Marcos Míguez e Charo Barbeito comparten o traballo e a vida nun oficio marcado polo risco: a recollida do percebe

Cantas veces pensaches no elevado prezo do percebe? Charo e Marcos coñecen de primeira man o esforzo que hai detrás deste marisco.
Recíbennos na súa casa, no sofá, diante dun gran ventanal que dá directamente á praia de Foxos, en Sanxenxo. Viven rodeados de mar todo o día, e é o mar o que marca o seu traballo. Son parella dentro e fóra do traballo e exercen como percebeiros a pé no Grove. Durante o verán, compaxinan o marisqueo co seu propio negocio de hostalaría, tamén ao carón do mar.
O plan de explotación establece os días nos que poden baixar ás pedras e a cota máxima de quilos por xornada. Traballan coa marea baixa e afrontan os riscos de recoller o percebe entre as ondas.
“Se dubidas, sempre non”.
Como é o voso día a día apañando percebes?
Marcos Míguez: Ao percebe non imos todos os días. Imos oito días ao mes, de oito a nove días.
Charo Barbeito: Somos once percebeiros a pé, pero agora mesmo estamos traballando seis. Cinco homes e unha muller. Eu son a única muller.
Cal é a campaña máis dura?
C. A máis importante e a máis dura é a de decembro, a campaña de Nadal. É a máis dura de todas porque aí vas atopar moi mal tempo, moito mar.
A quen lle vendedes o percebe? Á lonxa directamente?
M. Do control vai á lonxa. Ti, na lonxa, pésalo e, de aí, ao pesalo, lévalo ao teu comprador e dislle: «Para tal comprador», e aí xa sae. Non hai venda directa. Pasa pola lonxa; aí pagas os teus impostos, pagas todo o que xera o control, pero véndesllo a quen ti queiras, pasando por aí.
Por canto adoita andar o quilo de percebe?
M. Da época e do tamaño. Polo Nadal, ás veces, se hai moito mar, a min téñenmo pagado a cento vinte euros e era pequeno, era nada. Pero, claro, que pasa? Eran días de temporada en que non había percebe en ningún lado e pódencho pagar a ese prezo. Normalmente, polo Nadal, adoita subir de cen: de cen a cento corenta, cento cincuenta euros temos aquí no Grove, ou un pouco máis, depende.
E o resto do ano?
C. O resto do ano despois anda en sesenta, cincuenta, setenta, oitenta. Depende moito do tamaño. Depende da sorte que teñamos cada un.
A que zonas ides exactamente?
M. O noso plan de explotación vai desde Punta Faxilda, no Concello de Sanxenxo ata a parte do Carreiro, no Grove.
C. Traballamos coa marea baixa, dúas horas antes e dúas horas despois, e non podes estar no mar nin antes nin despois. Nin tampouco podemos estar no mar máis tarde das seis da tarde, nunca.
Ides sempre xuntos os dous a traballar?
C. Nós si. Eu sempre vou ao abeiro del.
M. Ás veces hai que tomar decisións, non? Ás veces tes que cruzar sitios de cinco metros, dez metros, onde hai unhas correntes enormes. Entón esperas a que calme un pouco e dis: «Vou, non vou? Cruzo, non cruzo? Que fago?». Se dubidas, sempre non.
Recordades algunha anécdota con especial tensión?
C. Eu, ao principio de todo, pensaba que o mundo do percebe era moi fácil e, se non me collese el, levaríame a corrente totalmente. E aí dixen: «Isto non é ningunha broma. A isto hai que terlle moito respecto, moito, moito respecto». Confieime moito.
M. No inverno, antes de empezar a traballar tes que parar e nunca ir adiante. É dicir, parar e dicir: «Chego aquí. Ben, pois agora póñome a mirar». Pero tes que pensalo durante dez minutos ou máis. Ver ata onde chega o mar, o que fai o mar. Nunca vaias a esta rocha porque ves que non chegou. Espera un anaco e deixa ver que é o que pasa.
Por que vos decidistes por este traballo?
C. Eu máis ben empecei porque a cotización que tiña era moi baixa. Non tiña maneira de acollerme a unha boa cotización, porque o que está claro é que no mar tes unha moi boa cotización. Entón acollinme a iso, porque era compatible co meu outro negocio para poder traballar nas dúas cousas.

Podedes vivir só do percebe?
C. É un traballo que tamén che dá moitos días libres ao ano, que podes dedicarlle a outro, poder compatibilizar. Tamén é certo que disto só non es capaz de vivir. Só con iso, co percebe, non es capaz.
Notades diferenza entre un percebe da ría e un de fóra?
M. Eu persoalmente… Na parte de arriba [Rías Altas] hai percebe moi bo, pero eu considero que o noso percebe de aquí é un percebe de calidade: un percebe pequeno, curto e saboroso, porque está metido na ría.
Cambiou moito o percebe comparado ao de hai anos?
C. Eu, sobre todo, o que noto é que, cando os meus sogros eran percebeiros, víanse percebes e percebes, cantidades e cantidades. Ti agora vas ás pedras e esas cantidades non están, non existen.
Tomáronse medidas porque empezou a escasear?
M. Claro. Ao final viuse que empezou a escasear, escasear, escasear: “Aquí regúlase todo isto un pouco ou quedamos sen un produto que é de moi boa calidade e do que podemos sacar un traballo, vivir diso”.
Bianca Basdediós
Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela






















