O artista muradán presentou na Feira Histórica o seu novo EP ante unha praza desbordada, aínda que foron os vellos éxitos os que máis voces levantaron

Arteixo levaba toda a fin de semana empeñado en regresar a 1900. Pero ás 23:01 da noite do sábado, a viaxe no tempo sufriu unha avaría: na praza do Balneario apareceu 9Louro e, con el, unha multitude que non cabía no espazo previsto para recibila. A carpa estaba ateigada e, fóra dela, entre os seus laterais e os arredores, había xente resignada a escoitar o concerto sen conseguir ver o escenario. A XXV Feira Histórica celebraba “25 anos de lembranzas”, aínda que o espectáculo máis concorrido da noite falaba, precisamente, do que está por vir.
Minutos antes, a mesma praza ofrecera outra fotografía. Ortiga, programado para as 21:30, puxera a súa mestura de ritmos verbeneiros e cumbia ante un público notablemente máis reducido. Non é unha medida da calidade do seu directo, senón máis ben da capacidade da convocatorio do seguinte. Ata Arteixo chegaran seguidores de Santiago, Caldas ou Lugo. A idade media baixaba a ollo confore se achegaba a hora de Martín Louro. Predominaban os adolescentes e os vinteañeiros, había trintañeiros e tamén pais e parellas moito máis veteranas que miraban o escenario coa curiosidade de quen non entende de todo o que está a pasar, pero sabe que algo está a pasar. Seica o feito de que o groso das cancións de 9Louro falen do tema universal por excelencia, o amor, teña algo que ver.
O de Muros comezou cunha pequena declaración de intencións. En lugar de disparar de saída Pelijroso, o seu “seguro” para prender calquera festa, escolleu 0 estrés, do EP NO SINTO=, publicado por sorpresa o 9 de outubro. Contravindo as dinámicas de distribución da industria actual, non houbo unha longa campaña de sinxelos de adianto. Son cinco temas novos, doce minutos de música e unha produción confiada a 17., nunha etapa que se afasta da colaboración habitual con Yuly. Iso si, Pelijroso chegou xa no segundo posto do repertorio. Renovarse está ben, mais prescindir dos seguros de vida tampouco fai falta.
Tras Un silensio, que non atendeu á literalidade dos coros que xerou no público, Louro parou para mirar arredor. “É unha ida de olla a de xente que hai aquí”, recoñeceu, antes de pedir un aplauso para os propios asistentes. Contou que viña de actuar en Madrid e de pasar o mércores e o xoves cunha gastroenterite. Non se lle notaba na enerxía. Coas novas lájrimas, jastalo en ti ou si me matas chegou tamén un espectáculo máis coreografado, cun especial protagonismo nos temas novos dos seus catro habituais bailaríns. O directo gañou en imaxe, aínda que non sempre en resposta popular. Semella que hai versos que precisan máis dunha semana para instalarse na memoria.
A excepción foi sei que…. O propio cantante presentouna como unha das súas favoritas e advertiu de que tiña un retrouso moi sinxelo. Foi unha das novidades que mellor atopou o camiño ata a xente. Coas demais, o entusiasmo estaba máis nos corpos que nas letras. Non é un problema menor nin un fracaso. É a distancia normal entre publicar un disco e lograr que centos de persoas cho devolvan cantado. Sobre todo cando o teu catálogo xa inclúe cancións que non precisan presentación.
De feito, bastoulle con preguntar se había “moito bachatero” en Arteixo para que Vieta fixese o resto. Tamén recuperou dame1dame1, publicada no verán. Se a feira convidaba a retroceder 126 anos, o cantante parecía máis interesado en manter o período estival vivo. En zona vella confirmou o oficio dos seus máis clásicos, e Veráns colocou o concerto noutra temperatura. Para o final deste tema reapareceu Ortiga. Os dous reclamaron aplausos un para o outro. Foi un xesto breve, pero expresivo dunha escena galega actual na que os artistas se acompañan, comparten cancións e medran sen necesidade de representar unha guerra por ver quen ocupa o primeiro posto do cartel.
Louro agradeceu expresamente que a música urbana en galega reunise semellante público e desexou que continuase sendo así. Ese ghallegho de gheada e seseo que fai bailar a xente soa tan natural nas súas cancións, como na súa maneira de falar entre tema e tema. E aí estaba, nunha vila castelanizada que festexaba as tradicións de hai máis dun século, unha multitude cantando de memoria outras formas de vivir a lingua. Ata a roupa levou selo local: agradeceu ao Café Santa Bárbara a peza que vestía, co 15142 de Arteixo estampado. A identidade, no lugar que acolle a sede da principal empresa de moda do mundo, tamén cabe nun código postal.

Houbo outro código, esta vez luminoso, cando Fíos acendeu os flashes dos teléfonos e fixo da praza un pequeno enxame de vagalumes electrónicos. A imaxe resumía o modo actual de asistir a concertos: cantar, bailar, gravar e iluminar, ás veces todo á vez. Logo veu Non me culpes, sen LG1DO, pero cunha letras adaptada á festa de Arteixo; e, antes de Eu e ti, o cantante propuxo un “test do amor” e pediu ás parellas que se desen a man. O romanticismo, visto así, ten pouco de privado e bastante de xogo compartido.
Na recta final, Eu e ti e Os meus males, fixeron evidente onde seguía estando o centro emocional do setlist. Os seus primeiros acordes levantaron voces que os temas novos non conseguiron convocar coa mesma forza. Nin me emosiono puxo o punto final cunha actitude desafiante —esa que se pode permitir o mesmo artista que canta “Eu non dixen que fora o primeiro, brother/ pero eu cambieino todo/ Porque os nenos aprenden ghallegho pa’ cantarme os temas no bolo/ Si non levan a hoodie de Adidas, flexean o polo de Polo”, porque efectivamente el é un dos culpables de que a mocidade empregue o galego para cantar nos seus concertos—, aínda que sen superar esa última descarga de complicidade. Tampouco houbo bis nin unha reclamación de “outra”. O recital rematou, simplemente. Quizais esa vella “lei do rock” de marchar, facerse de rogar e volver ao escenario tampouco teña xa sitio na Feira Histórica. O que o ten, visto o visto, é a música urbana na lingua propia.
Pablo Añón Cousillas
Estudante do cuarto curso do Dobre Grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela

Deixa unha resposta