A proba de vista: así foi o multitudinario concerto de Malú no San Froilán 

A aglomeración da praza chegou a inundar rúas paralelas | Carlota Millor
A aglomeración da praza chegou a inundar rúas paralelas | Carlota Millor

A cantante reuniu a miles de persoas na praza da Horta do Seminario nunha das citas máis multitudinarias das patronais lucenses 

Dende a publicación do cartel musical das festas o pasado agosto, o concerto de Malú prometía ser, con permiso das casetas de polbo, o prato forte deste San Froilán 2026.  

Os lucenses sempre responden ante as súas patronais, pero o vivido durante a noite do 9 de outubro superou, para moitos, as expectativas e os límites do aforo permitido en plena rúa.  

A praza da Horta do Seminario, escenario histórico dos concertos de San Froilán dende hai máis de 15 anos pola súa localización céntrica e a súa proximidade á entrada do recinto feiral, non deixou libre nin un só recuncho. A densidade do público percibíase xa dende a avenida Ramón Ferreiro, onde moitos, sen éxito, trataban de facerse oco ante a imposibilidade para chegar ao centro da praza. 

Nin sequera as rapazas que levaban acampadas en primeira fila un día enteiro puideron asegurar un bo rango de mobilidade durante o concerto. Co espectáculo xa empezado, os fans máis rezagados ían collendo sitio onde podían: facendo equilibrio sobre a herba dos xardíns do seminario, agochándose por detrás das árbores que pechan a praza á dereita ou, incluso, colocándose detrás do escenario para, polo menos, poder escoitar a Malú dalgunha forma.  

Punto de cruce entre o recinto feiral e a praza da Horta do Seminario | Carlota Millor

E é que a vista non foi o único sentido que houbo que forzar para poder gozar do concerto da madrileña. Ás queixas por “non ter un sitio en toda a cidade para facer un concerto destas dimensións”, acabaron sumándose berros illados de persoas que aseguraban non escoitar ben a voz da cantante. 

“Encima de que case non a vexo, oio máis aos que teño aquí ao lado que a ela”, comentaba unha muller de mediana idade coa súa parella. Pasaban xa das 22.30 da noite, o concerto alcanzaba o seu ecuador e ela aínda non conseguira facer ningunha foto do escenario, partido á metade no seu rango de visión pola póla dunha árbore.  

As limitacións técnicas quedaron totalmente evidenciadas apenas uns minutos despois, cando un corte de luz repentino desarmou completamente o escenario. O público, lonxe de culminar as protestas con algún tipo de queixa maior, decidiu solidarizarse con Malú e seguir cantando pola súa conta, iluminando a Horta do Seminario con miles de luces móbiles. A cantante agradeceu o xesto e non dubidou en sumarse á causa, acendendo a lanterna do seu propio teléfono e bailando sobre o escenario ao compás que marcaba o canto dos seus fans.  

Este canto a capela conxunto acabouse convertendo nun ensaio previo a todo o que estaba por chegar. Cando a enerxía eléctrica volveu, fíxoo acompañada dun novo (e mellor) estado de ánimo do público e tamén dalgunhas das cancións máis míticas de Malú. Os acordes de A prueba de ti, Blanco y Negro ou Toda conseguiron deixar atrás as malas sensacións e unificar o sentimento das miles de persoas congregadas fronte ao escenario. Xa non importaba ver a Malú entre póla e póla, ter que afinar o oído ou facer de corredor cada vez que algún descoñecido intentaba facerse paso ao teu lado entre a enorme masa de xente. O único que primaba era a música que desvelaba o verdadeiro propósito polo que tantos lucenses e amantes do San Froilán se congregaban nese punto exacto da cidade.  

Foron moitos os que, despois de escoitar os grandes éxitos da cantante, optaron por marchar sen ver acabar o concerto para evitar a avalancha de persoas que se auguraba ao rematar. Outros, como un grupo de cinco rapaces que fixeran media hora de traxecto para chegar ata Lugo (e outra tanta de aparcamento), aproveitaron os ocos que ían quedando libres para tratar de achegarse un pouco máis ao escenario.  

Tanto eles como o resto de fans que quixeron quedarse a ver o espectáculo ata o final puideron descubrir a sorpresa que Malú tiña preparada para poñer o broche de ouro ao concerto. Aínda que fixo amago de rematar o repertorio ao ritmo de Primer Amor, a cantante volveu a subir ao escenario tras uns segundos de silencio para facer un bis e despedir ao público lucense cunha versión acústica de Aprendiz, a súa primeira canción. 

Ao finalizar o tema, Malú quixo agradecer o cariño recibido durante o concerto e puxo énfase na importancia de “gozar dos momentos tan especiais que regala a música cando se comparte”.  

Lonxe do que puideron esperar os primeiros fugados, o desaloxo da praza tras a despedida da cantante produciuse sen apenas incidentes, lamentando soamente o mareo dunha anciá pola calor e as queixas dos rapaces por non poder gravar ningún vídeo decente para as súas nais.  

“Escoitáchelos?”, preguntou a muller de mediana idade ao seu marido. “Aínda queda futuro”.  

Para os concertos na praza do Seminario? Quen sabe. 

Para o San Froilán? Seguro. 

Carlota Millor

Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *