
En Vilagarcía saben do bo comer. O pasado domingo 11 de outubro, celebrouse, no barrio dos Duráns, a terceira edición da Festa do Cocido. A explanada fronte á estación de autobuses converteuse nun punto de encontro entre veciños e visitantes que se achegaron para degustar un dos pratos máis tradicionais da gastronomía galega. Durante toda a xornada, a comida, a música e as conversas compartiron protagonismo nunha celebración que volveu demostrar a importancia das festas de barrio.
Coa música como aperitivo, ben cedo pola mañá, comezaron a escoitarse as primeiras gargalladas. A explanada encheuse de familias, maiores e pequenos que bailaban e xogaban mentres Dieguiño, o cantautor vilaxoanés, amenizaba a sesión vermú. Cunha cervexa na man e a mirada posta no escenario, o público cantaba ao ritmo de “Pero sigo siendo el rey”. O artista aproveitou o momento para agradecerlle á comisión que contase con el: “En Os Duráns a xente é increíble. Xa non só contan cun artista, contan cun amigo”. Así, entre aplausos e cancións, puxo o punto final á actuación con Soldadito marinero. Entre risas, os asistentes comentaban o concerto, mentres Diego Dasilva, o vocalista, se mergullaba entre os grupos de amigos. A música serviu, ademais, como punto de partida para unha mañá na que ninguén parecía ter présa.

Pouco despois, os asistentes comezaron a dirixirse cara á carpa da organización para gozar do verdadeiro protagonista da xornada: o cocido galego. Nesta terceira edición, a participación superou as expectativas. “O primeiro ano vendemos 115 pratos e este superamos os 215”, asegurou Norber Garnacer, presidente da Comisión de Festas de San Pedro. Cada ano, os veciños dos Duráns apostan por reunirse nestas datas para compartir boa comida e compañía. Dende a comisión teñen claro que “a acollida cada vez é mellor e os locais de Vilagarcía colaboran moito”.
De feito, nesta edición, grazas á colaboración de máis dunha vintena de establecementos, sortearon 50 premios durante a xornada. Tendas como Xoiería Rapariz, Churrasco Rubiáns, París Cosméticos, Café Bar A Perla ou Copy & Print achegaron o seu gran de area mediante a venda de rifas durante os meses previos. O sorteo converteuse tamén nun dos momentos máis animados do día: as celebracións foron tantas que algúns asistentes mesmo se subiron ás cadeiras ao ritmo de “Antonio, Antonio”.
E, por fin, cos grupos de familiares e amigos colocados arredor das mesas, o servizo de cátering comezou a repartir o menú. A Pulpería Porta de A Estrada volveu ser a seleccionada pola Comisión de Festas de San Pedro. “É o terceiro ano que vimos e a acollida segue sendo boísima”, explicou Luis Manuel, cociñeiro encargado da preparación do cocido. Nesta ocasión, dez persoas traballaron para atender os comensais e garantir que non faltase comida nas mesas. Por 36 euros, os asistentes puideron gozar dun menú completo composto por sopa de cocido e cocido tradicional. Para os máis pequenos, a proposta foi diferente: milanesa con patacas, refrescos e un postre caseiro. Unha comida abondosa que permitiu á veciñanza compartir a sobremesa sen présas.
As horas seguintes transcorreron entre bos pratos, música e, sobre todo, bo ambiente. As familias e os amigos reuníronse arredor das mesas para conversar, comentar a festa e botar unhas risas. “O cocido sempre está bo, pero como este, ningún”, asegurou unha rapaza da Torre. Aínda que a celebración naceu como unha iniciativa veciñal, a festa atrae persoas doutras localidades galegas. “Veñen uns da Coruña, outros de Rianxo”, explicou Norber, o presidente, satisfeito coa resposta da xente. A barra e o posto de larpeiradas tamén contribuíron ao éxito: os adultos coa cervexa na man e os nenos cos regalices, nunha estampa propia das festas de barrio.
Coa chegada da noitiña, a celebración foi chegando ao seu fin. Dieguiño, un dos artistas máis queridos polo público vilagarcián, volveu subir ao escenario para rematar a xornada por todo o alto. Os últimos acordes puxeron o broche final a un día marcado pola gastronomía e a música. Despois de horas de encontros e celebración, os veciños dos Duráns despediron a terceira edición dunha festa que medra ano tras ano. Agora agardan xa o próximo encontro, coa satisfacción de manter viva unha tradición que reúne o barrio arredor da mesa e da música. Porque, como eles mesmos din, “son un barrio ‘cojonudo’”.
Sara Abalo Pérez
Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela

