Etiqueta: Cedeira

  • David López, encargado do establecemento máis antigo de Cedeira: “O noso propósito apenas agarramos o bar foi manter a esencia do lugar”

    David López, encargado do establecemento máis antigo de Cedeira: “O noso propósito apenas agarramos o bar foi manter a esencia do lugar”

    O Gran Café Bar Pinzón abriu as portas no ano 1924 e, dende hai case dúas décadas, son David e Mariano quen están a cargo do negocio hostaleiro con máis historia da vila

    Interior do Gran Café Bar Pinzón | Clara Villarnovo

    A case comezos do segundo cuarto do S. XX, Emilio Pérez e Antonia Freire abriron o que sería coñecido como o Bar Moderno, remodelando un antigo almacén de sal situado na Rúa Ezequiel López da Vila de Cedeira. Comezou chamando a atención de forasteiros que pasaban pola vila, non só pola presenza de radio no local, senón tamén pola comida que nese bar se poñía. Pronto comezaron a xuntarse persoas adiñeiradas no establecemento, o que creou unha visión elitista do mesmo. Aínda así, pouco a pouco, este lugar acabou mudando ata converterse na cume social de todo a vila. Trala xubilación do matrimonio, foi a súa filla Masé quen se implicou en manter o espazo no que os seus proxenitores traballaran sempre. Con todo, en 2007 foi cando o negocio deixou de ser de carácter familiar. María José pasoulle o cargo a dous novos perfís.

    O Pinzón é un dos lugares máis emblemáticos de toda a zona vella de Cedeira. Un lugar de encontro para todos e todas e que, sen dúbida, é unha das pezas clave na sociabilidade cedeiresa. Este bar atrapado no tempo, con luz tenue e sillóns verde bosque, con música reggae de fondo e chan marmóreo de ton monocromático, convértese no espazo protagonista desta entrevista con David López.

    De onde saíu a idea de rexentar un bar? Tiñas experiencia anterior ou foi unha decisión novel?

    En realidade, eu nunca me dediquei á hostalería. Eu, cando emigrei de Arxentina no ano 2002, empecei como pintor, xa que era o oficio que aprendera co meu pai. Despois fun traballar coa miña irmá na pizzería e, como resultou que o restaurante estaba tan preto do bar, cando terminaba de traballar, normalmente pasaba por alí a tomar algo. Foi aí cando establecín unha relación co dono e coa familia que levaba antes o Pinzón. El, un día de euforia, supoño, prometeume que se algún día deixaba o bar me preguntaría se quería rexentalo eu. Naquel momento vía un pouco imposible porque estaba recentemente emigrado e non tiña posibilidades económicas como para xuntar o diñeiro que me pedían. Aínda así, co apoio dunha amiga, motiveime e decidín comezar co bar. Nese instante o primeiro que fixen foi chamar ao meu amigo Mariano, emigrado tamén en España cunha pasantía de cociñeiro no País Vasco. Pregunteille se se sumaba á aventura e dende o primeiro momento díxome que si. Así foi o comezo, inesperado.

    Donos actuais do Pinzón, Mariano (esquerda) e David (dereita) | Cedida (La Voz de Galicia)

    Como foi o proceso de reabrir un negocio hostaleiro con tanta relevancia histórica?

    Tivemos sorte de conxeniar co propietario orixinal porque, cando comezamos a facer o traspaso, facilitounos todo o proceso. Tamén nos axudou á hora de poñer unha renda actual e non unha tan antiga como tiñan eles. A partir de aí foi cando puidemos realizar algunhas reformas, que foron mínimas pero moi necesarias, como un baño para mulleres, que non existía.

    Houbo algún tipo de dificultade ao comezo?

    O Pinzón abrímolo en xuño de 2007 e a verdade é que dende o principio nos foi moi ben. Para a xente, esta era unha apertura moi aceptada porque, ao ser un bar tan concorrido dende sempre e con tanta historia, todos estaban moi agradecidos tamén por manter a esencia do lugar e non cambialo. Eu, en realidade, nunca vin a dificultade. Ao contrario, parecía que isto me estaba esperando. Foi unha oportunidade que me brindaron e tirei para adiante.

    Como te sentes tras tantos anos tendo este negocio ás túas costas e, á súa vez, pola responsabilidade intrínseca que este trae consigo?

    Para min é un privilexio poder xa levar 20 anos aquí os dous xuntos, con Mariano, seguindo sendo socios como o primeiro día. Estamos moi contentos porque nos sentimos unidos do que é unha parte moi importante da propia vila, falando tanto social como culturalmente. O noso propósito apenas agarramos o bar foi manter a esencia do lugar, simplemente decorándoo e aguantando todo o que se podía reter, respectando á veciñanza e deixando atrás a fama de lugar para madrileños.

    Terraza do establecemento na que se observa a entrada e o toldo co grafismo | Clara Villarnovo

    Nalgún momento púxose sobre a mesa a idea de xuntar neste espazo a cultura propia de Cedeira coa cultura arxentina?

    Intentamos agregar ao servizo a nosa forma de ser, algo moi característico da Arxentina. Soemos ter un carácter e unha forma distendida á hora de falar coa xente. Isto dende o principio estivo presente, a boa atención nos saía case natural. Intentar, aínda que a xente se estrañe, de ter pequenos detalles dos cales poidan dicir: “Oh, miren a este chico tan amable”. Sobre todo temos este trato coa xente maior porque é a xente que veu ao Pinzón toda a vida. Para min, a diferencia que ten o Pinzón doutros sitios é o vínculo coa xente.

    “Para min, a diferenza que ten o Pinzón doutros sitios é o vínculo coa xente”.

    O Pinzón, ademais, é recoñecido polos múltiples eventos culturais que alberga. Como e cando nace a presenza recorrente de concertos ou presentacións de libros?

    Sempre, xunto con Mariano, intentamos implementar os actos culturais e sociais ou xente que veña presentar libros. Hai uns rapaces ingleses que viven na vila hai máis de 10 ou 15 anos, que teñen unha asociación de micros abertos coa que colaboramos. A xente pode vir e facer o que queira: cantar, ler, actuar… Ademais, temos unha pequena biblioteca onde podes encontrar cousiñas de aquí de Cedeira, de Galicia en xeral e algunha de Arxentina tamén, para intercalar os diferentes lugares.

    Galería de diferentes elementos culturais situada dentro do establecemento | Clara Villarnovo

    Nestes últimos anos a vila está a vivir un aumento notable de turistas no verán. Os datos máis recentes revelan a presenza de 70.000 visitantes aproximadamente entre xuño e setembro. Notaches diferenza no propio servizo? Como levas todo isto?

    Dende que abrimos comezamos a aprender como se manexaba o verán aquí. O tema dos turistas, para min, é algo de sempre, non de agora. Obviamente hai un pequeño incremento da xente que busca lugares como este para vivir ou ter unha casa. Para nós que veña xente ao bar é bárbaro. A nosa forma de traballar fai que sexan poucas as veces que podemos ter encontróns coa xente. Tamén porque a experiencia inflúe na forma de levar as cousas. Nós sempre intentamos facelo dende o lado da simpatía. Con algúns tamén nos enfadamos e mandámolos á m*rda, pero normalmente a xente que vén é bastante respectuosa e non podemos meter a todos no mesmo saco por unha ou dúas persoas.

    Para rematar, que é o que máis che gusta e te motiva de vir traballar aquí case todos os días?

    Mira, hai varias cousas que me motivan. Principalmente é poder darlle un sustento á miña familia. Despois, seguir sendo partícipe da vila, porque o Pinzón é moi do pobo. Xa estou a pensar que non sei que facer cando non o teña. Levo 20 anos da miña vida nel. Aquí coñecín moita xente, moitas persoas ás que lles teño moito cariño. Hai veciños aos que lles teño máis afecto quizais que a familiares que non vexo fai tempo, porque se establecen vínculos. A miña motivación é esa, seguir formando parte da cultura e de que a xente veña, ría, o pase ben e conte cousas.

    “A miña motivación é esa, seguir formando parte da cultura e de que a xente veña, se ría, o pase ben e conte cousas”.

    Clara Villarnovo Lourido

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

  • A familia das palilleiras, unidas polos fíos

    A familia das palilleiras, unidas polos fíos

    Lugar da xuntanza de palilleiras, o polideportivo, e todas as asistentes traballando | Clara Villarnovo 

    As costumes galegas van mudando de xeración en xeración. A cultura vaise transformando e chega a nós de forma moi diferente. Non só iso, as mesmas tradicións son diferentes se vas a distintos lugares. Iso é o que fai a unha zona, como Galicia, culturalmente rica. Unha vez ao ano, no meu pobo, xúntanse veciños e veciñas das provincias de A Coruña e Lugo para mostrar unha parte de nós que leva connosco moito tempo: a costura. O encaixe de palillos, que comezou no S. XVI na zona da Costa da Morte, é unha arte que moitas mulleres, e algúns homes, seguen a facer.  

    A XX xuntanza de palilleiras e labores tradicionais, xa clásica en Cedeira, organizada pola asociación Mulleres da Vila de Cedeira, tiña dúas xornadas, correspondentes á mañá e á tarde. Ao redor das 12:00 foi cando cheguei ata o polideportivo municipal, aínda que as palilleiras xa comezaran a traballar dúas horas antes. O obxectivo non era unicamente dar a coñecer estas artes ancestrais, senón tamén unir pobos vencellados ás mesmas tradicións e compartir este mesmo espazo. 

    A cancha de baloncesto encheuse de oito mesas transversais, bastante alargadas, onde se sitúan as case trescentas costureiras. No medio hai unha separación para poder camiñar decentemente dun lado a outro, e aos laterais atópanse ata quince postos de venta de particulares; non necesariamente son artigos feitos a man, tamén se venden comestibles coma mel ou queixo, diferentes incensos e velas, entre outras moitas cousas. 

    Dende que se pon un pé no recinto, nótase o ambiente xovial que toda esta xente desprende. Se se buscaba silencio, isto é todo o contrario. Era como unha reunión familiar. As risas das palilleiras mestúranse con conversacións alleas e o son característico dos palillos chocando entre si. Este era o son ambiente característico deste lugar: ja ja ja, bla bla bla, clac clac clac. 

    Paseando entre as mesas un dáse conta do concentrada que está a xente no seu labor, ademais de charlar, claro. Nese lugar fun unha pantasma case por dez minutos. Enriba das mesas, ademais de haber almofadas cos patróns a seguir, hai botellas de auga, as míticas galletas en forma de ‘S’ e separacións sinalando o pobo de procedencia de cada grupo de persoas. Nalgún casos son carteis ao uso, pero noutros eran estandartes coloridos. Pódense ler os nomes de Cariño, Oleiros, Neda ou Arteixo, por exemplo. 

    Dúas cousas que chaman a atención son: o rápido que a xente move os palillos e que tamén hai algún home palillando entre as mulleres. Os homes non son os maioritarios nesta xuntanza, algúns observan, aprenden ou mesmo rematan algunha peza que lles quedou a medias. O mesmo pasa coa xente nova; por mesa hai entre cinco e sete persoas menores de cincuenta anos.

    Un home palillando con diferentes elementos como un atril e unha luz móbil | Clara Villarnovo 

    De súpeto, Ángeles Villar Fraguela, a presidenta da asociación, introduciu por megafonía o sorteo que ía comezar cos números das rifas vendidas. Nese intre, as mulleres, e homes, sacaron as súas papeletas e foron rifando todos e cada un dos agasallos que os establecementos do pobo deron para apoiar esta xuntanza, e as que veñan. Pena non ter unha. Nunha mesa estaban todas as bolsas a sortear, hai moitísimas. Ofreceron unha parte destes presentes e pola tarde continuaban obsequiando.

    Parte dos regalos que foron dando coas rifas procedentes dos comercios de Cedeira | Clara Villarnovo 

    Tras ese parón, achegueime á mesa do meu pobo, as anfitrioas de Cedeira, e comecei a falar con elas. Con curiosidade pregunto a unha muller se me pode explicar o que era palillar exactamente, xa que parecía moi complexo. Pilar, nada en Vilarrube e criada en Ferrol, explicoume que leva neste “hobby” pouco tempo, arredor dun par de anos, e que é “máis fácil do que se cre”. 

    A arte de palillar baséase en seguir un patrón debuxado cunha gran variedade de fíos atados a uns palillos situados en toda a almofada, onde se cose. Cada un pode comezar o debuxo por onde queira. Polo centro, pola zona dereita ou pola esquerda. É indiferente. Tendo clara esta decisión, cóllense catro palillos, os que máis preto estean da zona na que se queira comezar, e vas entrelazándoos para conseguir o trazo co fío. Cando se vexa un punto importante cámbiase de dirección, ponse un alfinete e continúase. 

    Todo isto díxomo Pilar en pouco tempo. Contoume que dende fai pouco está ensinando aos seus netos como é isto de palillar, e que estes se divirten moito aprendendo. Pódense facer unha gran diversidade de patróns, figuras e artigos. Palillando podes facer tanto un mantel como un paraugas, ou mesmo decoracións para calquera cousa. Algunhas persoas ata traballaban con manequíns co obxectivo de facer prendas de roupa. 

    Algúns dos elementos creados polas palilleiras, unha decoración e un mandil | Clara Villarnovo 

    Durante esta conversa aparece a profesora de palillos de Cedeira, que di que está a ensinar a varias persoas máis novas e que van aprendendo bastante ben. É preferible comezar na xuventude, xa que iso axuda a poder realizar os movementos con máis sinxeleza e rapidez; desta forma, non tardas tanto en rematar as pezas que se van facendo. 

    Ao terminar este efémero encontro, todas continuaron os seus labores e outras moitas foron xuntas a almorzar. Así deu por finalizada a XX xuntanza de palilleiras e labores tradicionais no norte de Ferrolterra. A relevancia deste evento tan característico non é soamente impulsar os palillos e as artes tradicionais galegas, senón tamén unir a xente de diferentes idades, lugares e sexo para levar a cabo unha única cousa: defender e manter a cultura do noso país. 

    Clara Villarnovo estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.