A veciñanza leva mobilizándose desde 2021 para reclamar a volta do servizo de Urxencias
Moaña

|Clara CastillaA veciñanza de Moaña xa vai camiño das 260 semanas de mobilizacións continuas para esixir á Xunta de Galicia o restablecemento presencial das urxencias médicas e do PAC (Punto de Atención Continuada) no municipio, suprimidas en marzo de 2020. Co gallo da crise sanitaria da Covid-19, o Sergas decidía centralizar as urxencias de todo O Morrazo no PAC de Cangas, suprimindo o servizo médico nocturno e de fins de semana. Esta atención viña prestándose na Casa do Mar de Moaña desde principios dos 90, momento no que a Xunta estruturou a rede de Puntos de Atención Continuada en Galicia para dar cobertura sanitaria fóra do horario habitual das consultas programadas.
A pandemia quedou atrás e aprendemos a convivir e a protexernos contra o virus grazas ás vacinas. A que ía ser unha restrición temporal converteuse en habitual e a veciñanza decidiu saír á rúa para esixir unha asistencia sanitaria 24/7. As mobilizacións comezaron en 2021 e continúan a día de hoxe. Ningunha mobilización social leva tanto tempo activa en Galicia.
Detrás das reivindicacións está a Mesa Local da Sanidade de Moaña, un órgano intersectorial e unitario constituído en outubro de 2021 para canalizar de forma conxunta a indignación e a presión política e social despois de que a Xunta decidise non devolver o servizo de urxencias tras a fin das restricións máis duras da pandemia. O domingo 10 de outubro de 2021 esta Mesa convocaba unha primeira concentración. Nesa mesma semana comezaba os preparativos para canalizar a gran mobilización que tería lugar dous meses despois, o 12 de decembro de 2021. Uns 5.000 veciños e veciñas se manifestaron ese día polas rúas do concello nunha marcha masiva e histórica para o municipio.
Até o 7 de xuño deste ano, as protestas que semanalmente congregan a unha media de 300 persoas, fixéronse ás portas da vella Casa do Mar. A partir desa data, realízanse diante do novo centro de saúde. A construción desta infraestrutura pública, que supuxo un investimento de case 9,6 millóns de euros por parte do Sergas, permitiu triplicar o espazo do antigo ambulatorio e ampliar servizos como Fisioterapia, Odontoloxía, Psicoloxía Clínica ou unha sala para ecografías. Sen embargo, estas melloras non contemplaron o restablecemento do servizo de urxencias médicas, tal como fora comprometido pola Xunta.
En novembro de 2020, Goberno autonómico e Concello de Moaña asinan o convenio para edificar o novo centro de saúde no lugar de Sisalde. Este escrito vinculaba legalmente por primeira vez a reapertura do PAC coa construción do novo centro de saúde. Ante as reiteradas preguntas no Parlamento e as manifestacións veciñais, a escusa recorrente do Sergas pasou a ser que non se podía reabrir o PAC na antiga Casa do Mar polas limitacións do edificio, e que a veciñanza debía agardar ás novas instalacións onde se integraría o devandito servizo. Isto non foi así e, por iso, o Concello está preparando unha demanda na xurisdición contencioso-administrativa contra a Xunta por incumprimento do convenio.
O novo centro xa foi inaugurado o 15 de xuño de 2026, pero o restablecemento das urxencias non foi o comprometido. Certo que a vila volve ter o PAC activo, pero só de luns a venres e até as 22 horas. A partir desa hora, as fins de semana e os días festivos, as moañesas e os moañeses deben seguir desprazándose até Cangas para ser atendidos por unha urxencia médica. Tamén haberá unha ambulancia de servizo avanzado de enfermaría, pero sen médico/a.

|Clara CastillaA cidadanía séntese enganada. O voceiro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña, Gabriel Ferral, apunta que “non estamos a pedir nada a maiores. Non pedimos luxos nin privilexios. Pedimos o que está asinado. O que se financiou cos nosos impostos”. Nas súas mensaxes semanais deixa claro que a veciñanza de Moaña non vai desistir: “Imos continuar ata conseguir o noso obxectivo porque coa nosa saúde non se xoga”.
Na mesma liña fala a alcaldesa. Leticia Santos afirma que a demanda dun servizo de urxencias médicas permanente segue a ser unha “prioridade”. A primeira edil explica que o equipo de medico/a e enfermeiro/a que traballaba no PAC de Moaña está prestando o seu servizo en Cangas. Na actualidade, polo tanto, Cangas dispón de tres equipos e Moaña, de ningún. Leticia Santos considera que as Urxencias no centro de saúde cangués “xa están colapsadas” e non reúnen as condicións para dar resposta á demanda dos dous concellos. Apoia esta afirmación cun dato: A sala de espera da instalación sanitaria de Cangas ten espazo para só nove persoas. Segundo os datos oficiais máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (INE) e do Instituto Galego de Estatística (IGE), a poboación conxunta de Moaña e Cangas supera os 46.000 habitantes (Moaña, 19.320 e Cangas, 26.711). O número duplícase e incluso se triplica durante o verán.
A forte mobilización e unidade das protestas só pode compararse coa intensa presión veciñal que acabou logrando a supresión definitiva da peaxe de Rande en maio de 2006, unha vitoria histórica para os viaxeiros do Morrazo. Daquela foron necesarios 8 anos de incesantes protestas que demostraron a capacidade de mobilización e a teimosía da veciñanza. Nesta ocasión, semellan estar dispostos a continuar na loita ad infinitum porque, como rezan os seus lemas, #CoaNosaSaudeNonSexoga.
Clara Castilla
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela

