Entre os séculos XIX e XX os veciños de A Guarda partían a Latinoamérica en busca de estabilidade económica e deixando toda unha vida atrás

A Guarda é unha vila mariñeira duns 10.000 habitantes situada no sureste de Galicia e limítrofe con Portugal. A pesar da súa pequena extensión de apenas uns 20 quilómetros cadrados é un lugar con moítisimas historias que contar. Unha delas é a de Celia Lomba de la Peña, que viviu unha vida marcada pola emigración da súa familia.
A finais do século XIX e principios do XX, o municipio experimentou un período de inestabilidade e incertezas. Isto desencadeou en que moitos dos seus veciños atravesaran o ‘charco’ en busca de emprego e éxito económico. Así, poñían rumbo ao que eles denominaban “As Américas”. Porto Rico, República Dominicana, Brasil ou Cuba eran algúns dos destinos escollidos.
Por outra banda, estamos sobre todo acostumados a oír a historia dende a perspectiva da xente que abandona o seu fogar para buscar a vida. Pero como o viven os que quedan e ven marchar? Deste xeito, a nosa entrevistada Celia non foi quen mudou, senón quen viviu como dous dos seus irmáns facían as maletas sen un billete de volta. Unha familia cunha árbore xenealóxica marcada pola palabra emigración, posto que a partir de 1830 algúns dos seus antecesores por parte de nai xa partiran a Guatemala e Cuba.
Os teus irmáns emigraron en 1950 e 1957, mais non foron os primeiros. O teu pai xa o fixera a Porto Rico moito antes de formar a túa familia. Que o levou a tomar esta decisión con apenas 14 anos?
Os meus avós tiñan un barco e podía traballar de mariñeiro, pero el non quiso. Entón claro, naquela época era iso ou emigrar. Precisabas o que se denominaba unha “carta de chamada” e tiñan que enviarcha os señores de Melón. O meu pai díxolles que quería ir e escribíronlle. Imaxina a un rapaz de 14 anos polo mundo naquela época e moito máis incomunicado que agora. Que valente, marcharse el só nun barco e chegar sen coñecer a nadie. El ía sempre con ese sorriso, con esa cara tan alegre que se ve nas fotos.
Como foi a súa estancia en Porto Rico?
Traballou de comerciante en varios almacéns e levaba cousas, por exemplo, á República Dominicana. E supoño que viviría con máis xente que traballara alí.

Como foi a volta a Galicia?
Unha vez intentou vir de visita e non o deixaron entrar en España por non ter feito o servizo militar, non sei se chegou a vir máis veces. Despois, xa veu para quedar en 1930, con 40 anos. Coñeceu á miña nai na festa de San Caetano e aos dous meses casou con ela.

E despois tiveron 5 fillos, que sodes vós. En orde cronolóxica, Horacio, Gloria, ti, Toñito e Manolito. Cando medráchedes, os teus irmáns maiores decidiron partir “ás Américas”. Horacio á República Dominicana e Gloria á Arxentina sete anos máis tarde. Recordas o que os motivou a emigrar?
Horacio, como estaban alí os meus tíos e a miña avoa por parte de nai, quiso irse. Estivo traballando con eles nun comercio de tecidos que tiñan e tardou bastante en vir. Anos despois casou alí. Gloria foi a un baile do casino e a través dun home de Ourense que emigrara e estaba de visita na Guarda coñeceu a Victorino, co que acabaría casando. Entón, marchou á Arxentina xusto despois porque el traballaba alí.
Tendo en conta que o teu pai xa sabía o que era emigrar e tanto el como a túa nai tiñan familiares no estranxeiro, como tomaron que dous dos seus fillos marcharan decontino?
Os meus pobres pais digo eu, vaia! Todos chorando alí cando fomos ao barco. Collíase en Vigo e viamos como marchaban nel, unha tristeza. E despois, de noite dende casa aínda vimos que pasaba por alá o barco.

A comunicación sería moi diferente á do día de hoxe. Como vos comunicábades?
Por carta, eu ao meu pai lémbroo sempre coa máquina de escribir, moitísimo, escribindo a todos. Levábanas ao servizo de correos de aquí da vila e o que tardara, 7 días, ou o que fora.
A pesares de que debía ser unha situación moi complicada, non todo era malo. Os reencontros serían moi emocionantes, non si?
Iamos a Vigo a esperalos e aí si que iamos contentos. Aínda que no caso de Horacio sabiamos que viña para logo volver marchar, pero aínda así sempre moi felices.

Entón, a emigración foi permanente ou máis tarde volveron a residir en A Guarda?
No caso de Horacio, el quedou na República Dominicana, porque casou alí e formaron a súa familia. Gloria tivo ás súas tres fillas en Arxentina pero como ela e o seu marido eran de aquí, viñeron e montaron outro negocio.
Nun período histórico marcado pola emigración como foi o século XIX e século XX, había máis xente que partía “Ás Américas”, non? Coñeces a alguén máis do teu entorno que tamén o fixera?
Por exemplo, o pai das miñas amigas Chita e Ángeles tamén viñera de Porto Rico. No entanto, o de María del Carmen de Brasil e o de María Fernanda de Santo Domingo. Pero aquí a xente moito viaxar, porque aquí que facían?
Claro, a vila naquela época estaba moi focalizada ao traballo na mar.
Si, claro, ou eras mariñeiro ou senón traballabas nun comercio.
A emigración, ademais, tamén deixou un legado visual na vila, non? A xente facía diñeiro fóra e ao volver construía as denominadas casas indianas.
Si, todas as casas indianas. Todas nas que vexas azulexos son casas indianas. Hai aquí por Camposancos, o Coruto e todos os sitios. Nós tamén tiñamos unha casa moi bonita con azulexos e unha terraza preciosa, pero tirárona.

Ao rematar a entrevista xurdiume a curiosidade de se unha persoa que viu marchar á xente da súa contorna, pensaría nalgún momento en facer o mesmo. No entanto, Celia en confianza desveloume que xamais pensara algo coma iso. A pesar do seu contexto, demostra que cada persoa ten o seu propio camiño na vida, independentemente das eleccións que tomen os demais.
A día de hoxe, xa non é tan común emigrar a América. Agora, os mozos decántanse por buscar traballo noutros destinos. En cambio, é innegable que a vila quedou marcada por un suceso histórico coma este. Quedaron rastros de riqueza coas impresionantes casas indianas que algúns construían como recompensa tras tódolos anos de traballo no estranxeiro. Non obstante, moitas familias pasaron por situacións complicadas con moita morriña do seu fogar, pero tamén das persoas que as esperaban nel.





