O restaurante padronés cumple 50 anos en activo, consolidándose como un referente na cociña do concello

O restaurante Chef Rivera, un dos establecementos hostaleiros máis recoñecidos de Padrón, celebra este ano o seu 50 aniversario, despois de abrir as súas portas o 19 de marzo de 1976. Fundado polo chef José Antonio Rivera Casal e a súa muller, Pierrette Armero, o negocio continúa coa participación do seu fillo Alejandro Rivera, que acompaña o seu pai nos fogóns. Coincidindo con esta efeméride, a Fundación Amigos de Galicia concedeulles a súa Medalla de Ouro a José Antonio e Pierrette, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso coa entidade e as súas iniciativas sociais.
Este ano cumprides 50 anos co restaurante. Tras tantos anos detrás dos fogóns, que queda nesta cociña daquela que comezou en 1976?
Chef Rivera: Nada, non ten nada que ver. Eran outros tempos, daquela era unha cociña moi arriscada aquí, porque claro, viñamos de cociñar nos mellores restaurantes de Londres, de París, e claro, Padrón é Padrón. E entón, nun principio, case foi un fracaso. Tivemos que cambiar o concepto que tiñamos e adaptarnos un pouco aquí. Sempre tendo en conta que hai que actualizarse, pero aquela idea revolucionaria en Padrón non daba. Póñoche un exemplo, daquela facíamos un tartar de salmón e cando lles dicías que era un peixe cru, dicían: «Estás tolo, a min faimo á prancha». Eran pratos que hoxe en día si que teñen sentido, pero daquela non. E ao final pois tivemos que facer unha cociña máis de aquí, aínda que sempre tivemos presente ir renovando e facendo cousas distintas, claro.
Que dificultades encontra un restaurante de cincuenta anos de historia para adaptarse ás novas xeracións de consumidores?
CR: A ver, adaptarse, si, pero tendo en conta sempre que a cociña… A xente, a gran maioría, o que quere é comer. Tamén hai que estar ao día, hai que facer cociña, pero iso dache un cinco por cento de beneficio. Iso dito polo mellor restaurante do mundo. Ferran Adrià, cando lle preguntan que porcentaxe cre que lle gusta este tipo de cociña Michelin e tal, di que un cinco por cento. Claro, un cinco por cento en Padrón non comes. Pero é que non é en Padrón, vouche máis lonxe aínda: en ningún lado. É que é moi arriscado dicilo, pero normalmente un restaurante con estrela Michelin, se non ten algo de apoio por outro lado, só con iso non é negocio, non é rendible. E a proba é que, cando viñemos, quen tamén facía un tipo de cociña estilo estrela Michelin non tiña ningún apoio de fóra para poder seguir adiante.
Aljandro Rivera: Se non tes ingresos doutro lado, nada.
CR: E eu aquí, naquela época, non tería ingresos por outro lado. Entón eu tiven que adaptarme, porque se non tería que pechar. Non hai máis.
Agora están de moda os restaurantes de degustación que poñen pratos moi pequenos, que che cobran cen ou douscentos euros por un menú. Que opinades vós dese concepto de restaurantes?
CR : Non é rendible. Un restaurante cunha estrela, se non ten outra forma de ingresos non vai chegar a moito. Normalmente, economicamente, un restaurante con estrela Michelin non é rendible.
AR : Eu non opino o mesmo, de feito, non vexo que pechen. Vexo que cada ano hai máis restaurantes con estrela Michelin en Galicia e só pecha un cada tres ou catro anos.
Falabamos antes da innovación. Pensades que coas novas xeracións estanse perdendo as receitas tradicionais? Que credes que está a fallar para que non se retransmitan eses coñecementos?
AR: Eu penso que son os tempos. A xente non ten tempo para facer unha pota de callos, por exemplo. Despois tamén hai moita xente que vai estudar fóra, entón non está tanto na casa. Antes as familias vivían todas nunha casa, entón era máis fácil que aprendeses a facelo da túa nai ou da túa avoa.
CR : Home, agora coas películas e todo iso, a xente ten como pouca capacidade de atención. Por iso, polo típico, non? Que estás vendo unha película e, no medio, póñeste a mirar o móbil. Pois entón imaxínate para aprender a facer unhas lentellas.
E onde credes que está a fronteira entre a preservación da gastronomía tradicional galega e esa innovación?
CR: Para min non hai, para min é todo o mesmo. Non hai cociña moderna ou cociña tradicional. Hai cociña boa e cociña mala. Ti podes facer unha xelatina pero, con que fas a xelatina? Cun líquido. E como fas ese caldo? Pois, se o fas ben, tes que facelo da maneira tradicional. Despois, en vez de nunha sopa, preséntalo nunha xelatina, pero a base segue sendo a mesma. Para facer as innovacións tes que saber a base da comida.
Que importancia ten o produto local no restaurante?
CR: Home, moi importante, claro. A lamprea, por exemplo. A lamprea cómese aquí e en poucos sitios máis. E a lamprea si, é das poucas cousas que nos quedan a nós, porque o salmón non se pode, a troita non se pode, o reo non se pode.. A lamprea, de momento, toquemos madeira, é das poucas cousas importantes, claro. Nós temos xente que vén da Coruña, de Ferrol, a comer lamprea.
Que considerades que aporta este restaurante á cultura local padronesa?
CR: Home, a xente ten recordos. Son moitos anos e moitos dos padroneses casáronse aquí, que levamos xa 20 anos facendo vodas.
AR: Hai moitas veces que ven xente e dinos que teñen recordos de vir comer co seu avó. Tantos anos dan para moito, evidentemente. Forma parte da historia.
Que estratexias tendes para o futuro?
AR: Non é fácil. Non, é que ti tes que adaptarte un pouco aos clientes. Podes ir evolucionándoos un pouco, pero tamén en función da xente que che veña, ¿sabes? Non vas coller ti e botar a xente que leva vindo tantos anos. Vas acostumándoos a outras cousas e, se lles gustan, pois podes seguir por aí. E se non, pois tes que cambiar.
Carla del Río
Estudante do cuarto curso no Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

































