Etiqueta: O Grove

  • A última ringleira de marisco baixo as carpas do Grove

    A última ringleira de marisco baixo as carpas do Grove

    Galería de fotografías. | Bianca Basediós

    A Festa do Marisco despídese con multitude de visitantes e grandes colas para probar os manxares da ría de Arousa

    Mexillóns, ostras, navallas, nécoras e polbo á feira. O guión do derradeiro sábado da Festa do Marisco no Grove repítese un ano máis cunha multitude de mariscos á carta para escoller e xente dabondo para xantar entre música, troula, gaitas e cabezudos. Aquí non hai misterios; o que manda é o sabor dun bo produto das Rías Baixas e o bulicio do recinto onde hai que armarse de paciencia para facerse cun oco nas mesas e poder gozar da festa.

    O sistema para xantar xa o coñece todo o mundo na comarca e fóra dela: achegarse ás casetas centrais, pagar os tiques e recoller o que apeteza, cun menú que este ano partía dos 5,50 euros para os pratos máis sinxelos. Para baixar a comida ou calmar a sede mentres se agarda, non faltaban os refrescos, a cervexa ou os viños da terra coma o godello e o albariño, nin tampouco o remate doce con filloas, bicas e tartas de Santiago. Iso si, as ringleiras máis longas formáronse nos postos dos mexillóns ao vapor e das navallas. Mais noutros casos, a recompensa vén en forma de recordo para gardar na casa: as cuncas de barro dos fideos con marisco e as tapas de polbo coas letras da festa que xa forman parte de máis dunha vaixela por toda Galicia.

    Detalle da táboa de polbo á feira e o vaso oficial. | Bianca Basdediós

    Tanto daba o forte vento que latía na vila; baixar ao porto do Grove en plena festa significa atoparse co cheiro de sempre a marisco. Mentres uns agardaban pacientes na ringleira da carpa, outros daban a volta polos soportais ou preto das lanchas comentando se este ano acadaran récord de visitantes ou se os prezos subiran un pouco máis.

    Cara ás 10 da noite, xusto no epicentro da segunda carpa, a aparición dos cabezudos, das rapazas co traxe rexional e dos gaiteiros acaparou a atención dos máis distraídos. Aínda así, os que xa tiñan a comida na boca non abandonaban o seu posto nin para ir mirar; a festa ía a máis e moitos animábanse a seguir os pasos dos músicos, baixando ata o chan e mesmo facendo un tren humano.

    Cabezudos e música forman un tren humano. | Bianca Basdediós

    Un dos detalles que máis chama a atención cando un anda polo recinto é comprobar que, malia estarmos na casa do marisco, os veciños do Grove son minoría nas mesas de degustación. Ao achegarse a falar coa xente cunha pregunta rápida en galego, o ‘perdona?’ cun xesto desconcertado repetíase demasiado. Visitantes chegados de Madrid, León ou Santander viaxaran centos de quilómetros exclusivamente para catar o marisco da ría. Os ‘mecos’ (veciños do Grove), lonxe de estar sentados como comensais, poboaban a outra cara da festa: a parte traseira das barras e os fogóns, traballando duro e sen descanso para que todo saíse á perfección e os visitantes levasen un bo sabor de boca.

    Entre tanta troula, fun recoller os meus encargos, sen esquecer os cubertos nin o pan, que nunca pode faltar para rebañar a salsa que sae da mistura do aceite, o sal e o pimentón que deixa o polbo á feira na tapa de madeira. Centos de persoas andaban dun lado para outro buscando onde facerse un oco. Polas mesas víanse desfilar racións de polbo á feira, empanada e toda clase de mariscos, pero, por riba de todo, o que máis abundaban eran os pratos baleiros. Nun recuncho, unha peña do Grove, uns trinta membros vestidos a xogo con camisas divertidas, daba boa conta da cea, sen parar de comer nin de beber.  E para rematar a velada, a música en directo puxo a nota xuvenil nun ambiente festivo que xa descansa ata o vindeiro ano.

    Un operario reparte fideos con marisco ao carón do mostrador. | Bianca Basediós

    Como ben lembra meu avó, cando esta cita naceu alá polo 1963, non era máis ca unha pequena xuntanza de veciños para compartir o que daba o mar. Hoxe enche as carpas de visitantes chegados de Madrid, León ou Santander.

    Bianca Basdediós

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela