Etiqueta: Sarreaus

  • Oktoberfest paradiñá: a excusa para poder xuntarse despois do verán e antes do magosto 

    Oktoberfest paradiñá: a excusa para poder xuntarse despois do verán e antes do magosto 

    Co obxectivo de facer xuntanza, a aldea de Paradiña reúnese no seu local social para crear unha nova tradición

    Mesa da Oktoberfest no comezo da festa | Carolina Pérez

    A historia comeza coma sempre. Todos xuntos no local social do pobo (O Chiringuito) coa intención de crear outra festa para xuntarse. Unha situación que se repite máis do habitual na aldea. Polo que me contaron, a cuestión foi que algúns propuxeron instaurar un novo concepto en Paradiña.  

    A fin de semana anterior á ponte do 12 de outubro, tomando o vermú coma sempre o domingo; uns poucos comenzaron a falar daquilo da Oktoberfest. Esta festa alemá, que se realiza ca chegada do outono e na que se bebe cervexa e se comen salchichas, era perfecta para ter una excusa para facer xuntanza antes da chegada do magosto. Por iso, se decidiu facer unha vesión paradiñá desa tradición da Alemaña que moitos (que non moitas) visitaran, noutras circunstancias, claro está.  

    Paradiña é unha aldea pequena da provincia de Ourense. Na comarca da Limia, escóndese unha parada pequena durante o camiño cara Compostela. Cun pozo e un cruceiro, comezouse a crear – alá por antaño – un núcleo de poboación pequeno pero con moito que contar. Dende pequena, paso tódolos meus veráns e vacacións de inverno na casa do avós. Esta ponte foi a excusa perfecta para achegarme e desfrutar do que se estaba cocendo na miña aldea. Saber, non sabía o que estaba preparado, pero seguro tiña que algo había.  

    Tanto había que xa nada máis chegar, a miña prima Pati sorprendéume dicindo que había que ir á compra. Nós, as encargadas normalmente de facer esta tarefa neste tipo de xuntanzas, fomos a mañá do dez de outubro a conseguir todo o necesario para a Oktoberfest. Ao chegarmos, descargamos toda a mercancía no Chiringuito cunha sensación de melancolía e ilusión: o verán xa rematara e había moito tempo que non estabamos todos xuntos.  

    Ás seis e media da tarde, outros poucos – os que non viñeran con nós á compra – chegaron ao local social para organizar o que alí quedaba por facer. Cunha pequena decoración, comezaron a iso das sete a cociñar. Despois, ordearon todo e puxeron a mesa para dar por comezada a festa.  

    Oito en punto, coa puntualidade inglesa que tanto nos define en casos coma este, empezou a aparecer a xente no Chiringuito. Eu, que fun unha das inglesas, vin como se respiraban ganas de xuntanza, había unha atmosfera que inspiraba familia, unión e vínculo. Ao final, diso vai facer festas coma estas.  

    Ás oito e media, comezou a charanga Paradiña. Dentro da aldea temos moitos músicos. Entre os que tocan a gaita, o tambor, a pandereita, o violín e os que bailan pensouse sacar potencial a esa coincidencia de artistas. En consecuencia, de hai uns anos para aquí, creouse esta especie de orquesta que toca sempre que estamos todos xuntos. Esta vez, despois dun mes sen reunirnos todos coma sempre, non ía ser menos de que a banda nos deleitase con algunhas das súas composicións. Así, con pezas propias do cancioneiro popular, bailamos e rimos ao ritmo da música galega que nos define.  

    Rematada a sesión, seguiuse ca festa. Todo o que alí estaba preparado coméuse nun suspiro, para así chegar ao momento da noite. Ben entrada, púxeronse as cancións de sempre (Cariñito ou Alto prohibido pasar) e bailóuse ata que non se puido máis, pero non todos: outros decidiron compartir as súas anécdotas cos seus amigos de sempre.  

    resto que sucedeu xa é historia. Bebéuse, ríuse, coméuse, cantóuse… Realizáronse tódalas accións que se fan nunha festa pero con algo especial. Os que alí estaban sentían pertenza ao que estaba a acontecer. Paradiña é unha aldea de migrantes. Ata onde eu coñezo, os anos sesenta e setenta foron tempos de escaseza en Galicia. Iso fixo que moitos marcharan buscando un futuro mellor a outros territorios de España e Europa máis desenvolvidos nesa concepción.  

    En consecuencia, emigrados a Cataluña, País Vasco, Asturias, a propia Alemaña ou Francia; incluso cara fora de Ourense coma Vigo ou A Coruña, todos os que vamos a Paradiña imos por iso, porque alí nos sentimos comprendidos, sentimos vínculo, capacidade de entendemento. Sen querelo, estamos a facer un exercicio de terapia. Marchar do lugar que che viu medrar non sempre é sinxelo, sobre todo se non o fas por decisión propia e non das circunstancias. Así pois, Paradiña é eso, un lugar no que sentirse en familia, de sentir casa despois de levar anos e anos fóra dela. A Oktoberfest non é máis, como diciamos ao principio, unha excusa para xuntarse: para sentir iso.  

    Perspectiva do local social (“O Chiringuito”) durante a festa | Carolina Pérez.  

    Carolina Pérez

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela