Autor: Alicia Cernada

  • Miño paraliza o tráfico polos que quedan en terra 

    Miño paraliza o tráfico polos que quedan en terra 

    A rúa Galea volve a cortarse na cuarta mañá de protestas para esixir un aumento de prazas na liña de autobús que viaxa aos institutos de Betanzos 

    Durante a concentración a cadea humana impediu que o autobús saíse cara Betanzos. | Alicia Cernada

    A mañá arrefría na rúa Galea en Miño. Son as 7:50 horas e a luz aínda é dubidosa. A parada do autobús interurbano que empregan os rapaces para desprazarse aos institutos de Betanzos xa non é un lugar de espera silencioso, senón o escenario vivo dun cansazo que leva acumulándose durante tres anos. É venres e estase a realizar a cuarta mobilización convocada na localidade onde a veciñanza, alumnado e familias volven a encher o asfalto decididos a impedir que o autobús parta con normalidade. 

    A orixe deste conflito social e administrativo remóntase ao ano 2020, momento no que a entrada dos novos contratos de concesión coa empresa Monbus eliminou o modelo anterior e unificouse nunha única liña pública as dúas rutas que operaban ata entón: unha destinada exclusivamente ao transporte escolar e outra aberta ao público xeral. Na actualidade, un total de 79 alumnos e alumnas de bacharelato de Miño necesitan desprazarse diariamente aos centros educativos de Betanzos, como o IES Francisco Aguiar ou o IES As Mariñas. Para atender a esta demanda, a concesionaria envía habitualmente un autobús de 49 prazas que resulta manifestamente insuficiente. Aínda que nesta e na anterior xornada de protesta a compañía enviou un vehículo reforzado de 60 prazas, a capacidade segue sen cubrir as necesidades reais. O resultado diario é que entre 15 e 20 escolares quedan tirados na beirarrúa sen poder subir e decenas de mozos teñen que facer todo o percorrido de pé ao longo das curvas da estrada. 

    Ante esta situación, o Concello de Miño, encabezado polo alcalde Manuel Vázquez Faraldo, dirixiu diversos escritos de protesta á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia para exixir solucións. Con todo, a administración autonómica limitouse a responder que a posibilidade de transportar pasaxeiros de pé nos autobuses interurbanos entra dentro da legalidade vixente. Unha resposta burocrática que choca coa indignación das familias e do propio goberno local, onde a primeira tenente de alcalde, Catalina Morado, sinala durante a protesta que a veciñanza “xa chegou a un límite e ocorreu o que tiña que ocorrer” tras tres cursos académicos sufrindo a mesma precariedade. O alcalde tamén criticou que o novo deseño concesional priorízase o transporte directo entre A Coruña e Ferrol, minguando os servizos dos concellos da comarca. Por este motivo, o rexedor local mantivo reunións con alcaldes e representantes municipais de Betanzos, Pontedeume, Oza-Cesuras, Paderne, Abegondo e Coirós para actuar de xeito conxunto e solicitar unha entrevista formal coa Directora Xeral de Mobilidade, mentres no Parlamento galego o BNG rexistrou iniciativas para esixir a restitución do servizo. 

    O relato cronolóxico da xornada de protesta comeza a escribirse ás 7:50 horas, cando a xente comeza a congregarse nas inmediacións da parada. Moitos dos asistentes chegan con aparencia de acabar de espertar, outros xa están vestidos e preparados para marchar despois aos seus postos de traballo, e a gran maioría acude armada con potas, tixolas, chifres e instrumentos tradicionais como trompetas e pandeiretas. O obxectivo: facer o máximo ruído posible para romper o silencio institucional. Entre quen sopra con forza o pito atópase Marta Blanco, veciña de Miño que explica con impotencia a situación do seu fillo, usuario do servizo este curso, quen xa quedou tirado na parada por falta de sitio e a única alternativa para que non perdese as súas clases foi pagar un taxi do seu propio peto. 

    Sobre as 8:00 horas, a multitude que se atopaba dispersa nas inmediacións da parada desprázase cara o primeiro paso de peóns da rúa Galea, ocupando a calzada e impedindo a circulación de calquera vehículo. Ás 8:04 horas fai a súa entrada o autobús, esta vez de 60 prazas e non 40 como ocorre os días que non hai manifestación. Os estudantes comezan a acceder ao vehículo, enchéndoo por completo xa nesta primeira parada. Mentres tanto, os pais e veciños que permanecen no asfalto intensifican o estrondo dos seus aparellos. Outros manifestantes limítanse a manter o bloqueo de xeito silencioso e firme para impedir o avance do transporte. É o caso de Víctor Hugo Sousa e da súa nai, entre o son das pandeiretas e os berros da protesta, explican que na actualidade ninguén da súa familia vai estudar a Betanzos, pero que el mesmo padecera o problema durante a súa etapa no IES Francisco Aguiar, onde moitas veces tivo que viaxar de pé. Víctor Hugo e a súa nai levan vindo aos catro venres de manifestación porque o vindeiro curso a súa irmá pequena comezará o bacharelato nun dos institutos brigantinos e non queren ver como “ten que quedar en terra porque non hai bus”. 

    O alumnado enche o bus xa na primeira parada. | Alicia Cernada

    Mentres transcorre a mobilización e se escoitan consignas na rúa como: «Saímos á rúa, ou todos ou ningún», o bloqueo mantense firme. Non foi ata ás 8:45 horas cando o alcalde se dirixe aos presentes para facer un chamamento público á veciñanza co fin de manter e sumar apoios nas vindeiras convocatorias. Foi nese intre cando se da por finalizado o boicot pacífico, permitindo que o autobús inicie finalmente a súa marcha cara a localidade veciña, completamente cheo e sen marxe para recoller nin un só pasaxeiro máis no resto das paradas do traxecto. 

    Alicia Cernada

    Estudante do cuarto curso do Grao en Xornalismo na Universidade de Compostela