Autor: Noelia Montaño

  • “Onde metes a túa vida de 26 anos?”: dous anos na procura dunha vivenda para Isabel 

    “Onde metes a túa vida de 26 anos?”: dous anos na procura dunha vivenda para Isabel 

    A súa irmá, Alicia Collazo, relata os problemas que afronta Isabel tras abandonar o seu piso na rúa Elduayen 53, en Vigo 

    Vigo

      Alicia na súa casa en Vigo | Noelia Montaño Guzmán 

    Alicia Collazo leva dous anos implicada na procura dunha solución habitacional para a súa irmá Isabel, quen tivo que abandonar en 2024 o seu piso na rúa Elduayen 53 onde vivía dende hai máis de 2 décadas. Isabel era a única inquilina que quedaba no edificio cando comezaron as obras de reforma para transformalo en apartamentos turísticos. Durante os traballos, a súa vivenda sufriu goteiras e outros danos que agravaron a situación ata facela insostible. Dende entón, Isabel pasou por varios hostais e actualmente vive nunha habitación compartida, mentres a familia continúa coas xestións á espera dunha resolución xudicial. Alicia conta como viviron este proceso e reclama unha alternativa habitacional que se adapte aos ingresos de Isabel.  

    Como describirías a Isabel máis aló do ocorrido coa súa vivenda? 

    Isabel atravesou unha situación persoal difícil ao longo da súa vida, pero levaba unha vida normal. Vivía alí, facía as súas cousas e pagaba o alugueiro relixiosamente co RISGA. Nunca deixou de pagar un mes. Levaba 26 anos vivindo en Elduayen e ten alí toda a súa vida.  

    Cando comezaron os problemas no edificio? 

    Ela xa tiña goteiras antes de que comezasen as obras. Avisaba aos propietarios de que lle caía auga na cociña e de que se lle estaban estragando as cousas, pero non lle facían caso nin lle arranxaban nada. Cando comezaron as obras, ela decatouse de que ocurría algo grave porque lle caía auga dende arriba, pola cociña e no cuarto. 

    Que estaba a pasar na vivenda mentres Isabel seguía vivindo alí? 

    Tiraron a fachada do edificio con ela dentro e puxeron unhas estadas. Tamén lle quitaron os cristais das fiestras sen permiso dela. Para separar o salón da rúa, puxéronlle uns colchóns e tamén uns plásticos finitos que non pretexían nada e que se movían co vento. Ao final, tiveron que ir por alí os bombeiros e a policía e dixéronnos que o piso non estaba para habitar e que Isabel tiña que abandonalo polo risco de que lle pasase algo. Hai que matizar que non foi un xuíz quen a botou, senón os bombeiros e a policía. 

    A nova fachada do edificio | Noelia Montaño Guzmán

    O voso avogado fala de posible acoso inmobiliario, que situacións vos levan a empregar ese termo? 

    Estábanlle facendo a vida imposible para que marchase do edificio. Ela non o podía deixar porque non tiña onde meter as súas cousas. Onde metes a túa vida de 26 anos? Ninguén se ofreceu a pagar un trasteiro para gardar as súas pertenzas nin unha mudanza para levar os seus mobles a outro sitio. Non lle ofreceron absolutamente nada. Ela estaba entre a espada e a parede. Non podía marchar de alí, non tiña onde gardar a roupa nin os mobles e, ademais, acabaron estragándolle moitas cousas coa auga e coa humidade.  

    Intentaron buscar outra vivenda para Isabel? 

    Había unha muller, unha tal Sofía que lle dicía á miña irmá que tiña que acompañala ver un apartamento porque tiña que deixar o seu piso, que o ían arranxar. Eu penso que a estaban enganando. Un día eu díxenlle: “Non te preocupes, vou eu. Á miña irmá enganádela, pero a min non”. Fun con Sofía e ensinoume varios apartamentos. Pero non sei se ela estaba metida no asunto dos novos propietarios nin se lle estaban pagando para facer ese papel. Iso non o podo asegurar porque non o sei.  

    Por que non lle serviron a Isabel esas alternativas? 

    Ensináronnos apartamentos turísticos que custaban entre 350 e 700 euros. Isabel cobra 531,60 euros de RISGA, así que non podía pagar esas cantidades. O alugueiro do piso de Elduayen era de 320 euros. Ela necesita unha vivenda que poida asumir economicamente, non unha que estea fóra das súas posibilidades.  

    Onde vive agora e que pasou coas súas pertenzas? 

    A primeira noite tivo que durmir nun hostal pagado polo Concello de Vigo a través dunha axuda de emerxencia porque non podía quedar no piso. Despois estivo noutros hostais e agora está nunha habitación compartida na praia de Samil pola que paga 225 euros ao mes e non pode utilizar a cociña. As súas pertenzas quedaron na súa casa de Elduayen. Intentamos ir recuperalas, pero puxeron uns barrotes na entrada. Isabel segue empadronada alí e ata ten as chaves. Ten unha lavadora, unha neveira, dous televisores, pero a auga e a humidade estragáronlle o pouco que tiña. É unha persoa nunha situación moi especial. Polo menos, deberían facer unha valoración dos danos e pagarlle algo do que perdeu.

    Como está afrontando a familia esta situación? 

    Nós axudámola no que podemos. Imos vela todas as semanas, levámoslle cartos para a comida e o almorzo e comprámoslle cousas que necesita como xampú ou zapatos. O meu irmán e eu fixemos un poder para tramitar todas as xestións por Isabel porque ela xa non quere saber nada, está farta. A situación é complicada. Xa levamos dous anos e estamos queimados. Nós tamén o estamos levando mal, aínda que a axudamos en todo o que podemos. Todo isto é terrible e estanos causando uns problemas incribles na familia.  

    En que punto está o procedemento xudicial? 

    O primeiro procedemento arquivouse e o avogado recorreu. Agora estamos á espera do xuízo que será o 18 de novembro. Eu creo que a van botar, alí xa non volve, pero tamén terían que dar algunha alternativa porque non é plan de coller a unha persoa e tirala á rúa. E se non ten irmáns que fai? Estaba tirada na rúa? Se perdemos o xuízo, pois non pasa nada. Uns gañan e outros perden. Haberá que buscar algo para ela e despois decidir entre todos que facemos.  

    Que apoio recibistes e que é o que máis botades en falta neste proceso? 

    O Concello de Vigo foi quen a axudou inicialmente pagándolle o hostal e concedeulle unha axuda de emerxencia. Tamén estamos recibindo axuda de Provivienda para ver se atopamos un piso, pero seguimos á espera dunha solución que se adapte ás súas circunstancias. O que botamos en falta é máis preocupación por unha persoa vulnerable, que non ten ingresos e que necesita unha vivenda. Ela non pode dicir: “Gústame este apartamento, pois vou alugalo”.

    Con que che gustaría que a xente quedase do caso de Isabel? 

    Gustaríame que a xente se dese conta de que isto é un problema delicado, que ela é unha persoa vulnerable e que o que lle fixeron é unha inxustiza. Non se pode facer isto con ninguén, pero menos con Isabel. E se a outra persoa lle pasa o mesmo, que loite pola súa casa, que se asesore e que non marche mentres non lle busquen unha solución.  

    Isabel e Alicia na portada do Faro de Vigo | Noelia Montaño Guzmán 
    Liña do tempo do caso de Isabel | Noelia Montaño Guzmán

    Noelia Montaño

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo da Universidade de Compostela

  • Unha viaxe polo universo dantesco a través de Dali

    Unha viaxe polo universo dantesco a través de Dali

      Asistentes atendendo a unha explicación | Noelia Montaño 

    O pasado sábado 10 de outubro a sociedade cultural italiana “Società Dante Alighieri” de Vigo, mellor coñecida como “La Dante Vigo”, organizou unha visita á mostra Dante. Dalí. Esta reúne unha serie de gravados realizados polo pintor catalán para ilustrar a Divina Comedia e que se poderán visitar ata o próximo 15 de novembro no Museo do Mar de Galicia.  

    Ao chegar ao recibidor do museo, un pequeno grupo de persoas reunidas falaba en italiano sobre as próximas actividades da asociación. A medida que se incorporaban máis participantes, Daniela Sarraino, presidenta de “La Dante Vigo”, repartiu uns panfletos informativos sobre a exposición que estaba a piques de comezar. Unha vez reunidos uns quince asistentes, comezou o percorrido polo museo a través dun corredor e unhas escaleiras que conducían ata a sala onde se atopaban as pinturas.  

    Xa na sala, Daniela tomou a palabra para presentar a visita. Aínda que a actividade foi levada a cabo pola asociación, as visitas guiadas foron realizadas polas súas voluntarias que se prepararon para compartir os seus coñecementos sobre Dante e a súa obra. A presidenta quixo deixar claro que ninguna delas era experta en arte e pediu aos asistentes que valorasen todo o esforzo que había detrás da iniciativa. A continuación, Beatriz, encargada de guiar ao grupo polo percorrido, presentouse e explicou que aprendera italiano na Escola Oficial de Idiomas. “Non son unha teórica da arte, son unha socia da ‘Societá Dante Alighieri’”, aclarou antes de comezar. Ambas dirixíronse ao grupo en italiano, idioma no que se desenvolvería a visita guiada. 

    Antes de deterse nos gravados fíxose unha breve referencia a Darío Xohán Cabana, tradutor da Divina Comedia ao galego, que contaba cun espazo propio na entrada da sala. Despois, Beatriz comezou a explicar as obras mentres se apoiaba nunhas anotacións que levaba consigo. 

    A visita, que durou aproximadamente 45 minutos, seguiu o mesmo percorrido que a Divina Comedia e dividiuse en tres partes: Inferno, Purgatorio e Paraíso. En total, a exposición conta con cen gravados que se distribúen do seguinte xeito: 34 corresponden ao Inferno, 33 ao Purgatorio e outros 33 ao Paraíso. Antes de explicar os detalles de cada ilustración, Beatriz lía un fragmento do poema gravado na parede da sala en italiano e acompañado da súa tradución ao galego. Durante todo o percorrido, Daniela tamén interveu en varias ocasións para completar as explicacións.  

    Un dos aspectos máis atractivos da mostra é o contraste entre as tres partes do poema, sobre todo entre o Infierno e o Paraíso. As cores apagadas das primeiras ilustracións transmiten unha atmósfera lúgubre e de inquietude, acorde coa experiencia humana que representa esta parte da obra. Entre elas atópase Un diaño lóxico, un gravado no que aparece unha figura comendo a outra. O ambiente cambia ao chegar ao Paraíso. Nesta sección predominan as cores pastel e unha gama cromática máis alegre. Esta diferenza visual entre ambas partes permite apreciar de forma máis detallada como Dalí trasladou os distintos ambientes do poema á linguaxe visual. 

      Algunhas das pinturas sobre o Inferno | Noelia Montaño 

    As explicacións permitiron coñecer mellor o contexto literario e histórico de Dante. Destacouse a importancia do poeta na evolución da lingua italiana nun momento onde o latín era a lingua culta. Dante empregou o idioma da súa cidade, Florencia, e escribiu a obra nunha especie de “latín transformado” que contribuíu ao desenvolvemento do italiano actual. Tamén se abordou o interese de Dalí pola obra seis séculos despois da súa publicación, nun contexto marcado pola guerra e o auxe da psicanálise. O pintor atopou no universo de Dante unha fonte de inspiración que interpretou a través dos seus soños e do seu imaxinario artístico.   

    Nunha breve conversación con Daniela puiden coñecer máis sobre o traballo detrás da preparación da exposición. A presidenta explicou que a asociación levaba traballando neste proxecto dende xaneiro de 2026 coa intención de “unir dúas mentes xeniais”. A iniciativa pretende acercar as dúas figuras separadas por seis séculos mediante a interpretación artística que o pintor catalán fixo da obra do escritor italiano. 

    A pesar de que a visita guiada se desenvolveu totalmente en italiano, o idioma non parecía supoñer ningún obstáculo para os asistentes. Beatriz fixo un gran esforzo por manter a visita nesta lingua, aínda que en certos momentos lle custaba atopar as palabras, facía longas pausas ou tiña que consultar as súas notas. Con todo, as dificultades non impediron que o grupo puidese seguir o percorrido nun ambiente próximo e tranquilo. Mentres algúns asistentes escoitaban atentamente, outros aproveitaban para observar as obras pola súa conta.  

    Nesta visita tamén houbo espazo para as preguntas e os comentarios. Ao falar do estilo artístico de Dalí, un dos asistentes realizou un comentario que provocou as respostas doutras persoas do grupo: “Para facer estas obras, eu pregúntome se este home tivo que consumir algo”, comentou. Unha muller respondeu “os xenios sempre son excéntricos”, ao que outra engadiu “o que pasa é que nós non os entendemos”. Este intercambio deu lugar a un momento desenfadado e reflectiu a curiosidade que esperta a obra do pintor.  

    Ao terminar o percorrido, as guías preguntaron aos asistentes se falaban italiano e varios explicaron que estaban aprendendo na Escola Oficial de Idiomas. “Eu aprendín italiano grazas á miña avoa”, comentou unha muller cuxa avoa emigrou dende Italia ata Arxentina. Aquela pequena conversación permitiu coñecer algún dos diversos motivos que levaran aos participantes a achegarse á exposición e a formar parte dunha actividade realizada nun idioma que non todos dominaban por igual.  

    Entre os asistentes, a experiencia deixou unha impresión positiva. “Foi unha exposición moi interesante e, aínda que non entendín todo á perfección, quedei co máis importante”, comentou un mozo que participou na visita. As súas palabras resumen o propósito dunha actividade que, a través das explicacións das voluntarias de “La Dante Vigo” e das ilustracións de Dalí, achegou o público á Divina Comedia e a dúas figuras claves na arte e na literatura. 

    Uns libros expostos na sala | Noelia Montaño  

    Noelia Montaño

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela