A primeira marcha contra o cancro da cidade olívica contou con probas de 10 e 5 quilómetros e unha andaina

“Eu quero dicirlle dende aquí, a toda España, que se poñan en marcha contra o cancro; mais non só hoxe, senón todos os días do ano”, con esta frase inauguraba o alcalde da cidade de Vigo, Abel Caballero, a primeira marcha contra o cancro da cidade o pasado 18 de outubro. 3.268 persoas congregáronse fronte á sede da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) en Vigo, situada na rúa Venezuela, para amosar o seu apoio e colaborar nesta causa.
Pouco despois das 09:00 da mañá, a xente comezaba a facer fila diante da sede da AECC en Vigo para recoller os dorsais e as camisetas coas que participarían nas probas desta xornada. Pouco a pouco, prendas verdes foron enchendo a rúa entre quentamentos e fotografías conmemorativas ata que, ás 09:30, os encargados da organización presentaron a uns invitados moi especiais: o superheroe Spider–Man e a Legión 501, a asociación que, cun chisco á saga de películas La guerra de las galaxias, apoian a diversas causas. Todo foron risas, fotos, apertas e conversacións ata que lle chegou a hora ao alcalde da cidade olívica de dar o seu discurso, precedido polas palabras da presidenta provincial da AECC en Pontevedra, Ana García, e do presidente da delegación da asociación en Vigo, Martín Lázaro. Caballero non dubidou en afirmar: “Viva a Asociación Española Contra el Cáncer, porque sodes imprescindibles” e, por suposto, agradecer a colaboración de todos os presentes.

A primeira proba do día comezou ás 10.00 cando os participantes na carreira de 10 quilómetros saíron en dirección á rúa Pizarro entre aplausos e gritos de ánimo. Os corredores percorreron a Travesía de Vigo e a Vía Norte ata chegar á rúa de Urzaiz, Príncipe e á Porta do Sol. O trazado continuou pola rúa Elduayen, o Paseo de Alfonso XII, Falperra e Cachamuíña para percorrer a Ronda de Don Bosco e subir a rúa de Enrique Blein Budiño para chegar ao punto de partida e finalizar a primeira volta desta proba.
Soamente pasaban 24 minutos e 56 segundos do inicio da proba cando Mario Rodríguez pasou pola meta por segunda vez, converténdose no gañador desta categoría. “É un pracer que tanta xente se una a esta causa”, asegurou o gañador unha vez rematada a proba, que amosaba unha grande alegría malia a súa fatiga. Mario tamén afirmou que “gañar é o de menos, isto é por unha causa e que haxa tanta xente aquí xa é unha vitoria para min”, resaltando así a grande importancia deste evento. Por outra banda, Ella Martín e Rebeca Perea encabezaron a clasificación feminina ao cruzar a meta collidas da man e parar o cronómetro aos 29 minutos. “Á metade da carreira decidimos que iamos a chegar xuntas, é o que máis sentido tiña”, comentou Ella unha vez recuperada do esforzo final.

Ademais dos máis de 3.000 participantes, na rúa xuntáronse centos de persoas que, entre apertas, aplausos e gritos de apoio, non deixaron que ningún corredor chegase á meta sen sentirse arroupado por eles.
Posteriormente, ás 11:30, comezou a proba de cinco quilómetros, á que seguiu a andaina. Estes dous eventos permitiron que moitas máis persoas, con diferentes preparacións físicas, tamén puidesen participar na primeira edición da marcha contra o cancro en Vigo.
Unha vez rematadas todas as probas, procedeuse á entrega de premios. Todos os gañadores tiñan algo en común: a alegría de ter formado parte desta iniciativa que foi todo un éxito. Pero, sen dúbida, o gran éxito da xornada foi o posto de “merchandising” da AECC, sempre con decenas de persoas ao redor desexosas de aportar o que puidesen para a investigación desta enfermidade.
Tras a grande acollida desta iniciativa, non hai dúbida de que o vindeiro ano a Asociación Española Contra el Cáncer en Vigo organizará unha segunda edición desta marcha para continuar investigando e apoiando ás persoas que padecen esta enfermidade.
Marta López Castro
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta