equiparación de horas lectivas, das condicións xerais de traballo. Ao final, o profesorado da concertada atende a unha elevada porcentaxe de alumnado en Galicia. Xa aceptamos traballar con menos recursos, pero o profesorado ten que ter unhas condicións de vida dignas.

    Ferrol é unha cidade que está a atravesar numerosas transformacións poboacionais e culturais nos últimos anos. Algúns falan de crise demográfica, pero os últimos datos falan dun crecemento nos últimos tres anos. Vostede, como habitante da cidade, considera que se está invertendo a tendencia negativa?


    Opino que si se está investindo esta tendencia negativa. Aprecio unha cidade moito máis dinámica no último lustro. Veu moita xente, hai máis encontros culturais. Ferrol está comezando a ter un lugar importante entre as cidades galegas, xa que está medrando demograficamente e hai máis industria.

    Comentei con outras persoas, que opinan de xeito semellante a min, que a xente sae máis que hai unha década, cando as rúas de Ferrol estaban baleiras e parecía unha cidade pantasma. Vexo ganas de superar esta crise que sufriu a cidade e tamén unha maior valoración da contorna por parte da poboación. Opino que si se está invertendo esta tendencia negativa. Aprecio unha cidade moito máis dinámica no último lustro. Veu moita xente, hai máis encontros culturais. Ferrol está comezando a ter un lugar importante entre as cidades galegas, xa que está medrando demograficamente e hai máis industria.

    Que papel considera que debe ter a escola á hora de crear comunidade nun barrio como Canido?


    Gústame especialmente esta pregunta. Desde o meu colexio dáse moita importancia ao traballo coa contorna e a coñecer o barrio: os locais, os comercios; non só do barrio de Canido, senón do centro e de Ferrol Vello, que son os lugares próximos ao colexio.

    Por exemplo, este mes pasado foron as Meninas de Canido e fixemos un roteiro polas diferentes obras do barrio. Un alumno do colexio pintou o día da festa e explicounos curiosidades sobre a iniciativa. Ademais, o seu creador, Eduardo Hermida, colabora habitualmente co centro e todo o alumnado participou na elaboración dunha Menina con el.

    Amais, coas aulas de educación especial realizamos saídas acotío a comercios locais para fomentar a autonomía dos rapaces e que aprendan a organizar unha lista da compra, escoller produtos de proximidade e xestionar o seu diñeiro. Son actividades que me parecen moi importantes porque crean conexión coa comunidade.

    Comentábame que vostede dá clase a seis nenos e nenas procedentes doutros países e comunidades. Como se impulsa desde a escola a súa integración na veciñanza ferrolá?


    En xeral, a súa inclusión no centro é moi natural. Porén, somos conscientes de que poden ser nenos emocionalmente máis sensibles, porque son rapaces que deixan vidas atrás noutros países, botan de menos a familiares e amigos; todo isto témolo en conta.

    Son moi importantes para nós, non só cos nenos migrantes, as dinámicas de cohesión de grupo e de dinamización. A nosa intención é crear comunidade dentro da escola, xa que todos somos partícipes e igual de importantes.

    Na súa experiencia cotiá, atopa dificultades para dinamizar e normalizar o uso do galego entre o alumnado?


    Si, percibo moitas dificultades tanto para dinamizar como para normalizar o uso do galego. Mesmo falando na materia de Galego os nenos seguen a empregar o castelán, e o galego que utilizan é dun nivel bastante baixo. O feito de que toda a contorna do alumnado sexa castelanfalante inflúe en gran medida.

    Aprecio tamén certas reticencias a aprender a fala. Frases como “non entendo” e “non quero estudalo” son frecuentes. Seméllame sorprendente que a estas alturas continúen a existir este tipo de ideas. A diglosia é unha situación moi presente, polo menos na miña contorna, e desde o centro é un punto moi importante a traballar.

    Como se pode reverter esta situación?


    Creo que son especialmente importantes as actividades que lle dan importancia ao idioma. Non só utilizalo e simplemente normalizalo, senón realizar actividades entretidas que poñan en valor a nosa cultura e as nosas tradicións galegas e ferrolás.

    É moi relevante utilizar o idioma en actividades complementarias, festividades, no trato coa familia, así como nas actividades coas que coñecemos a nosa historia. Nun lugar como Ferrol, no que é complicado atopar mozos que falen o idioma de noso, resulta máis esencial.  Ademais, considero que o alumnado debe coñecer a sociolingüística, é dicir, o que sucedeu e o que está a suceder actualmente co galego. Deste xeito, coñecen a relevancia de preservar e recuperar a nosa cultura e a nosa fala, que é o máis importante que temos.

    Alba, xunto á decoración de Samaín que prepararon no centro. | Mateo González

    Mateo González Álvarez

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

  • Valdoviño convida a non esquecer as vítimas do nazismo coa mostra Galegos en Mauthausen 

    Valdoviño convida a non esquecer as vítimas do nazismo coa mostra Galegos en Mauthausen 

    · A exposición reúne 40 fotografías e documentos dos veciños da bisbarra que estiveron no campo 

    · Foi inaugurada na Casa da Cultura da man do historiador Enrique Barrera 

    Catro das imaxes que compoñen a mostra, nas que aparecen veciños da comarca | Mateo González

    “Cando os nazis viñeron polos comunistas, calei, porque eu non era comunista”. No día de onte, 16 de outubro, este poema de Martin Niemöller abriu a exposición Galegos en Mauthausen na Casa da Cultura de Valdoviño. O seu obxectivo é lembrar a memoria dos máis de cen galegos mortos no campo de concentración, xunto con todas as vítimas da barbarie nazi. Máis dunha vintena de asistentes mergullouse nunha viaxe ao pasado que permitiu desentrañar, especialmente, as historias dos veciños de Ferrolterra, Eume e Ortegal que estiveron alí. 

    O ceo gris ameazaba choiva sobre os tellados valdoviñeses, pero finalmente un fino orballo permitiu que máis de vinte veciños e veciñas da vila e arredores se congregasen na Casa da Cultura. O acto, convocado polo Concello en colaboración coa Asociación cultural Memoria Histórica Democrática, deu comezo pasadas as 19:00 cun breve documental que comparte título coa exposición. Os seus autores, Xosé Abad e Sandra García, realizárono no ano 2012, e constitúe unha das primeiras homenaxes aos galegos vítimas do nazismo. Nel cóntase a historia de figuras como a de Antonio Cendán, ferrolán que se librou no último momento de ser executado ao ser agochado polos seus compañeiros; ou Jaime Castiñeiras, que nunha ocasión foi descuberto por un oficial mentres comía raíces e recibiu unha patada que o deixou sen dentes. 

    O documental proxectado, realizado en 2012, constitúe unha das primeiras homenaxes aos galegos vítimas do campo de concentración

    O documental adentrouse nas duras condicións dos presos, no frío, na fame. As imaxes de arquivo mesturáronse coas cartas reais que os galegos enviaban ás súas familias, e con fotografías súas, o que espertou un grande interese no público. “Escoitando as historias de persoas da comarca, que poderían ter sido veciños teus, fai que te deas conta da dureza do que viviron”, comentou Teresa, unha das asistentes ao acto. As caras dos espectadores foi, en todo momento, de total atención. Logo de quince minutos de proxección, a luz volveu á sala e Rosa García, concelleira de Cultura de Valdoviño, convidou aos presentes a pasar á sala de exposicións temporais.  

    A humidade próxima do mar batía na cara ao saír do auditorio, e os asistentes deron os escasos pasos que conducían ata a sala de exposicións no medio da escuridade azulada do ceo. Xa no interior, tomou a palabra o historiador Enrique Barrera. Coñecido ferrolán de adopción, é un dos maiores expertos en historia local; a súa obra é un retrato da bisbarra en distintas épocas, desde a II República ata a Transición. Nela aproxímase a episodios como a represión franquista no barrio de Canido e a fuxida do Bou Ramón a Francia. Foi precisamente a escapada dos 27 anarquistas e socialistas a que lle permitiu dar comezo á historia, xa que a meirande parte deles acabou noutro campo de concentración, o de Argelès. Como outros 500 mil españois, pediron asilo político ás autoridades francesas. Barrera explicou pormenorizadamente a historia dos veciños da zona que se viron nesta situación, e mesmo amosou documentos da época, como unha carta de Cruz Vermella na que se comunicaba á esposa do ortegueirés Alfonso López que este fora deportado a Mauthausen. 

    Enrique Barrera, nun momento da súa explicación | Mateo González

    A disposición dos asistentes, en semicírculo derredor de Barrera, semellaba evocar as xuntanzas á luz do candil, nas que se transmitía o saber popular e as historias da comunidade. Deste xeito, o historiador fixo un percorrido circular polas imaxes, e contou como moitos pereceron de xeito inhumano; algúns, como o veciño de Serantes Pastor García e o aresano Carlos Romero, foron vítimas das probas nazis co gas ciclón no castelo de Hartheim. Outros sufriron o denominado “salto do paracaidista”, unha práctica coa que os nazis empurraban ao baleiro aos presos desde a “escaleira da morte”, na canteira do campo. “É complicado imaxinar tal crueldade. Quen esquece este tipo de cousas está condenado a repetilas”, comentou Pedro, outro dos presentes, ao rematar a visita. 

    Os visitantes escoitando as palabras de Enrique Barrera | Mateo González

    Na última fase da explicación, o historiador nacido en Zaragoza relatou outras historias do campo, como a de Francesc Boix, “o fotógrafo de Mauthausen”, cuxa historia se popularizou a raíz do filme protagonizado por Mario Casas. Se ben non se sabe se tivo relación con alguén da comarca, as súas imaxes foron esenciais nos xuízos á cúpula nazi en Nüremberg.  

    Cando rematou a súa exposición, Barrera foi recoñecido polo público cun fervente aplauso. A palabra quedou en mans dos presentes, que foron convidados a comentar a súa opinión sobre a exposición. Manuel Pita, presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, fixo entón unha reflexión sobre o que a sociedade está a normalizar cada vez con máis frecuencia – a famosa ventá de Overton –, e comentou como a deshumanización do opoñente se infiltra cada vez máis no discurso político, ao estilo da propaganda nazi dirixida por Goebbels. Finalmente, a concelleira Rosa García deu inicio a un pequeno convite composto por empanada, bola e bebidas; mentres as persoas alí presentes partillaban historias de familiares que viviron a represión franquista. 

    A exposición Galegos en Mauthausen poderá visitarse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, ata o 29 de outubro. Está enmarcada nun proxecto do Concello para recuperar e dar voz ás historias das vítimas da ditadura franquista. 

    Dous visitantes da mostra | Mateo González

    Mateo González Álvarez

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela