A cantante galega abriu o recén estreado Espazo Cultural Manuel María da Coruña cun concerto en homenaxe ao poeta e á xornalista Begoña Caamaño

|Damián Suárez CapelánOs comezos adoitan ser bonitos, sobre todo se estes se acompañan de música. Na cidade da Coruña, a cultura lévase por bandeira e os lugares de encontro medran sen previo aviso. O Espazo Cultural Manuel María comezou a súa andaina o 6 de outubro na cidade coa idea de convertirse nun lugar onde a participación cidadá permita promover e promocionar a cultura galega. O pasado venres 16, o proxecto celebrou o seu primeiro concerto, De Manuel María a Begoña Caamaño, cargado de emoción e agarimo.
O recendo a novo misturábase co nerviosismo dos asistentes, o que deixaba claro que aquel espazo sería lugar de moitas historias. A cantante galega Uxía foi quen de poñer a primeira achega nunha iniciativa desta importancia. O local non é demasiado grande, mais suficiente para crear unha atmosfera cercana e íntima. A artista ía de rosa, un rosa que iluminaba o lugar, ás escuras e aínda por decorar, e contrastaba, case de maneira poética, co negro da tela que recobría o escenario. Ao seu carón, o guitarrista Sérgio Tannus e o acordeonista Santi Cribeiro, encargados de empapar a sala co seu fermoso tocar.
Ás 20:00, Uxía desplegou por primeira vez a súa voz e escolleu a peza Saleta para dar comezo a unha viaxe emocionante. O espazo estaba ateigado de xente e, ao rematar de cantar, ninguén puido reprimir as ganas de aplaudir tras sentirse acariñados pola voz de Uxía e o intimismo do lugar por primeira vez.
A escolla do repertorio pasou por grandes artistas como O mestriño e deu pé a que Uxía amosase o seu apoio a causas como a situación da inmigración en España, a problemática de Cuba ou a falta do uso do galego pola mocidade (esta última acompañada por poemas de Manuel María). A artista, pouco despois, quixo falar de Begoña, unha das protagonistas da noite, pois ela mesma acaba de editar un disco, Indómitas (2026), no que homenaxea a súa figura. A Begoñísima era un dos seus alcumes, mais tamén a peza que Uxía cantou aquela tarde na Coruña con tanto amor.
Tamén a artista Mercedes Peón foi homenaxeada, ao igual que o escritor Uxío Novoneyra cunha das súas obras. Porén, no medio de tanta lembranza, a melodía deu unha reviravolta e, nun intre, comezou unha foliada. Coa pandeireta na man, Uxía e Sérgio puxeron a todos a bailar, sen importar a experiencia nin a calidade, só coa idea de pasar un bo rato. O público, entregado durante todo o concerto, fixo de coro nas cancións, sobre todo cando a cantante sacou O Carro de Fuxan os Ventos como agasallo.

|Damián Suárez CapelánA noite entraba na sala e o concerto estaba a piques de rematar, foi nese momento cando Uxía decidiu achegarse máis á xente, para que a música entrase neles con maior facilidade. Acompañada dos músicos, os tres marcharon do escenario e percorreron o espazo cantando mentres as caras dos asistentes alumábanse ao escoitar tan de preto aquela fermosa voz e aquelas fermosas melodías.
Agora, o espazo non semellaba tan baleiro nin escuro. Uxía, Sérgio e Santi foron os encargados de darlle vida a un lugar que, de seguro, creará grandes historias, encontros e momentos na cidade. Ben o dixo Uxía: “Ogallá este espazo dure mil primaveiras máis e coide a cultura da Coruña. A cultura haina que levar por bandeira, iso sempre é así”.

| Damián Suárez CapelánOs aplausos finais acompañáronse de alabanzas e dun público que se puxo de pé para amosar o seu agradecemento por todo o vivido aquela tarde. Uns querían achegarse a Uxía, comprar o seu traballo e agradecer a viaxe musical e cultural que regalara. Outros saíron exhaustos, pois naquel lugar deixaran todo deles para encher o espazo cultural de vida. As luces das farolas alumeaban a rúa e, un pouco máis tarde, o espazo volvería terse apagado, fundíndose coa fermosa noite de venres, mais coa idea de acender as súas luces moitas veces máis na cidade da Coruña. Ao final, a cultura constrúese así, entre aqueles que queren que a luz nunca se apague.
Damián Suárez
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Deixa unha resposta