Entrevista ao verinense Paco Dasairas: “Ás veces é bonito pechar os ollos e soñar”

Dende as vidreiras da imprenta Dasairas, na praza García Barbón, leva observando o día a día da vila de Verín dende hai case cincuenta anos.

Verín

Paco Dasairas ás portas da súa imprenta. | Cristina Martínez

Un día de inverno de 2022 entrei por primeira vez na imprenta Dasairas, que sempre me parecera un local curioso, cercano e clásico. Só quería un diccionario de italiano, pero acabei atopando un libro que me fora imposible atopar en calquera outra libraría e un señor que mo recomendaba moi encarecidamente. Entusiasmada, merquei o libro e ao saír contáballe por chamada a unha amiga que o señor que mo vendera, Dasairas, parecía que tiña moito que contar. Ela confirmábamo: xa o coñecía ben e de vez en cando deixábase caer por alí coa excusa de mercar un libro só para ver se el lle contaba algunha das súas historias. Dende entón leva na miña axenda a tarefa pendende de facerlle unha entrevista.

Nós coñecímonos hai apenas 5 anos, pero canto leva detrás destre mostrador?

Meus pais, Luis e Milagros, abriron a imprenta no ano 1951. Daquela, cando era mozo, tiña idea de seguir estudando, pero cando faleceu meu pai seguín co negocio, dalí polo 1971. Agora teño 69 anos, e durante este tempo fomos mudando dende o traballo tipográfico ao dixital. O certo é que me causa nostalxia… A día de hoxe todo é diferente do que tiñamos antes. Eu aprendín das imprentas vellas, que foron as que me puxeron os dentes longos. Aquelo eran artes gráficas de verdade, compoñendo letras unha a unha, á medida. O funcionamento era manual e complexo, pero foi a base do adianto de hoxe.

Como foi esa viaxe do analóxico ao dixital dentro da súa imprenta?


Nas vilas os cambios chegaban máis lentos. Pasamos de facer carteis en tipografía, con diferentes cores que había que ir lavando, cambiando as pezas unha a unha… Era un procedemento cunha máquina inmesa para todo, pero moi minucioso. Cando empezaron os programas informáticos compramos un ordenador e un laboratorio. A día de hoxe xa vén todo feito. Esa transformación foi moi interesante para nós, queiras ou non simplifica moito o traballo.

A imprenta máis antiga que garda Dasairas na súa trastenda aínda funciona. | Cristina Martínez

Chega a primeira “interrupción da entrevista”, coa que xa contaba cando Dasairas me convidou a facer o encontro na propia imprenta, aberta como de costume. Non me molesta, penso que pode ser algo enriquecedor. Un señor con boina e caxato achégase ao mostrador e insiste en que ha de traerlle a Paco uns botes de conserva de tomate para devolverlle un favor, cun sorriso na cara. Ocúrreseme unha pregunta improvisada

Porque este é un negocio “de toda a vida”, verdade? Polo que vexo aquí, os clientes son habituais e chámalles polo nome. Hoxe en día iso é algo difícil de atopar. Perxudicou moito ao pequeno negocio de Verín a chegada dos centros comerciais ou das compras online?


Ao de Verín e ao de todas as vilas. A nós aféctanos porque desgraciadamente venden tablets con miles de libros dentro. Porque cada vez é máis a xente que le o xornal en dixital. Vámonos manteñendo coa xente á que lle gusta ler en papel e coa inquietude de escritores, xornalistas e curiosos. Pero no eido das vilas todo vai a menos. Os centros comerciais foron unha desgraza para nós. Verín tiña unha riqueza grandísima de comercio. Sendo eu rapaz, a rúa maior estaba toda chea de negocios. Cando a carretera aínda era de terra xa estaban o Hotel Aurora, as fondas, o asilo… era outra historia.

Un anaco de todos os libros que se poden atopar no local, sempre rodeados de almanaques, pósters e outros recordos.  | Cristina Martínez 


Ademais, o seu local está nun punto estratéxico, a praza García Barbón, o centro neurálxico da vila e se cadra da comarca.

O comercio facíase aquí na praza, en cada porta había un negocio. Estaban todas as profesións primarias, os fontaneiros, os ferreiros, tendas de alimentación boas… Mesmo había praza de abastos e campo da feira. Pero isto non era só en Verín, tamén nas diferentes aldeas da comarca. Viña xente de todos os lugares a vender, non coma o que hai hoxe. Pero Verín sufriu unha influencia de regreso, moitas veces por parte de xente que non querían que progresara.

O certo é que o Verín que agora atopamos é ben diferente do que vostede me conta. Cada vez son máis as tendas que pechan, a xente que marcha… A que se debeu, entón, esta influencia de regreso?


Verín quedou castigada pola política da provincia de Ourense. O que se fixo en Arnoia, en Cortegada, en Viana… Mesmo Chaves (Portugal) superou a Verín porque os políticos foron á industria e ao campo, axudando a que todo crecera. Verín caeu en certa decadencia debido a que cada un tira por un lado. E non é cousa do tren… Tivo baixóns como outras vilas de Ourense, como o Barco coa crise da lousa ou Ribadavia, moi bonita pero sen vida. Eu penso que os concellos deberían ter un gabinete de mentes ilustres, de xente nova que poida aportar as súas ideas, xermolar aquilo que poida ser interesante. Que nos gobernen doutra maneira e que se preocupen de que as cousas anden mellor e non só de cobrar. Temos unha cantidade de xente fóra boísima porque aquí non hai nada para poder desenvolver o talento. Crear un ADN propio de Monterrei e non só vir aquí polo Entroido, que houbese algo que realmente nos identificase e que dinamizase as cousas. Aínda non é tarde.

Ás veces é difícil pensar en como se chega a certos puntos, supoño. Verín tamén tivo moita riqueza grazas a ser vila termal. Que pasou con isto?


Na época das augas a riqueza que tiña Verín era enorme. No verán estaba a tope, os agüistas eran señoritos que viñan e daban moita vida. Fontenova, Sousas, Cabreiroá, Caldeliñas… Foi un mundo que se perdeu, pero foi moi bonito. Agora ninguén tira por iso. Si que é certo que Cabreiroá ten unha planta embotelladora que dá máis de 300 postos de traballo, pero falta a outra parte: non se lle saca ningún uso ao edificio do hotel, que tivo que ser a a leche nos seus tempos, con vaixela de luxo, sabas de liño… Un mundo, como cando ves unha película de época. Ás veces é bonito pechar os ollos e soñar.

Entra unha muller e pousa sobre o mostrador La Voz de Galicia. Ao preguntar canto custa, bromea con que, coas malas noticias que trae, podía ser gratis. É unha das moitas persoas que esa mañá pasaron a recoller o xornal, todas de idade avanzada.

Moita xente descoñece o gran pasado do xornalismo local que tivo a comarca e a gran conciencia política que fervía nos xornais de máis renome. Logo, todo isto perdeurse coa chegada da guerra civil española.

A comarca de Monterrei foi a que máis riqueza cultural aportou á provincia de Ourense. A primeira imprenta de Galicia estivo no Castelo de Monterrei. No libro que escribiu meu irmán, As Crónicas Rexiomontanas, hai unha reseña moi grando do que foi a prensa. Debeu de haber como oito ou nove xornais en activo naquela época. Eran xornais moi interesantes e con xente que escribía con moita formación. Aquí ao lado, onde está a tenda de xoguetes Kuki, estaba a imprenta de don Lino García Vázquez, fundador do xornal El Támega e fusilado en 1937. Botáronse encima del porque o que saía no seu xornal non querían que se soubese.

Aquí se gardan os tipos móbiles das imprentas, moitos deles pertencían a don Lino. | Cristina Martínez

Verín foi unha zona moi represaliada. Juan Manuel Prada xa falaba no seu libro, Ourense 1936-1939, da cantidade de cadáveres non identificados que se atopaban na carretera de Oímbra. Igual para moitos iso queda lonxe, pero dentro da historia hoxe débense coñecer as cousas. E cousas deste estilo quedaban plasmadas neses xornais. Desaparecían uns e aparecían outros, pero co alzamento nacional fastidiouse todo.

Cando meu irmán sacou Verín baixo o franquismo e unha señorita na misa se lle quedara mirando estraño, acórdome que miña nai colleu e díxolle “se vostede cre que o que pón no libro non é verdade, vaian ao xulgado”. Non procede sementar o odio, senón que o que pasou sexa unha cousa de vida, normal, e que se poida contar.

E tamén se nota un certo cambio no sentido comunitario das vilas. Cada vez é máis difícil xuntar á xente, sexa para o que sexa. Sinte que Verín mudou moito neste aspecto?


Sinto que na xente da miña xeración había máis solidariedade. Agora estades todos fóra, estudando ou traballando. E os sistemas que se crearon a nivel laboral non axudan a nada. Por exemplo, xa se empezan a ver nas viñas modernas as máquinas vendimando e todo isto repercute no que repercute. Hoxe casi non atopas a ninguén nin para unha matanza, cando antes ías dun sitio para outro axudando e todos comían xuntos sen deber nada a ninguén. Pero a xente vai desaparecendo, vaise vendendo todo aos grandes capitais… Que falte xente, en todos os sentidos, non axuda a facer pobo.

Falamos moito do pasado, pero como cre que vén o futuro?


O futuro de Verín véxoo lento. Non hai preocupación pola xente que ten capacidade para mandar en atallar con algo que é factible, nin por conseguir un lugar para aqueles que queiran quedar. Aínda que sexa “a carioca que leva o rabo na boca”, témonos que adaptar aos novos tempos, pero tentando manter o bo que tiñamos antes. Hai que empuxar para parar un pouco esta carreira á présa.

Cristina Martínez Lorenzo

Estudante de cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

Comentarios

Unha resposta a «Entrevista ao verinense Paco Dasairas: “Ás veces é bonito pechar os ollos e soñar”»

  1. Avatar de EVARISTO MARTINEZ
    EVARISTO MARTINEZ

    Me ha gustado mucho porque aunque no me crie en Verin , veo que cada vez más esta villa se va hundiendo y ya no ofece ningún futuro para la juventud.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *