Pablo Mariño, libreiro de Pastoriza: “Somos un pouco como o Guadiana: aparecemos e desaparecemos”

O comerciante e poeta, implicado durante décadas na vida asociativa da parroquia arteixá, reivindica a súa memoria e advirte de que o crecemento da poboación non sempre se traduce en máis vida en común

Pablo Mariño pousando fronte ao escaparate da libraría que rexenta en Pastoriza | Pablo Añón

Unha mercería, unha peixaría e unha floraría. Cando desapareceron nos últimos anos de Pastoriza, en Arteixo, non só se perderon tres comercios, senón tamén tres lugares nos que cruzarse, preguntar por alguén ou quedar falando cinco minutos. Pablo Mariño (52 anos) leva case medio século vendo cambiar esta parroquia, que medrou á sombra da Coruña, a menos de sete quilómetros de distancia. Coñece as festas que xa non se celebran, as asociacións que apareceron e desapareceron e os esforzos necesarios para que outras iniciativas boten raíces. Implicouse no movemento veciñal, no fútbol e na organización de actividades culturais dende a súa adolescencia; escribe poesía e, dende o ano 2023, comparte con Paula o día a día da libraría Hipatía. Dende ese mostrador observa unha contradición: hai máis habitantes ca nunca, pero cada vez menos lugares onde facer vida en común. E, malia todo, négase a dar por perdido o pobo que coñece.

Como lle describiría Pastoriza a alguén que nunca estivo aquí?

Hoxe en día é un pobo máis do cinto da Coruña, un pobo dormitorio. Eu teño 52 anos e levo aquí desde os cinco. Cando cheguei, Pastoriza era un pobo pequeno, preto da Coruña, pero sempre foi un lugar con moita historia. Temos un castro, unha igrexa que conserva unha parte románica, a romaría de San Miguel… Cando cheguei eramos arredor de 1.900 veciños; agora pasamos dos 6.000. En corenta anos triplicouse a poboación. É moi difícil que a xente que estaba aquí transmitise todo o que había, pero segue estando. Pastoriza sempre foi un pouco a parroquia rebelde de Arteixo. Iamos por libre. Nos oitenta chegamos a facer algunhas das mellores festas da contorna, como a Romaría Galega, na que participaron dende Amancio Prada ou Ana Kiro ata Fuxan os Ventos.

Eu compáranos co Guadiana, porque imos a impulsos. Facemos cousas importantes, pero falta constancia para mantelas no tempo. A asociación de veciños foi moi importante nos anos noventa e desapareceu. [A Asociación Veciñal, xa desaparecida] O Grilo organizou debates cos políticos de Arteixo, concursos e moitas actividades. Houbo épocas nas que Pastoriza estaba no mapa e despois viñeron anos máis parados. Somos un pouco como o Guadiana: aparecemos e desaparecemos. Pero sempre estamos aí. Cando a xente se xunta, fanse cousas boas e grandes.

“Medrou o número de veciños, pero tamén a sensación de que se perde a identidade do lugar…”.

Falta un labor pedagóxico. A sociedade é máis individualista, máis rápida, máis egoísta incluso, froito do devir da economía actual. E ese labor social cústanos facela. A xente que chega trae as súas cousas, a súa cultura, e iso tamén nos pode facer evolucionar e mellorar, pero sen perder o que eramos. Non sei ata que punto hai conciencia do que foi Pastoriza. Temos unha historia enorme —Porlier organizou o seu pronunciamento dende o Pazo de Villariza [en 1815, contra o réxime absolutista de Fernando VII e en apoio da Constitución de 1812] e Emilia Pardo Bazán escribiu La leyenda de la Pastoriza, por exemplo— e moitas veces non conseguimos facela chegar á veciñanza.

Como se lle pode transmitir esa memoria á xente máis nova?
Eu empezaría polos centros educativos. Temos tres en Pastoriza e aí hai un piar fundamental. Hai que implicar os docentes, o instituto, o club de fútbol, as asociacións. Organizar charlas, actividades, intercambios de coñecemento. Hai un documental, Pastoriza na lembranza, que podería verse no instituto. Moitos rapaces descubrirían que aparecen os seus avós ou familiares. E tamén hai que escoitalos. Por que non lles preguntamos que lles gustaría atopar nas festas? Igual che piden unha batalla de rap, un torneo de FIFA ou un artista que nós nin coñecemos. Se á xente nova lle dás algo que lle interesa, implícase. O importante é que se sinta parte da vila.

Que se intentou conservar con ese documental?
Recuperar a memoria antes de que desapareza. Fixemos un concurso para recoller fotografías antigas e había veciños con auténticos arquivos de documentación audiovisual. O documental quería poñer en valor o que foi Pastoriza nos últimos corenta ou cincuenta anos: o deporte, a cultura, as festas, o movemento veciñal. É un fío condutor entre o que se facía e o que se pode seguir facendo. Cada vez é máis difícil manter esa memoria, porque a xente vai morrendo e, se non queda recollido, pérdese. Un audiovisual pode chegar a persoas ás que doutro xeito non chegarías.

En 2023, vostede e a súa compañeira, Paula Corral, decidiron coller o relevo da antiga libraría Pili, hoxe Hipatía. Que os levou a facelo?
Para nós era un símbolo. Pili levaba aquí 28 anos e xa había libraría desde principios dos oitenta. Decidimos mantela por tres cousas: conservar o tecido comercial, ter unha opción de traballo ao lado da casa e darlle un pouco máis de vida a isto. Cada negocio que pecha en Pastoriza é como unha punzada; non de morte, pero si de enfermidade. Sabemos que é un pouco a loita de David contra Goliat, porque temos moitos servizos, como o Marineda City a cinco minutos en coche. Pero o pequeno comercio mantén unha estrutura de veciñanza, de confianza e de servizos. Consideramos que é importante non perdelo.

Que perdeu Pastoriza nos últimos anos?
Perdemos a mercería, a peixaría, a floraría… Ata bares! Chegamos a contar dezasete bares en Pastoriza e agora creo que quedan sete ou oito activos. E iso que temos máis xente ca nunca. Unha mercería pode parecer algo pequeno, pero para moita xente maior que non pode desprazarse era un servizo importante. Podes ter de todo a cinco minutos en coche, si, pero iso non é o mesmo que telo no teu pobo. Cando desaparecen estes negocios, desaparece tamén parte da relación diaria entre os veciños.

Que descubriron sobre a vida veciñal detrás do mostrador?
Ves que hai pequenas necesidades nas que podes axudar. Facemos fotocopias, escaneamos documentos, plastificamos, encadernamos, temos paquetería… E, sobre todo, axudamos á xente maior coas xestións telemáticas: pedir unha cita, mandar un documento á Administración. A xente agradéceo moito. Pero ás veces tes a sensación de ser unha oenegué. Podes pasar dez ou quince minutos axudando a alguén e, mentres tanto, non estás atendendo outra actividade da libraría. Entras nese conflito entre axudar a un veciño e sacar adiante un negocio, porque nós vivimos disto. Estamos valorando cobrar por algúns servizos, como se fai noutros sitios.

Tres anos despois, que balance fan da libraría?
Sobre todo, de supervivencia. Esta última campaña escolar foi a peor en vendas. Notamos moita compravenda de libros de segunda man, por plataformas como Wallapop. Ás veces vén xente recoller aquí paquetes con libros que comprou por esas plataformas. É unha sensación estraña, porque nós vivimos de vender libros. Tamén notamos que a xente vai máis apertada cos cartos. A vivenda, a alimentación e os gastos do día a día condicionan moito as compras. Calculamos unha baixada da facturación de arredor do 30 % con respecto a outros anos. Para unha persoa podería ser un negocio rendible; para dúas estamos nunha situación de subsistencia. Temos que buscar a maneira de facelo viable para non pechar.

Ademais do pulo ao comercio, que precisaría Pastoriza por parte da Administración máis próxima como é o Concello?Descentralizar as actividades. Se o Concello programa trinta actividades culturais e vinte e oito se fan no centro cívico de Arteixo, por que non traer dúas ou tres a Pastoriza ou a Meicende? Un monólogo pequeno, unha actuación musical, un contacontos… Temos dous centros cívicos e biblioteca, pero hai espazos infrautilizados. Non todo ten que pasar no centro de Arteixo. Se fas actividades nas parroquias, xeras vida e seguramente tamén máis demanda. Ás veces son cousas tan sinxelas como organizar un contacontos para bebés aquí, onde temos unha escola infantil. Escoitar, escoitan; outra cousa é que despois se faga caso.

Vostede foi o impulsor do festival Pasto Rock durante as festas patronais de agosto, que xa cumpriu a súa terceira edición… Como xurdiu?
No 2023 non houbo festas e había que pensar como reactivar aquilo. Xa nos pasara outras veces: no 2007 inventamos o da boina e, cando San Miguel estaba parado, recuperamos a idea dos callos. En 2024 pensamos en facer algo diferente á verbena de sempre. A min gústame o rock e hai grupos locais que necesitan visibilidade. O Pasto Rock empezou por aí, pero tamén lle demos cabida ao folk e ao humor. Este terceiro ano foi o da consolidación. Veu xente de fóra, houbo grupos que xa nos preguntaban como podían tocar e acabamos con todo o que tiñamos. O importante é que conecta a xente nova e maior. A base xa está creada e pódese manter no tempo, con máis ou menos medios.

Tamén estivo moi vencellado ao fútbol. Que papel ten o club na parroquia?
É un elemento fundamental de dinamización. O club ten arredor de 300 fichas entre rapaces e rapazas, tamén equipos femininos de múltiples categorías, e nos campamentos de verán movemos case cen nenos e nenas. Eu fun adestrador ata 2023 e agora colaboro organizando eses campamentos. O novo campo de fútbol forma parte dun centro deportivo que ten salas e que podería servir tamén para actividades culturais ou concertos. O fútbol pode ser o punto de partida para facer moitas outras cousas.

Ademais de toda esta implicación veciñal, é poeta. Publicou O arrecendo das noites de vísperas e Nocturnia 46. No proemio do último, Henrique Rabuñal escribe: “Mergullados na memoria, dinos Pablo, somos quen de sobrevivir amando e sendo amados” e fala da “escrita coma terapia contra a derrota e a desesperanza”. Que lugar ocupa a poesía na súa vida? É unha maneira de expresar as súas inquedanzas, de refuxiarse?

Eu sempre digo que era un rapaz moi tímido. Cando tiña catorce anos, no instituto, custábame moito a comunicación verbal. Comecei a escribir as cousas que me pasaban pola cabeza, as miñas inquedanzas, aquilo que quería expresar e non sabía dicir. Despois veu a poesía. Henrique Rabuñal foi profesor meu de Literatura Galega e influíu moito en min. Gustábame o que nos ensinaba e, co tempo, fun coñecendo a outros escritores. Pero, cando me vexo entre eles, por dentro segue saíndo aquel rapaz tímido: “Que fago eu aquí? Son un impostor neste mundo da poesía e da literatura”. Rabuñal é metódico, traballador; eu son máis Guadiana, vou a impulsos. Ás veces teño esa sensación de impostor, pero gústame dicir que son poeta.

Pode sentirse poeta de verdade. Agora vai formar parte do proxecto no que o músico Sindo Otero musicaliza poemas de oito escritores de Arteixo. Que significa para vostede este recoñecemento e compartir espazo con poetas como Dora Vázquez ou Miguel Sande?
Un orgullo. A min cústame verme ao lado de xente como esta. Para min son referentes. É coma se xogases ao fútbol en Terceira Rexional e de súpeto te chamasen para xogar no Deportivo, en Riazor, diante de trinta mil persoas. Ti vas, claro, pero pensas: “Que fago eu aquí?”. Ás veces infravalórome. Pero cando me dixeron que querían incluír un poema meu, encantadísimo. A versión musical do meu vaina facer o propio Sindo e iso faime moita ilusión, pero non che podo contar máis.

Volvendo á parroquia… De todo o que viviu, hai algún momento que non esqueza?
En 1997 entramos na directiva do club de fútbol endebedado, cun campo embargado e unha  débeda que equivalía practicamente a todo o orzamento. Pensamos en dimitir, pero decidimos tirar para diante e conseguimos pagala. Despois logramos ascender de categoría. Celebrámolo polo pobo, con música, con xente subida aos coches… E ás doce da noite fixemos baixar o cura e o sancristán para tocar as campás da igrexa. É un detalle que algún día escribirei nun libro. “Eu estaba a noite que soaron as campás”, aínda me lembra xente. Foi o 13 de xullo de 1997.

Despois de tantos anos implicado e malia o panorama, aínda o vexo confiando no futuro de Pastoriza…
A xente está cansa, esgotada, e ás veces sinto que teño que botar un pouco o freo de man. Pero sigo crendo que Pastoriza ten moita potencialidade: cultural, deportiva, patrimonial, relixiosa… Gustaríame seguir nese camiño e ver como todo iso se pon en valor. Hai que traballalo, porque non vai vir só. Que siga correndo a auga do Guadiana, aínda que ás veces se agoche baixo terra. Que se sigan facendo pequenas cousas, na festa, no deporte, na cultura, no que sexa. O importante é que Pastoriza siga viva. Porque, no momento en que morra, vai ser moi difícil levantala.

Pablo Añón Cousillas

Estudante do cuarto do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *