Percorrendo as rúas e calellas de Sada un sábado calquera pola tarde pode facerse unha radiografía da súa cotiandade. O coñecido Feirón leva xa case 50 anos transformando o espazo público e converténdoo nun diálogo colectivo

As rúas escoitan o ruxerruxe do día a día nunha vila mariñeira. Poderían ser moitas, pero desta vez a protagonista é Sada. Son moitos os símbolos históricos e culturais desta pequena localidade da comarca das Mariñas, mais hai un que segue vivo grazas á espontaneidade dunha cita case cincuentenaria. Dende o ano 1977, o Feirón transforma cada sábado as rúas de Sada nun retrato atemporal.
Eran as seis da tarde dun deses sábados solleiros de outono e no Feirón a dinámica é a de sempre. Centos de persoas pasean, falan, mercan e comparten un espazo que leva anos loitando contra as dinámicas dun mundo que sempre vai con présa. Un mundo no que xa non se valora a conversa nin a empatía. Detrás dun “A canto están os tomates?” soe ir un “Que caro! No supermercado están máis baratos”. Esa é a realidade. Nun espazo pensado para compartir, aportar e concienciar, hoxe só queda o individualismo propio dos tempos.

Dicía Conchi, unha vendedora de froita e verdura que vén desde Beira, preto de Carral, que nos últimos anos o Feirón de Sada reviviu. Pese ao cambio de paradigma na mentalidade dos clientes, Conchi sempre fala con xente nova que se achega, consome e aproveita espazos coma este para facer a compra. Porén, o optimismo que ela irradia contrasta cos testemuños doutros feirantes que hoxe notan un desinterese moi grande. Explicaba Ramiro, un vendedor moi coñecido cunha explotación agrícola no Val de Barcia (Carral), que cada vez é máis difícil seguir adiante por toda a competencia que hai. Fillo dunha das primeiras mulleres que chegaron a esta feira para vender queixos, Ramiro é unha desas persoas que cada sábado ve pasar centos de persoas que hoxe entenden este espazo doutra maneira.

No imaxinario colectivo atópase a feira galega como espazo de intercambio e de cotiandade. Se cadra, segue sendo así. O Feirón de Sada foi cambiando e adaptándose ao devir dos tempos, pero calquera que camiñe polas súas rúas poderá comprobar que aquí aínda pervive a esencia do colectivo. Hai moita xente que segue escollendo o produto local perante as grandes tendas, mais outras persoas atopan no Feirón un lugar de ocio e convivencia. Aqueles postos onde apenas había froitas, verduras e carnes deron paso a unha gran variedade de produtos; roupa, zapatos, xoiaría, accesorios, xoguetes. Vangarda e tradición conviven nesta singular feira que une xeracións de veciños e ‘venideros’ e fai deste momento un auténtico canto á colectividade.
Do bulicio á noite senlleira
Son case as oito da tarde e moitos postos comezan a recoller. O bulicio que ateigou as rúas de Sada durante a tarde semella quedar moi lonxe. O silencio da noite ameaza e o cansazo aparece nas facianas dos feirantes. Algúns postos están case baleiros e outros aínda teñen mercancía dabondo. Moitos dos que se achegaron a pasear, mercar ou relear camiñan agora cara aos aparcadoiros. Outros arrexúntanse nas cafeterías que volven á súa actividade habitual trala trasfega da tarde.
Sexa como for, rematou outro sábado máis para a veciñanza dunha vila que aínda ten a sorte de atopar no espazo público un lugar de encontro. Sada, coma moitas outras localidades, foi converténdose paulatinamente nunha vila determinada polo dualismo entre o traballo e o descanso. Polo tanto, continuar fomentando espazos nos que impera a lembranza colectiva e o fomento da economía local é un acto de rebeldía nos tempos que corren.

Di a artista Rita G. Rivera que a contorna non é un espazo neutro, senón un reflexo da alma colectiva. É, no fin de contas, unha proxección psíquica na que os habitantes e a paisaxe se transforman mutuamente. O diálogo multitudinario que se establece cada sábado no Feirón de Sada é o vivo reflexo dun lugar que aínda se aferra á humanidade. A través dunha tradición compartida e herdada, a veciñanza de Sada é quen de atopar un espazo colectivo no que socializar arredor do territorio. Contemporaneidade e raíces coexisten nesa alma colectiva que se articula arredor dunha feira de case 50 anos de historia.
Claudia V. Lourido
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Deixa unha resposta