“O esencial é invisible aos ollos”

Andrés Jiménez Abad durante a súa charla | Cedido, CM Arosa.

O Colexio Maior Arosa comeza o seu curso académico cun coloquio sobre O Principiño

“O esencial é invisible para os ollos”, unha frase que a moitos lles soará, xa que pertence ao mítico libro de Antoine de Saint-Exupéry, O Principiño. Unha obra que seguramente todos lerían de pequenos, pero na tarde-noite do xoves 8 de agosto, no acto de apertura de curso do Colexio Maior Arosa, tivo un especial protagonismo.

Chegar ás instalacións da residencia universitaria era como entrar nunha gala, chea de persoas cos seus mellores traxes e o reencontro entre varias caras coñecidas que aínda non se viran ao empezar o curso. Os asistentes baixaron ao salón de actos, onde comezou a parte formal do evento. Na mesa atopábanse: o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, acompañado pola directora do centro, Ana Álvarez Rosendo; o presidente do Padroado do Colexio Maior Arosa, Evaristo Alonso; e o relator da charla, o filósofo Andrés Jiménez Abad.

Tras unhas palabras por parte da directora do centro e do representante da Xunta, a decana do Colexio Maior, Emiliana Rey, leu a memoria de actividades do curso anterior. Lembraron todas as experiencias e vivencias nas que as residentes estiveron presentes, tanto dentro da residencia como fóra, entre as que destacaron as charlas de “Culturearte” e as convivencias como a de Tui.

Tras isto deu paso á charla do profesor Andrés Jiménez Abad, titulada “O sentido da vida á luz do Principiño”, que comezou coa seguinte pregunta: “Quen de vós leu O Principiño?”. Multitude de persoas levantaron a man, diría que case todos os asistentes que se atopaban no salón de actos. O relator seguiu contando a súa experiencia coa obra, que, como a maioría, descubriu de neno como un bo libro. O seu frechazo con ela foi durante a súa época de instituto, momento no que descubriu que non era unha obra infantil; estaba chea de simboloxías que non eran apreciables a simple vista, xa que é unha novela que non di, suxire. Así que poderiamos aplicar dentro do propio libro que “o esencial é invisible para os ollos”.

Isto remárcase desde antes do primeiro capítulo coa dedicatoria ao seu amigo Léon Werth, que nese momento estaba a ser perseguido polo réxime nazi debido a que era xudeu. Pero non ao Léon Werth dese día, senón ao Léon Werth de cando era neno, xa que os nenos son as únicas persoas capaces de ver limpamente o mundo, como se ve no primeiro capítulo.

Neste aparece a mítica imaxe do sombreiro ou, o que é o mesmo, a serpe que tragou un elefante. Tamén no primeiro capítulo nárrase a historia dunha persoa que parece ser o propio autor, onde se fala do principal tema do libro: atopar o teu sitio no mundo. Neste relato conta que un neno quería ser pintor, pero como lle dixeron que non valía, fíxose piloto. “Unha boa profesión”, explicaba o relator, pero nunha travesía polo deserto tivo un fallo no seu motor, “non no motor, no seu propio motor”, remarcaba Jiménez Abad. Aterra de maneira forzosa no deserto con apenas auga para oito días.

Nun deses días aparece un neno que lle pedía un cordeiro, momento no cal o narrador, que se dera conta de que levaba toda a súa vida facendo cousas que non o enchían, ten que volver á súa verdadeira paixón: debuxar. O neno pídelle un cordeiro ata que, tras varios intentos errados, debúxalle unha caixa con buratos dicindo que aí está o cordeiro que lle gusta. O neno sorrí e marcha feliz.

Esta primeira reflexión foi a máis salientable, cunha frase que roldou na miña cabeza durante toda a charla: “Se vives para traballar e quedas sen traballo, perdes por completo a túa vida por non buscar unha vida feliz”. Outra das visións que me deixou esta parte é que a vida é un deserto e a felicidade non se atopa nos oases, senón ao saír del.

Tras isto continuou a charla con outras reflexións un pouco máis obvias, como que os planetas nos que vivían os personaxes eran un reflexo da súa vida. Outras como que as aparencias enganan ou o non saber o que se ten ata que se perde (en alusión á rosa do seu planeta en comparación con outras rosas).

O relator tivo que rematar antes de contar todo o que quería nunha charla na que varios dos asistentes coincidiron na extensión: “Foi bastante longa, pero gustoume bastante”. E, tras as palabras do relator, comezou a parte menos solemne.

Durante a cea, tiven a oportunidade de poder falar con Jiménez Abad, co que mantiven unha interesante charla sobre a literatura xuvenil. Falamos das opinións do profesor Jesús G. Maestro, que ten unha opinión contraria: “Paréceme unha parvada o que di do Principiño e de Platero y yo. Eu opino practicamente o contrario”, explicaba entre risas.

En definitiva, o acto de apertura do Colexio Maior Arosa non só marcou o inicio dun novo ano académico, senón que ofreceu unha profunda oportunidade para a contemplación persoal. A inspiradora intervención de Andrés Jiménez Abad convidou a todos a mirar máis aló do evidente e a encarar esta nova etapa vital. Tamén, do mesmo xeito que na obra de Saint-Exupéry, as metas verdadeiramente valiosas e as aprendizaxes fundamentais da vida residen naquilo que se cultiva desde o interior.

Nicolás Silva

Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *