Wences Lamas: A maxia dun Oráculo moi particular

Enmarcado no Festival Imperdible, a sala Fantástica de Santiago de Compostela acolleu ao artista lucense na programación da súa sexta edición

Wences Lamas durante a súa actuación | Carolina Senra

Entre as labirínticas e empedradas rúas de Santiago de Compostela ás veces brota a maxia. Nunha desas noites de fantasía escura deixouse ver entre os calellos o Oráculo de Wences Lamas. Definilo como un feitizo sería mentir, porque todo o vivido na sala Fantástica foi real, ou iso parecía.

Aínda lonxe da entrada, o silencio da noite rompíase co esbozo das primeiras risas que serían a base da banda sonora daquel espectáculo. Ao son desa música e como nunha adestrada coreografía, uns e outros pasaban pola estreita beirarrúa pegada ao lugar. Ninguén o dicía en alto, pero todos sorriamos de forma cómplice ao saber que estabamos alí pola mesma razón.

Entrar naquel lugar era sinónimo de introducirse por un portal sobrenatural. O pequeno corredoiro da entrada non permitía ver con claridade quen ou que habería dentro. As luces eran cálidas, mais tamén eran suaves e difusas, como unha néboa alaranxada. Dentro, tan só se escoitaban remotos rumores de voces.

Entrada da Sala Fantástica, Santiago de Compostela | Carolina Senra

Camiñaba con cautela pero tamén con esa enérxica inocencia infantil de quen quere destapar un misterio o máis rápido posible. Ao chegar había pouca xente e todos eles parecían saber ben onde estaban, coma actores secundarios dunha obra que aínda non empezara. O nerviosismo de quen se pregunta se estaría equivocado de acto, lugar ou día foi acalado pola voz dunha persoa.

Un espectáculo que comeza antes de sentarse

O seu saúdo deixaba claro que non estaba errada, pois animounos a min e ao meu acompañante a escribir nun pequeno papel unha pregunta para o “Oráculo”, coma se fose un nome propio, un ente superior ao noso plano astral, un verdadeiro camiño para coñecer a verdade. Dous papeis e un bolígrafo detrás dunha barra de bar rodeada de cervexas e refrescos eran o noso camiño á certeza absoluta.

A medida que cavilabamos sobre as nosas grandes dúbidas existenciais, comezou a rodearnos máis e máis xente que buscaba a solución aos seus problemas ou que, polo menos, procuraba botar unhas risas e distraerse durante unha hora do menos máxico mundo que estaba fóra.

Deixamos os nosos papeis anónimos dentro da caixa que contía os problemas máis profundos de todas aquelas persoas. Pouco despois, unha voz lanzou o permiso de adentrarse aínda máis profundo na sala. Lanzámonos ansiosos de resolver por fin todos os enigmas. Cruzamos unha cortina translúcida, sentamos e esperamos mentres mirabamos a todos lados buscando unha pista para coñecer por fin ao Oráculo.

Interior da sala antes da actuación | Carolina Senra

Para calquera que queira participar nalgún dos eventos enmarcados no Festival Imperdible, como era este Oráculo, deben saber que isto non é teatro ao uso. Isto é improvisación. E iso fai que nin o mesmo protagonista do show poida saber como vai a ser o seu desenvolvemento ou o seu final. O comezo foi rudimentario: Unha breve presentación e aparece o artista.

Do misterio escuro ao humor

A sala enmudeceu. As luces eran agora un artefacto que forzaba a vista no escenario. Wences Lamas, ataviado cun longo abrigo que fora do seu avó, comezou a falar. A profundidade daquela voz encheu cada esquina e todos ficamos mirando cara a el coma se estiveramos nunha clase maxistral. As súas palabras contrastaban coas risas de antes e volveron aquilo nun lugar de reflexión sobre a morte e a vida, dous conceptos antagónicos pero nada alleos entre si.

Exposta a tese, quitou con certa parsimonia a chaqueta e preparouse coma se estivera entre bastidores antes de entrar en acción. Mirounos, sorriu e deixounos claro que aquilo fora a parte seria do programa. Non sabería dicir se foi consciente ou inconscientemente, pero todos nós respiramos un pouco máis tranquilos nese interludio. 

Algunhas risas nerviosas, charlas afables e ombros relaxados foron o exemplo de que o grupo aceptaba o cambio para dar paso á parte máis humorística da noite. Iso si, quedou ben claro que se necesitásemos de novo un momento coa chaqueta, o que vén sendo un momento intenso, pensativo e lixeiramente escuro, non habería problema. Moitos “non, grazas” e poucos “si, por favor” despois, demos paso ao Oráculo.

O traballo do Oráculo

Os seus métodos foron pouco rudimentarios, non por iso menos esotéricos. Todas as nosas preguntas obtiveron resposta unha por unha. E, para facelo, Wences Lamas tivo certa axuda material. Por exemplo, un pequeno xoguete dos míticos ovos de Kinder con forma de crocodilo vestido cunha bata branca podía servir para arranxar problemas coa fe. Problemas nos que, por certo, recomendou tomar ben de espinacas, cheas de ferro, nunha broma na que fixo referencia ao elemento da táboa periódica (denominado como “Fe”) e que formou unha ondada de gargalladas.

Unhas figuras de “Sargadelos mal” (como el chamaba a unhas pequenas figuras feitas a man por el en referencia á empresa), un tarot de memes e varias alusións ao programa “Callejeros Viajeros”, foron algúns dos seus enigmáticos instrumentos, así como fotos da súa infancia e xuventude ou poemas e ilustracións feitas por el mesmo.

Asistentes que se levantaron ao final do acto | Carolina Senra

Ao remate, pediunos a todos que nos levantásemos para fregarnos unha hortelá polo corpo. Foron poucos os valentes que subiron. Pero o máis salientable foi como todos os asistentes decidimos achegarnos cando propuxo fundirnos nun gran abrazo baixo a calor dos focos e dos corpos. Moitos sorrisos e aplausos despois, todos fomos saíndo.

Aquela noite o Oráculo traballou unha vez máis e grazas ao Festival Imperdible de improvisación puidemos gozar da súa maxia en Santiago de Compostela. Non sei cantas certezas xurdiron daquelas respostas. Pero, por unha hora, o único verdadeiro e importante foi que a arte, o teatro e a improvisación formaron parte da nosa alma.

Final do acto e momento no que a xente comezaba a irse | Carolina Senra

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *