O día grande das San Lucas de Mondoñedo: festa, cabalos e tradición 

Un domingo moi esperado para a veciñanza mindoniense, pero tamén para curiosos que se achegan dende diferentes puntos da xeografía

Mondoñedo

Coa súa orixe en 1156, as festas de San Lucas seguen atraendo a milleiros de visitantes. Unha feira de gando declarada festa de interese turístico de Galicia que conserva as súas profundas raíces rurais e que ten como eixos principais a admiración profunda aos cabalos, a defensa da identidade local e a preservación do legado dunha das vilas máis especiais de Galicia, que conta con apenas 3.000 habitantes.

Un cartel das festas, por Xosé Vizoso, na Praza da Catedral. | Cristina Martínez.

O domingo, día grande dunhas festas que se estenderon nesta edición durante 10 días, comezou cos cabalos xa no campo da Feira. Alí estaban dende a súa baixada do monte e paso pola catedral de Mondoñedo que ten lugar a tarde anterior, agardando a celebrar a gran feira tradicional de gando cabalar dende as oito da mañá ata a sesión vermú. 

Os gandeiros coidan dos seus cabalos durante a feira. | Cristina Martínez

Ás once tivo lugar a misa no Santuario dos Remedios en honra a san Lucas, ao carón da feira. O pasarrúas desta vez estivo ao cargo do Grupo de Gaitas SOUTO XIMARO, acompañando aos icónicos cabezudos e aos Sanluqueiros e Sanluqueiras, mozos da vila orgullosos de representar a tradición local cos seus traxes de galegos. 

Pronto tiveron que subir ao palco os Sanluqueiros para facer a entrega de premios ás mellores reses e aos gandeiros participantes nas distintas categorías. Acompañábannos o director das festas, Miguel Paz, o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero; e outras personalidades como o alcalde de Ferrol ou o bispo da catedral mindoniense. Mesturáronse moitas xeracións entre o público, pero tamén entre os participantes: moitos dos gandeiros, coa súa tradicional vara de pau, son nenas e nenos entusiasmados por seguir coas costumes e co respecto ao gando que os seus maiores lle ensinaron.

As novas xeracións tamén están interesadas na gandeiría.| Cristina Martínez

Tamén estivo presente na xornada a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Recoñece a importancia desta festividade para o medio rural galego: “é esencial, os gandeiros e gandeiras son quen manteñen vivo o medio rural, quen producen os alimentos de gran calidade que temos en Galicia e sen eles non habería ningún espectáculo como o que estamos a vivir”. 

Aproveitouse o acto para proxectar un vídeo homenaxe ao falecido Luciano García, símbolo destas históricas festas que cumpren 870 anos de tradición. No escenario, a súa familia máis achegada vivía o momento con emoción, especialmente o seu fillo, amplamente recoñecido e querido entre o público e a veciñanza. A cita tamén rendiu homenaxe ao célebre ilustrador galego Xosé Vizoso, encargado ata a súa morte o ano pasado de deseñar os carteis das San Lucas: o municipio adicoulle unha rúa nas inmediacións da Praza da Fonte Vella para que a partir de agora teña sempre un lugar en Mondoñedo. 

Á tarde tiveron lugar so concursos de andadura galega e unha das citas máis esperadas: a actuación musical de Abraham Cupeiro na catedral, con pase ás 17:00 e ás 19:30. No seu repertorio, o artista incluíu pezas novas compostas para a ocasión, coa inspiración na obra do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro. Para os que preferisen outro tipo de música, podían subir a bailar á alameda coas orquestas Salsarena, Principal e o grupo D´Kriss. 

Os cabalos á altura da Fonte Vella e a casa de Álvaro Cunqueiro. | Cristina Martínez

Mentres, os cabalos preparábanse para a súa espectacular subida ao monte: foron a galope polas rúas empedradas da vila baixo a expectación de miles de persoas, recorrendo lugares emblemáticos como o campo dos Paxariños, a Praza da Fonte Vella e o barrio dos Muíños. Durante todo o ano, os cabalos viven en liberdade nos montes que rodean Mondoñedo. Ademais de para as San Lucas en outubro, só baixan á vila unha vez máis ao ano, para a rapa das bestas. O que se sinte ao ver todos os cabalos é, segundo os mindonienses, “unha emoción ao ver tantos, e ao ver como os dominan, eu quedo sorprendido coa cantidade deles” e “orgullo, tradición, sentimento e pertenza” que “hai que vivir en primeira persoa”. 

A catedral de Mondoñedo como telón de fondo do espectáculo de doma nocturna. | Cristina Martínez

O día grande culminou co espectáculo de doma nocturna na Praza da catedral, da man de Lola Elías, Javier Simón e Kevin Ferreira. Combinando as piruetas ecuestres con luces, música e un entorno inmellorable, o público multitudinario puido desfrutar un ano máis dun día de festa que, para os máis animados, aínda continuaba coa verbena. 

Cristina Martínez Lorenzo

Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *