A Asociación Española contra el Cáncer (AECC) adiantou a conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, cunha cadea humana
Ribeira

O sábado de mercado ten un ritmo propio. O balbordo dos postos, as conversas espontáneas e o balanceo das bolsas ao ritmo dos pasos compoñen a banda sonora a súa banda sonora. O arrecendo do café mestúrase co aire salgado que chega do mar, mentres nas terrazas os clientes apuran o vermú antes de regresar a casa. Todo semella seguir o ritmo habitual dunha mañá de outubro.
Porén, hai máis movemento do habitual. Na zona do Malecón, a delegación local da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) prepara unha cadea humana para dar visibilidade á enfermidade, unha convocatoria que coincide coa celebración do Día Mundial contra o Cancro de mama. A xornada comezou a primeira hora da mañá coa instalación dunha mesa de donativos á que os veciños “responderon con xenerosidade”, segundo explica a presidenta da entidade local, María Jesús Paz. Despois de pedir colaboración, tocaba facer visible a causa.
Arredor das 14:00 comezan a achegarse as primeiras persoas ao punto de encontro, paralelo á praza. Chegan de dúas en dúas e van conformando un grupo cada vez máis diverso, pero cun elemento común: a roupa rosa. A cor, que simboliza a loita contra a enfermidade, aparece en chaquetas, bufandas e lazos prendidos no peito.
O día está marcado por un frío que se mete polas mangas e obriga a esconder as mans nos petos. O sol, baixo e oblicuo, apenas chega ao fondo do corredor que forman as fachadas da rúa Campo de Marte, contigua ao Malecón. Na luz do mediodía cólase un ton pálido, case de inverno temperán. Con todo, ninguén ten intención de marchar.
Pasados dez minutos, unha muller estendeu a man para a outra a collera, dando inicio á cadea. Un a un, os presentes foron sacando as mans dos petos para ofrecérllelas á persoa que tiñan ao lado. Os dedos únense e a fila comeza a adquirir unha forma propia e a cor rosa debuxa unha liña sobre os tons apagados das rúas de pedra. O frío, que sempre gaña na soidade, comeza a perder forza ante a unión da xente.
A cadea non chegou a pecharse porque ninguén tivo o valor para facelo. O xesto non pasa desapercibido entre as persoas que pasan e non son poucas as que frean o seu camiño para unirse á reivindicación. Dende as terrazas que rodean o lugar, moitos camareiros deixan os panos nas mesas para unirse aos seus veciños. No acto participa tamén a alcaldesa, María Sampedro, acompañada do seu fillo. Xunto a ela, o Tenente Alcalde Vicente Mariño e o conselleiro de Mar e Festexos, Fernando Abraldes danse a man para demostrar que o cancro de mama non é só unha preocupación feminina.
Un neno fíxase do vento que move as follas con agresividade e pregunta en voz alta se a cadea non se vai romper. “Non, porque somos moitos”, responde a muller que lle colle a man. Este sóltase para contar cos dedos: “Un, dous, tres… xa non sei máis”. Cincuenta é un número moi alto para un rapaz tan pequeno, así que remata dando por boa a súa propia conta: “Somos moitísimos!”.
Entre as mans enlazadas circulan apertas, preguntas e palabras de ánimo que apenas sobresaen por riba do murmurio da rúa. No medio da cadea, unha muller pregúntalle a outra: “Que tal estás?”. Ana, quen padece a enfermidade, responde: “Estou, que é o importante”. A conversa semella deter o tempo durante uns instantes antes de que o vento a leve. A súa compañeira apertoulle con forza a man para demostrarlle que estaba aí con ela, porque “as palabras xa non eran suficientes”.

Coa fila formada, toma a palabra María Jesús Paz. Define a xornada como unha “data importante” e agradece a asistencia dos veciños. A presidenta da asociación insiste na necesidade de que a poboación participe nos programas de cribado, unha das principais ferramentas para detectar a enfermidade antes de que presente síntomas.
Ao igual que co inicio, ninguén anunciou o final. Ao rematar o discurso, unha das participantes comezou a aplaudir, creando un efecto dominó no resto dos presentes. As mans sóltanse pouco a pouco e algunhas tardan en volver aos petos. O mercado recupera entón o seu ruído de sábado, pero na rúa aínda queda a sensación de que, durante uns minutos, ninguén tivo frío.
Andrea Abad
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

Deixa unha resposta