Categoría: Crónicas

  • O Castro volve ser testigo dun segundo asedio inglés

    O Castro volve ser testigo dun segundo asedio inglés

    Tropas británicas enfróntandose cos dirixentes militares vigueses | Nuria Ubeira 

    Baixo o nome de Vigo 1719. Unha loita esquecida chega a recreación do asedio inglés ao mesmo lugar onde aconteceu fai máis de trescentos anos: O Castro de Vigo. Un recuncho da cidade olívica que garda historia en cada unha das súas esquinas e que pasou de ser un poboado castrexo á fortaleza da vila, converténdose, na actualidade, nun espazo polo que pasear e desconectar. 

    A Escola Municipal de Teatro de Vigo (EMTVigo) era a encargada de levar a cabo esta representación teatral ao aire libre. A diferenza dunha obra de teatro común, nesta non se precisaba de elementos de decoración xa que o propio lugar escollido para representala xa era o ‘decorado’ perfecto. 

    O público xa ocupaba os asentos media hora antes do comezo da obra pero o lugar acompañaba para a perfecta distribución do público, así que os que ían chegando máis tarde fóronse dispoñéndose arredor do escenario principal improvisado, empregando as murallas como asentos. Puideron desfrutar, así, dunha vista panorámica da obra. Xente de todas as idades, dende nenos ata avós, agardaba con impaciencia. 

    Pouco tempo antes de que dera comezo a representación, chegou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado da tenenta de alcalde e outros cargos do Concello. Uns minutos despois, estes entraban polo que parecía ser o ‘camerino improvisado’. Era unha sala dentro das murallas da fortaleza na que se atopaban os actores e actrices. No discurso que deu o alcalde posteriormente, confirmou que foi saudar aos integrantes da Escola Municipal de Teatro. Nel tamén eloxiou a representación que os profesionais tiñan preparada para nós, asegurando que era unha “obra ben trazada e ben situada”. 

    Despois deste breve discurso, a obra por fin deu comezo cunha música de intriga que foi a encargada de poñer ao público en situación e introducilo no ambiente de tensión propio dunha invasión. Este inicio invitaba a pensar que a música ía ter unha maior presencia da que finalmente tivo, algo que se botou bastante en falta. 

    O pirata e explorador británico, William Campier, era o encargado de narrar a obra, proporcionando contexto histórico e o que ía sucedendo nos distintos momentos da representación. Felipe V e Isabel de Farnesio aparecen en escena para representar e contar as causas do asedio inglés a Vigo, que comezaron anos antes co plan para anexionar territorios do imperio xermánico como Cerdeña e Sicilia. 

    Dáse un salto no tempo ata chegar a outubro de 1719, mes no que os ingleses chegaron a Vigo. Unha parella de mariñeiros que faenaban en Bouzas, territorio que nese momento non pertencía a Vigo, observan dende lonxe como varios barcos con bandeiras inglesas comezan a desembarcar na praia de Samil. Acto seguido, son estes quen dan a voz de alarma na fortaleza e aseguran como Alcabre e Bouzas estaban ardendo debido aos ataques do exército inglés. 

    É esa mesma noite cando os ingleses chegan á vila viguesa e ao Castro. Sons de bombas e ladridos dos cans que tamén desfrutaban da obra de teatro alertaban de que o exército comezara cos ataques á fortaleza. Estes sucedéronse durante varios días e chegaron a lanzar máis de 600 bombas ata que, por fin, os vigueses conseguiron expulsalos da cidade. 

    Finalmente, a obra remata e todos os actores e actrices saen a despedirse do público. Probablemente, esta é a miña parte favorita de ir ver unha obra de teatro: cando os artistas poden desprenderse do seu personaxe, respiran aliviados e sorrín, á vez que deixan entrever que están satisfeitos co seu traballo. 

    Saúdo final dos actores e actrices da Escola Municipal de Teatro | Nuria Ubeira  

    Un aplauso bastante longo substitúe os intérpretes para converterse, así, no protagonista. A súa duración reflicte canto lle gustou a representación teatral aos diferentes asistentes. Algúns deles optaban por poñerse de pé para expresar a súa emoción. A continuación, a xente comeza a marchar; algúns volven rápidamente falar da súa vida, pero outros aproveitan para comentar a súa opinión sobre a obra. 

    Durante a obra, o público pode coñecer non só a perspectiva dos vigueses, senón tamén a visión dos ingleses sobre o asedio. Ademais, o escenario era cambiante e moi versátil, xa que non empregaban só a ‘pista principal’ senón que os actores e actrices se movían tamén polas murallas que rodeaban o Patio de Armas da fortaleza, o que proporciona un dinamismo á historia que se está a contar. 

    Actividades e eventos culturais coma este permiten que a historia dunha cidade continúe a ser contada, ao evitar o esquecemento por parte do conxunto da sociedade, algo que é perigoso e sempre ten consecuencias. 

    Nuria Ubeira

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

  • Guitarra, voz e proximidade: Fernando Tato presenta o seu novo EP no Modus Vivendi

    Guitarra, voz e proximidade: Fernando Tato presenta o seu novo EP no Modus Vivendi

    O cantautor coruñés interpretaba “El propio funcionamiento de las cosas” este xoves 15 de outubro a pé de escenario no pub compostelán

    Fernando, á dereita, e Marcos, o seu guitarrista, á esquerda, tocando no Modus Vivendi | Catuxa Rodríguez

    Son as 21.00 dun xoves en Santiago de Compostela e a capital galega déixanos desfrutar dunha desas noites, escasas pero agradables, nas que a temperatura convida a saír ás rúas. Á súa vez, Fernando Tato está a piques de comezar a presentación do seu novo EP, “El propio funcionamiento de las cosas”, no local Modus Vivendi, na Praza de Feixoó.

    O cantautor de Narón volve aos escenarios de proximidade con nada máis que a súa voz, dúas guitarras e unha colección musical desinhibida que pide ser tocada en directo. Trae unha proposta sinxela en acústico que reúne a aqueles que se atreven a entrar pola pequena porta do pub compostelán. Bo ambiente, proximidade e sentimentalismo: crónica dun tímpano máis que satisfeito.

    A xornada comeza antes de tempo cando, quince minutos antes da hora de inicio, escóitanse os primeiros acordes. Unha melodía básica que fai que os máis impacientes xa se senten a escoitar mentres outros seguen coa conversa que sempre se adoita dar con unha copa de viño na man. Ultímanse detalles e as escasas 20 persoas que nos acercamos a escoitar hoxe a Fernando agardamos sentadas pola apertura do show, coma quen agarda por un agasallo de Nadal.

    O concerto arrinca con puntualidade acompañado dunhas palabras do cantautor agradecendo a todos aqueles que decidiron estar hoxe aquí. “Eu mañá traballo ás 10.00 en A Coruña, pero aquí estou!”, escóitase polo baixo. Sen máis dilación e tras un “Vámonos, atento Marcos” de Fernando, comeza esta actuación en acústico en formato de dúo, entre Fernando Tato á guitarra española e o seu guitarrista, Marcos, á eléctrica.

    O repertorio de hoxe constrúese arredor da combinación das novidades do EP co material dos seus álbums máis antigos, todos eles seguindo a liña temática do amor frustrado, da soidade, de persoas que veñen e van, de cousas que rompen… “Ahora seguimos con más canciones felices y esperanzadoras”, chanceaba o propio Fernando co público sobre a fixación dos seus temas. Aínda así, as letras contan con temáticas recoñecibles e sen adornos que permiten identificarse entre as súas liñas.

    O escenario do Modus Vivendi cos instrumentos dos intérpretes | Catuxa Rodríguez

    Unha vez rematan as tres primeiras cancións, o público fúndese nun longo aplauso e en comentarios de ovación que se estenden ata cada recuncho do local, “Bravo! Guapo!”, escoitábase. Só fai falta a súa voz, dúas guitarras e unha noite de cancións de amorpara encher o Modus Vivendi de emoción e sentimentalismo.

    Respírase un aire de proximidade que naturaliza calquera tipo de intervención entre o público e o autor, pois as interaccións entre ambos son constantes. “Yo vine por la música pero me voy siendo fan de un nuevo artista para mí”, declaraba unha muller do público.

    O setlist vaise esgotando e a emoción do público vólvese inversamente proporcional, pois os aplausos e os movementos de cabeza ao ritmo dos acordes van en aumento. Case chegando ao final chega o clímax cando, neste petit comité, Fernando avanza unha canción exlcusiva. “Acabamos de llegar de madrid de hablar con el productor” confesaba, polo que a expectación é máxima.

    O ambiente do local ofrece un espazo de conversa e proximidade, pois o tamaño do lugar súmase a unhas luces cálidas e concretas que animan a calquera a adherirse como espectador. Por isto é que, a medida que o concerto vai medrando, tamén o fai o aforo do Modus Vivendi, que no final do evento xa case non permite que ninguén máis entre por risco de rebordar a escasa capacidade.

    Despois do concerto puidemos falar con Fernando e explicounos que a elección deste lugar foi precisamente por iso, pois ademais de frecuentalo na súa xuventude, “es más mítico que la propia catedral”, dicía, “propicia un ambiente distinto, disfruto mucho estar a medio metro de la gente”.

    Antes de rematar o artista aproveita para explicar o funcionamento da billeteira inversa, que é pola que se rixe o concerto. “Pasar la gorra de toda la vida”, dicía. A billeteira inversa consiste en que es ti quen decide canto vale o concerto, depositando ao final do mesmo os cartos que ti consideres. Neste caso, a aportación mínima suxerida son cinco euros.

    “Decirte adiós” é a canción escollida para despedir esta xornada musical, que entre risas e bromas acompaña aos agradecementos do artista cara todo o seu equipo e ao público presente. Un evento inesquecible que aproxima aos pequenos artistas un paso máis da resonancia na industria musical e que permite desfrutar da boa música nos recunchos máis pequenos de Santiago de Compostela.

    Catuxa Rodríguez

    Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Compostela