Blog

  • Kounellis: cando a arte rescata a memoria

    Kounellis: cando a arte rescata a memoria

    Mantón con cunchas, Janis Kounellis | Martín Domínguez

    Chega ó CGAC a exposición Labirinto sen paredes de Janis Kounellis

    O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugurou o pasado 25 de setembro a exposición de Janis Kounellis Labirinto sen paredes. Mediante esta, o pintor grego representa unha viaxe da arte povera pola memoria marítima do artista. A mostra amosa unha gran perda nas xeracións actuais da poetización do océano, os medios de transporte marítimos e a migración por mor da globalización. 

    A través dunha profunda visión arqueolóxica e empregando materiais cargados de significado, Kounellis fai eco da súa historia a través dun laberinto levantado nas dúas grandes salas do CSAG, o Dobre Espazo. 

    Folletos informativos de Janis Kounellis | Martín Domínguez

    Un gran mantón con cunchas incrustadas colgando dunha lousa de madeira dános a benvida á exposición. A guía do Centro Galego de Arte Contemporáneo aporta contexto a cada peza, sendo esta o punto polo que comezamos a navegar no mar: a praia. Deste xeito, a obra inmisce ao visitante na profundidade das augas a través de materiais con significación e peso na memoria de cada un deles. 

    Os documentos atopados na primeira sala de exposición amosan os compañeiros da arte povera que compartiron proxectos con Kounellis que o CGAC acolleu durante a súa historia. Nestes amósanse fotografías e manuscritos que o propio artista grego empregara nuns obradoiros que el mesmo impartira no museo no ano 1997. 

    Albatros, Janis Kounellis- Botiquíns, vendas e velas | Martín Domínguez

    A primeira metade da exposición a protagonizan un conxunto de obras compostas de seccións rotas de barcos que colgan suspendidas fronte placas de aceiro inclinadas, evocando o desgaste e a memoria dos propios obxectos. Tamén atópanse espallados polo chan velas e vendas xunto ás súas respectivas boticas. Nestes pequenos obxectos o artista quere que lembremos que todo o que compón a obra en algún momento pertenceu a xente coma nós que viaxaba nestas embarcacións. 

    Albatros, Janis Kounellis – Pezas de barcos | Martín Domínguez 

    Este proceso industrial pegou máis forte que nunca no mar Mediterráneo a partir do ano 1956. As súas augas foron escenario de moitas escenas de migración ao longo do século XX e todas as imaxes que podemos apreciar non son neutras, nunca o foron para este pintor; Kounellis quere que no fondo sempre teñamos na mente todas as vivencias e vidas perdidas no mar polo mero feito de tentar salvarse e optar a vidas mellores do outro lado da beira. 

    Neste período e no anterior é onde quere situarnos o artista facéndonos unha pregunta: Por que perdéramos a costume de analizar ou poetizar cada anaco da vida marítima para facelo algo tan común e simple a día de hoxe? Onde quedan todas estas lembranzas das que outros facían o eixo principal das súas vidas? 

    Óleo sobre papel, Janis Kounellis. | Martín Domínguez 

    Ao longo da exposición, entre corredoiros e anacos de barcos (ou pezas de recordos, como as chama o pintor grego), barras de óleo sobre papel marcan os nosos pasos para non perder o fío pictórico da obra. Levan por bandeira a tarefa de gardar o recordo do que se está nas profundidades da auga e representan o que iso esperta no sentimento das persoas que viaxaban polo mar. 

    “Candeas” Janis Kounellis. Fonte: Martín Domínguez
    Candeas, Janis Koudellis | Martín Domínguez 

    A Xoia da obra: os mantóns venecianos. 

    Nesta segunda metade, os mantóns venecianos son todo o que podemos ver. Unhas enormes telas colgantes con escrituras de iniciais e algunhas con motivos relixiosos coma o corpo de Xesús baixo o nome de Velas, pinturas, cordas e pedras. 

    Trátase de nove candeas venecianas dispostas en forma de abano que, marcadas polo seu uso, gardan a memoria da súa anterior vida no mar. Todas as imaxes que amosan nos seus gravados tentan coroar a exposición cunha volta de significado: o mar coma espazo de intercambio cultural.  

    A última parte da exposición tamén mostra a fraxilidade da vida humana. O autor trata de representar que, independentemente de onde sexas, sempre podes perdelo todo nas augas que facilitaban o intercambio de experiencias e visións nos anos 50. 

    Candeas, Janis Kounellis | Martín Domínguez 

    Finalmente a exposición de Kounellis despídese cuns anacos de mantón nun marco, facendo recordar o fío narrativo de toda esta viaxe de “mente antiga e arte contemporánea”: “Gardar a memoria. Non só debemos facelo na nosa mente ou nos obxectos que rodean a vida marítima, senón que debemos loitar porque as próximas xeracións tamén poidan entender todo o que se viviu anos atrás. A historia non só se conta de boca a boca”. 

    Esta exposición do Centro Galego de Arte Contemporáneo busca ser un encontro cultural do noso país coas augas que nos rodean e estará dispoñible para visitas gratuítas ata o día 24 de xaneiro de 2027.

    Teas colgando nun marco, Janis Kounellis | Martín Domínguez 

    Martín Domínguez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela