Etiqueta: Santiago de Compostela

  • O acto de apertura de La Estila inaugura un novo curso en Santiago de Compostela  

    O acto de apertura de La Estila inaugura un novo curso en Santiago de Compostela  

    A ponencia correu pola conta de Alfonso de Aguiló, actual presidente da Confederación Española de Centros de Ensinanza, que falou de tolerancia nunha sociedade plural 

    De esquerda a dereita, Alfonso Aguiló, Miguel Jiménez de los Galanes e Mª Eugenia Pérez. | Alejandro Vázquez 

    O pasado xoves día 1 de outubro, deu comezo o curso académico para o Colexio Maior La Estila, unha institución que vai camiño do seu 80 aniversario e que ten moito arraigo en Santiago de Compostela, onde é moi común a tradición universitaria de vivir nun colexio maior cando se vén a estudar á cidade. 

    Asistiuse a unha solemne celebración de comezo de curso no edificio antigo que acollía a pais, autoridades, colexiais e mozos invitados. Pouco a pouco, estes foron enchendo as butacas do salón de actos, onde, despois de saúdos entre familiares e amigos dos asistentes, iniciaría a primeira parte do acto coa presentación e posta en valor do próximo curso de mans do director Miguel Jiménez de los Galanes. 

    A continuación, presentouse ao novo decano de La Estila, Pablo Torres, galardoado co Premio Álvaro D´Ors ao mellor expediente académico no curso anterior e que leu ante o público a memoria de actividades do curso 2025-2026. Porén, o verdadeiro reclamo desa tarde-noite aínda estaría por chegar. A ponencia correu pola conta de Alfonso Aguiló, actual presidente da Confederación Española de Centros de Ensinanza e da Rede Educativa Arenales, que falou sobre “tolerancia e liberdade nunha sociedade plural”, unha lección maxistral que non desmereceu en absoluto a expectación do auditorio e concluíu nun estrepitoso aplauso en apoio das palabras do enxeñeiro. 

    Alfonso Aguiló durante a súa ponencia. | Alejandro Vázquez 

    Como última intervención dos condutores da charla, unha representante da Consellería de Educación, como substituta do conselleiro, Román Rodríguez, felicitou a La Estila, desexándolles aos seus residentes as mellores das novas e ilusionantes proxectos para este novo curso. Acabados os discursos e calquera charla palabras prgramadas para a ocasión, deuse por inaugurado o novo curso no Colexio Maior La Estila. Agora ben, como broche da parte máis formal da cerimonia, procedeuse ao canto do mítico Gaudeamus Iguitur, himno universitario que alaba a cultura educativa que ofrece o entorno da universidade, que estivo maxistralmente dirixido polo capellán de La Estila, Don Eduardo de la Morena, e cantado a coro por todos os invitados e colexiais, que foron seguindo as letras en latín dende os panfletos que se encontraban sobre cada butaca.  

    Días como estes están marcados en negriña nas axendas de autoridades, ilustres profesionais e homólogos doutros colexios maiores como directores, membros de decanato, etc.  

    Santiago de Compostela é unha cidade cunha tradición universitaria centenaria e neste 2026 fai 531 anos dende que o seu fundador, Lope Gómez de Marzoa, estableceu un pequeno estudo de gramática no mosteiro de San Paio de Antealtares. Tamén conta con moita historia o primeiro colexio maior da cidade que foi establecido no ano 1526 no Colexio de Santiago Alfeo, o que actualmente coñecemos como o Pazo de Fonseca.  

    Dende entón, non cesaron de aparecer novos colexios maiores como unha facilidade que ofrecía a institución universitaria para promover a integración e traslado do alumnado que comezaba os seus estudos nunha nova cidade. Moitos dos colexios están ligados á tradición relixiosa, como é o caso de La Estila, Xelmírez, Arosa, Inmaculada Concepción ou mesmo Barroso, que ademáis ten tradición como centro moi relacionado co sector militar. Todos estes, sen importar se son mixtos, femininos ou masculinos, contan cos seus respectivos actos de apertura e clausura, ademais de que inclúen a imposición de becas aos seus residentes que cursan o terceiro ano e becas de honra que se conceden a profesionais ilustres que aportaron un gran valor á sociedade e á comunidade universitaria.  

    Na actualidade, os colexios maiores postúlanse coma unha alternativa ao aluguer de pisos de estudantes, unha práctica que cada vez se complica máis coa alza de prezos polo estado da crise da vivenda que asola o país. No caso de Santiago, téñense visto colas dende primeira hora da mañá para atopar pisos en inmobiliarias nas que a demanda supera e satura a oferta e acadar un piso decente por un aluguer asequible convértse en toda unha xesta.

    Alejandro Vázquez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • Kounellis: cando a arte rescata a memoria

    Kounellis: cando a arte rescata a memoria

    Mantón con cunchas, Janis Kounellis | Martín Domínguez

    Chega ó CGAC a exposición Labirinto sen paredes de Janis Kounellis

    O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugurou o pasado 25 de setembro a exposición de Janis Kounellis Labirinto sen paredes. Mediante esta, o pintor grego representa unha viaxe da arte povera pola memoria marítima do artista. A mostra amosa unha gran perda nas xeracións actuais da poetización do océano, os medios de transporte marítimos e a migración por mor da globalización. 

    A través dunha profunda visión arqueolóxica e empregando materiais cargados de significado, Kounellis fai eco da súa historia a través dun laberinto levantado nas dúas grandes salas do CSAG, o Dobre Espazo. 

    Folletos informativos de Janis Kounellis | Martín Domínguez

    Un gran mantón con cunchas incrustadas colgando dunha lousa de madeira dános a benvida á exposición. A guía do Centro Galego de Arte Contemporáneo aporta contexto a cada peza, sendo esta o punto polo que comezamos a navegar no mar: a praia. Deste xeito, a obra inmisce ao visitante na profundidade das augas a través de materiais con significación e peso na memoria de cada un deles. 

    Os documentos atopados na primeira sala de exposición amosan os compañeiros da arte povera que compartiron proxectos con Kounellis que o CGAC acolleu durante a súa historia. Nestes amósanse fotografías e manuscritos que o propio artista grego empregara nuns obradoiros que el mesmo impartira no museo no ano 1997. 

    Albatros, Janis Kounellis- Botiquíns, vendas e velas | Martín Domínguez

    A primeira metade da exposición a protagonizan un conxunto de obras compostas de seccións rotas de barcos que colgan suspendidas fronte placas de aceiro inclinadas, evocando o desgaste e a memoria dos propios obxectos. Tamén atópanse espallados polo chan velas e vendas xunto ás súas respectivas boticas. Nestes pequenos obxectos o artista quere que lembremos que todo o que compón a obra en algún momento pertenceu a xente coma nós que viaxaba nestas embarcacións. 

    Albatros, Janis Kounellis – Pezas de barcos | Martín Domínguez 

    Este proceso industrial pegou máis forte que nunca no mar Mediterráneo a partir do ano 1956. As súas augas foron escenario de moitas escenas de migración ao longo do século XX e todas as imaxes que podemos apreciar non son neutras, nunca o foron para este pintor; Kounellis quere que no fondo sempre teñamos na mente todas as vivencias e vidas perdidas no mar polo mero feito de tentar salvarse e optar a vidas mellores do outro lado da beira. 

    Neste período e no anterior é onde quere situarnos o artista facéndonos unha pregunta: Por que perdéramos a costume de analizar ou poetizar cada anaco da vida marítima para facelo algo tan común e simple a día de hoxe? Onde quedan todas estas lembranzas das que outros facían o eixo principal das súas vidas? 

    Óleo sobre papel, Janis Kounellis. | Martín Domínguez 

    Ao longo da exposición, entre corredoiros e anacos de barcos (ou pezas de recordos, como as chama o pintor grego), barras de óleo sobre papel marcan os nosos pasos para non perder o fío pictórico da obra. Levan por bandeira a tarefa de gardar o recordo do que se está nas profundidades da auga e representan o que iso esperta no sentimento das persoas que viaxaban polo mar. 

    “Candeas” Janis Kounellis. Fonte: Martín Domínguez
    Candeas, Janis Koudellis | Martín Domínguez 

    A Xoia da obra: os mantóns venecianos. 

    Nesta segunda metade, os mantóns venecianos son todo o que podemos ver. Unhas enormes telas colgantes con escrituras de iniciais e algunhas con motivos relixiosos coma o corpo de Xesús baixo o nome de Velas, pinturas, cordas e pedras. 

    Trátase de nove candeas venecianas dispostas en forma de abano que, marcadas polo seu uso, gardan a memoria da súa anterior vida no mar. Todas as imaxes que amosan nos seus gravados tentan coroar a exposición cunha volta de significado: o mar coma espazo de intercambio cultural.  

    A última parte da exposición tamén mostra a fraxilidade da vida humana. O autor trata de representar que, independentemente de onde sexas, sempre podes perdelo todo nas augas que facilitaban o intercambio de experiencias e visións nos anos 50. 

    Candeas, Janis Kounellis | Martín Domínguez 

    Finalmente a exposición de Kounellis despídese cuns anacos de mantón nun marco, facendo recordar o fío narrativo de toda esta viaxe de “mente antiga e arte contemporánea”: “Gardar a memoria. Non só debemos facelo na nosa mente ou nos obxectos que rodean a vida marítima, senón que debemos loitar porque as próximas xeracións tamén poidan entender todo o que se viviu anos atrás. A historia non só se conta de boca a boca”. 

    Esta exposición do Centro Galego de Arte Contemporáneo busca ser un encontro cultural do noso país coas augas que nos rodean e estará dispoñible para visitas gratuítas ata o día 24 de xaneiro de 2027.

    Teas colgando nun marco, Janis Kounellis | Martín Domínguez 

    Martín Domínguez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela