
Graduada en Belas Artes e creadora interdisciplinar, Laura Romero sitúa a súa praxe no cruzamento entre a investigación plástica e o ritmo sonoro. A súa traxectoria aborda a ilustración dende a ollada feminista integrando a memoria gráfica e a identidade cultural a través dos seus trazos.
Estudaches Belas Artes coa especialidade de pintura na Universidade de Salamanca e despois comezaches no debuxo urbano en directo. Como foi esa transición da pintura académica á ilustración?
Axudoume a buscar un camiño moi diferente. Eu saín da Facultade de Belas Artes cunha formación moi académica, ou polo menos naquel ano, si que era moi clásica nesa facultade. Dábamos alí con todos os coñecementos de debuxo, anatomía, etc. A ilustración, digamos, que me atopou polo camiño sen querer, sen eu pretendelo. Nunca fixera, nada máis cunha optativa de ilustración, nunca pensei en formarme como ilustradora. Entón, o debuxo urbano foi o que me axudou a buscar a miña forma de expresarme, dalgunha maneira, sen estar pensando en facelo todo como me ensinaron na carreira, na que fora todo tan pechado. E, digamos tamén, buscar máis a expresión e intentar pensar o que me interesaba dunha imaxe, facelo en 10 minutos, poñerme retos… Todo isto foi o que me axudou a buscar unha linguaxe propia.
Decidiches establecer o teu propio estudio de ilustradora freelance polifacética dende Ordes. Cales foron os maiores desafíos ao comezo para abrirte paso e conseguir os teus primeiros encargos?
Bueno, sobre todo nun principio houbo un pouco de medo. Dá un pouco de medo ás veces facerse autónoma e máis cando son profesións que historicamente dentro da sociedade non se lle dá o valor que merece. Penso que hai moito mito da persoa que ten unha profesión artística, entón sempre tes ese medo encima, aínda que estudiaras algo similar. Entón, claro, facerte autónoma só por debuxar dá un pouco de medo ao principio. Pero bueno, realmente non foi tan así. Ó principio, para poder facturar, comecei nunha cooperativa de traballo, despois da cooperativa xa me lancei eu soa. Sobre todo é perder o medo pois todo isto depende de ti. Xusto no momento que me fixen autónoma, ao pouco tempo entrei na Asociación de Ilustradores, a ARPI. E alí si que fun descubrindo que a ilustración non só é debuxar, senón que hai moitas outras cousas que tes que facer, que tes que coñecer e que podes abarcar.
En 2016 entraches como baixista no grupo de rock Zënzar, onde decatácheste da escasa presenza de mulleres sobre os escenarios e decidiches crear o teu proxecto Músicas Galegas Ilustradas. Como influíu esa vivencia sobre o escenario na túa forma de debuxar e que querías conseguir ao poñer a ilustración ao servizo da igualdade?
Xusto no momento no que eu entro en Zënzar, que foi en 2016, voume dando conta, pero moi pouco a pouco, non foi unha cousa de ao terceiro concerto deime de conta, non. Pero si que é verdade que notaba que eu era, moitas veces, a única muller entre 4 ou 5 bandas. Entón, empezas a pensar se realmente, é no ambiente dos festivais de rock esta falta de mulleres ou se pasaba tamén noutros ambientes, noutros“festis”. Entón, entre iso e que eu estaba en pleno momento do urban sketching e de buscar a miña linguaxe, moito máis libre, fixo que usara todo isto. Eu quería mostrar unha cousa, que era, pois, toda esta problemática de onde están as mulleres nos escenarios e, á vez, buscaba a miña maneira de expresarme co debuxo. Digamos que con, Músicas Galegas Ilustradas, unifiquei todo e saíu este proxecto que despois foi evolucionando. Saíu un libro sobre as pioneiras, aunque aínda quedaron algunhas no tinteiro. Podería dicir que foi todo construíndose un pouco á par. Canto máis tocaba máis me decataba de que realmente hai moi poucas mulleres, segundo que estilos e segundo que instrumentos, pero tamén dieme de conta de que, a medida que o proxecto evolucionaba, había carencias pero tamén mellorías.
Acabas de mencionar as pioneiras. No catálogo Ferreñas e Rock and Roll, premiado no Concurso Luísa Villalta, investigaches sobre elas e as ilustraches. Como foi recuperar a historia de figuras como a gaiteira Áurea Rodríguez ou a percusionista Josefa de Bastavales? Sobre todo, como foi ese reto de poñerlle cor a esas mulleres das que case non hai imaxes?
Pois o reto máis importante, bueno tampouco un reto, foi o máis divertido en realidade, foi a imaxe de María Doval. Estamos falando de finais do século XIX, se non lembro mal, e das que non se conservan prácticamente datos, nin moito menos imaxes. Sábese que era de Pontevedra, que foi unha zanfonista, que era cega e que viaxaba por toda Europa coa súa neta. Saber sobre isto foi impresionante. Ela chegaba ata Rusia e no Nadal estaba en Pontevedra e despois volvía viaxar por toda Europa coa súa neta e coa súa zanfoneta. Entón, pois claro, imaxinarme como era esa muller foi bastante libre. Do resto, hai algunhas que se conserva algunha imaxe non moi nítida, como por exemplo Áurea Rodríguez, como dicías. A partir dalgunha imaxe ou historia podes construír ou imaxinar como eran. A ilustración ten unha cousa moi chula porque non é tan académica e tes certa liberdade creativa.
“Dá un pouco de medo ás veces facerse autónoma e máis cando son profesións que historicamente dentro da sociedade non se lle dá o valor que merece”.

Impartes clases e obradoiros de ilustración en Ordes. Que é o que máis desfrutas de ensinar e compartir o teu traballo coa xente?
Isto vai soar súper cliché pero aprendes un montón dando clase. Non son clases académicas, son sobre todo clases de pintura que fago nunha tenda de artes de aquí de Ordes. Pois iso, aprendes un montón, porque eu acompaño en cada proxecto á xente que ven, de exercicio en exercicio. O que fago é axudarlles a que teñamos o mellor resultado dentro do que esta xente quere aprender. Entón, o que máis me gusta é iso, que aprendes un montón no caso de dar clases porque axudoume a recuperar a pintura. Eu cando saín da facultade de Belas Artes, saín decepcionada e foi gracias as clases que volvín a terlle gusto. Recuperei a pintura cando comecei a participar nalgúns concursos de pintura ao aire libre, porque, ao ser unha inscrición previa, non vale a preguiza. Coñeces xente e empezas a entender que a pintura non so é tres profesores dinosauros.

É así que, a miña relación coa pintura cambiou porque non dependo dalgún que me cualifique ninguén e a miña relación é de gozo e está vencellada á miña faceta principal que é a de ilustradora. Agora mesmo eu considérome, sobre todo, ilustradora. A miña parte de música, ademais sendo baixista, axúdame moito no visual e na pintura. Entender os ritmos, os silencios, os espazos en branco, son moi necesarios, non fai falta encher todo, simplemente é saber solucionar cousas que van aparecendo e que non están del todo controladas.
Denise Alañón
Estudande do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela





















































