Tui convértese no referente teatral do Baixo Miño coa obra Un deus salvaxe 

Primeiros asistentes esperando baixo as luces do Teatro Municipal | Andrea Veiga García

O venres 9 de outubro ás 21:00 os tudenses teñen unha cita: ir ao teatro. O motivo é a visita da compañía galega Talía Teatro que dende o ano 1988 recorre Galicia en busca da dignificación das artes escénicas. Nesta fin de semana interpretan concretamente Un deus salvaxe como parte da programación teatral de outono do municipio.  

O reloxo marca as 20:30 horas cando diante do Teatro Municipal, iluminado polas luces dos focos e das farolas, se aprecia unha cálida estampa. O histórico edificio neogótico está rodeado de veciños e veciñas que comparten algo máis que un territorio en común: o gusto pola cultura. Predomina a xente maior, aínda que non é de extrañar ver familias cos seus fillos, profesorado e algún rapaz curioso.  

Os murmurios son, polo momento, a melodía que se escoita. Aínda que é un pobo de máis de 17.000 habitantes, os reencontros entre coñecidos son inevitables nunha ocasión coma esta. A agarda remata quince minutos antes da hora do espectáculo. A zona exterior comézase a baleirar e no “hall” as escaleiras convértense nas protagonistas, xa que se acumula a xente facendo cola para ensinar a entrada. 

Momento da apertura das portas do auditorio| Andrea Veiga García

Xa dentro da sala teatral vése ao fondo un escenario clausurado por un denso pano gris. Baixo a luz cálida e tenue atópase a platea por onde pasan grupos de espectadores en busca do seu asento numerado. Unha vez localizado, os máis rápidos sentan e comezan as conversas entre as diferentes filas de butacas vermellas.  

Os primeiros espectadores tomando asento | Andrea Veiga García

As agullas sinalan as 21:00 e o auditorio súmese nunha cálida oscuridade. Polos altofalantes advirten que non se poden tirar fotografías e que queda prohibido o uso do teléfono móbil. O pano ábrese e queda ao descuberto o decorado do salón dunha casa. Predominan os tonos beixes algún toque en verde e branco. No lado esquerdo hai unha fiestra pola que se simula de forma realista que entra a luz da rúa. O centro da sala está ocupada por dous sofás e unha mesa auxiliar cuns tulipáns. Á dereita, un pequeno armario cunha botella de whisky baixo un cadro.  

Comeza a soar unha melodía e polo corredor que hai ao fondo aparece un matrimonio: María Ordóñez como Verónica e Dani Trillo como Miguel. Contextualizan que o seu fillo Brais, de 11 anos, foi agredido por outro neno, Iván, que lle partiu os dentes. Polo tanto, de forma responsable, contactan cos outros pais para comentar a magnitude do conflito e solucionalo o antes posible.  

A escena avanza e a segunda parella entra no relato. Marta Lado é a personaxe de Ana e Toño Casais a de Alberto. Saúdanse uns a outros e aparentan estar todos preocupados pola situación. No entanto, as primeiras diferenzas comezan a aparecer co paso de apenas uns minutos.  

Os primeiros cónxuxes tratan de mostrarse como uns pais modelo e responsables que non queren conflitos, só ser xustos. Os segundos, aínda que simulan estar igual de afectados, empregan frases nos diálogos que mostran que hai carencias na educación do seu neno. Así, o home comenta, quitándolle importancia, que o seu fillo é un “salvaxe” ou que simplemente son “cousas de nenos”.  

Co vestiario obsérvase dun simple vistazo esta dicotomía. Verónica viste dunha forma moi sinxela cun vestido solto branco e Ana leva unha blusa, uns pantalóns arreglados e un abrigo granate acompañado dun bolso. Pola súa banda, Miguel leva unha indumentaria máis clásica cun xersei de la e Alberto vai completamente traxeado, con corbata e un gabán. Polo tanto, a personalidade xa vai reflectida na propia estética dos protagonistas.  

A incomodidade pode respirarse no ambiente. Os personaxes atópanse nun espazo reducido, mais é como se existiran fronteiras invisibles que os separan a miles de quilómetros polas súas discrepancias. A linguaxe que empregan comeza a xerar discusións e parece que o seu status social tamén. Os silencios son moi recorrentes e repítese a melodía inicial neles. 

A Alberto non para de soarlle o teléfono durante os 70 minutos da obra e fai moito uso do proscenio. Desta forma, faise unha crítica á desconexión co presente por culpa da tecnoloxía. É curioso que entre o propio público esta cuestión tamén foi motivo de rifa debido a que se escoitaron varios móbiles durante a función.  

O corredor emprégase para simular que se vai á cociña e a porta do recibidor para os múltiples intentos de fuxida do conflito. Así, todos os elementos que compoñen o relato son sumamente relevantes. Non hai un só obxecto do que non se fixera uso ou polo menos referencia durante a representación. De feito, non tiñan tampouco reparo en manchar o escenario nin en tirar obxectos. Isto provocou bastantes risas entre os espectadores.  

Finalmente, esta sátira ten algo que dicir para todos os protagonistas. Ningunha é a familia modelo e todos teñen os seus máis e os seus menos. Dende o humor fai unha boa crítica á sociedade que é oportuno que interprete cada quen, xa que non hai soamente unha visión correcta da historia. Por iso, é totalmente recomendable ir vela de primeira man e sacar a túa propia conclusión. As luces acéndense, os actores e actrices fan reverencias de forma cómica e alegre e os aplausos enchen a sala. Agora só queda unha cousa que facer: non deixar que o teatro morra.  

Andrea Veiga

Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *