O cantautor coruñés interpretaba “El propio funcionamiento de las cosas” este xoves 15 de outubro a pé de escenario no pub compostelán

Son as 21.00 dun xoves en Santiago de Compostela e a capital galega déixanos desfrutar dunha desas noites, escasas pero agradables, nas que a temperatura convida a saír ás rúas. Á súa vez, Fernando Tato está a piques de comezar a presentación do seu novo EP, “El propio funcionamiento de las cosas”, no local Modus Vivendi, na Praza de Feixoó.
O cantautor de Narón volve aos escenarios de proximidade con nada máis que a súa voz, dúas guitarras e unha colección musical desinhibida que pide ser tocada en directo. Trae unha proposta sinxela en acústico que reúne a aqueles que se atreven a entrar pola pequena porta do pub compostelán. Bo ambiente, proximidade e sentimentalismo: crónica dun tímpano máis que satisfeito.
A xornada comeza antes de tempo cando, quince minutos antes da hora de inicio, escóitanse os primeiros acordes. Unha melodía básica que fai que os máis impacientes xa se senten a escoitar mentres outros seguen coa conversa que sempre se adoita dar con unha copa de viño na man. Ultímanse detalles e as escasas 20 persoas que nos acercamos a escoitar hoxe a Fernando agardamos sentadas pola apertura do show, coma quen agarda por un agasallo de Nadal.
O concerto arrinca con puntualidade acompañado dunhas palabras do cantautor agradecendo a todos aqueles que decidiron estar hoxe aquí. “Eu mañá traballo ás 10.00 en A Coruña, pero aquí estou!”, escóitase polo baixo. Sen máis dilación e tras un “Vámonos, atento Marcos” de Fernando, comeza esta actuación en acústico en formato de dúo, entre Fernando Tato á guitarra española e o seu guitarrista, Marcos, á eléctrica.
O repertorio de hoxe constrúese arredor da combinación das novidades do EP co material dos seus álbums máis antigos, todos eles seguindo a liña temática do amor frustrado, da soidade, de persoas que veñen e van, de cousas que rompen… “Ahora seguimos con más canciones felices y esperanzadoras”, chanceaba o propio Fernando co público sobre a fixación dos seus temas. Aínda así, as letras contan con temáticas recoñecibles e sen adornos que permiten identificarse entre as súas liñas.

Unha vez rematan as tres primeiras cancións, o público fúndese nun longo aplauso e en comentarios de ovación que se estenden ata cada recuncho do local, “Bravo! Guapo!”, escoitábase. Só fai falta a súa voz, dúas guitarras e unha noite de cancións de amorpara encher o Modus Vivendi de emoción e sentimentalismo.
Respírase un aire de proximidade que naturaliza calquera tipo de intervención entre o público e o autor, pois as interaccións entre ambos son constantes. “Yo vine por la música pero me voy siendo fan de un nuevo artista para mí”, declaraba unha muller do público.
O setlist vaise esgotando e a emoción do público vólvese inversamente proporcional, pois os aplausos e os movementos de cabeza ao ritmo dos acordes van en aumento. Case chegando ao final chega o clímax cando, neste petit comité, Fernando avanza unha canción exlcusiva. “Acabamos de llegar de madrid de hablar con el productor” confesaba, polo que a expectación é máxima.
O ambiente do local ofrece un espazo de conversa e proximidade, pois o tamaño do lugar súmase a unhas luces cálidas e concretas que animan a calquera a adherirse como espectador. Por isto é que, a medida que o concerto vai medrando, tamén o fai o aforo do Modus Vivendi, que no final do evento xa case non permite que ninguén máis entre por risco de rebordar a escasa capacidade.
Despois do concerto puidemos falar con Fernando e explicounos que a elección deste lugar foi precisamente por iso, pois ademais de frecuentalo na súa xuventude, “es más mítico que la propia catedral”, dicía, “propicia un ambiente distinto, disfruto mucho estar a medio metro de la gente”.
Antes de rematar o artista aproveita para explicar o funcionamento da billeteira inversa, que é pola que se rixe o concerto. “Pasar la gorra de toda la vida”, dicía. A billeteira inversa consiste en que es ti quen decide canto vale o concerto, depositando ao final do mesmo os cartos que ti consideres. Neste caso, a aportación mínima suxerida son cinco euros.
“Decirte adiós” é a canción escollida para despedir esta xornada musical, que entre risas e bromas acompaña aos agradecementos do artista cara todo o seu equipo e ao público presente. Un evento inesquecible que aproxima aos pequenos artistas un paso máis da resonancia na industria musical e que permite desfrutar da boa música nos recunchos máis pequenos de Santiago de Compostela.
Catuxa Rodríguez
Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela

Deixa unha resposta