A autora presentou hai unhas semanas a súa segunda novela, Folerpas no mar

A luz da mañá entra pola xanela e vai pousando sobre a sala de María Xesús Blanco (Cabanelas, 1968). A súa biblioteca enche o espazo de libros, como é propio de alguén que foi lectora antes que escritora. Sobre a mesa está a primeira novela que leva a súa sinatura, O caderno de Rosalía. A carón dela, a súa nova obra, Folerpas no mar, que conta a historia de Zahi, un neno de oito anos que empeza a descubrir o mundo durante unha intensa nevarada. Rodeada de historias, a melidense comeza a reconstruír a súa como autora.
Na túa presentación na páxina da Editorial Galaxia dis que sempre tiveches paixón pola literatura e moitas ganas de ler. Houbo tamén sempre esas ganas de escribir?
Primeiro foi a ansia de ler, dende nena me gustou moitísimo. Despois, aínda que sempre escribín algo, facíao para min; non pensaba en publicar. Facía reflexións, pequenas historias, algún poema… Pero na miña xuventude, a partir de que empecei a traballar, comecei a ter esa inquedanza por escribir e, quizais, por publicar.
En que momento houbo esa transición a escribir pezas máis narrativas?
Non son consciente, foi máis ben espontáneo porque nunca tiven moito tempo para escribir. Empecei escribindo poesía. De feito, mandei algún poema a certames literarios, pero o camiño levoume máis pola narrativa. Non sei se pode estar relacionado co meu traballo como mestra, pois, aínda que escribo cousas para persoas máis adultas, tamén tiven interese por escribir e chegar a publicar cousas para xente noviña.
Es das que se deixa levar pola inspiración ou escribes en momentos concretos?
Penso que se les é máis fácil que teñas inspiración. Pero, ás veces, as ideas tamén se che ocorren no momento menos pensado. Tenme pasado de ir conducindo ou estar traballando e que, de súpeto, se me ocorra algo. Non sempre vén cando te pos a escribir, polo menos no meu caso.
Son un pouco anárquica ou caótica, no senso de que, ao non ter moito tempo, aproveito os momentos que teño. Se teño unha historia na cabeza, levántome de noite a escribir porque sei que polo día non vou poder.
Como chega a oportunidade de publicar por primeira vez?
Ás veces chega de diferentes xeitos. Eu enviei O caderno de Rosalía a un certame literario e, aínda que non gañou, quedou finalista. Logo, pregunteille ao editor de Galaxia naquel momento, Francisco Castro, se había algunha posibilidade de publicalo e dixo que era unha boa idea. Entón, envieillo a un editor, pero non é fácil.
O proceso de creación é longo porque igual a idea é fermosa, pero ten incorreccións lingüísticas ou palabras non axeitadas para quen a vai ler. En lingua galega, unha boa oportunidade son os premios literarios, pero tampouco é fácil gañar e primeiro hai que presentarse. Hai que crear e participar, cousa que non estou facendo neste intre, pero non descarto facelo no futuro.
O novo libro, Folerpas no mar, trata moitas temáticas. Entre elas, o acoso, a emigración ou a falta das figuras paternas. Como se plasman cousas tan complicadas no papel?
Van xurdindo. Eu tiña claro dende o principio que quería tocar eses temas. Cando comecei a escribir, o libro era moito máis curto e pensei que xa o tiña rematado, pero logo decidín que había que seguir creando.
O xermolo da obra foi a neve e partín das lembranzas da miña infancia. De nena, parecíame un elemento máxico porque, de súpeto, a paisaxe cambiaba completamente e non ía á escola, quedaba un día ou dous na casa, xogaba con ela… Quería que esa maxia estivese todo o tempo na historia e conectara todo dende o inicio ata o final. E, a partir de aí, contar máis cousas coa personaxe de Zahi, un neno que empeza a descubrir cousas novas, boas e non tan boas. El está sendo máis consciente da realidade que o rodea, desfrutando das amizades, da súa nai e do seu pai, co que lle gustaría pasar máis tempo, pero, ao estar embarcado, non pode ser. Tamén ten unha relación marabillosa cos avós e coa cadela Furna.
É como un retrato de Galicia: o pai embarcado, o tema da emigración…
Aquí, en Ribeira, hai moitos nenos que teñen o pai embarcado. Quería plasmar un pouquiño iso, pero a historia tamén intenta estar mergullada na realidade actual. Por exemplo, o Sálvora, no que está o pai de Zahi, é un buque moderno e ecolóxico.
Ademais, hai un avó que leva moitísimo tempo vivindo en Galicia, pero non é de aquí, senón dun país máis ao sur. Tamén creo que isto é unha realidade hoxe en día, o tema da emigración e inmigración non é nada novo aquí en Galicia. No libro quería que a riqueza cultural da migración se vise como algo positivo.
Díxose na presentación que este non é un libro para nenos, senón para todas as idades, “dos 8 aos 98”
Eu creo que non só este libro, senón a literatura infantil en xeral. Claro que é para nenos, pero tamén a pode ler xente máis maior. Neste caso, ademais, teñen un protagonismo importante os avós Samir e Sara e penso que é moi fermoso tamén para os avós ler este tipo de historias.
Como van xurdindo esas personaxes e por que eses nomes?
Eu busco moito os significados dos nomes das persoas, así que procurei que fosen sempre positivos. Hai algún árabe como Samir, que é pola procedencia do avó. Tampouco quero descubrir moito porque creo que, ás veces, estragamos o pracer da lectura cando contamos cousas sobre o que escribimos. Penso que hai cousas ás que ten que chegar o lector, gústame que cadaquén interprete e procure na historia o que lle pareza.
Iso tamén é o bonito da lectura, non?
Sen dúbida, igual o que ti procuras, a xente non o ve. Cada un temos a nosa personalidade e os nosos intereses como lectores, así que mellor deixalo á interpretación.
Andrea Abad
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela


