O Gran Café Bar Pinzón abriu as portas no ano 1924 e, dende hai case dúas décadas, son David e Mariano quen están a cargo do negocio hostaleiro con máis historia da vila

A case comezos do segundo cuarto do S. XX, Emilio Pérez e Antonia Freire abriron o que sería coñecido como o Bar Moderno, remodelando un antigo almacén de sal situado na Rúa Ezequiel López da Vila de Cedeira. Comezou chamando a atención de forasteiros que pasaban pola vila, non só pola presenza de radio no local, senón tamén pola comida que nese bar se poñía. Pronto comezaron a xuntarse persoas adiñeiradas no establecemento, o que creou unha visión elitista do mesmo. Aínda así, pouco a pouco, este lugar acabou mudando ata converterse na cume social de todo a vila. Trala xubilación do matrimonio, foi a súa filla Masé quen se implicou en manter o espazo no que os seus proxenitores traballaran sempre. Con todo, en 2007 foi cando o negocio deixou de ser de carácter familiar. María José pasoulle o cargo a dous novos perfís.
O Pinzón é un dos lugares máis emblemáticos de toda a zona vella de Cedeira. Un lugar de encontro para todos e todas e que, sen dúbida, é unha das pezas clave na sociabilidade cedeiresa. Este bar atrapado no tempo, con luz tenue e sillóns verde bosque, con música reggae de fondo e chan marmóreo de ton monocromático, convértese no espazo protagonista desta entrevista con David López.
De onde saíu a idea de rexentar un bar? Tiñas experiencia anterior ou foi unha decisión novel?
En realidade, eu nunca me dediquei á hostalería. Eu, cando emigrei de Arxentina no ano 2002, empecei como pintor, xa que era o oficio que aprendera co meu pai. Despois fun traballar coa miña irmá na pizzería e, como resultou que o restaurante estaba tan preto do bar, cando terminaba de traballar, normalmente pasaba por alí a tomar algo. Foi aí cando establecín unha relación co dono e coa familia que levaba antes o Pinzón. El, un día de euforia, supoño, prometeume que se algún día deixaba o bar me preguntaría se quería rexentalo eu. Naquel momento vía un pouco imposible porque estaba recentemente emigrado e non tiña posibilidades económicas como para xuntar o diñeiro que me pedían. Aínda así, co apoio dunha amiga, motiveime e decidín comezar co bar. Nese instante o primeiro que fixen foi chamar ao meu amigo Mariano, emigrado tamén en España cunha pasantía de cociñeiro no País Vasco. Pregunteille se se sumaba á aventura e dende o primeiro momento díxome que si. Así foi o comezo, inesperado.

Como foi o proceso de reabrir un negocio hostaleiro con tanta relevancia histórica?
Tivemos sorte de conxeniar co propietario orixinal porque, cando comezamos a facer o traspaso, facilitounos todo o proceso. Tamén nos axudou á hora de poñer unha renda actual e non unha tan antiga como tiñan eles. A partir de aí foi cando puidemos realizar algunhas reformas, que foron mínimas pero moi necesarias, como un baño para mulleres, que non existía.
Houbo algún tipo de dificultade ao comezo?
O Pinzón abrímolo en xuño de 2007 e a verdade é que dende o principio nos foi moi ben. Para a xente, esta era unha apertura moi aceptada porque, ao ser un bar tan concorrido dende sempre e con tanta historia, todos estaban moi agradecidos tamén por manter a esencia do lugar e non cambialo. Eu, en realidade, nunca vin a dificultade. Ao contrario, parecía que isto me estaba esperando. Foi unha oportunidade que me brindaron e tirei para adiante.
Como te sentes tras tantos anos tendo este negocio ás túas costas e, á súa vez, pola responsabilidade intrínseca que este trae consigo?
Para min é un privilexio poder xa levar 20 anos aquí os dous xuntos, con Mariano, seguindo sendo socios como o primeiro día. Estamos moi contentos porque nos sentimos unidos do que é unha parte moi importante da propia vila, falando tanto social como culturalmente. O noso propósito apenas agarramos o bar foi manter a esencia do lugar, simplemente decorándoo e aguantando todo o que se podía reter, respectando á veciñanza e deixando atrás a fama de lugar para madrileños.

Nalgún momento púxose sobre a mesa a idea de xuntar neste espazo a cultura propia de Cedeira coa cultura arxentina?
Intentamos agregar ao servizo a nosa forma de ser, algo moi característico da Arxentina. Soemos ter un carácter e unha forma distendida á hora de falar coa xente. Isto dende o principio estivo presente, a boa atención nos saía case natural. Intentar, aínda que a xente se estrañe, de ter pequenos detalles dos cales poidan dicir: “Oh, miren a este chico tan amable”. Sobre todo temos este trato coa xente maior porque é a xente que veu ao Pinzón toda a vida. Para min, a diferencia que ten o Pinzón doutros sitios é o vínculo coa xente.
“Para min, a diferenza que ten o Pinzón doutros sitios é o vínculo coa xente”.
O Pinzón, ademais, é recoñecido polos múltiples eventos culturais que alberga. Como e cando nace a presenza recorrente de concertos ou presentacións de libros?
Sempre, xunto con Mariano, intentamos implementar os actos culturais e sociais ou xente que veña presentar libros. Hai uns rapaces ingleses que viven na vila hai máis de 10 ou 15 anos, que teñen unha asociación de micros abertos coa que colaboramos. A xente pode vir e facer o que queira: cantar, ler, actuar… Ademais, temos unha pequena biblioteca onde podes encontrar cousiñas de aquí de Cedeira, de Galicia en xeral e algunha de Arxentina tamén, para intercalar os diferentes lugares.

Nestes últimos anos a vila está a vivir un aumento notable de turistas no verán. Os datos máis recentes revelan a presenza de 70.000 visitantes aproximadamente entre xuño e setembro. Notaches diferenza no propio servizo? Como levas todo isto?
Dende que abrimos comezamos a aprender como se manexaba o verán aquí. O tema dos turistas, para min, é algo de sempre, non de agora. Obviamente hai un pequeño incremento da xente que busca lugares como este para vivir ou ter unha casa. Para nós que veña xente ao bar é bárbaro. A nosa forma de traballar fai que sexan poucas as veces que podemos ter encontróns coa xente. Tamén porque a experiencia inflúe na forma de levar as cousas. Nós sempre intentamos facelo dende o lado da simpatía. Con algúns tamén nos enfadamos e mandámolos á m*rda, pero normalmente a xente que vén é bastante respectuosa e non podemos meter a todos no mesmo saco por unha ou dúas persoas.
Para rematar, que é o que máis che gusta e te motiva de vir traballar aquí case todos os días?
Mira, hai varias cousas que me motivan. Principalmente é poder darlle un sustento á miña familia. Despois, seguir sendo partícipe da vila, porque o Pinzón é moi do pobo. Xa estou a pensar que non sei que facer cando non o teña. Levo 20 anos da miña vida nel. Aquí coñecín moita xente, moitas persoas ás que lles teño moito cariño. Hai veciños aos que lles teño máis afecto quizais que a familiares que non vexo fai tempo, porque se establecen vínculos. A miña motivación é esa, seguir formando parte da cultura e de que a xente veña, ría, o pase ben e conte cousas.
“A miña motivación é esa, seguir formando parte da cultura e de que a xente veña, se ría, o pase ben e conte cousas”.
Clara Villarnovo Lourido
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta