José Antonio Constenla, edil da oposición no Concello de Santiago, fala de política local e sobre como abordaría Santiago as diferentes problemáticas que o atinxen actualmente

|Sandra AlonsoJosé Antonio Constenla estudou Dereito en Santiago de Compostela, tras facer un máster en Administración de Empresas na Universidade de Navarra e un posgrado de Comunicación Institucional na Complutense. Comezou a súa carreira política como concelleiro na Lanzada, pobo do seu pai. Tras eses 4 anos no Concello de Sanxenxo, foi presidente do Consello da Xuventude de Galicia, o que lle abriu as portas do goberno de Aznar.
Aos seus 30 anos decide afastarse da política por desacordos ideolóxicos co Partido Popular e polo desexo de centrarse na familia, algo que acotío vese entorpecido pola vida política. 15 anos despois, decide volver a involucrarse en política, desta vez, para ir nas listas á alcaldía do seu Santiago natal. Actualmente é edil da oposición no Concello de Santiago de Compostela e hoxe reunímonos con el para falar de política local.
En política local, os concelleiros e alcaldes estades acostumados a coñecer aos vosos votantes, e mesmo encontralos a miúdo, cres que esta proximidade é unha vantaxe ou unha desvantaxe?
Sei que hai xente á que non lle gusta, pero a min gústame ese trato próxima á xente. Eu vexo veciños todas as semanas que me contan os seus problemas e eu, aínda que non podo facer nada, indícolles o camiño. O problema é que ás veces non distinguen se gobernas ou se non gobernas, dende a oposición podo facer presión nos plenos, na prensa… pero claro, cando non gobernas non se pode facer máis.
Sobre a saturación turística en Santiago, como podería lidiar o concello con esta situación no próximo ano xacobeo?
Eu pregunto, hai saturación en Santiago? 90 hoteles de entre un e tres estrellas pechan de media tres meses. De feito, hoxe en día hai máis pernoctacións na Coruña que en Santiago e o terceiro elemento que para min é clave é que a media anual de ocupación hoteleira apenas supera o 50%, se estivésemos falando de saturación deberían manexar porcentaxes de entre o 80 ao 90%. Entón, Santiago non ten un problema de saturación turística, ten un problema de que: algunhas horas, uns días, nalgúns meses e nalgúns sitios da cidade hai problemas. Temos que ser capaces de xestionar os fluxos de entrada de persoas na catedral, por exemplo coas cuotas, que xa as hai, ou cunha aplicación na que reserves entrada de xeito gratuíto. Isto podería facilitar a xestión das colas. Pero non podemos caer na criminalización dos peregrinos, como parece que se quere facer dende sectores da esquerda. Hai que recordar que Santiago ten un ADN, que é unha cidade que está feita para acoller. A catedral construíu a cidade e non se pode entender Santiago sen a catedral nin sen a peregrinación.
“Hai que recordar que Santiago ten un ADN, que é unha cidade que está feita para acoller”.
Outro tema que está á orde do día é o da vivenda, que medidas podería tomar o concello para xestionar unha zona declarada como tensionada?
Nós non defendemos o mercado de zona tensionada porque se teñen manifestados erros noutros lugares. No caso de París, fai que se xere un mercado negro de aluguer. No caso de Berlín é incluso peor, xa que os propietarios retiran as vivendas do mercado de aluguer, porque claro, o inquilino sabe que non lle poden subir o aluguer e que teñen protección sobre o dono. En Estados unidos, no sistema de condominio que se leva alí, tamén están deixando de alugar edificios enteiros, provocando que se descoiden e se perdan. En Santiago levamos pouco tempo con esta zona tensionada, pero estamos vendo que xa hai xente que está sacando a casa do mercado de aluguer. Con todo, neste caso hai que ser xustos e esperar uns meses para ver como vai, pero penso que esa medida per se non vai mellorar o problema de vivenda.
Optarías por construir vivenda ou por comprar as que xa están baleiras para poñelas en aluguer?
O caso é que, máis ou menos, das vivendas baleiras, a metade non están en condicións, polo que Santiago podería poñer en marcha un programa ambicioso para incentivar a rehabilitación destas vivendas para sacalas a mercado. Despois, hai outro grupo de vivendas que non saen ao mercado por medo dos propietarios ás condicións da lei ante impagos de inquilinos. Neste caso xa tería que cambiar a lexislación a nivel nacional que non lle correspondería ao concello, pero sí podería actuar como intermediario entre propietario e inquilino garantizando o pago da mensualidade ou bonificando o IBI durante un tempo, todo isto dentro sempre da legalidade, claro. Outra clave é o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que permite facilitar que se desenvolva o solo da cidade.
Alejandro Vázquez
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta