Autor: Carlota Millor

  • Carla Mosteiro, bailarina: “Encantaríame abrir o meu propio imperio de escolas de danza en pequenas vilas”

    Carla Mosteiro, bailarina: “Encantaríame abrir o meu propio imperio de escolas de danza en pequenas vilas”

    A vilalbesa regresa a Galicia despois de completar os seus estudos profesionais en Madrid e reivindica a importancia da formación en disciplinas artísticas

    Carla Mosteiro bailando na súa Vilalba natal | Carlota Millor

    Atópome con Carla Mosteiro durante a mañá dun venres de outubro en Vilalba. Fronte a nós, dúas cuncas de leite con cacao e unha libreta gastada na que descansan, escritas con bolígrafo azul, as preguntas que teño pensado facerlle durante os próximos minutos. Ambas sabemos que o máis probable é que non as necesite. Xa cando acordamos vernos nesta cafetería fixémolo con intención de que a entrevista se acabase transformando nalgo semellante a unha charla entre amigas.

    Ata hai apenas uns meses resultaríame complicado pillar a Carla tomando un colacao en Vilalba. Ao rematar o bacharelato e despois de toda unha vida soñando con dedicarse profesionalmente ao mundo da danza, foi seleccionada para entrar no Conservatorio Superior de Danza María de Ávila en Madrid. O seu talento foi escollido como un dos trinta mellores de toda España e, aquel setembro de 2022, marchou á capital cunha maleta chea de ilusións e dúbidas por resolver.

    Catro anos despois, licenciada en Pedagoxía da Danza, volve a vivir na súa Vilalba natal para traballar en Lugo como profesora de baile mentres estuda un máster universitario a distancia. Este ano pasarao na casa, pero, co baile, nunca se sabe. Volver a Madrid pode acabar sendo unha opción.

    Bailas dende que tes uso de razón. Hai algo que recordes do teu primeiro contacto coa danza?
    Empecei a bailar en escolas aos tres aniños, pero xa hai vídeos meus cun ano subíndome á mesa do salón a bailar coa música de cando acababan as películas. É un dos meus primeiros recordos bailando.

    En que momento pensas: “Quero dedicarme a isto”?
    Sempre que me preguntaban que quería ser de maior dicía bailarina e algo máis. Bailarina e astronauta. Bailarina e policía. Bailarina e actriz. Pero bailarina sempre. Aínda que si que é certo que cando empecei no conservatorio aos 11 anos xa empecei a formarme máis profesionalmente.

    Criándote nunha vila do centro de Lugo, onde aparentemente “hai menos oportunidades” en comparación ás grandes cidades, como se perciben esas saídas?
    Eu sempre fun consciente de que en Lugo era practicamente imposible acabar vivindo de bailarina. Xa a nivel España é complicado, e dende pequena xa tiña en mente sitios como París ou Rusia. Si que é certo que conforme fun medrando e coñecendo as miñas capacidades funme centrando máis no tema da docencia dentro da danza, que é algo que aquí está máis asentado.

    “Dende pequena xa tiña en mente sitios como París ou Rusia”

    E verías posibilidades de desenvolvela aquí nun futuro?
    Si. De feito, na proba de acceso para entrar ao conservatorio de Madrid comentei que no futuro me encantaría abrir o meu propio imperio de escolas de danza na miña terra. Sei que é complicado, pero é unha idea que me gustaría desenvolver para que a danza poida chegar a todo o mundo sen necesidade de ter que desprazarte, como me pasou a min. Eu fun unha privilexiada, porque meus pais sempre me apoiaron en todo, pero entendo que moita xente non ten esa oportunidade.

    “Eu fun unha privilexiada, porque meus pais sempre me apoiaron en todo”

    Comentas que o teu núcleo familiar te apoiou en todo momento. Era así co resto da túa contorna? Como reaccionaba a xente cando dicías “quero ser bailarina”?
    A frase que sempre me dicían era: “Ah, que ben, e que máis?”. E ti quédaste pensando: “Como que que máis?”. [ri] A xente fala dende a ignorancia. E meus pais tamén sufriron eses comentarios. Dicíanlles que a ver cando me sacaban os paxaros da cabeza, que seguro que tanta dedicación ao baile me ía repercutir nos estudos. Eles nunca se derrubaron e sei que agora están moi orgullosos de min.

    Tiveches que sacrificar moitas cousas para poder dedicarte profesionalmente á danza?
    Cos estudos nunca houbo problema, porque, aínda que tiña que dedicar a fin de semana a poñerme ao día, sempre conseguín compaxinalo ben. A nivel social si que vía que as miñas amigas facían planes e eu nunca podía porque tiña ensaios ou clases. Había días que te sentías distanciada do mundo, pero non me arrepinto. No momento de chegar a clase e poñerme a bailar xa se me pasaban todos os males.

    E cando chegou o momento de marchar?
    Foi complicado. Ía ilusionada, pero coincidiume cun momento familiar complexo. Estaba máis preocupada polo que deixaba aquí que polos cambios que viñan. E tamén vas nerviosa, claro, porque con 18 anos veste soa nunha cidade enorme na que tes que desenvolverte por ti mesma.

    “Estaba máis preocupada polo que deixaba aquí que polos cambios que viñan”

    Nótase moito o cambio da vila á gran cidade?
    É curioso. Alí podes ir en roupa interior e todo o mundo pasa de ti. Es un máis, ninguén che presta atención e a xente é moito máis aberta. Iso si, prefiro o ritmo da vila. En Madrid a vida é demasiado frenética e acabas contaxiándote das présas.

    Dentro do conservatorio convivías con persoas de moitos lugares distintos de España. Notaches ese choque cultural?
    Si, pero como algo positivo. Compartía clase con xente de Granada, Burgos, Canarias… Éramos moi distintas, pero encaixábamos. É como un quebracabezas: as pezas son diferentes, pero ao final todo encaixa.

    Percibiches diferenzas a nivel de formación por vir de lugares diferentes?
    Había de todo. Si que é verdade que a xente de Madrid viña con máis estudos porque alí hai escolas especializadas e é máis frecuente que a xente se forme en artes. Pero, por exemplo, unha amiga miña de Canarias non tiña conservatorio profesional na súa comunidade. Se quería bailar podía ir a escolas privadas, pero non recibir unha formación como a que xa tiñamos outras persoas. Eu víaa e pensaba: “Que sorte tiven”, porque, aínda que en Galicia só haxa un, polo menos hai algo, sabes?

    A titulación que ti cursaches, Pedagoxía da Danza, ten a mesma acreditación que un título universitario. Cres que a xente é consciente diso ou pensas que a formación en baile séguese considerando algo secundario?
    Que va. Temos exames, prácticas, traballo de fin de grao… É unha formación tan completa como calquera outra. Eu estudei Historia da Arte, Anatomía, Acondicionamento Físico, Iluminación… Son cousas que a xente non ve de primeiras pero que están aí.

    De onde cres que vén ese prexuízo coas formacións de carácter cultural?
    Da desinformación. Estamos moi acostumados ás carreiras míticas e cando alguén che di que quere ser bailarín ou pintor quédaste sorprendido. Se dende o colexio nos ensinaran a cantidade de posibilidades que hai realmente fóra das carreiras máis establecidas e aprendésemos a abrir a mente, todo sería máis fácil.

    O imperio de escolas de danza que soñas con construír contribuirá a traer esa información ás pequenas vilas?
    Eu espero que si. Encantaríame poder trasladar ese coñecemento que eu adquirín dalgunha forma e ir facendo cursos de iniciación por distintos concellos para meterlles a semente da danza e que, despois, eles decidan. Creo que podería ser moi útil.

    “Encantaríame poder trasladar ese coñecemento que eu adquirín dalgunha forma”

    Con este proxecto en mente, se tiveses a oportunidade de sentarte aquí con todas esas persoas que querían sacarche os paxaros da cabeza, que lles dirías?
    Sinceramente? Toma! [xesticula co brazo e ri antes de poñerse seria de novo]. Ensinaríalles todo o que conseguín e toda a formación que teño e diríalles que estaban equivocados. Haberá quen o acepte e quen seguirá pensando que non estou tomando o camiño correcto. Non lles daría máis importancia. A maioría da xente que xulga así acaba tendo unha profesión e unha vida frustradas.

    E á Carla á que lle dicían que tiña que poñer os pés no chan?
    Eu son unha persoa que, por moitas negativas que vexa arredor, sempre loita polo que quere ata o final, por moitos golpes que poida recibir. Diríalle que siga así, que vai ben, e que non lle inflúa o que pensen os demais. E que estou orgullosa dela. Iso tamén.

    Carlota Millor

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • A proba de vista: así foi o multitudinario concerto de Malú no San Froilán 

    A proba de vista: así foi o multitudinario concerto de Malú no San Froilán 

    A aglomeración da praza chegou a inundar rúas paralelas | Carlota Millor
    A aglomeración da praza chegou a inundar rúas paralelas | Carlota Millor

    A cantante reuniu a miles de persoas na praza da Horta do Seminario nunha das citas máis multitudinarias das patronais lucenses 

    Dende a publicación do cartel musical das festas o pasado agosto, o concerto de Malú prometía ser, con permiso das casetas de polbo, o prato forte deste San Froilán 2026.  

    Os lucenses sempre responden ante as súas patronais, pero o vivido durante a noite do 9 de outubro superou, para moitos, as expectativas e os límites do aforo permitido en plena rúa.  

    A praza da Horta do Seminario, escenario histórico dos concertos de San Froilán dende hai máis de 15 anos pola súa localización céntrica e a súa proximidade á entrada do recinto feiral, non deixou libre nin un só recuncho. A densidade do público percibíase xa dende a avenida Ramón Ferreiro, onde moitos, sen éxito, trataban de facerse oco ante a imposibilidade para chegar ao centro da praza. 

    Nin sequera as rapazas que levaban acampadas en primeira fila un día enteiro puideron asegurar un bo rango de mobilidade durante o concerto. Co espectáculo xa empezado, os fans máis rezagados ían collendo sitio onde podían: facendo equilibrio sobre a herba dos xardíns do seminario, agochándose por detrás das árbores que pechan a praza á dereita ou, incluso, colocándose detrás do escenario para, polo menos, poder escoitar a Malú dalgunha forma.  

    Punto de cruce entre o recinto feiral e a praza da Horta do Seminario | Carlota Millor

    E é que a vista non foi o único sentido que houbo que forzar para poder gozar do concerto da madrileña. Ás queixas por “non ter un sitio en toda a cidade para facer un concerto destas dimensións”, acabaron sumándose berros illados de persoas que aseguraban non escoitar ben a voz da cantante. 

    “Encima de que case non a vexo, oio máis aos que teño aquí ao lado que a ela”, comentaba unha muller de mediana idade coa súa parella. Pasaban xa das 22.30 da noite, o concerto alcanzaba o seu ecuador e ela aínda non conseguira facer ningunha foto do escenario, partido á metade no seu rango de visión pola póla dunha árbore.  

    As limitacións técnicas quedaron totalmente evidenciadas apenas uns minutos despois, cando un corte de luz repentino desarmou completamente o escenario. O público, lonxe de culminar as protestas con algún tipo de queixa maior, decidiu solidarizarse con Malú e seguir cantando pola súa conta, iluminando a Horta do Seminario con miles de luces móbiles. A cantante agradeceu o xesto e non dubidou en sumarse á causa, acendendo a lanterna do seu propio teléfono e bailando sobre o escenario ao compás que marcaba o canto dos seus fans.  

    Este canto a capela conxunto acabouse convertendo nun ensaio previo a todo o que estaba por chegar. Cando a enerxía eléctrica volveu, fíxoo acompañada dun novo (e mellor) estado de ánimo do público e tamén dalgunhas das cancións máis míticas de Malú. Os acordes de A prueba de ti, Blanco y Negro ou Toda conseguiron deixar atrás as malas sensacións e unificar o sentimento das miles de persoas congregadas fronte ao escenario. Xa non importaba ver a Malú entre póla e póla, ter que afinar o oído ou facer de corredor cada vez que algún descoñecido intentaba facerse paso ao teu lado entre a enorme masa de xente. O único que primaba era a música que desvelaba o verdadeiro propósito polo que tantos lucenses e amantes do San Froilán se congregaban nese punto exacto da cidade.  

    Foron moitos os que, despois de escoitar os grandes éxitos da cantante, optaron por marchar sen ver acabar o concerto para evitar a avalancha de persoas que se auguraba ao rematar. Outros, como un grupo de cinco rapaces que fixeran media hora de traxecto para chegar ata Lugo (e outra tanta de aparcamento), aproveitaron os ocos que ían quedando libres para tratar de achegarse un pouco máis ao escenario.  

    Tanto eles como o resto de fans que quixeron quedarse a ver o espectáculo ata o final puideron descubrir a sorpresa que Malú tiña preparada para poñer o broche de ouro ao concerto. Aínda que fixo amago de rematar o repertorio ao ritmo de Primer Amor, a cantante volveu a subir ao escenario tras uns segundos de silencio para facer un bis e despedir ao público lucense cunha versión acústica de Aprendiz, a súa primeira canción. 

    Ao finalizar o tema, Malú quixo agradecer o cariño recibido durante o concerto e puxo énfase na importancia de “gozar dos momentos tan especiais que regala a música cando se comparte”.  

    Lonxe do que puideron esperar os primeiros fugados, o desaloxo da praza tras a despedida da cantante produciuse sen apenas incidentes, lamentando soamente o mareo dunha anciá pola calor e as queixas dos rapaces por non poder gravar ningún vídeo decente para as súas nais.  

    “Escoitáchelos?”, preguntou a muller de mediana idade ao seu marido. “Aínda queda futuro”.  

    Para os concertos na praza do Seminario? Quen sabe. 

    Para o San Froilán? Seguro. 

    Carlota Millor

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela