Federico, a flor de pel: chega ‘Un poeta perdido en Nova York’ a Vigo

O Concello de Vigo unha vez máis sorprende co seu plan cultural, dentro de VigoCultura, este sábado 17 de outubro, ofreceu a obra Un Poeta (perdido) en Nueva York que mestura os versos de Lorca coas cartas que escribiu á súa familia. É unha viaxe íntima na que o público rematou buscándose a si mesmo

Federico escribindo aos seus pais. | Lara Gómez Balado

Un sábado de outubro, ás oito da tarde, o Auditorio Municipal do Concello encheuse para ver a Lorca. A función forma parte de VigoCultura, o ciclo municipal de outono que ofrece teatro a prezos populares. Esta vez trouxo unha montaxe con Premio Max 2026 e xira internacional: Poeta (perdido) en Nueva York, de El Aedo Teatro. Por oito euros, Jesús Torres, autor, director e intérprete, contou a viaxe de Federico a unha cidade que o cambiou para sempre.

Se tiña algunha dúbida sobre se o teatro estaba realmente morto, o aforo completo acabou con esa idea que rondaba a miña cabeza antes de que se apagasen as luces. A sala reunía xente de todas as idades e unha gran expectación que inundaba o patio de butacas.

A función arrancou cun prólogo de La zapatera prodigiosa, unha obra que marcou a infancia de Torres e tamén a de quen escribe. Antes de comezar, Torres saíu como o “autor” e explicou que é para el a obra de Lorca e que iamos ver. Non pediu indulxencia ao público senón atención para o protagonista e para a historia de Federico en Nova York. Torres presentou a representación como unha declaración de amor e antes de converterse en Federico pechou a intervención cunha frase moi acertada e atribuída a Neruda: “A Lorca non fai falta entendelo senón amalo”.

A montaxe enfronta os poemas de Poeta en Nueva York coas cartas que Lorca mandaba aos seus pais e coa simboloxía característica do autor, como a súa lúa de prata, tan presente coma el mesmo no escenario. A obra divídese por estas cartas, e entre elas aparecen fotografías reais da viaxe que sitúan o espectador no Nova York do crack do 29: unha cidade caótica, pero tamén chea de oportunidades e liberdades que na súa querida Granada non existían, Federico neste novo mundo buscou o que sempre buscara en España, sentirse amado e poder ser poeta sen medo ás consecuencias queisto podería ter. Jesús Torres dálle vida a Federico García Lorca nunha montaxe que percorre a súa experiencia en Nova York.

Jesús Torres dálle vida a Federico García Lorca nunha montaxe que percorre a súa experiencia en Nova York. | Lara Gómez Balado

Cun ton intimista pero tamén en momentos cómico, amosou un Federico que a miúdo ten que disfrazarse de Lorca. É o poeta querido, brillante e simpático que todos esperan, mentres por dentro se sente só e co corazón desencaixado, sen saber cal é o seu lugar.

Esa máscara resulta familiar, porque calquera puxo algunha vez unha fachada e unha cara mellor da que realmente tiña. Tamén oíu esa voz de impenetrable aceiro que persegue o protagonista en todas as escenas e que sabemos que atormentou a Lorca durante practicamente toda a súa vida.

A lúa de prata atravesa toda a montaxe. É o que Federico busca sen descanso, pero tamén simboliza a morte. A lúa é a súa amiga, o seu amor e a súa necesidade de vivir, e á vez é o que acaba por desesperalo. A ponte de Harlem aparece como lugar de decisión e formula a dúbida de se o protagonista é un poeta abandonado ou un amante tolo. Entremedias óense os ecos das súas grandes personaxes: aquela muller Yerma, as fillas de Bernarda, a noiva de Bodas de sangre, a súa amada zapateira… Todas levan consigo algo de Federico, e Federico leva algo delas baixo a súa pel.

Federico nun bar. | Lara Gómez Balado

A posta en escena foi moi vistosa. Unha escenografía xiratoria, a medio camiño entre reloxo e espello, proxectaba imaxes da viaxe de Lorca, provocando no público un sentimento moi vivo, por momentos parecíamos presenciar o home das fotografías no propio teatro e non o actor que o interpretaba. O xogo de luces foi impresionante e espectacular, deu sentido a toda a historia e achegou un toque fantástico á trama que envolveu a sala ata o final da función.

Cara ao final da obra houbo un cambio de ton. O poema final fala da morte e do que lle arrebataron a Lorca. A Lorca arrebatáronlle a súa poesía, o único que tiña, pero a Federico arrebatáronlle a vida, na súa Granada e aínda non puidemos atopalo.

Ao acenderse as luces, unha longa ovación con aplausos e asubíos encheu o auditorio durante minutos. Antes de erguerme da miña butaca, oín comentar a un grupo de adultos que non lembraban que a súa etapa en Nova York fose tan escura e que esperaban poder saber máis sobre Federico, porque nunca era suficiente. Despois da función e só a un paseo da casa, todos os presentes marchamos cun anaquiño máis de Federico, que non de Lorca, nos nosos corazóns.

Lara Gómez

Estudande do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *