O rapero compostelano e impulsor de ‘Boiler Club’, 4Kanoon, fala sobre o auxe da música urbana en Galicia e España: “O público valora o sentimento de atoparse a gusto coa xente coa que comparte unha música en específico”

Mario Benito, máis coñecido en redes e escenarios como 4Kanoon, é unha das voces emerxentes do panorama musical galego de música urbana. A música galega cada vez está máis presente en escenarios nacionais e tamén en xéneros musicais que ata o de agora non se atopaban tan extendidos na sociedade. Hoxe adentrámonos na vida dun compostelano que busca facerse un oco na escena que lideran coñecidos nomes coma 9Louro, Kid Mount ou Lg1do.
Unha carreira marcada polo xénero escollido
Por que escolliches a música urbana?
Eu comecei neste xénero no ano 2023, porque algunhas amizades xa facían cancións urbanas para entón e o urbano sempre me chamou a atención. Por así dicilo: “barrín para miña casa”. O que máis me gusta desta música é a amplia gama de sons que pode haber. Hoxe en día hai unha gran fusión de xéneros, o xénero urbano xa non só implica rapear, podes mezclalo con bases de pop-rock e resultar tamén en sons innovadores, como fai Machine Gun Kelly por exemplo.
Tes referencias artísticas que che impulsaron a afondar neste mundo?
Por enriba de todo enfoqueime na escena de Arxentina e Estados Unidos na era do SoundCloud Rapper coma Juice WRLD, XXXTentation, Duki ou Khea.

Segues formándote de cara aos escenarios? Qué espera a xente á hora de ir a verte cantar?
Agora mesmo estou a estudar produción musical, non pretendo vivir diso pero si aprender e profesionalizar máis o meu son de cara á miña carreira como artista. Nos meus concertos destaco a capacidade vocal que traballo e a xente á que lle gusta a boa música en directo adoita valoralo.
O xénero urbano: en boca de todos
Por que a xente cada vez simpatiza máis con este xénero no noso país cando, ata agora, non estaba tan extendido?
Xúntase a fusión dos xéneros que che comentaba antes co factor social. Si que é verdade que cando hai públicos máis pequenos os fanáticos adoitan atoparse moito máis preto dos artistas, e isto fai que o público valore tamén o sentimento de estar cómodo coa xente coa que comparte un gusto musical específico.
Que pensas que teñen os artistas galegos coma ti que agora fan máis ruido no nacional? Algún talento destacado?
Pois a verdade e que aquí hai un apoio ao xénero bastante amplo. É verdade que en Madrid ou Barcelona teñen moito apoio pero aquí a xente “vólcase” moito nos seus artistas e iso axuda moito a impulsarnos entre todos. Son moitísimos agora mesmo, pero destaco a Roni GZ, Chiri e Mikeyyy.
O mundo das festas de música urbana
Ti organizas a túa propia festa con este xénero por bandeira. Que as caracteriza e que se pode escoitar nestes eventos?
Valórase a personalidade da festa. Nós con Boiler Club basámonos no noso criterio persoal e dámoslles liberdade total aos artistas e DJs que pasan pola festa, permitíndolles cantar ou pinchar o que eles queiran. É verdade que se ves a alguén facer o que lle gusta, contaxia esa enerxía, que no noso caso sempre o fai, entón a xente que ven o disfruta máis. Por destacar nomes na nosa, podes escoitar dende MDA, Biberon, Sticky M.A. e Yung Beef ata arxentinos coma os que nomeei antes: YSY A, Duki, algúns americanos… un pouco de todo.

Cres que hai “santuarios” da música urbana en Galicia ou locais que a xente identifica por este tipo de festas? Permaneceron co paso dos anos?
Si. Fai anos tiñamos Malatesta en Santiago, unha sala que xa pechou as súas portas, Molotov en Vigo… Pero é certo que a día de hoxe con este auxe está a difuminarse un pouco a centralización nestes espazos da música urbana. Agora está surxindo REM en Santiago e Doppler ou Mondo en Vigo.
A realidade do xénero, en loita co estigma
Cres que as institucións galegas axudan o suficiente a eventos deste tipo de música?
En absoluto. Sempre poñen moitísimas pegas en calquera clase de evento deste tipo e, por desgracia, moitos rematan cunha cancelación a último momento pese a levar todas as cousas en táboa e ben feitas.
Con que estigmas cres que segue a loitar este tipo de música por moi coñecida que sexa a día de hoxe?
Séguese a loitar contra o estigma dun xénero que xorde co rap na rúa. Isto implica sobre todo o tema das sustancias, situacións controversiais dos artistas que non especifico pero a xente que as saiba identifica do que falo… Créase esa imaxe sobre certos perfís e xeralízase cando non debería ser así. Por sorte, a vida vai evolucionando e xa non se relaciona tanto coa vida nas rúas e demáis asuntos, grazas en parte ás redes sociais que achegaron todo este mundo ao público.
Grazas a testemuñas coma a de Mario podemos ser máis conscientes de dous puntos importantes con respecto ao panorama musical actual: o primeiro é que acadar un alto posto na escea require de moita loita persoal e, por último, que os gustos que unen á sociedade na contorna musical mudan cada día máis.
Martín Domínguez
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela











